IES María Casares, centro de residuos plásticos cero

Co obxectivo de conseguir un centro de residuos plásticos cero, o IES María Casares define varias ideas e liñas de actuación durante o curso académico 2021/22. As primeiras actividades están orientadas a concienciar e informar a comunidade educativa, especialmente o alumnado. Tamén se propoñen varias iniciativas para reducir o consumo de plásticos na cafetería. A continuación comezamos cunha gran recollida de plásticos co fin de promover a reciclaxe. Por último, elabóranse materiais útiles para o instituto reutilizando parte dos refugallos plásticos recollidos.

Lucía Rodríguez Ríos
luciarodriguezrios@edu.xunta.gal
IES María Casares (Oleiros - A Coruña)

 

Fundamentación

Nos últimos anos incrementouse extraordinariamente o consumo de plásticos no ámbito mundial.

A meirande parte dos plásticos termina nos mares, onde se erosiona e forma pequenos fragmentos (microplásticos). Ademais das consecuencias sobre o medio ambiente, teñen un efecto directo sobre os seres vivos, pola súa inxestión e toxicidade. Arredor do 88 % das especies mariñas está afectado pola grave contaminación deste material, que incluso orixinou «illas plásticas» no Atlántico e Pacífico (Arrizado, 2022).

Un dos datos que nos preocupa especialmente é que en España se recicla só o 50 % dos plásticos consumidos (Citoplast, 2021). Ademais, tíranse máis de 126 toneladas diarias de plásticos ao mar, o que supón case 46 000 toneladas ao ano (Rejón, 2021).

O obxectivo do proxecto é conseguir un centro de residuos plásticos cero. Isto non implica que non haxa ningún residuo, senón que o seu consumo se reduza o máximo posible e se avance cara a unha economía circular na que os refugallos poden ser transformados e reutilizados. Pretendiamos así crear un espazo escolar respectuoso co medio ambiente e sostible, e deseñar accións destinadas a promover o respecto polo medio ambiente dentro e fóra do centro.

As actividades levadas a cabo parten do grupo de traballo de sostibilidade, enmarcado no contrato-programa Innova Edu-Sostibilidade, e pretenden traballar a competencia profesional en saúde, seguridade e benestar, máis concretamente a xestión e promoción da conservación e protección medioambiental.

 

Descrición e presentación de evidencias

Para promover a reciclaxe e a economía circular dos residuos, pensamos que sería importante realizar unha campaña publicitaria impactante sobre a contaminación dos plásticos e tamén organizar unha recollida masiva para a súa posterior reciclaxe. Con isto en mente formulamos diversas actividades enmarcadas en tres liñas de actuación claras: informar e concienciar a comunidade educativa, promover e incentivar a reciclaxe de plásticos e reutilizar o recollido para elaborar diferentes materias útiles para o instituto.

As actividades foron pensadas e coordinadas polo grupo de alumnas e alumnos do Club de Ciencia (actividade extraescolar). Tamén participaron distintos grupos e niveis da ESO e primeiro de FP básica.

Informar e concienciar: elaborouse unha «campaña publicitaria» sobre o consumo de plásticos na actualidade e as repercusións ambientais. As actividades que se realizaron foron:

 

 

– Panel informativo feito con material reciclado. Fixemos un soporte usando caixas desbotadas do centro no que colocamos diferentes carteis con información sobre o consumo de plástico e as súas repercusións na actualidade. Con isto pretendiamos actualizar os coñecementos de toda a comunidade educativa sobre ecoloxía e medio ambiente.

– Visualización dun vídeo sobre o consumo de plásticos, visita ao panel informativo e realización dun Kahoot sobre a información vista. Esta actividade levouse a cabo nas sesións de titoría.

– Instalamos un taboleiro para colgar suxestións para a redución do consumo de plásticos no instituto co obxectivo de fomentar a autonomía do alumnado para protexer e preservar o medio ambiente.

– Exposición no patio dos plásticos recollidos durante unha semana nos contedores de reciclaxe do centro. O obxectivo era concienciar sobre a gran cantidade de residuos que estamos a producir a diario e incidir na importancia da súa redución.

 

 

– Charla-taller sobre microplásticos organizada pola UDC na que nos mostraron que son os microplásticos, onde poden aparecer e como, cun consumo responsable, podemos minimizar a súa entrada nos ecosistemas.

Reciclar: as actividades que se realizaron foron:

– Poñer contedores pequenos de recollida nos puntos máis frecuentados (cafetería, entradas dos patios, aulas etc.). A empresa Ecoembes proporcionounos colectores de reciclaxe de plástico e papel.

– Realizar un concurso por aulas de recollida de pilas (en colaboración con Pilabot), papel e plásticos. Os tres grupos que máis recolleron foron a excursións organizadas polo Concello de Oleiros, relacionadas coa preservación do medio ambiente: parque natural de Corrubedo, esteiro de Anllóns e visita á Costa da Morte por Camariñas.

– Limpeza da praia de Bastiagueiro co alumnado do Club de Ciencia.

 

 

Reutilizar: elaboráronse diferentes materiais con plásticos: pulseiras, marcapáxinas, recipientes, cadros ópticos, pezas de xadrez etc.

Nesta actividade tiveron especial implicación a alumna e o alumno que presentaron o proxecto no Galiciencia 2022 e o grupo de alumnos de primeiro de FP básica.

 

 

 

Reflexións sobre a práctica

A concienciación, a redución, a reciclaxe e a reutilización son os piares desta iniciativa, que pretende formar cidadáns responsables co medio ambiente. O proxecto foi moi ben acollido por parte de todo o centro e, en particular, polo alumnado. Ao facelos partícipes da reciclaxe e reutilización do que consomen, cremos que se consegue unha maior reflexión sobre a súa propia pegada plástica. Isto, pouco a pouco, contribuirá á redución do consumo deste material non só no instituto, senón tamén nas súas casas.

A principal dificultade que atopamos foi o tempo. Non dispoñemos dun tempo dentro do horario escolar onde poidamos traballar con pequenos grupos de alumnado neste tipo de proxectos, polo que resulta fundamental a implicación do Club de Ciencia. Tamén resultou importante a colaboración do resto do profesorado, que nos cedeu algunhas sesións de titoría e de clase para realizar as diferentes propostas. En particular, cremos que é importante reformular as actividades relacionadas coa reutilización (elaboración de materiais a partir de plásticos) para conseguir a participación de todo o alumnado do centro, e non só do pequeno grupo do Club de Ciencia e do alumnado de primeiro de FP básica.

 

 

 

​Expectativas de continuidade

Consideramos fundamental continuar traballando nesta liña, polo que manteremos os contedores de reciclaxe e seguiremos implantando novas medidas coma a establecida este curso: que os disfraces dos festivais de carnaval deberán elaborarse con material reciclado.

Gran parte das propostas realizadas polo alumnado o ano pasado para reducir o consumo de plásticos no centro están relacionadas coa cafetería. Estamos traballando para implementar algunhas delas, como o uso de recipientes de cristal para as comidas dadas na cafetería ou dunha fonte para encher as botellas de auga.

Como obxectivos futuros propoñémonos involucrar as familias: levar estas boas prácticas de concienciación, redución e reciclaxe aos fogares; tamén seguir reciclando e creando materiais útiles para o centro cos residuos plásticos desbotados. Outra futura liña de actuación podería ser a reutilización de todo o papel que actualmente botamos ao contedor de reciclaxe.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Arrizado, F. (9 de febreiro de 2022). Non hai fronteiras no mar para o plástico. Nós Diario.

Citoplast (21 de xullo de 2021). Los españoles reciclaron 616282 t de envases plásticos domésticos, el doble que hace una década, resultados positivos pese a la covid-19.

Rejón, R. (22 de maio de 2021). España arroja 126 toneladas de plástico al mar cada día, la mayoría objetos de usar y tirar. El Diario.

 

 

Sección: