Eu son ornitóloga

Eu son ornitóloga é un proxecto de traballo que se levou a cabo na aula de segundo curso de educación primaria no CEIP Plurilingüe de Cedeira. Este proxecto globalizado nace da observación do noso patio escolar, ese lugar no que atopamos plumas, escoitamos trilos e avistamos especies de aves que descoñecemos, pero que nos interesa investigar. Pretendemos establecer as bases do modelo de ser vivo a través da comunicación de ideas, a interacción cos iguais e o desenvolvemento de procesos e actitudes científicas.

Jessica Rodríguez Piñeiro, Educación Primaria
CEIP Plurilingüe de Cedeira (Redondela-Pontevedra)
jessicarodriguezpineiro@edu.xunta.gal

 

 

1. Contexto da experiencia e nivel educativo

A observación atenta e pausada é unha práctica pouco frecuente nas nosas escolas porque levamos un ritmo demasiado frenético como para pararnos en pequenos detalles. O mesmo ocorre co contacto do alumnado coa contorna exterior. Este proxecto de aprendizaxe é unha oda á importancia de gozar da contorna de Cedeira, en Redondela, en concreto das aves, recoñecelas, observalas, coñecer as súas formas de vida, a necesidade da súa existencia no ecosistema como camiño cara ao seu respecto e coidado.

No ensino das ciencias preténdese innovar, xa que a metodoloxía tradicional non axuda a que exista unha alfabetización científica (Sanmartí e Márquez, 2017) acorde coas necesidades da cidadanía na actualidade. Tal e como se indica nos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), a ciencia é fundamental para a consecución dun mundo máis sostible, igualitario, xusto, saudable... Precísanse métodos para traballar as ciencias na escola que lle permitan ao alumnado resolver problemas contextualizados no mundo real.

É por este motivo que decidimos levar a cabo un proxecto co alumnado de segundo curso de educación primaria no CEIP Plurilingüe de Cedeira, un pequeno centro rural de Redondela. Puxemos especial énfase na observación atenta, no desenvolvemento de experiencias directas de aprendizaxe e no desenvolvemento do método científico.

En palabras de Pujol (2007), unha educación científica debe perseguir a aprendizaxe daqueles procesos e actitudes que están dirixidos ao «facer» da ciencia, como a observación, a clasificación, a identificación, establecer relacións, formular preguntas, comunicar, predicir e inferir, experimentar e interpretar datos, entre outras.

 

2. Obxectivos

  • Recoñecer e identificar aves atendendo ás súas principais características.
  • Investigar sobre as características morfolóxicas, a tipoloxía, o hábitat e as formas de relacionarse.
  • Valorar as aves existentes en Galicia e recoñecer aquelas que rodean o noso centro.
  • Apreciar o labor que realizan os ornitólogos e ornitólogas na conservación e coidado das aves.
  • Crear un modelo de ser vivo en interacción coas especies.

 

3. Recursos empregados

Neste proxecto foi imprescindible o emprego de materias de refugallo que permitan facer consciente o alumnado da importancia da reutilización e dos residuos xerados.

Recursos materiais:

  • Materiais de refugallo
  • Materiais funxibles (pegamento, tesoiras, papeis de cores, cartolinas, lapis de cores...)
  • Cámaras de vídeo e de fotografías
  • Panel croma
  • Tabletas
  • Ordenadores
  • Libros de consulta
  • Láminas
  • Xogos de tarxetas creados polo alumnado
  • Xogos e materiais creados pola docente
  • Dicionario
  • Equipo de radio escolar

Recursos persoais:

  • Profesorado do centro
  • Biólogas e persoas expertas
  • Veterinarios e veterinarias
  • Ornitólogas e ornitólogos
  • Alumnado doutros cursos
  • Concelleiro de Medio Ambiente de Redondela

 

3. Desenvolvemento do proxecto

Deseño da secuencia didáctica

Ornitóloga

O proxecto iníciase coa saída ao noso patio escolar e a busca de plumas. Despois de recollelas e observalas, tentamos achar como é o animal que pode ter ese tipo de plumaxe. En interacción co grupo comunicamos as nosas ideas e iniciamos unha conversa sobre por que as aves terán plumas e nós non, cal é a súa misión no seu corpo, se é este elemento o que lles permite voar...

A partir das súas preguntas e curiosidades, queda iniciado este proxecto no que agora será a quenda da mestra para enfocalo e derivalo cara a uns obxectivos que permitan achegarse ao modelo de ser vivo.

Días despois, ábrese unha nova vía coa construción dunha personaxe con material de refugallo. Cada grupo recibe unhas instrucións que debe interpretar para crear a súa personaxe. Esta personaxe é Ornitóloga. Non saben o que significa e volvemos conversar sobre esta palabra descoñecida e a súa relación coa busca de plumas nos días anteriores.

 

 

Detección de ideas previas

En todo proxecto de traballo hai unha fase imprescindible que forma parte da avaliación inicial e que consiste na detección de ideas previas. Aínda que durante todo o proxecto o alumnado deixará patentes as súas preconcepcións, é imprescindible analizalas para enfocar o proceso de ensino e aprendizaxe dun modo axeitado.

Cando o alumnado de calquera nivel académico afronta novos coñecementos científicos, non mostra un total descoñecemento sobre eles, senón que presentan ideas alternativas sobre este tema que adoitan estar moi arraigadas e que teñen un importante nivel de coherencia interna (Caballero, 2008; Meheut e Psillo, 2004).

Coñecer estas ideas significa coñecer os modelos de razoamento que empregan e as ideas que manexan ao facelo. Ao profesorado permítelle adecuar o proceso inicialmente deseñado e emprender accións específicas (Pujol, 2007).

Esta actividade forma parte da detección de ideas previas. Colocamos imaxes no encerado pegadas con cinta adhesiva. En parellas, deben visitar o encerado e escoller seis imaxes, tres delas deben ter relación co proxecto, as outras tres non teñen que estar relacionadas. É importante que o docente observe e tome nota dos diálogos que se xeran, pero que non interveña modificando os seus pensamentos nin achegando información ou corrixíndoa. Todas as informacións serán axeitadas. Posteriormente realízase unha posta en común onde explican as súas decisións. Nesa posta en común poden cambiar algunhas das imaxes se o consideran oportuno. É nese intercambio e interacción co grupo-clase onde se produce a construción de coñecemento no que intervén a linguaxe. A comunicación, o debate colectivo, o traballo colaborativo son aspectos asociados á educación científica.

 

 

Que sabemos?

Evocamos a sesión anterior escribindo palabras que lembramos das que estaban no encerado, logo escribimos que cremos saber sobre as aves en grupos de catro empregando a técnica colaborativa lapis ao centro. Posteriormente, compartimos esas ideas en gran grupo e escribímolas en papel continuo.Neste intercambio xorden aspectos clave que a mestra irá anotando para incidir neles posteriormente a través de libros de consulta, vídeos ou comunicacións con persoas expertas.

Comparación

A partir das ideas que foron xurdindo en sesións anteriores, vimos a necesidade de continuar a detección de ideas previas impulsándonos a realizar unha comparación entre unha ave e unha persoa. Debían colocar unhas palabras dependendo de se crían que tiñan relación coas aves, coas persoas ou con ambas. Houbo que secuenciar e explicar moi ben os pasos que se ían seguir, debido a que empregamos un diagrama comparativo de Venn. As comparacións son fundamentais para establecer diferenzas, semellanzas, correlacións e incidir en aspectos relacionados co modelo de ser vivo que nos fai diferentes doutras especies.

Como calquera outro procedemento científico, a comparación debe ser explicada minuciosamente e practicada co alumnado en grupos colaborativos e co grupo-clase.

Ruta da auga

Como adiantabamos ao comezo, o contacto co exterior e a observación directa de seres vivos no seu ámbito é fundamental para facerse preguntas, cuestionarse as ideas previas, comprobar hipóteses e avanzar cara ao modelo de ave. Realizamos unha visita á senda da auga (senda próxima á nosa escola) para explorar a contorna próxima ao centro e descubrir ou avistar algunhas das nosas aves. Todas as visitas que se realizan co alumnado son planificadas co grupo e nesa planificación fixamos aspectos importantes nos que deberemos deternos para profundar nas nosas ideas e situar as relacións establecidas ante e despois desta. Previamente á saída, entregóuselles un texto para anticipar que iamos realizar, localizar a senda, secuenciar o itinerario e fixar todo aquilo do que nos interesaba tomar nota.

 

 

Que queremos saber?

Unha vez que se realiza a saída, comezan a xurdir novas preguntas e aspectos que nos gustaría investigar. Nos proxectos, o docente debe ir guiando a aprendizaxe e focalizando nos elementos que considera esenciais para acadar os obxectivos propostos. É por este motivo que as preguntas que van anotando mediante a técnica colaborativa 1-2-4 as imos agrupando e dirixindo de xeito que, a través do consenso do grupo, queden recollidos todos os aspectos que queremos investigar.

Pluma

Un dos aspectos que fai diferentes as aves doutras especies de animais son as súas plumas. Para poder analizalas en profundidade, saímos ao exterior ver as aves voar, fixámonos nos voos que realizaban e na envergadura das súas ás, tentamos describir eses movementos co noso corpo e debuxalos. Logo, localizamos, tocamos e comparamos plumas de diferentes aves para ver que características compartían e en que eran diferentes. Abordamos a súa impermeabilidade con experiencias prácticas e, mediante os libros de consulta, lecturas compartidas e a visualización de vídeos, puidemos facernos unha idea global de súa importancia para as aves.

 

 

Aves en Cedeira

No noso patio e nos arredores podemos avistar aves no seu hábitat. Volvemos preguntarnos sobre como son as aves que nos rodean, por que podemos ver algunhas máis preto e outras son case imperceptibles, a que altura voan, cal é a súa función no ecosistema, entre outras. A través de xogos de tarxetas, investigando en libros e buscando en Internet, coñecemos especies que podemos ver en Cedeira. Realizamos unha lectura dun texto científico para completar a folla científica de cada ave. Realizan debuxos das especies que observan e do seu voo. Comparámolo cos dos outros compañeiros e compañeiras, facemos exposicións orais dalgunhas das especies investigadas. Cos seus debuxos confeccionamos unhas camisetas entre todos e todas.

 

 

Niños

Seguindo coas características que diferencian as aves doutras especies, achegámonos ao lugar que constrúen para vivir. Un alumno da aula achega un niño que atopa no seu terreo. Despois de observalo e debuxalo, comparámolo con outro que temos na aula, evidenciamos diferenzas e certas similitudes, volvemos preguntarnos sobre o proceso de construción, por que elixen uns lugares fronte a outros, por que ten unha forma determinada e pensamos sobre como sería a vida dos seres humanos se vivísemos en niños e como os construiriamos. Investigamos co libro de construtores sobre os niños de distintas aves e as súas características. Creamos os nosos propios niños con elementos que recollemos no patio da escola. Despois da construción, expoñémolos a outros compañeiros e compañeiras do centro comentando que ave faría ese niño, que materiais empregaría, onde o faría e cal sería a súa forma de crealo.

Glosario

Unha das últimas propostas que pecha este proxecto foi a creación dun glosario ornitolóxico coa nova terminoloxía que fomos aprendendo, definíndoa e debuxando cada unha das palabras. Gravámolo en vídeo para a exposición na páxina web do Concello de Redondela, así como no centro educativo. Creámolo tamén en formato libro e, a través da Deputación de Pontevedra, imprimimos exemplares da nosa obra que se difundiron polas bibliotecas próximas, a do centro e as familias do alumnado do noso colexio.

 

4. Aspectos metodolóxicos

O ensino por proxectos abre interesantes posibilidades para a aprendizaxe do alumnado na escola. Os proxectos permítenlles ás e aos estudantes actuar como pequenos investigadores no mundo no que viven e mellora as súas habilidades para procesos como a formulación de hipóteses, a observación, a experimentación, o estudo de campo, a documentación e a reconstrución sistemática das súas ideas sobre un tema... (Harlen, 1998; Tobón, 2006).

Pola súa banda, Hernández (2000) expón que un proxecto de traballo supón unha concepción do aprender que ten en conta voces distintas á hora de resolver problemas baseados nun enfoque globalizador. Partindo do coñecemento cotián e da resolución de problemas prácticos, trátase de favorecer e propiciar que os nenos e as nenas aproximen as súas concepcións ao saber científico (García, 1995).

Todo proxecto e aprendizaxe non sería posible sen o traballo cooperativo en gran grupo e en grupos pequenos, tendo en conta a importancia do diálogo, as interaccións, as tomas de decisións, os acordos tomados, a axuda mutua e todos aqueles aspectos que fan posible a atención á diversidade da aula. A linguaxe é o vehículo necesario para achegarnos á información e ao coñecemento.

Neste proxecto ornitolóxico foi fundamental a experimentación directa e investigación por parte do alumnado, a través da súa curiosidade, as súas ganas de coñecer e de saber máis. O alumnado realizará observacións, formulación de hipóteses, comparacións, busca de relacións, interpretación de datos tendo en conta o achegamento ao método científico.

Sen dúbida, o achegamento á contorna do noso centro educativo permitiu poñer en valor todo aquilo que nos rodea. Coñecer a natureza é amala, amar a natureza é desexar protexela. A aprendizaxe fluída axuda as persoas para coñecer a natureza cunha conexión directa en tres pasos, espertando o entusiasmo, enfocando a atención e facilitando a inmersión (Cornell, 2015).

Como todo proxecto, ten unha duración que non se debe predeterminar en exceso, pois depende do alumnado que vai achegándose ás novas formas de comprender a realizade que o rodea. Este proxecto levouse a cabo durante un trimestre, aínda que todo o curso seguiamos facendo novas achegas e vínculos cos proxectos doutra temática.

 

5. Competencias clave

O alumnado emprega a linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita coa competencia en comunicación lingüística (CCL). Expresa os seus propios pensamentos, opinións ou ideas sobre o tema. A linguaxe é o vehículo a través do cal analizamos, interpretamos e tomamos decisións. A interacción e comunicación entre o propio alumnado e co docente fai posible formular ideas, reflexionar sobre elas, comparalas, contrastalas e, de ser o caso, comprobalas.

Coa competencia cidadá (CC) foméntase a expresión das propias ideas e a escoita das outras con actitude de respecto cooperación. Conviven e participan na vida da aula activamente.

Contribuímos a mellorar o lugar no que vivimos sendo conscientes da importancia do coidado das especies de aves que nos rodean, así como a súa importancia dentro do ecosistema ao que pertencen.

Neste proxecto tamén está presente a competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA). A vida é unha aprendizaxe continua. Procuramos que o noso alumnado sexa consciente do que sabe e do que lle queda por aprender nun proceso de autorregulación das aprendizaxes. Implica tamén a xestión do tempo, da información e a colaboración con outras persoas.

 

6. Avaliación

Neste proxecto realizamos unha avaliación continua e formativa buscando a autorregulación das propias aprendizaxes. Para iso, empregamos instrumentos que permiten a reflexión, o diálogo, a comunicación e a interacción co grupo clase e coa mestra: rúbricas, análise de fotografías, contratos didácticos, kahoot, xogos, listas de control , autoavaliacións, avaliacións grupais e por pares. A avaliación por parte do profesorado realízase a través de listaxes de control e autoavaliacións.

Algúns dos criterios de avaliación foron os seguintes:

  • Recoñecer as características, a organización e as propiedades dos elementos do medio natural a través de metodoloxías de indagación utilizando as ferramentas e procesos adecuados de forma pautada.
  • Mostrar actitudes de respecto para o gozo da natureza, recoñecéndoa como un ben común.
  • Formular preguntas e realizar predicións sobre obxectos, feitos e fenómenos próximos a través da observación.
  • Buscar información sinxela de diferentes fontes seguras e fiables de forma guiada, utilizándoa en investigacións relacionadas co medio natural.
  • Comunicar de forma oral ou gráfica o resultado das investigacións con axuda dun guión, comparando a información e resultados obtidos coas predicións realizadas.

 

7. Conclusións

Situados os proxectos como unha metodoloxía adecuada, capaz de propiciar a innovación, acorde cos requirimentos educativos e cos da sociedade do século XXI, permiten, ademais, identificar e resolver problemas, recompilar, examinar e contrastar información usando diversas estratexias e fontes científicas, reflexionar e analizar criticamente a situación e aplicar o aprendido. Ademais, axúdalle ao alumnado a ser consciente dos seus procesos cognitivos (Causil e Rodríguez, 2021).

Este proxecto partiu dun interese por parte do noso alumnado que dubidaba e quería saber máis. Con esta motivación conseguimos afrontar os procesos de ensino e de aprendizaxe de xeito sólido. Foméntase a colaboración, cooperación, descubrimento e investigación. Os proxectos nunca acaban, mentres o alumnado siga con ganas de continuar aprendendo e informándose.

O que caracteriza a actividade científica non é a existencia dun método científico único e universal, senón a busca de estratexias para responder as preguntas que se formulan para coñecer o mundo (Pujol, 2007).

 

 

Bibliografía: 

 

 

Caballero, M. (2008). Algunas ideas del alumnado de secundaria sobre conceptos básicos de genética. Enseñanza de las Ciencias, 26(2), 227-244.

Cornell, J. (2015). Compartir a natureza. As travesa edicións.

García, J. (1995). La transición desde un pensamiento simple hacia un pensamiento complejo en la construcción del conocimiento escolar. Investigación en la escuela, 27, 7-20.

Harlen, W.(1998). Enseñanza y aprendizaje de las ciencias. Morata.

Hernández, F. (2000). Los proyectos de trabajo: la necesidad de nuevas competencias para nuevas formas de racionalidad. Educar, 26, 39-41.

Meheut, M., e Psillos, D. (2004). Teaching-learning sequences: aims and tools for science education research. International Journal of Science Education, 26(5), 515-535.

Pujol, R. (2007). Didáctica de las ciencias en la educación primaria. Síntesis educación. Madrid.

Sanmartí, N. e Márquez, C. (2017). Aprendizaxe das ciencias baseado en proxectos: do contexto á acción (3-16).

Tobón, S. (2006). Método de trabajo por proyectos. Uninet.

 

 

Sección: