O cento quincuaxésimo aniversario do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos

Pedro Gómez Álvarez
Inspector de educación

 

 

I. ANTECEDENTES

1. A fundación do Colexio da Compañía

De don Rodrigo de Castro Osorio (1523-1600), fillo da III condesa de Lemos, Beatriz de Castro Osorio, imos destacar que foi nomeado arcebispo de Sevilla, tomou posesión en 1582 e en 1585 recibiu o capelo de cardeal.

Doou o seu patrimonio para facer un memorable edificio con función en exclusiva para o ensino da Terra de Lemos, o Colexio de Nosa Señora da Antiga, e foi a persoa que lle fixo o maior legado a Monforte. O cardeal don Rodrigo de Castro, froito dos seus contactos coa Compañía de Xesús, mandou en 1592 que esta institución estivese a cargo dos xesuítas. A escritura de dotación do colexio asinouse en Madrid en 1593.

O cardeal Rodrigo de Castro conseguiu as terras de horta necesarias, onde se construíu o grande edificio do colexio, cun amplo espazo diante, o Campo da Compañía, que o fai máis maxestoso.

 

2. O fundador das Escolas Pías: san Xosé de Calasanz (1557-1648)

Sacerdote católico, pedagogo e santo español, fundador da primeira escola cristiá popular de Europa. Foi pioneiro da educación colectiva ao alcance de todos, sobre todo dos pobres. En 1597 tivo a idea de abrir unha escola gratuíta cun nome máis coñecido posteriormente, «Escolas Pías», para nenos pobres en Roma, de asistencia voluntaria, que en 1618 atendía uns 1500 nenos romanos. O alumnado aprendía a ler indistintamente en latín e na lingua vernácula de cada país.

San Xosé de Calasanz redactou en 1622 as Constitucións das Escolas Pías para organizar a vida dos clérigos regulares pobres da Nai de Deus das Escolas Pías. O fin principal era ensinarlles aos nenos, desde os primeiros rudimentos, a lectura correcta, a escritura, o cálculo, o latín, a piedade e a doutrina cristiá. Como esta tarefa é de tanta transcendencia, dicía, esixe persoas dotadas da maior caridade, paciencia e outras virtudes, e haberá que considerar con grande atención quen debe ser admitido na formación deste ministerio.

Os membros desta orde fan votos de pobreza, castidade e obediencia, máis unha especial entrega á educación dos nenos. Foi beatificado en 1748 e canonizado en 1767 polo papa Clemente XIII.

O fundador dixo que se debía poñer sumo coidado en admitir só os colexios ou escolas pías que a congregación poida prover do persoal necesario e desenvolveu a homoxeneidade na organización das fundacións e colexios. En 1948 foi declarado patrón universal das escolas cristiás polo papa Pío XII. O 27 de novembro celébrase en España o Día dos Mestres na súa honra.

 

San Xosé de Calasanz

 

II. O COLEXIO NO SÉCULO XIX ATA A CHEGADA DOS PADRES ESCOLAPIOS

1. O século XIX antes dos Escolapios

En estado de decadencia iniciáronse os primeiros anos do século XIX no Real Seminario. No tempo da guerra da Independencia o Colexio funcionou en precario. En 1812 recibiuse unha orde da Xunta Superior do Reino para a implantación dun novo plan de estudos e reparación do edificio. En 1820 recibiu a denominación de Colexio Nacional, nome que só durou ata 1822, ano no que foi declarado Universidade Provincial de Segunda Ensinanza, aínda que en 1823 retomou o título de Real Seminario.

Un detalle curioso, en 1821 o rei dirixe un decreto de explicación da Constitución, onde sinala que, con base na necesidade que hai de instruír o pobo por medio de persoas dignas, cita os colexios das Escolas Pías.

Este colexio necesitaba novas atencións e melloras, despois de sufrir un devastador incendio en 1825, ao que respondeu de modo conveniente o conde de Lemos, que apoiou a súa restauración e ordenou a provisión por oposición das cátedras de Literatura, Lóxica, Metafísica e Filosofía Moral, posto que aínda funcionaba como real seminario. Por un real decreto de 1825, o centro pasou a denominarse Real Colexio de Humanidades (un dos nove que se fundaron en España), título que se mantería 22 anos.

Pero a estabilidade económica do Real Colexio de Humanidades comezou a resentirse, sobre todo a partir da política de desamortización do Goberno de Mendizábal de 1835. De aquí que o duque de Alba en 1847 lle pedise ao director xeral de Instrución Pública que o Colexio de Humanidades de Monforte fose convertido en instituto local de segunda ensinanza. Ese ano quedou autorizado como instituto oficial para impartir os tres primeiros cursos de bacharelato.

Efémera foi a existencia como instituto local, posto que por unha real orde ao ano seguinte foi declarado instituto provincial de primeira clase, co traslado do instituto de Lugo a Monforte. Aquí estivo catorce cursos.

No curso 1862/63 promulgouse unha real orde que regulamentou de novo o instituto de carácter local, cos catro primeiros cursos do bacharelato, dos seis de que constaba a segunda ensinanza, baixo a supervisión do instituto provincial que, mediante o nomeamento de comisións de exames, fiscalizarían niveis e calidades de ensinanza.

 

III. DESENVOLVEMENTO DOS 150 ANOS DOS PADRES ESCOLAPIOS EN MONFORTE DE LEMOS

1. En 1873 os padres Escolapios fanse cargo do Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos

O Colexio no curso 1872/73 estaba en decadencia. Por outra parte, a situación política que vivía España nestes anos non prexudicara as Escolas Pías de san Xosé de Calasanz que, con abnegación funcionaban en diversos puntos, entre eles Celanova; por esta razón, co obxecto de saír da precariedade que padecía o centro, pareceulle ben ao duque de Alba, asesorado polo político monfortino José Guitián García, que os Escolapios se fixesen  cargo do colexio de Monforte.

En consecuencia, o Padroado da Casa de Alba negociou o establecemento da comunidade dos Padres Escolapios, co obxecto de que o colexio de Monforte continuase na órbita docente de elite. Ás portas da Primeira República, o 31/01/1873, asinouse un contrato de entrega do edificio da Compañía e os seus bens, mediante unha escritura pública, entre o representante do XIX duque de Alba e o P. Provincial das Escolas Pías, para impartir a primeira e a segunda ensinanza, coa denominación de Colegio de Padres Escolapios de Nuestra Señora de la Antigua de Monforte de Lemos e para o efecto foi nomeado primeiro reitor o padre Manuel Mendía.

O reitor autorizou a creación dun instituto libre municipal con 77 alumnos, que contaba cun orzamento municipal de 6000 pesetas. O 01/10 procedeuse á apertura solemne do curso 1873/74, coa asistencia do alcalde Carlos Cornide e demais autoridades, así como de numeroso público.

A comunidade escolapia en 1873 era de 10 relixiosos, chegados de distintos colexios (padres Manuel Mendía, Miguel Álvarez, Felipe Fernández, Juan Fernández e José Miralles; os clérigos Francisco Rubio, José A. González e Manuel Bellido e os irmáns Luis Fernández e Justo Martínez). O día 02/11 abríronse as escolas de primaria, en concreto dúas escolas de primeiras letras, con 153 nenos.

A Deputación concedeu unha subvención de 12 000 reais proposta por algúns deputados en favor do Colexio Escolapios de Monforte para a adquisición de material científico. O edificio estaba en malas condicións, polo que tiveron que realizar algunhas obras para poder viviren os relixiosos e habilitar as clases.

O Concello, na sesión do 19/07/1874, acordou outorgarlle unha subvención ao Colexio de 24 000 reais, coa obriga de dar a primeira e a segunda ensinanzas completas «ata tanto que o mesmo Concello consiga que o conde de Lemos pague os 13 000 reais anuais» con que contribuíu a este colexio ata a metade de 1871 e emita as láminas e pague os seus réditos a Facenda, nese caso, o Concello nada tería que pagar. A escritura pública asinouse o 01/09/1874.

No curso 1873/74, baixo a dirección dos Escolapios, comezou a funcionar un colexio de internos e externos no que se ía ensinar a instrución primaria e a secundaria, ata outorgar o título de bacharel aos que superasen o exame de grao ao remate do ensino secundario. Pero, en 1874 produciuse un cambio significativo, froito da publicación do Decreto de ensinanza da Primeira República do 29/07/1874, que implicou que o Colexio deixase de ter a categoría de instituto libre municipal, e ordenouse o seu peche o 05/12/1874. Desde esa data transformouse en colexio privado incorporado ao instituto provincial de Lugo con respecto ao bacharelato.

Implantada a restauración borbónica, o Goberno entendeu que debía recuperar o control do ensino e restableceu as disposicións anteriores. Deste xeito, respecto dos textos e programas, volvían estar vixentes as prescricións da Lei de 1857. Desde o 01/09/1875 abriuse matrícula de segunda ensinanza completa, comercio, francés e inglés. Todas as ensinanzas eran gratuítas, agás os libros.

 

2. Enfrontamentos co Concello e coa Casa de Alba

As distintas corporacións municipais non sempre mantiveron os seus acordos. Así, en 1878, o Concello anulou o pacto de subvención de 6000 pesetas ás Escolas Pías de Monforte, de modo que o gobernador se viu na obriga de suspender o acordo do Concello e autorizar de novo ese pagamento. A pesar das promesas e boa disposición do Concello, pronto a triste realidade fixo ver que ao fiel cumprimento dos Escolapios, desempeñando a ensinanza a satisfacción de alumnado e familias, correspondía o Concello pagando mal e tarde ou, incluso, querendo rescindir o contrato e pagar só dez mil reais anuais e que aos internos do distrito se lles rebaixase a pensión e se admitisen medio pupilos.

Ese mesmo ano tivo lugar un novo enfrontamento entre o Colexio e o Concello pola  propiedade do Campo da Compañía e mais o edificio onde estaba a escola pública. Perdeu o preito o Concello, pero ninguén volveu reivindicar esta cuestión, dado que o Concello e Belas Artes fixeron neste durante o século XX cambios e reformas sen oposición do Colexio nin da Casa de Alba.

Para mellorar as condicións do centro, os reitores solicitaron axuda económica do Estado e mais da Deputación; deste xeito, conseguiron unha subvención de 3000 reais anuais da Deputación. Pola súa parte, o Concello, mediante un novo concerto en 1888 fixou unha subvención anual de 5000 pesetas. Con este financiamento, o Colexio funcionou con normalidade durante os últimos anos do século XIX. Debemos sinalar que na segunda ensinanza, curso 1879/80, constaban matriculados 72 alumnos no Colexio de Monforte.

O Concello da vila dirixiuse ao duque en 1874 para suplicarlle que ordenase pagar o que se debía, pero non tiveron resposta. Cumpridos todos os trámites, os Escolapios (o padre Faustino Míguez, reitor, e o padre Calixto Soto, procurador) víronse obrigados a apelar á xustiza en 1877, dado o estado precario económico do colexio. A débeda comprendía cinco anualidades, que sumaban 75 000 reais. O Colexio perdeu o preito en primeira e segunda instancias, pero en 1882, cando era reitor o padre Víctor García, fíxose unha nova apelación ao Tribunal Supremo, quen por sentenza do 31/05/1882 resolveu a favor do colexio, condenando o duque don Jacobo Luis Fitz-James a pagar a devandita pensión máis os atrasos.

Así o verificaron os seus testamenteiros, por falecemento do duque durante o recurso. Pero o duque sucesor, don Carlos María Stuart, negouse a seguir pagando, polo que a comunidade do Colexio se viu na obriga de demandalo durante o reitorado do padre Andrés Alonso. De novo se lle deu a razón ao Colexio e a sentenza foi firme por resolución definitiva do Tribunal Supremo o 20/10/1886.

Mais o duque, obrando pola súa conta, obtivo a redención da subvención, sen coñecemento dos acredores, como se se tratase de bens sometidos a desamortización, o que era falso, porque eran anexos a unha manda da que só era administrador e as Escolas Pías foran exceptuadas da desamortización. Despois de varias componendas e polo ben da paz, o 24/01/1890 declararon pechado o preito e admitiron a remisión do duque, pero debía pagarlle ao Colexio as anualidades non satisfeitas, o que fixo o apoderado do duque en dúas partidas.

Respecto da realización de exames e graos de bacharel do alumnado que estudase nos colexios incorporados ao instituto oficial, os exercicios verificábanse nos institutos provinciais. A norma incluía os exames de fin de curso; non obstante, o Goberno podía conceder autorización para que se realizasen exames de materias naqueles colexios que, polo menos, presentasen 20 alumnos matriculados na segunda ensinanza, carecesen de comunicación por ferrocarril coa capital da provincia e estivesen situados a máis de 15 km de distancia.

Os datos estatísticos do curso 1887/88 recollían 69 alumnos de ensino secundario no Colexio Escolapios de Monforte.

 

3. Alumnos deste colexio no século XIX e principios do XX, que foron ilustres no século XX

Entre eles, debemos citar:

- José Antonio Valcarce, cóengo da catedral de Tui, devoto de san Xosé de Calasanz, festa que viña celebrar e presidir todos os anos.

- Antonio Méndez Casal, membro do Corpo Xurídico Militar e crítico de arte, quen deu a coñecer, en revistas nacionais e internacionais, o cadro A adoración dos Reis.

- Pedro León, eminente doutor en medicina e cirurxía.

- Pedro Boo e Pita, ilustre catedrático da Universidade de Valladolid.

- Laureano Peláez, xurisconsulto e político.

- José Rodríguez e Díaz de Lecea, tenente xeneral e ministro do Aire (1957-1962), fillo adoptivo de Monforte de Lemos.

- Padre Julián Sáinz López, que foi durante anos administrador deste colexio e escribiu unha biografía do escultor galego Francisco de Moure, autor do magnífico retablo da igrexa.

- Francisco Fernández del Riego, Premio Día das Letras Galegas 2023, ingresou no Colexio Escolapios de Monforte no curso 1927/28, despois de facer por libre as probas do bacharelato elemental (14 anos), onde prosegue a súa formación durante tres anos e realiza os primeiros traballos de carácter literario, que ven a luz na revista escolar Páxinas Calasancias, e acada algún galardón en diversos premios literarios.

 

4. Reitores durante o século XIX

1. Padre Manuel Mendía (1873). Primeiro reitor do colexio.

2. Padre Faustino Míguez (1875). Home de extraordinaria virtude e gran solvencia científica, quen durante os tres anos do seu reitorado se viu envolto en preitos e enfrontamentos co Concello de Monforte e a Casa de Alba por ter que defender os dereitos do Colexio e da Fundación. Presentou varias veces a súa renuncia, que lle admitiron en 1878. Deixou en Monforte un gran prestixio como profesor de Ciencias Físicas e Naturais, de xeito que nas súas clases todos os alumnos estaban moi atentos e aprendían sen estudar, porque as facía tan amenas e explicaba os temas tan ben e ao alcance de todos que nin libro de texto necesitaban. Aproveitaba a horta para cultivar plantas e facer experiencias medicinais con elas, pois, segundo a súa opinión, «nelas puxo a Providencia o remedio de todas as enfermidades».

En 1879 foi trasladado a Sanlúcar de Barrameda, nesa localidade gaditana dedicouse á educación da nenez feminina, fundando en 1885 o Pío Instituto Calasancio Fillas da Divina Pastora. O obxectivo era ofrecerlles ensinanza gratuíta ás nenas da localidade, seguindo o carisma escolapio. As primeiras cinco postulantes tomaron o hábito en 1885; en 1889 o arcebispo de Sevilla aprobou o primeiro regulamento da comunidade. A Santa Sede recoñeceu oficialmente este instituto como instituto de vida consagrada en 1910 e aprobou as súas constitucións en 1912. O colexio monfortino Divina Pastora foi o único creado por el en toda Galicia en 1915. Foi beatificado en 1998 por Xoán Paulo II. E o actual papa Francisco, en 2017, Ano Xubilar Calasancio, canonizou en Roma o beato Faustino Míguez.

 

P. Faustino Míguez

 

3. Padre Calixto Soto [vicerreitor in capite (1878)].

4. Padre Víctor García (1879).

5. Padre Felipe Fernández Vinuesa (1885). No seu reitorado publicouse o Regulamento do Colexio Seminario das Escolas Pías de Monforte.

6. Padre Andrés Alonso (1888). Ocupou o cargo 11 anos seguidos, o que máis tempo estivo como reitor do colexio.

 

5. Os programas de estudos na escola primaria no século XX

A principios de século XX as materias da escola primaria eran as seguintes: Doutrina Cristiá e Noción de Historia Sagrada, Lingua Castelá (lectura, escritura e gramática), Aritmética...

A Segunda República impulsou reformas democráticas en todos os ámbitos da vida social e tamén o campo da educación experimentou unha chea de innovacións. O primeiro nivel sería o primario, dividido, pola súa vez, en dúas etapas, a voluntaria (catro a seis anos) e a básica (seis a doce anos). A secundaria tería dous ciclos: prolongación da primaria (doce a quince anos) e preparación para os cursos universitarios (quince a dezaoito anos).

O currículo no franquismo substituíu a instrución pública republicana pola educación nacional católica, que se expresou na Lei de 1945, de educación primaria. Organizou a ensinanza no seguinte grupo de coñecementos: instrumentais (Lectura, Escritura e Cálculo), formativos (Formación Relixiosa, Formación do Espírito Nacional, Xeografía e Historia de España, Lingua e Matemáticas e Educación Física) e complementarios (Ciencias da Natureza, Música, Canto e Debuxo, Traballos Manuais e Labores).

Libros do alumno: a Enciclopedia de Santiago Rodríguez, grao terceiro dos anos 1941, 1942, 1958, 1959 e 1962; a Enciclopedia Bruño e a Enciclopedia Álvarez, do profesor Antonio Álvarez Pérez, toda unha serie de libros de texto que se empregaron desde 1954 a 1966. Esta última recollía todas as materias e coñecementos do plan de estudos do franquismo e comprendía Mi cartilla, El parvulito, Primer Grado, Segundo Grado, Tercer Grado e Iniciación Profesional.

Un avance importante foi a Lei xeral de educación de 1970, que estableceu o ensino obrigatorio ata os catorce anos e unha nova estrutura do sistema educativo relevante: preescolar, educación xeral básica (EXB), bacharelato unificado e polivalente (BUP) e curso de orientación universitaria (COU), formación profesional (FP) e ensino universitario.

En 1990 promulgouse a LOXSE, que de novo modificou a estrutura de todo o sistema educativo: educación infantil, primaria, educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, formación profesional de grao medio e grao superior e educación universitaria. A duración do ensino obrigatorio chega ata os dezaseis anos e realízase en dous centros, infantil e primaria nos colexios e a ESO nos institutos, agás os centros públicos integrados e mais os colexios concertados que imparten as tres etapas.

 

6. Os plans de estudos no ensino secundario no século XX

O plan de estudos de 1900 estableceu unha duración de seis cursos, con ingreso a partir dos dez anos coas modalidades de oficial, colexiada (colexios incorporados aos institutos públicos) e libre, coa supresión da ensinanza doméstica. O plan de 1901 confirmou en parte o anterior, restableceu a non obrigatoriedade do estudo da relixión e a moral católica, suprimiu a categoría colexiada e determinou que os exames de todo o alumnado se realizasen nos institutos públicos.

Durante a Guerra Civil, publicouse a Lei de 1938 de reforma da segunda ensinanza, cun bacharelato de sete cursos dirixido ás elites e con base na cultura clásica e na formación patriótica e relixiosa, que dispuxo a separación absoluta das funcións docente e examinadora. En 1953 promulgouse a Lei de ordenación da ensinanza media, que dividiu os estudos en dous graos: o elemental, con catro cursos, e o superior, con dous cursos e dúas opcións, ciencias e letras, con reválida ao final de cada grao.

A Lei xeral de educación de 1970 unificou o novo bacharelato e estableceu a súa polivalencia. O Decreto 160/1975 aprobou o plan de estudos de bacharelato e regulou o COU, mediante materias comúns, optativas e ensinanzas e actividades técnico- profesionais. Na LOXSE de 1990 a educación secundaria estrutúrase na educación secundaria obrigatoria (ESO), o bacharelato e a FP de grao medio e superior.

 

7. A Segunda República e a Sociedade Anónima de Ensinanza Libre (SADEL)

No curso 1932/33, os grupos políticos de esquerdas centraron todos os seus esforzos para que marchasen os Escolapios, pois a Constitución da República prohibíalles a ensinanza á Igrexa e ás súas institucións e, aínda que a Lei de confesións e congregacións relixiosas aínda non estaba aprobada, ninguén dubidaba da súa aprobación e efectividade. No Concello houbo unha sesión de pais de familia o 01/11 para tratar de lograr o instituto de segunda ensinanza no caso de que os Escolapios tivesen que irse.

A Lei de confesións e congregacións relixiosas publicouse o 02/06/1933 e establecía que «as ordes e congregacións relixiosas non poderán dedicarse ao exercicio da ensinanza», motivo para que o grupo da oposición ao Colexio enviase a Madrid unha comisión co obxecto de xestionar no Ministerio o establecemento dun instituto de segunda ensinanza en substitución dos Escolapios.

O 20/09/1933 a primeira hora chegou de Madrid o P. Provincial, padre Clemente Martínez, quen mandou aquela mesma mañá un oficio ao Concello, asinado polo padre reitor, expoñendo que os Escolapios non se opoñían en nada aos desexos do Concello; que, canto antes, se desaloxaría o edificio e que se comunicara tal decisión ao patrón, o duque de Alba, que era o único que tiña atribucións sobre o inmoble.

No centro quedaron unicamente o padre Nicolás Soberón e o irmán Anastasio Santamaría para liquidar as pertenzas da comunidade e facerlle entrega do inmoble á persoa designada polo duque de Alba. Cando case terminaban o seu cometido, recibiron un telegrama do P. Provincial, que mandaba suspender a venda ou liquidación e esperar ordes. O motivo foi que o duque de Alba, non querendo pregarse aos caprichos dos socialistas monfortinos, lle cedeu o Colexio á SADEL, co que continuaría funcionando como un colexio segrar, rexentado polos Escolapios vestidos de paisano.

O Colexio empezou a funcionar nesta nova modalidade o 06/11/1933, con máis de 100 alumnos nas escolas gratuítas e 34 de pagamento. A primeiros de 1934 entraron os catro primeiros internos. Por outro lado, o Concello logrou un instituto público e, ao non conseguir instalalo neste edificio, ocuparon o Grupo Escolar Santo Antonio, onde funcionou ata que foi suprimido en 1937.

Nos Escolapios funcionaban tres clases de primeira ensinanza: dúas de gratuítos e unha de pagamento. Os de segunda ensinanza, tanto internos coma de pagamento, ao estaren inscritos no instituto como oficiais, tiñan que ir alí ás clases e no Colexio tiñan os estudos e clases particulares. Tiña 129 alumnos de primeira ensinanza, 47 de segunda ensinanza e 18 internos.

 

8. O colexio privado Padres Escolapios de Monforte no franquismo

Durante a Guerra Civil unha parte do Colexio pasou a hospital, tiráronse as separacións dos cuartos e quedaron como dormitorios corridos, con moita máis capacidade. A terraza da dereita, sobre a fachada principal, que estaba inservible e case á intemperie, transformouse en enfermería de internos, con varios cuartos para enfermos, enfermeiros e hóspedes, con servizos, baño, cociña e comedor.

Este colexio ofreceu asilo a cantos escolapios estaban fóra das súas residencias por causa da guerra e pronto comezaron a vir relixiosos que, por ser época de vacacións, a guerra sorprendera coas súas familias. Por este motivo, a comunidade deste colexio chegou a contar en 1937 con 21 membros, cifra máxima da súa historia.

A parte esquerda do Colexio foi ocupada tamén polos militares como cuartel de recrutamento e quedou para internado e clases a parte dereita da fachada, co seu claustro e galería, máis algúns espazos libres que se habilitaron provisionalmente.

Así mesmo, o delegado de Facenda da Coruña solicitou ingresar neste colexio un grupo de orfos de facenda, aos que sorprendeu a guerra veraneando na Serrota (Ávila) e non podían reintegrarse á súa residencia habitual. A comunidade acordou a súa admisión por consideralo un acto de humanidade —en 1937 chegaron un total de 20, aos que despois se agregaron bastantes máis—. Rematada a guerra, leváronos ao Escorial, onde se concentraron co resto.

O prestixio do Colexio fixo que crecese cada ano máis o número de alumnos, no curso 1941/42 o número de internos era de 136 e, no seguinte curso, 182; o total de alumnos era de 510. En 1948, este centro tamén recibiu cantidades para material de ensinanza, en función das unidades de primaria que tiñan para os alumnos pobres. Incluso recibiu subvención como centro de ensinanza primaria non estatal polo concepto dunha clase gratuíta que substituía a unha nacional. Ao crearse en 1967 na cidade de Monforte o Instituto Nacional de Ensinanza Media mixto, o Colexio adscribiuse a este.

 

9. O ensino subvencionado e concertado na etapa democrática

Ao comezar a década dos setenta, diminuíu algo o internado, aínda que seguía sendo numeroso; así, no curso 1972/73 había 239 internos (114 de primeira ensinanza e 125 de segunda ensinanza) e o número total de alumnos era de 668, dos que 98 eran fillos de emigrantes. A multiplicación de grupos escolares polas concentracións escolares e institutos, que facilitaban a ensinanza a moitos estudantes sen ter que desprazarse lonxe da súa residencia, fixo que o  internado se reducise ata quedar en 30.

En 1985 suprimiuse o internado, quedando só externos e mediopensionistas. Ese mesmo ano o Colexio comeza a ser mixto e a primeira alumna foi María Inés Blanco González. Ao extinguirse o antigo plan de ensinanza, en 1976, quedou reducido a colexio de EXB, con dezaseis aulas subvencionadas e tres de párvulos. En total, 595 alumnos.

No calendario para a aplicación da LXE dicíase que serían gratuítas as ensinanzas de preescolar e EXB desde o momento da súa implantación nos centros non estatais que estivesen a funcionar co sistema de gratuidade. En 1972, estableceuse con carácter provisional a concesión de subvencións aos centros non estatais co compromiso de que impartisen ensinanza gratuíta na primeira etapa de EXB. En 1973 regulouse a subvención dos sete primeiros cursos de EXB para o curso 1973/74, logo da presentación do expediente de transformación e clasificación en centros completos de EXB. En 1974 fixouse a subvención dos oito cursos de EXB para o curso 1974/75.

Coas transferencias á Comunidade Autónoma de Galicia, en 1983 a Consellería de Educación concedeulles a prórroga de subvencións aos centros que durante o curso 1982/83 fosen beneficiarios destas. Foi en 1985, coa promulgación da LODE, cando o ensino privado pasou ao réxime de concertos no ensino obrigatorio, que implicou a percepción de haberes dos profesores por pagamento delegado. En Galicia comezou en 1986 cunha orde de implantación e outra de aprobación. No nivel de infantil, ao final de século, tiña subvencionadas as unidades de catro e cinco anos.

Este colexio foi autorizado para impartir a ESO, co que quedou autorizado coas ensinanzas de infantil, primaria e ESO. En 1999, coa ESO ao completo, este colexio chegou ao seu número máximo de unidades concertadas de ensino obrigatorio. Tiñan concerto para doce unidades de primaria, oito da ESO e financiamento de oito horas de orientación na ESO. Agora tamén teñen concerto para seis unidades de infantil.

 

10. A venda do cadro A adoración dos Reis de Hugo Van Der Goes

Ao comezar o século XX, nada facía presaxiar anos de esplendor para este colexio, dado o estado de deterioración material na que se encontraba o edificio. Non obstante, a fortuna quixo que, na primeira metade do século chegase a colocarse á altura dos máis acreditados centros docentes, non só de Galicia, senón de España.

A restauración material do edificio puido levarse a cabo grazas ao descubrimento e venda do cadro A adoración dos Reis, venda que suscitou unha verdadeira polémica, non só en Monforte, senón que chegou ao ámbito estatal, incluso ao mesmo Parlamento. Foi o monfortino Antonio Méndez Casal, gran crítico de arte, quen o deu a coñecer en revistas nacionais e estranxeiras, considerándoo obra de Memling. Os que descubriron o verdadeiro autor foron o director do museo de Dublín, Armstrong, e o conservador do museo do Louvre, Leprieur, que coincidiron na súa visita a Monforte e no autor.

Como o edificio se atopaba en estado ruinoso e de ningunha parte viña axuda para reparalo, o padre Antonio Santonja, reitor desde 1902 a 1905, pensou que podían obterse os fondos necesarios do mesmo colexio, mediante a venda do cadro. Esta idea chegou a coñecemento da corporación municipal e en 1909 unha comisión do Concello visitou o reitor, co fin de secundar o Colexio no proxecto de venda do cadro e pedirlle o permiso necesario ao patrón.

 

Recollemos unha esclarecedora carta do reitor:

Os Escolapios non vemos con gusto que o cadro saia de España, pero temos a obriga de conservar a civilizadora obra do cardeal. A Escola Pía non se beneficiará, como institución, dun só céntimo do capital que produza a venda do cadro. Agora ben, temos aquí dúas obras en pugna: unha táboa pintada por un gran artista que, en puridade, non é gloria nacional, e un monumento notable pola súa arte e polos seus fins, froito da munificencia dun ilustre español. A primeira leva séculos no noso recuncho galego, sen resultado práctico ningún. A segunda difundiu a ilustración e a educación en Galicia e do seu seo saíron homes de gran valía, honra da medicina, do foro e da literatura. Quen, pois, poderá dubidar da boa fe no cambio que pretende o Colexio vendendo ou desfacéndose dunha para conservar e aumentar a outra?

 

Pediuse permiso para poñelo en pública poxa, unha vez que o Goberno español non o aceptou a un prezo máis baixo, na que tomaron parte os gobernos inglés, francés e alemán, quedando adxudicado a este último (1910) na suma de 1 262 000 pesetas, máis a condición de mandar ao Colexio unha copia fiel do mesmo tamaño. Na prensa publicáronse artigos en contra e en defensa da venda. En 1912, o Concello ratificou que se levara a cabo a venda. A escritura outorgouna en Madrid o duque de Alba en 1913 a favor do representante do goberno prusiano. A cantidade pagada investiuse na compra de láminas intransferibles a nome do colexio.

 

11. A inxente obra de restauración do edificio do Colexio Escolapios de Monforte

O duque de Alba encargoulle ao arquitecto da Casa de Alba, Francisco Pérez de los Cobos, facer un estudo detallado do estado do edificio, obras que habería que facer e o seu orzamento. En 1915 este presentou a súa memoria-proxecto, co orzamento. Dicía:

O edificio, tal como está hoxe, está completamente inhabitable e sorprende que haxa nin sequera un alumno que veña buscar a ensinanza nun colexio nestas condicións. Hai bóvedas vencidas, muros desnivelados, todo o teito ameaza esborrallarse; dous patios, un en ruínas e o outro sen rematar, non deixan lugar a dúbidas de que nun breve prazo o edificio desaparecerá e, con el, a ensinanza.

Despois indica as obras que conviría facer para poñelo en condicións de poder impartir a primeira e a segunda ensinanza e albergar ata un centenar de internos. En canto ao orzamento, calculou entre 400 000 e 500 000 pesetas, segundo as obras que á fin se levasen a cabo.

Por unha real orde de 1917, autorizouse o Padroado para levar a cabo as obras e dispor da cantidade de 500 000 pesetas, coa condición expresa de empregar todos os réditos do capital en amortizalo ata completalo de novo. Comezaron as obras en 1918, co derribo de cascotes da parte que ameazaba ruína, logo empezouse a construír, proseguindo ata 1930, que se interromperon, sen rematar todo o proxectado. As obras foron:

Claustro principal. A coxía noroeste enteira e a coxía nordeste, desde o comezo dos arcos, sobre as pilastras, que estaban feitas. Nótase perfectamente o novo pola cor máis limpa da pedra. A fachada principal está orientada ao sueste. Ademais, lousaron o patio e o claustro con pedra de cantería —antes era de terra— e abríronse os arcos das dúas coxías existentes, que os tiñan cegados, cun pequeno ollo no medio. Deste xeito, quedaron as vinte arcadas, de que consta o claustro, amplamente abertas ao patio, o conxunto queda máis elegante.

 

Claustro dos Escudos

 

Fachada nordeste. Rematouse na súa segunda metade, que tiña un piso menos, e modificáronse os pisos para darlles máis altura, quedando con sotos, planta baixa e pisos primeiro e segundo, de maneira que, aínda que exteriormente ten catro filas de fiestras sobre os sotos, non son máis ca tres plantas, pois á planta baixa correspóndenlle dobres fiestras. Na planta baixa fixéronse comedores, sala de estudo, sala de visitas e varias aulas. Os pisos primeiro e segundo transformáronse en seis dormitorios (tres en cada un).

Fachada noroeste (enriba da antiga sancristía, hoxe museo). Levantouse outro piso, co que igualaron os tellados arredor do patio, e fíxose outro dormitorio. En total, realizáronse sete dormitorios para internos, todos eles con cuartos individuais, pechados con portas persianas, sumando un total de 101, que era o máximo de internos que se calculaba para este colexio, pero no curso 1968/69 houbo 271 internos e 803 alumnos. Tamén se aumentou un piso sobre a antiga sancristía (hoxe museo) e se completou a galería da planta superior no extremo esquerdo da fachada.

 

12. Obras desde 1930 ata a actualidade

Ao quedar desaloxado o hospital, pois usouse como tal durante a Guerra Civil, houbo necesidade de facer algunhas reformas e melloras, co fin de lles dar cabida ás moitas peticións de internos e poñelo nas mellores condicións pedagóxicas posibles.

En 1940, o Ministerio de Educación aprobou un orzamento para cine sonoro, calefacción, arranxo de tellados e pavimentación de clases e dormitorios.

En 1941, o Padroado volveu autorizar novas obras: renovación da instalación eléctrica, mobiliario, cuartos de baño, salas de estudo, comedor, frontón e salón de actos.

En 1942, o Padroado dirixiulle unha instancia ao Ministerio, na que lle solicitou permiso para rematar o claustro vello ou das clases, faltaba a galería superior en dúas das súas coxías, facer unha escaleira de acceso por dentro da torre, facer cuartos na terraza superior esquerda da fachada e transformar a cátedra xeral en salón de actos. Estas obras foron contratadas e dirixidas por Manuel Hermida, delegado do duque de Alba en Monforte.

Inauguráronse no curso 1952/53 e trasladáronse a aquela parte todas as clases, menos as de párvulos que se prepararon e funcionan na parte dereita, xunto ao claustro principal. Máis tarde, construíronse novas duchas e vestiarios de deportes, ampliáronse os campos de deporte, cun novo campo de fútbol, pistas de atletismo e varios campos de baloncesto.

En 1943, levouse a cabo a instalación do actual museo na peza construída para sancristía en 1699. Esta pinacoteca posúe dous cadros do Greco, cinco de Andrea do Sarto e algúns outros, de menor valor, que se atopaban colgados nas paredes da igrexa e o Padroado determinou xuntalos todos nun lugar axeitado.

Entre 1952 e 1985 executáronse diversas obras de acondicionamento para espazos docentes e deportivos. Modificáronse os cuartos da parte superior esquerda da fachada, facéndoa máis ampla e cómoda, abriuse comunicación directa, desde esa escaleira ás galerías das clases, revestíronse de azulexos esas galerías, modificáronse os gabinetes e púxose de terrazo o chan das clases. En 1985 realízanse obras na fachada e na cúpula, segundo un proxecto do arquitecto Carlos Meijide.

En relación coa horta anexa ao convento, o Concello reclamouna para uso público. Os representantes dos Escolapios manifestaron que a orde estaba disposta a entregarlle a horta ao Concello coa condición de que este reparase a totalidade do tellado do convento. O arquitecto da Casa de Alba redactou un orzamento completo do que supoñía a reparación do tellado. Á vista do custo da obra, en 1987 asinouse un convenio co Concello, polo que se cederon 15 000 m2 da horta para o Parque dos Condes a cambio do arranxo das cubertas. En 1988 e 1989 renováronse as cubertas: cambiouse a estrutura, que se fixo metálica con forxados de formigón como base da cobertura de tella.

Nos anos noventa fixéronse obras de adecuación na parte da ala dereita destinada a uso docente. Substituíuse a estrutura desta parte por unha de formigón armado, redistribuíuse o espazo, renováronse os revestimentos, carpinterías e instalacións.

En 1998, restaurouse a escaleira principal. En 1999, cedéuselle outra parte da horta ao Concello —a zona do aparcadoiro— a cambio das obras de adecuación dos espazos docentes para a ESO. No 2000, acondicionouse o espazo da escaleira, unha vez restaurada. En 2012, analizouse a estabilidade estrutural das principais bóvedas do edificio e constatouse a súa seguridade. En 2019, fíxose a limpeza do retablo maior.

En 2020 presentouse na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia o proxecto de execución de obras de conservación da igrexa, claustro e áreas de visita pública do colexio. As obras comezaron en 2021: elevación de varias doelas da zona da bóveda do presbiterio descolgadas, probablemente, polo terremoto de Lisboa (1755); reparación de varias gretas na zona da bóveda. Tamén a do muro exterior, detrás da igrexa, así como a reconstrución do pasadizo exterior que comunica os dous claustros.

En 2022, procedeuse á restauración dos retablos da Nosa Señora das Escolas Pías e o de san Xosé de Calasanz, así como os de varias capelas.

En 2023, realizouse a restauración integral da capela das Reliquias e levouse a cabo a renovación de toda a iluminación da igrexa.

 

13. Escolapios do século XX que perduran no recordo

- Padre Ángel Seisdedos, famoso orador e poeta, en 1921 publicou un libro de composicións poéticas.

- Padre Marcelino Rodríguez, bo orador e moi coñecido no Val de Lemos.

- Irmán Amaro, á fronte da horta, fixo nela moitas melloras, plantando gran cantidade de árbores froiteiras, así como un famoso eucalipto de enorme grosor e altura.

- Padre Indalecio Baña, un factótum que entendía de todo e facíao ben, pois era bo cociñeiro, bo xastre, bo enfermeiro e hábil carpinteiro, entallou a igrexa.

- Padre Pedro López, chegou a este colexio como SADEL. Ensinaba moi ben o fundamental da escola primaria. Outra faceta eran as excursións que realizaba ao campo co alumnado os días de vacacións, onde aproveitaba para inculcarlles o amor á natureza.

- Padre Moisés Rodríguez, insigne orador, poeta e home de letras, quen a principios de 1937 foi escollido para inaugurar Radio Monforte, instalada nun principio nun edificio do Campo da Compañía, fronte ao Colexio.

- Padre Benjamín Navarro, competente profesor de Ciencias Naturais e de Química, na que tiña o título de doutor, organizou os gabinetes para as prácticas experimentais, que realizaba con case todos os cursos. En 1939, compuxo os libros de texto de Ciencias e de Relixión de sexto e sétimo de bacharelato.

- Padre Leovigildo Martín, bo profesor de Ciencias Naturais, home de letras e músico, compuxo o himno do Colexio.

- Padre José Álvarez, impartiu clases de Latín e Literatura. Organizaba e ensaiaba as funcións teatrais do alumnado e dirixiu e confeccionou a revista extraordinaria que publicou o Colexio en 1944.

- Padre Avelino Fernández, excelente profesor de Matemáticas.

- Padre Santiago Fernández Ruiz, estivo 25 anos seguidos (1943-1968) no Colexio. Licenciado en Historia, ademais das súas clases no Colexio, levou a dirección técnica e daba clase no Colexio Divina Pastora e na Escola de Aprendices da Renfe. Como proba da súa fama na cidade, o Concello solicitou e obtivo para el do Ministerio de Educación a Cruz de Afonso X o Sabio, que lle foi imposta o 27/11/1966.

- Padre Esteban Martínez, o 14/07/1978 tamén lle impuxeron a Cruz de Afonso X o Sabio, logo da petición da APA do Colexio e no ano 1985 o Concello de Monforte outorgoulle o título de Fillo Adoptivo desta cidade (aos 51 anos da súa estancia). Ademais, debemos subliñar que escribiu o libro Colegio Ntra. Sra. de la Antigua de Monforte de Lemos, publicado polo Concello de Monforte de Lemos no ano 2000, cun espléndido texto e unha fotografía moi coidada. Paga a pena lelo.

 

Padre Esteban Martínez

 

14. Reitores no século XX

1. Padre Antonio Santonja (1902). Interveu na venda do cadro.

2. Padre Andrés Alonso (segunda vez, 1905). O padre Andrés Alonso desempeñou o cargo durante moitos anos, foi o que máis tempo estivo como reitor na historia deste colexio.

3. Padre Francisco Fernández (1909). O padre Francisco Fernández era moi estimado, sobre todo entre o persoal ferroviario.

4. Padre Domingo Baña (1912).

5. Padre Elio Rodríguez (1915). O seu reitorado foi breve, tiña unha gran habilidade para os traballos manuais, como o acreditan unha serie de traballos de ebanistería elaborados por el, como uns escudos das Escolas Pías, que adornan o frontal do altar maior da igrexa e de varios altares laterais, así como o do púlpito.

6. Padre Domingo Baña (segunda vez, 1916). Durante o seu reitorado saíu o cadro para Alemaña.

7. Padre Pedro Alonso (1917). O padre Pedro Alonso interveu na preparación e comezo da gran reforma e obras que se realizaron no Colexio, despois da venda do cadro.

8. Padre Emilio Ruiz (1919). O padre Emilio Ruiz continuou a gran reforma e obras que se realizaron no colexio.

9. Padre Joaquín Larrañaga (1922). O padre Joaquín, de orixe vasca, coincidiu cos anos de plena actividade nas obras.

10. Padre Elio Rodríguez (segunda vez, 1925). O seu segundo reitorado coincidiu cos anos de máxima realización dos traballos de restauración do colexio.

11. Padre Manuel Hermida (1928). Co padre Manuel Hermida, monfortino, finaliza o período de vida normal no Colexio e comezan os anos complicados da Segunda República e a posterior Guerra Civil. No seu reitorado remataron as obras que se viñan realizando, completando a fachada no seu extremo superior da esquerda.

12. Padre Vicente Laguna (1931). Este padre tivo que saír do colexio de Yecla (Murcia) en 1931, escoltado pola Garda Civil. Aceptou o cargo de reitor en Monforte como unha cruz máis que a obediencia lle impoñía, chegou a este colexio no que atopou un estado de ánimo de persoas hostís ao colexio moi similar ao de Yecla. En 1934, foi nomeado mestre de novizos, polo que se trasladou a Getafe. Alí sorprendeuno o comezo da Guerra Civil e o seu terceiro e definitivo calvario. Despois de poñer a salvo os novizos, foi á súa vila natal, onde os seus familiares o recolleron con todo o cariño, pero detectárono os milicianos e foi asasinado.

13. Padre Julián Morales (1933).

14. Padre Pedro Turiel (1935). Foi reelixido en dous trienios sucesivos, polo que foi reitor oito anos consecutivos, o segundo que máis tempo estivo seguido, ata 1943. Soubo levar o Colexio nos anos difíciles da Guerra Civil e da posguerra e acometer reformas e melloras importantes.

15. Padre José Guerra (1943). Continuou as melloras.

16. Padre Alfonso Díez (1946). No seu reitorado fixéronse as importantes obras do claustro das clases.

17. Padre Manuel Suárez (1952). Fixo as melloras do regadío na horta.

18. Padre Esteban Morillo (1958).

19. Padre Valentín Cadarso (1964). Levou a cabo varias obras de mellora.

20. Padre José Luis Sáiz (1970). Completou as obras das clases e gabinetes.

21. Padre Gerardo Fernández (1973). Na súa etapa fixéronse algunhas melloras nos campos de deportes.

22. Padre Basilio Vence (1975). Ampliáronse os campos de deportes, adquiriuse novo material para os gabinetes e promoveu a Asociación de Pais de Alumnos.

23. Padre Eduardo Montouto (1979). Foi tamén ecónomo da comunidade, o que lle supuxo unha gran variedade de actividades, polas circunstancias de que o Colexio nese momento dispoñía dunha horta extensa e granxa, cos empregados conseguintes. Fíxose a tribuna do campo de fútbol, o polideportivo, o arranxo das fiestras da cúpula e lucernario, destruídos por un raio. Compráronse seis equipos completos para prácticas no gabinete de física e dez televisores en branco e negro.

24. Padre Arturo Álvarez (1985). Renovouse a instalación eléctrica da zona da comunidade, así como a caldeira da calefacción. O Concello asumiu o custo da iluminación do retablo do altar maior, que foi, así mesmo, limpado e tratado contra a couza, a expensas da Xunta de Galicia en 1987. Tamén se fixo a reforma do museo.

25. Padre Eduardo Montouto (segunda vez, 1988).

26. Padre Eladio Rodríguez Fernández (1991).

27. Padre José Ramón Catoira Viñán (1999).

 

15. Directores deste colexio a partir do curso 1979/80

Desde o curso 1979/80, no goberno do Colexio, separáronse os cargos de reitor da comunidade e de director do colexio. Directores:

1. Padre Jesús Diéguez García (1979/80 a 1981/82)

2. Padre José González Martín (1982/84)

3. Padre Emeterio Moral Zazo (1984/87)

4. Padre José González Martín (segunda vez, 1987/88)

5. Padre Santiago Sánchez Corrales (1988-1993)

6. Padre Antonio Varela (1993-2002)

7. Óscar Blanco (2002-2016)

8. Pablo Blanco (2016-2023)

9. Estefanía López López (1/10/2023-...). Primeira muller directora na historia deste colexio.

 

16. Normativa en vigor no século XXI

- Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro (BOE do 30), de modificación da Lei orgánica de educación (LOMLOE). O castelán deixou de figurar como lingua vehicular e o mínimo das ensinanzas comúns que debe fixar o Ministerio é o 50 % no caso das autonomías con lingua cooficial. Relixión volve a non contar para a nota e crea Valores Cívicos e Éticos.

As competencias clave son as seguintes:

1. Competencia en comunicación lingüística

2. Competencia plurilingüe

3. Competencia en matemáticas, ciencia, tecnoloxía e enxeñería

4. Competencia dixital

5. Competencia persoal, social ou de aprender a aprender

6. Competencia cidadá

7. Competencia emprendedora

8. Competencia en conciencia e expresión culturais

Desta lei está publicada unha serie de reais decretos en 2022: o 95 sobre a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación infantil; o 157, que establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación primaria; e o 217, que recolle a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria.

Cal é o desenvolvemento do currículo en Galicia? Tamén tres decretos de 2022: o 150 sobre a ordenación e o currículo da educación infantil; o 155, que establece a ordenación e o currículo da educación primaria; e o 156, que recolle a ordenación e o currículo da ESO na Comunidade Autónoma de Galicia.

No curso escolar 2022/23 tivo lugar a implantación nos cursos impares das modificacións do currículo fixadas por esta lei. En primaria entrou primeiro, terceiro e quinto; na ESO, primeiro e terceiro. Neste 2023/24 implantáronse os cursos pares, segundo, cuarto e sexto de primaria; segundo e cuarto da ESO. Un dos cambios desta nova lei educativa afecta á avaliación, que pasa a ser por competencias, tanto en primaria coma na ESO, e tamén hai que subliñar que desde o curso pasado non hai exames de setembro. Tamén se comeza a utilizar a plataforma PROENS da Xunta para elaborar as programacións e os seus seguimentos.

 

17. Provincia de Betania

A Escola Pía, desde 1617, sempre creou escolas que axuden á formación de persoas abertas, solidarias, comprometidas e crentes. Hoxe, esta escola, de todos os que a conforman, pretende enriquecer integralmente o seu alumnado en todas as súas competencias, para contribuír a cambiar e mellorar o noso mundo, facéndoo máis humano e fraterno.

Na actualidade, a actividade dos Escolapios en España divídese en tres provincias: Betania, Cataluña e Emaús. As Escolas Pías Provincia Betania, á que pertence Monforte, arrancan en 2012, froito da unión das provincias de Valencia e a terceira demarcación, pero as súas orixes remóntanse ao século XVIII. Actualmente as escolas desta provincia están presentes en máis de 20 obras educativas da xeografía española e iniciaron unha presenza en Indonesia.

O nome da provincia Betania é para os Escolapios fonte de identidade e misión. É un espazo de comunidade, de relación, de acompañamento e de integración da contemplación e a acción; así o expresou o padre Javier Agudo, titular deste colexio, no seu documento «Betania un espazo teolóxico e humano para a vida», nun encontro de fraternidades Betania realizado en decembro de 2013 en Valencia.

 

18. Ideario do Colexio Escolapios

1. Nenos e mozos son o centro da escola. Os nenos son acollidos, recoñecidos e considerados desde a súa singularidade. Facilítase a súa participación e atención con afecto, nun ambiente positivo e seguro. Os educadores median na súa aprendizaxe, facilitando os procesos educativos e pastorais mellor para cada etapa.

2. O colexio está aberto aos máis fráxiles. O profesorado e demais persoal é acolledor, próximo, aberto e inclusivo. Evita toda exclusión e de maneira especial a dos máis débiles e necesitados por razóns sociais, económicas e culturais. Conta con procesos educativos para o alumnado que presenta necesidades específicas.

3. Preparan para a vida. Esta escola facilita a educación integral e o desenvolvemento das competencias actuais. Promove a organización flexible, o uso de metodoloxías activas, o intercambio de «boas prácticas» e a avaliación de todos os procesos educativos que se realizan. Un obxectivo é atender as necesidades de cada alumno e minimizar o fracaso e o abandono escolar, con calidade.

4. Forman parte da igrexa e viven o Evanxeo de Xesús. Con profesores e outros axentes educativos, que coñecen a sociedade actual e están formados pastoralmente, o colexio acompaña o alumnado e as súas familias na interioridade, a escoita e o propio coñecemento. Promove a iniciación á oración, o compartir e a vivencia en grupos e facilita o voluntariado e a acción social.

5. Comprometidos cun mundo xusto e fraterno. O centro educa no espírito crítico e na capacidade de autocrítica, para o cambio persoal e social, en clave de liberdade, xustiza, inclusión, sustentabilidade e paz. Promove a participación e o vínculo con redes que buscan a reforma da sociedade.

6. Educadores corresponsables. Os educadores escolapios (relixiosos e laicos) comparten e compleméntanse nas tarefas educativas e evanxelizadoras, asumen a diversidade de persoas e de criterios, que son fonte de enriquecemento.

7. Implicación das familias. O colexio abre espazos para o diálogo, a formación, a participación, o traballo conxunto e a integración en todos os ámbitos.

8. Atención á persoa. Facilita que os alumnos se sintan apreciados e respectados como persoas, ofrecéndolles medios para o seu progreso e crecemento integrais.

9. Formados e innovadores. Os educadores son persoas con vocación para entregarse nos ámbitos do carisma escolapio, con creatividade e paciencia.

10. Son igrexa. Este centro ofrece medios para unha participación crecente da comunidade educativa na vida eclesiástica e fomenta o crecemento de comunidades cristiás escolapias.

19. Política de calidade. A política de calidade do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos establécese na definición da misión (razón de ser do centro), da visión (lugar estratéxico que o colexio pretende alcanzar) e dos valores (ideas, principios e puntos fortes para alcanzar a visión).

A misión. O centro atópase nun edificio emblemático da cidade. Desde a expulsión dos Xesuítas en 1767 ata 1873 sacerdotes seculares e catedráticos segrares utilizaron o método de ensinanza ou instrución de mestres. Este método usábase nas Escolas Pías da Corte, así como nos libros de texto que compoñían e utilizaban os padres das Escolas Pías por ser os mellores de España. Hoxe segue servindo á sociedade de Monforte e comarca, cuxo nivel socioeconómico é medio-baixo.

A visión. Levar adiante un proceso de mellora na identidade da Escola Calasancia, co fin de coidar e potenciar o carácter propio que deben realizar os Escolapios na súa tarefa educativa para:

  • Desenvolver a formación integral dos alumnos.
  • Dar resposta educativa aos nenos e mozos que corren maior risco de exclusión social ou educativa.
  • Promover a participación das familias.
  • Organizar unha proposta de formación dos docentes desde unha visión integral.
  • Facilitar en cada obra educativa a autonomía suficiente.
  • Revisar a implantación do Plan de xestión de calidade.

Ademais educan en valores: respecto, solidariedade, tolerancia...

 

 Edificio actual do Real Colexio Padres Escolapios

 

20. Ben de interese cultural e nova denominación do colexio

En 2019, incóase o expediente de declaración de ben de interese cultural por parte da Xunta de Galicia que, segundo a Resolución do 4 de xullo de 2019 (DOG do 17) e o Decreto 41/2021, do 25 de febreiro (DOG do 12 de marzo), declara ben de interese cultural o colexio.

A Orde do 3 de maio de 2023 (DOG do 11) modifica a autorización, cambia a súa denominación específica, de Centro Privado Padres Escolapios de Monforte de Lemos, pola nova denominación Real Colexio Padres Escolapios.

 

21. Reitores no século XXI

1. Padre José González Martín (2002)

2. Padre Eladio Rodríguez Fernández (segunda vez, 2011)

3. Padre José González Martín (2015) presidente

4. Padre Eladio Rodríguez Fernández (terceira vez, 2018 ata a actualidade).

 

22. Etapas de educación infantil, primaria e educación secundaria obrigatoria

A etapa de educación infantil (segundo ciclo) comprende tres cursos e dúas liñas onde imparten docencia 9 mestras. Os piares básicos que fomentan son a estimulación temperá, o método específico para a ensinanza do inglés centrado na pronunciación e o listening na expresión oral, o método para a ensinanza das matemáticas (ENTUSIASMAT) baseado na manipulación, observación e experimentación. O seu obxectivo é que o alumnado aprenda xogando, a atención á diversidade con atención personalizada e mestres de apoio para traballo individualizado con alumnado con dificultades; formación en valores que impregnan todo o labor educativo.

A etapa de educación primaria comprende seis cursos e dúas liñas onde imparten docencia 17 mestres. Ten en conta o seguinte:

  • Desenvolvemento de todas as intelixencias do alumnado con metodoloxías innovadoras como o traballo por proxectos, traballo cooperativo, rutinas e destrezas de pensamento.
  • Método específico para a ensinanza do inglés nas materias de Inglés e Educación Plástica e Visual centrado na pronunciación e no listening na expresión oral.
  • Método para a ensinanza das matemáticas (ENTUSIASMAT en primeiro e segundo e SM-REVUELA de terceiro a sexto) baseado na manipulación, observación e experimentación. O seu obxectivo é que o alumnado aprenda xogando.
  • Atención á diversidade con atención personalizada e mestres de apoio para traballo individualizado con alumnados con dificultades.
  • Formación en valores que impregnan todo o labor educativo.

A etapa de educación secundaria comprende catro cursos e dúas liñas onde imparten docencia 14 profesores. Os puntos básicos que sustentan esta etapa son:

  • Innovacións metodolóxicas: intelixencias múltiples, traballos cooperativos, rutinas e destrezas de pensamento, proxectos.
  • Aulas temáticas: nas que o alumnado se mergulla no ambiente e contorno propicio para a aprendizaxe e práctica de cada materia. Están equipadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC): encerados dixitais ou pantallas con proxector, ordenador portátil e unha aula de informática.
  • Plan de acompañamento titorial: acompañamento individualizado dos alumnos e asesoramento individualizado ás familias.
  • Educación emocional: fundamental neste período das súas vidas.
  • Formación en valores: baseada no respecto, solidariedade e tolerancia.
  • Intercambios lingüísticos: o alumno terá a posibilidade de realizar, durante a súa etapa educativa, inmersións lingüísticas no Reino Unido, intercambios culturais en Francia. Ademais,  o Colexio está inscrito no programa Beda no nivel máximo (referencia), que lle permite ser centro examinador Cambridge, ter auxiliar de conversación e participar no proxecto Erasmus +.

 

23. Programas específicos

Como falar para que os adolescentes nos escoiten e como escoitar para que os adolescentes nos falen. Adele Faber y Elaine Mazlish.

Consellos:

1. Como comunicarnos con adolescentes. Non tomar os seus comentarios como persoais. Debemos pensar que na maioría dos casos non senten nin pensan o que din.

2. Coidar a comunicación inconsciente e non verbal. Ás veces parécenos que se molestan por nada. Realmente moléstanse por algo que lles dicimos. A clave está en facelo doutra maneira a próxima vez.

3. Non repetir sempre os mesmos sermóns que non dan resultado. Non hai unha única maneira de comunicación.

4. Aprender a escoitar. Os monólogos non dan resultado. Primeiro debemos pensar e despois falar.

5. Debemos respectar a súa opinión.

6. Debemos dar opcións e alternativas, cando se poida.

7. Debemos gozar dos nosos fillos.

 

24. O recuncho de Leonardo

É un proxecto educativo que busca potenciar os valores humanos a través da creatividade e a reflexión, co obxecto de que o alumno se sinta mellor construíndo unha alternativa ao mundo baleiro e tóxico que o rodea.

Para o efecto, o Colexio elabora distintos artigos, curtametraxes e proxectos de colleita propia que recompila na web deste recuncho. Ninguén mellor ca Leonardo para representar o espírito humanista con que nace este espazo destinado á divulgación, a creatividade e a reflexión. Cómpre destacar neste proxecto o profesor Javier Saco, único galego nomeado entre os dez mellores educadores de España 2022 e 2023. Recolle unha serie de publicacións:

Unha serie de curtas (Fancine de Lemos); Recuncho de ocio (lectura, cine, música, arte…); Recuncho da felicidade (a felicidade parece un ideal inalcanzable, probablemente dependa en gran medida de como a interpretamos; sentirse ben con un mesmo e valorarse por todo o bo que un é capaz de facer para axudar aos demais); Autoestima; Estereotipos (non somos tan distintos); Invisibles (hai parte do alumnado que pasa demasiado desapercibido, debemos facer que deixe de ser invisible); Non te enredes na rede (cada ano, na clase de Tecnoloxía o profesorado analiza en profundidade o uso das redes sociais e Internet, poñendo o acento nos seus perigos)…

 

25. O Colexio no Fancine de Lemos

Na súa edición de 2015, o Fancine de Lemos incorporou ao seu programa a sección «Fantafesti». O Fantafesti púxose en marcha a partir dunha iniciativa persoal de Iván Patiño de Amanita Films e algúns profesores do centro, que decidiron colaborar conxuntamente na realización dunha curtametraxe, que xa por entón tivo unha moi boa acollida entre o público. Desde entón, o Colexio foi fiel a esta cita e a participación no Fancine.

A partir de 2017, as curtas presentadas realizáronas integramente alumnado e profesorado do centro, en boa parte grazas ao esforzo e implicación persoal do profesor Javier Saco, que desenvolveu estes proxectos fóra do horario escolar, pero cun enorme entusiasmo contaxiado polos propios alumnos e pola espléndida acollida que tiveron as súas creacións no Fantafesti.

Hai publicados distintos traballos realizados durante todos estes anos. Exemplos: 2015: Tan cerca; 2016: Living Death; 2017: Olvidados; 2018: Darlo todo; 2019: La buena elección; 2020: Pause; 2022: La chica de la ventana; 2023: VR.

 

*Este texto é un resumo aproximado nun 40 % do recollido no libro O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX. Autor: Pedro Gómez Álvarez. O 60 % é consecuencia dun afondamento na documentación do centro e mais da bibliografía que consta no libro.

 

 

Sección: