Entrevista a Marino Pérez Álvarez

Entrevista realizada por Juan Granados Loureda, director da Revista galega do ensino
 

 

No contexto das I Xornadas da Inspección Educativa 2023/24, entrevistamos o profesor Marino Pérez Álvarez. Psicólogo, especialista en psicoloxía clínica. Marino exerceu a súa práctica profesional como psicólogo clínico e escolar e foi catedrático de Psicoloxía da Universidade de Oviedo ata 2022. É membro de número da Academia de Psicoloxía de España. É autor de máis de douscentos artigos en revistas especializadas, de máis de cincuenta capítulos en libros colectivos, así como de máis de vinte libros. As súas últimas tres publicacións son Nadie nace en un cuerpo equivocado: éxito y miseria de la disforia de género (con José Errasti), Mamá, soy trans: una quía para familias con adolescentes con conflictos de género (con José Errasti e Nagore de Arquer) e El individuo flotante: la muchedumbre solitaria en tiempos de las redes sociales, os tres en Deusto/Planeta.

 

 

Juan Granados: Boas tardes, estamos con Marino Pérez Álvarez, psicólogo clínico e catedrático de Psicoloxía na Universidade de Oviedo, ao que lle agradecemos vivamente a súa dispoñibilidade para coa Revista Galega do Ensino-EDUGA. No marco da primeira xornada da inspección educativa de Galicia neste curso 2023/24, temos o gusto de recibilo, a tempo de que nos adiante de que nos falará na súa conferencia do tratamento da disforia de xénero, asunto de evidente actualidade no ámbito educativo polas súas profundas repercusións. Farao, como é natural, desde un punto de vista científico, pero tamén crítico, como corresponde á florida e numerosa bibliografía do profesor: 20 libros, case 200 artigos con títulos que falan moi ben da súa personalidade científica. Por exemplo, Marino, a min chamoume moitísimo a atención un título teu sobre unha cuestión tamén candente: o tratamento de presuntas enfermidades que non sabemos se son enfermidades. Refírome, por exemplo, a unha publicación de 2018 que leva por título Más Aristóteles y menos concerta: las cuatro causas del TDAH.

Marino Pérez Álvarez: Si, efectivamente, o TDAH é un exemplo dun problema condutual que poden presentar os nenos e que ten repercusións na aprendizaxe escolar e tamén no comportamento na casa. E ese problema identifícase cunhas siglas, co que dá a impresión de que é unha síndrome e que é xa unha categoría clínica ou un trastorno do neurodesenvolvemento de orixe xenética e demais. Entón, fronte a iso, hai unha corrente da que eu participo que consiste en tratar de aclarar, e desmontar, que non se trata dunha enfermidade mental que presentan os nenos, senón dun problema ou dunha variedade de problemas comportamentais, que teñen a súa importancia na aprendizaxe, pero entendendo que un problema non é unha enfermidade, senón unha situación que habería que abordar no contexto do problema, no contexto do comportamento na aula, no contexto da aprendizaxe escolar, no contexto das relacións familiares. E, certamente, os profesores e, de ser o caso, os pais poden necesitar moita axuda de profesionais para abordar esa problemática, pero non á conta de convertelo nunha enfermidade mental e que así vaia derivar nunha medicación que non vai resolver o problema a longo prazo, aínda que de inmediato quizá tranquilice a percepción do problema por parte dos diversos actores implicados e o neno se porte, por dicilo así, mellor, pero non quero dicir que estea a mellorar en aspectos relevantes. É dicir, que non se trata de corrixir a etioloxía do problema, o que ocorre é que a silenciamos con medicación. Así, no libro que citaches de Máis Aristóteles, pódese ver como o efecto da medicación, basicamente anfetaminas, produce o mesmo efecto se teña ou non TDAH. En realidade, o mesmo efecto que pode obter alguén que estea a preparar un exame e lle axuden as anfetaminas, de igual modo que, se vas conducindo nunha longa viaxe en coche na autoestrada, tes somnolencia e tomas un Red Bull, probablemente iso che vai facilitar a concentración na condución. Pero a medicación non é a solución diaria para un neno porque non está a atallar para nada a orixe do problema.

Cal é a orixe do problema? Tal como eu o entendo, habería que empezar por ver que as persoas somos diferentes desde o nacemento, desde nenos e seguramente o que se chama TDAH é unha forma característica, un modo de ser, un estilo de personalidade que pode ter, digamos, os seus aspectos temperamentais polos cales as persoas somos diferentes. A miúdo se trata de nenos inquietos, vitais, con moita mobilidade, curiosidade, etcétera, aspectos que poden ser moi valorables e favorables para o desenvolvemento do neno, pero outros deses aspectos poden ser perturbadores para a aula e para a propia aprendizaxe. Entón, a mellor maneira de axudar o neno sería crear contextos a través dos pais e dos profesores con axudas en técnicas condutuais, de maneira que saiban aproveitar as potencialidades do neno, saiban crear ambientes que favorezan o seu rendemento. Sempre tratando de adecuarnos no posible ao diferentes que somos as persoas. Ese sería o modo no que poderiamos sacar o mellor proveito dun neno que teña TDAH. En realidade, ninguén ten TDAH como algo en si mesmo (como o que ten diabetes), o que se ten é o diagnostico de TDAH. Se quixésemos abordalo de fronte, teriamos que abordalo en termos de crear contextos propicios e resolver un problema, entendendo que un problema non é unha enfermidade, senón unha situación que require moitos recursos.

JG: Neste sentido, algúns, eu non me atrevería a dicir tanto, pero hai unha corrente de opinión que defende que no TDAH asistimos ás veces a un case evidente sobrediagnóstico. Que che parece isto desde a túa experiencia clínica?

MPA: Si, en efecto, eu creo que é así. Hai dúas posicións sobre iso, unha é considerar que efectivamente hai un sobrediagnóstico de TDAH, de tal maneira que moi facilmente calquera problema de rendemento ou de comportamento dun neno entra na zona do radar do TDAH, e hai outros, entre os cales me atopo eu, que entendemos que calquera diagnóstico de TDAH sería xa un sobrediagnóstico por canto que o TDAH, desde logo, non tería unha entidade clínica como para ser unha categoría diagnóstica de supostas causas xenéticas e neurobiolóxicas. Non convén, pois, diagnosticar TDAH, pero si diagnosticar se quizais  houbese algunha condición xenética, neurolóxica ou doutro tipo; nese caso xa non sería TDAH senón un problema xenético, neurolóxico, da vista ou da alimentación, e habería que abordalo como tal.

JG: Mesmo, a miúdo, un problema de raíz familiar e social, non che parece?

MPA: Sen dúbida. Ambientes familiares complexos, imos dicilo así, xeran nenos que non aprenden a esperar a súa quenda, impacientes, que son, non sei, impulsivos e atenden a calquera cousa que lles chame a atención. Entón, claro, o contexto familiar é fundamental para ver se de aí puidese vir ese problema, pero non para culpabilizar os pais nin algo así, senón para proporcionar as axudas, as ferramentas que de verdade se necesitan para un desenvolvemento adecuado.

JG: E boa convivencia no grupo, que é importante tamén para os compañeiros e os profesores...

MPA: Esta é a perspectiva na que eu me movo, na que debesen moverse os psicólogos e os psiquiatras, tratando de entender que os problemas que teñen os nenos derivan do ambiente e dos contextos nos que se moven. Se dicimos que os nenos son esponxas, que o captan todo, pois, iso tamén inclúe comportamentos que logo nos prexudican aos adultos, non?

JG: Efectivamente. En fin, e como non temos moito tempo porque nos tes que dar unha conferencia en breve, imos ir se che parece ao asunto central da túa charla de hoxe, que vai estar dedicada á túa posición científica ao redor da disforia de xénero, desde un punto de vista, digamos, clínico e desde a honestidade intelectual, poderiamos afirmar. Quero dicir con isto que no teu libro Nadie nace en un cuerpo equivocado: éxito y miseria de la disforia de género (con José Errasti), que acabades de publicar, que paga moito a pena por expoñer un punto de vista, digamos, realista e baseado en evidencias, que é o importante da ciencia, Poñendo en cuestión certos dogmas contemporáneos, por así dicir, o sentimentalismo fronte á razón. A resurrección da polémica entre Herder e Voltaire é como se nos volvésemos todos neorrománticos de súpeto, coa Academia posta de perfil ante o reto da chamada cancelación. Dalgunha maneira, semella que estamos a volver ao que avisaba xa don Gustavo Bueno, a unha ética do individuo flotante e, como consecuencia evidente, neste caso concreto, o chamado transxenerismo. Creo que o tema é apaixonante e creo tamén que imos ter unha gran conferencia.

MPA: Si, vaia, eu referireime sobre todo ao que se chama a disforia de xénero de comezo rápido que afecta a nenos e nenas xa moi pronto, desde os 5 ou 6 anos en diante e sobre todo na puberdade. De súpeto, chegan á casa dicíndolles aos pais, por exemplo, unha nena que se sente neno e quere ser neno. En fin, isto sorprende os pais e seguramente os pais van ver que pasa na escola ou van ao pediatra, etcétera, e vanse atopar con que na escola xa sabían que esa nena tiña disforia de xénero, que mesmo se cambiou de nome, e o pediatra ou outro clínico probablemente lles vai dicir aos pais que non teñen unha nena, senón quizais un neno. Todo o que ocorre así, de súpeto, baseado nun sentimento, damos por feito que é a verdade, unha revelación, polo tanto, non hai máis nada que discutir nin que preguntar e, se quizais se pregunta e se discute ou se trata de pescudar de onde vén ese sentimento, entón ata os pais se verían envoltos na acusación de que non están a respectar o desexo da súa filla e iso é o que precisamente nós tratamos de clarificar.

Disforia quere dicir malestar, ese malestar que a nena ten co seu sexo é real. Non discutimos que non sexa real. A cuestión é como se fixo real. Entón, hai que analizar como se aprenden os sentimentos, entendendo o influenciables que son os nenos e o pouco fiables que son os sentimentos como para tomar decisións duradeiras. Isto que efectivamente é elemental, de sentido común, está prohibido pola chamada «lei trans». Os profesionais sanitarios non poden facer ante a disforia de xénero o que fan en todos os demais casos que é explorar, pescudar e diagnosticar se quizais hai algún outro problema. O único que vai primar aí é o que se chama o acompañamento e a afirmación.

JG: Os protocolos aplicados nestes casos adoitan ir exactamente nese sentido, o puro acompañamento.

MPA: Si, exactamente. A pesar de que xa hai historia sobre estas situacións. Coñecemos o fenómeno agora dos arrepentidos, que lle afecta á mocidade, mozas ou mozas que non resolveron o problema a pesar de realizar a transición, que inclúe a miúdo medicación e mesmo cirurxía que, obviamente, non ten volta atrás porque son cambios irreversibles que non poden retraerse ao comezo. E agora estes mozos teñen dous problemas. O inicial, que non foi resolto, e o engadido de danos irreversibles, consecuencia dunha mala práctica profesional, precipitada. Con isto non quero dicir que quizais o proceso afirmativo non puidese ser a mellor solución para alguén concreto, pero non para todos como un «talle único». O enfoque afirmativo debería ser o último recurso, non o primeiro, metendo e empuxando os nenos nunha cinta transportadora dunha fase de transición á outra. O máis prudente é a espera atenta (esperar e ver).

JG: Claro, con todos os pasos adecuados que habería que dar previamente. Escoiteivos dicir nalgunha conferencia que arredor do 80 % dos suxeitos que sofre disforia, co paso do tempo e unha terapia adecuada, a supera sen o uso de fármacos.

MPA: Si, si, entón un número moi significativo. Curiosamente, esa porcentaxe de solución, imos dicilo así, natural do problema ocorría ata 2010 ou 2012 ou así. Pero a partir desa data, polo tanto, desde hai poucos anos, desde hai 10 anos ou así, que é cando se implantaron as novas prácticas do acompañamento, de entrar prematuramente na cinta transportadora do proceso de transición. Ese procedemento que ao final é daniño non se basea na ciencia, nin na medicina, nin no que fai a psicoloxía, senón que está, digamos, promovido por unha ideoloxía que identificamos como ideoloxía da identidade de xénero, baseada no sentimento, que captou a opinión pública e se converteu nun asunto diario tamén nos centros e que preside os protocolos establecidos. Con todos eses idearios, esa opinión xeneralizada non está baseada na ciencia, senón nunha ideoloxía, no peor sentido do termo ideoloxía como entendo que é a ideoloxía queer. O «hoxe síntome así, mañá síntome daquela maneira». É tomar os sentimentos como criterio, unha suplantación da razón, e xa sabemos que os sentimentos van e veñen, non son descubrimentos dun interior que sae cara a fóra, senón que están influídos pola contorna.

JG:Neste sentido, estamos na época do sentimentalismo, cando o que se fai é renunciar a que exista algunha verdade sobre algo e no seu lugar tomar os sentimentos como verdade.

MPA: Claro, desaparecen as categorías e desaparece a racionalidade. No seu lugar, pois tes os sentimentos e entón aí acabouse a discusión.

JG: A miúdo, a discrepancia tómase como unha agresión persoal, aínda que se trate dunha simple discusión científica.

MPA: Si, si, claro. E ese é outro problema, a figura do ofendido, vivimos na sociedade dos ofendidos. Entón calquera que teña un sentimento que non sabe nin sequera de onde lle veu ten a mesma categoría ou ten aínda máis categoría e máis razón ca un científico, un profesional ou alguén cun coñecemento fundado. Ese é o problema de fondo, que os sentimentos suplantan a razón e o coñecemento, e entón acábase a discusión e empeza a polarización.

JG: Si, querido Marino, presentas unha loita que ben paga a pena, realizando un combate intelectual fantástico. Agora, en breves minutos, gozaremos por longo da túa conferencia, así que moitísimas grazas por brindarnos o tempo que case non tes neste momento. En nome de EDUGA, grazas, moitísimas grazas.

 

Sección: