Deseño

Materiais didácticos para o desenvolvemento curricular da materia de Deseño de segundo de bacharelato
O material de Deseño desenvolve o currículo da materia troncal de segundo de bacharelato da modalidade de Artes en cinco ODES con contidos e actividades interactivas en galego.

María Martín Hernández, licenciada en Belas Artes.
Profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, Debuxo Artístico, Deseño e Técnicas de Expresión Gráfico-Plásticas
IES Universidad Laboral de Xixón (Asturias)
mariamher@educastur.org
Elena Samartino López, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica.
Profesora de Lingua e Literatura Castelá
IES Monte Castelo (Burela-Lugo)
elenasamartino@edu.xunta.gal

 

 

Contextualización

Este proxecto xorde no instituto IES Monte Castelo de Burela —único centro da Mariña Lucense que oferta a modalidade de Artes no bacharelato e que recibe anualmente un importante número de alumnado que cursa esta opción— da necesidade de dispor de material didáctico en galego que desenvolvese os contidos curriculares da materia troncal obrigatoria de Deseño de segundo de bacharelato.

A amplitude dos temas e dos múltiples saberes que aborda esta materia fai necesario contar cunhas unidades didácticas que guíen o alumnado no seu proceso de aprendizaxe e posibiliten un estudo máis autónomo dentro e fóra da aula. Por outra parte, a ausencia nos libros de texto e nos manuais académicos das contribucións realizadas polas mulleres na historia tamén precisaba unha revisión, polo que se presta especial atención aos aspectos inclusivos e de diversidade, resaltando e pondo en valor o papel feminino no deseño e na arte en xeral. Así, por exemplo, cando se estuden escolas como a Bauhaus, figuras como Alma Siedhoff-Buscher, Friedl Dicker, Marianne Brandt etc. son imprescindibles. Noutros temas, tales como a publicidade, o deseño gráfico ou o deseño industrial, a perspectiva de xénero permite analizar e reflexionar sobre o sexismo e outras discriminacións coa finalidade de que o alumnado adquira uns coñecementos que lle permitan abordar o seu traballo dunha forma máis equitativa e respectuosa, evitando a discriminación e os estereotipos de xénero.

 

Obxectivos

A elaboración de unidades didácticas da materia de Deseño de segundo de bacharelato pretende emendar a ausencia de materias que desenvolvan o currículo da materia en lingua galega. Estas abordan os contidos máis importantes do currículo oficial da materia de Deseño de segundo de bacharelato e poden ser empregadas polo profesorado na súa actividade docente, pero tamén permiten que o alumnado se autoavalíe, xa que a maioría dos obxectos dixitais (ODE) teñen probas interactivas con esa finalidade.

O desenvolvemento curricular da materia de Deseño realízase en cinco grandes bloques que enmarcan os contidos fundamentais:

  • Fundamentos do deseño: introdución, conceptos básicos e evolución histórica do deseño.
  • Percepción visual e configuración formal: linguaxe e sintaxe visual, recursos de organización espacial e visual, as leis da Gestalt...
  • Teoría e metodoloxía do deseño: planificación e fases do proceso de deseño.
  • Deseño gráfico: ámbitos de aplicación, a sinalética, a publicidade, a tipografía...
  • Deseño industrial: deseño de produtos.

 

Contidos do proxecto

Os contidos das unidades didácticas seguen o decreto curricular da lei vixente na actualidade da materia de Deseño de segundo de bacharelato:

 

Índice dun ODE

 

1. Introdución, conceptos básicos e evolución histórica do deseño

  • Concepto de deseño: definición, orixes e tendencias.
  • Historia do deseño. Da artesanía á industria: a Revolución Industrial. Principais períodos e escolas de deseño en diferentes ámbitos. Figuras máis salientables: modernismo, Bauhaus, postmodernidade...
  • Funcións do deseño. Deseño e comunicación social. Influencia do deseño na ética e na estética contemporáneas.
  • Deseño sostible: ecoloxía e ambiente.
  • Principais campos de aplicación do deseño: gráfico, de interiores, de moda e de produtos.
  • Deseño e arte. Diferenzas e similitudes entre o obxecto artístico e o obxecto de deseño. Proceso do deseño: deseño e creatividade.

2. Teoría da percepción visual. Elementos da configuración formal

  • Teoría da percepción visual. Proceso da percepción visual. Leis da Gestalt.
  • Elementos básicos da linguaxe visual: punto, liña, plano, cor, forma e textura. Aplicación ao deseño.
  • Linguaxe visual: creación de mensaxes visuais.
  • Sintaxe visual. Sistemas de ordenación: estrutura e composición. Recursos na organización da forma e do espazo, e a súa aplicación ao deseño: repetición, ordenación e composición modular, simetría etc.
  • Cor: modelos, gamas, interacción e harmonía. Espazos de cor. Deseño e función. Relación entre forma e función. Análise da dimensión pragmática, simbólica e estética do deseño.

3. Teoría e metodoloxía do deseño

  •  Introdución á teoría do deseño: definición de teoría, metodoloxía, investigación e proxecto.
  •  Fases do proceso do deseño: formulación e estruturación (suxeito, obxecto, método e finalidade), elaboración e selección de propostas, e presentación do proxecto.
  • Planificación do proceso de execución: propósito, necesidades, estilo…
  • Materiais técnicos e procedementos para a realización de esquemas e bosquexos gráficos.

4. O deseño gráfico

  • Funcións comunicativas do deseño gráfico: identidade, información e persuasión.
  • Ámbitos de aplicación do deseño gráfico.
  • Deseño gráfico e sinalización. Sinalética. Principais factores condicionantes, pautas e elementos na elaboración de sinais.
  • Aplicación do deseño gráfico.
  • Tipografía: carácter tipográfico. Elementos tipográficos. Lexibilidade. Clasificación dos tipos e principais familias tipográficas.
  • Identidade corporativa: a marca, o logotipo, inicial, sinatura, isotipo, monograma, anagrama, sigla, imagotipo, isologotipo, símbolo...
  • Deseño publicitario. Fundamentos e funcións da publicidade. Elementos da linguaxe publicitaria.
  • Programas informáticos de Ilustración e deseño: deseño vectorial e de maquetaxe: Corel Draw, Inkscape etc.

 

Proceso de deseño dun logo

 

5. Deseño do produto e do espazo

  • Nocións básicas de deseño de obxectos.
  • Proceso creativo no deseño de obxectos e espazos: estudo previo, planificación, bosquexos, representación gráfica, modelo ou maqueta.
  • Funcións, morfoloxía e tipoloxía dos obxectos. Relación entre obxecto e usuario/a.
  • Conceptos básicos de ergonomía, antropometría e biónica e a súa aplicación ao deseño de produtos e interiores.

 

Recursos empregados

Para acceder ao material, precísase dun dispositivo electrónico, xa sexa ordenador, tableta ou móbil, e conexión a Internet, aínda que é posible descargar en PDF algún dos contidos (en cada unidade hai unha zona de descargas).

As unidades didácticas están deseñadas para funcionar como unha páxina web con elementos informativos e outros interactivos integrados nela. No repositorio Abalar aparecen de forma independente para non superar o peso máximo dos 100 Mb.

Os ODE preséntanse en formato html nunha carpeta comprimida en formato .zip. A carpeta con todos os arquivos do proxecto pode gardarse no disco duro e, despois de extraer os ficheiros, executarse desde o arquivo index.html, sendo posible a súa utilización sen conexión a Internet. Tamén se pode aloxar nun servidor web.

A navegación é fácil e intuitiva a través das barras e iconas de navegación. Funciona cos principais navegadores web como Firefox ou Opera e Safari, e cos sistemas operativos Android e iOS, polo que se pode empregar en tabletas e móbiles. Recoméndase ter unha versión actualizada do navegador para que funcione cos estándares habituais de html5, css3, javascript e php.

Para a incorporación nunha aula virtual hai que ir a Engadir ficheiro> Descomprimir>Establecer index.html como ficheiro principal.

Ademais, o profesorado pode descargar os arquivos no formato .elp do editor de páxinas web de eXeLearning e facer as modificacións que crea oportunas sempre que o produto final teña a mesma licenza de uso, neste caso a CC BY-NC-SA 4.0

 

Descrición dos ODE

Os cinco ODE presentan a mesma estrutura. Ao inicio preséntase un índice que funciona de guía da unidade. O menú é despregable desde a barra lateral da esquerda. En cor branca destácase o tema principal do que depende o contido.

Os contidos e as actividades están identificados cunha icona que informa de que tipo de exercicio se trata. A continuación describimos as máis repetidas:

 

URL dos cinco ODEs:

UD01. Fundamentos do deseño
UD02. Percepción visual e configuración formal
UD03. Teoría e metodoloxía do deseño
UD04. Deseño gráfico
UD05. Deseño industrial

 

Metodoloxía

As unidades didácticas da materia de Deseño parten dunha metodoloxía funcional e práctica, na que o alumnado é o centro de interese. O enfoque competencial que se destaca no currículo propicia as metodoloxías activas e interactivas.

No desenvolvemento das unidades combínase a parte expositiva dos temas, aínda que deixando sempre un espazo para a participación activa do alumnado a través de investigacións e da planificación e elaboración de proxectos de deseño. As tarefas propostas son prácticas e funcionais, e a maioría ten diferentes niveis de consecución. Así, por exemplo, facer un obxecto determinado coa súa análise histórica correspondente, analizando a tecnoloxía empregada, terá diferentes niveis de consecución.

 

Bosquexos de deseño gráfico

 

As unidades didácticas contan con múltiples actividades interactivas con información que funciona como retroalimentación, para afianzar os contidos e o manexo dunha terminoloxía apropiada ao campo de estudo, e outras dirixidas ao fomento da autonomía e á ampliación de información.

As actividades, tanto conceptuais coma procedimentais, facilitan o traballo cooperativo na aula e fomentan o traballo entre iguais.

O proxecto combina o emprego das tecnoloxías da información e da comunicación, pero tamén se estimulan e traballan os procedementos manuais e a aprendizaxe a partir da observación de campo e da expresión individual.

Préstase especial atención aos aspectos inclusivos e de diversidade, resaltando e pondo en valor o papel feminino no deseño e na arte en xeral. A perspectiva de xénero permite analizar e reflexionar sobre o sexismo e outras discriminacións, coa finalidade de que o alumnado adquira uns coñecementos e abordar o seu traballo dunha forma máis equitativa e respectuosa, evitando a discriminación e os estereotipos de xénero.

 

 Avaliación

Os criterios de avaliación do alumnado seguen os estándares de aprendizaxe do decreto curricular da materia de Deseño. Poténciase unha avaliación integral e continua do traballo na aula, así como a autoavaliación do alumnado tanto do resultado do traballo coma do proceso.

Tamén se fomenta o uso dun caderno de aula como método de aprendizaxe para o alumnado e como ferramenta de avaliación dos logros acadados.

A maioría das actividades conta cunha retroalimentación que pode servir de guía para o alumnado.

Algunhas actividades de traballo individual ou grupal contan con rúbricas adecuadas para a súa avaliación. Tamén hai probas tipo test e de resposta aberta.

 

Actividades interactivas

 

Posta en práctica e conclusións

Respecto da avaliación do propio material, aínda está nunha fase moi inicial, xa que hai pouco tempo que se puxo á disposición do repositorio de Abalar.

As compañeiras que o están comezando a empregar destacan que o material resulta un complemento moi útil para o traballo de aula porque lle permite ao alumnado acceder a contidos e actividades guiadas e traballar modelos de exercicios da ABAU.

Esperamos que resulte útil no desenvolvemento da materia e que o profesorado adapte e modifique o que estime oportuno.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bernhard E. Bürdek (2019). Diseño. Historia, teoría y práctica del diseño del producto. Madrid: Ed. Experimenta.

Fiell, P. (ed). (2000). El diseño del siglo XX. Barcelona: Taschen.

Fiell, P. (ed). (2000). El diseño del siglo XXI. Barcelona: Taschen.

Meggs, P. B. e Purvis, A. (2009) Historia del diseño gráfico. Barcelona: Editorial RM.

Munari, B. (1983). ¿Cómo nacen los objetos? Apuntes para una metodología proyectual. Barcelona: Ed. Gustavo Gili.

Munari, B. (2016) Diseño y comunicación visual. Contribución a una metodología didáctica. Barcelona: Ed. Gustavo Gili.