Ellas escriben

Unha xanela dixital ás mulleres escritoras na literatura do currículo de cuarto da ESO
Neste artigo preséntase o recurso Ellas escriben, recurso de gamificación creado en Genially para traballar contidos literarios nos que se inclúen 17 figuras femininas relevantes do currículo de cuarto da ESO. Recóllese non só unha descrición do recurso, senón tamén unha breve reflexión sobre a súa posta en práctica en tres grupos de cuarto da ESO e dous de PDC 2 (cuarto da ESO) no presente curso académico.

Soraya Cortiñas Ansoar, docente de Lingua Castelá e Literatura
IES San Tomé de Freixeiro (Vigo-Pontevedra)
Ana Rodríguez Pérez, docente de Lingua Castelá e Literatura
IES de Mos (Mos-Pontevedra)

 

1. Contextualización

En 1928, Virginia Woolf preguntábase se as mulleres non poderían formar parte da historia, aínda que só fose nun espazo «moi discreto» para «figurar nel sen impropiedade». Case 100 anos despois, aínda non se acadou esta representación.

A proposta dixital Ellas escriben busca axudar na construción dese espazo propio centrándose no labor das escritoras, esquecidas no ámbito escolar. Concretamente, este proxecto enmárcase no período literario que vai entre o século XVIII e a actualidade, que curricularmente se traballa na materia de Lingua Castelá e Literatura de cuarto da ESO.

Debido a isto, con esta proposta quérese abrir ese espazo para aquelas escritoras esquecidas polos libros de texto e complementar a literatura dada nos nosos centros educativos cunha representación feminina das mellores plumas da nosa literatura. Sobre todo, quéreselle ofrecer ao alumnado o coñecemento dunhas figuras femininas apoderadas que sexan punto de partida para a reflexión cara a igualdade e, especialmente para as alumnas, unhas iconas de calidade nas que poidan sentirse representadas.

 

2. Descrición e obxectivos

O proxecto Ellas escriben está formado por nove unidades didácticas nas que se traballa desde a gamificación con 17 mulleres que destacaron no ámbito literario en lingua castelá. Estas personaxes, que cronoloxicamente representan cada un dos períodos que curricularmente se recollen no bloque temático de educación literaria, permitirán que os discentes coñezan nomes femininos e os sitúen cronolóxica e fisicamente nun mapa interactivo, que apliquen de maneira práctica os coñecementos sobre as características literarias de cada período aos textos das plumas femininas, e que consigan valorar o papel da muller en diferentes períodos nos que este non tiña importancia. Neste material, polo tanto, preténdese traballar desde un enfoque que promove a igualdade de xénero e reivindica a figura feminina na literatura.

Así, preséntanse nove xogos —un por cada unidade— que combinan principalmente o xogo de rol e o breakout. O alumando atópase sempre cun problema inicial: as mulleres desapareceron da historia da literatura e encárgaselle a misión de resolver esta situación a través dunha pescuda.

Polo tanto, o alumnado debe viaxar non só no espazo, senón tamén no tempo para atopar catro códigos para resolver cada misión. O primeiro código está asociado co contexto histórico, o segundo coas características literarias da época e o terceiro e cuarto coas mulleres literatas e a súa obra. Para conseguilos deberá superar distintas probas, desde preguntas de consolidación sobre os contidos ou de comprensión lectora dos textos das autoras ata quebracabezas, aforcados ou buscar elementos agochados.

Finalmente, cando consiga os catro códigos, poderá abrir o perfil da autora e cubrilo atendendo ás instrucións dadas (inclúese rúbrica para a corrección).

Neste sentido, os obxectivos do recurso Ellas escriben son:

  • Introducir a perspectiva de xénero utilizando a literaura como material de traballo.
  • Situar cronolóxica e fisicamente nomes de escritoras destacadas en lingua castelá.
  • Coñecer e valorar os nomes de literatas (século XVIII-actualidade).
  • Aplicar as características literarias de cada período literario a textos representativos escritos por mulleres.
  • Espertar o espírito investigador no alumnado.
  • Promover a creación baseada na investigación.
  • Mellorar a inferencia e comprensión de información tanto en soporte oral coma escrito.
  • Presentar a literatura como algo atractivo para o alumnado.
  • Darlle a coñecer a figura feminina na literatura en español á sociedade.

Tendo en conta estes obxectivos, todas as unidades elaboradas presentan en común a interdisciplinariedade, a perspectiva de xénero, o traballo en equipo, a creatividade e o emprendemento dos discentes.

 

3. Ferramenta empregada para a creación do material

A ferramenta que utilizamos para a creación do material foi Genially. As razóns foron varias: posibilidades de presentación que ofrece, a súa versatilidade e a posibilidade de traballar nunha mesma plataforma con grande cantidade de recursos (texto, audio, vídeo, mapas…). Do mesmo xeito, destacamos a interactividade que supón para o alumnado e a estética variada e atractiva que ofrece.

 

4. Secuenciación e contidos de cada unidade didáctica

Nas nove unidades didácticas xa descritas traballaranse as personaxes literarias escollidas, tal e como se recolle na seguinte lista:

UNIDADE 1: Século XVIII

- María Rosa de Gálvez

UNIDADE 2: Romanticismo:

- Gertrudis Gómez de Avellaneda

- Carolina Coronado

UNIDADE 3: Realismo/Naturalismo:

- Emilia Pardo Bazán

- Fernán Caballero

UNIDADE 4: Xeración do 98

- Carmen de Burgos

- Concha Espina

UNIDADE 5: Modernismo

- Clara Campoamor

- Delmira Agustini

UNIDADE 6: Xeración do 27

- Concha Méndez

- Luisa Carnés

UNIDADE 7: Poesía a partir de 1950

- Blanca Andreu

- Elvira Sastre

UNIDADE 8: Novela a partir de 1950:

- Ana María Matute

- Carmen Martín Gaite

UNIDADE 9:Teatro a partir de 1950:

- Laila Ripoll

- Luisa Cunillé

 

5. Perfil competencial traballado

O material didáctico Ellas escriben e os contidos referenciados nel contribúen  ao desenvolvemento das competencias clave tal e como se sinala a continuación:

a) Competencia para a conciencia e expresión cultural. Os discentes coñecerán e recoñecerán as relacións existentes entre as manifestacións artísticas e a muller que as crea a través de exercicios interactivos de análise de textos. Isto implica desenvolver conciencia da evolución do pensamento e das correntes estéticas e apreciar a creatividade implícita na expresión de ideas, experiencias ou sentimentos mediante a literatura

b) Competencia cidadá. O alumnado coñecerá a evolución e organización das sociedades, así como os seus valores políticos, morais e culturais a través de actividades de reflexión sobre contidos relacionados coas mulleres obxecto de estudo. Do mesmo xeito, os discentes serán os encargados de crear o material para divulgar información sobre as literatas coas que se traballou nas actividades.

c) Competencia en comunicación lingüística. Esta é, quizais, a competencia máis traballada neste material. Así, a análise lingüística de textos e o traballo coa súa comprensión e produción será constante. De feito, pretendemos que a lingua, como ferramenta de comprensión e representación da realidade, lle sirva como instrumento social ao alumnado para promover a igualdade, a eliminación de estereotipos e a resolución pacífica de conflitos. Metodoloxicamente, así, a/o profesora/or decidirá se as actividades se realizan individualmente ou en grupo.

d) Competencia emprendedora. Nas tarefas presentadas en cada unha das UD fomentaremos o uso de fontes diferentes para a recollida de información, así como o emprego de mecanismos axeitados de selección e tratamento da información.

e) Competencia dixital. O alumnado discriminará no uso de soportes informáticos a elección de fontes fiables de información e aprenderá a manifestar as súas ideas ou pensamentos a través do soporte dixital.

f) Competencia persoal, social e de aprender a aprender. Ao longo das nove unidades foméntase mediante diferentes actividades a implicación e a disposición do alumnado xerando un rol activo no que os propios discentes son responsables da súa propia formación e da dos seus compañeiros e compañeiras.

g) Competencia matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñería. Esta competencia traballarase coa presenza de scape rooms en todas as unidades, así como con actividades de razoamento lóxico.

h) Competencia plurilingüe. O alumnado, coa realización dos exercicios propostos nas unidades didácticas, coñecerá e valorará criticamente o contexto cultural das escritoras traballadas, integrando así este coñecemento no seu desenvolvemento persoal.

 

6. Metodoloxía de aplicación

A metodoloxía de aplicación de Ellas escriben favorece o papel activo do alumnado desde un punto de vista construtivista e interdisciplinario no que a motivación é o punto de partida.

Para lle facilitar ao profesorado que utilice este material nas aulas o traballo e temporalización dos contidos, as unidades pódense traballar individualmente e obter unha avaliación en cada unha delas.

Do mesmo xeito, será a/o discente que utilice este material quen decida se o traballo con el se produce dentro ou fóra da aula, así como se se trata dun material de traballo para todo o alumnado ou para ampliar contidos e coñecemento daqueles discentes que así o requiran.

 

7. Medidas de atención á diversidade e de promoción da convivencia

As medidas de atención á diversidade presentes neste material son:

a) Inclúense en cada unidade didáctica actividades ou información de afondamento para o alumnado que o desexe.

b) Os contidos da maioría de actividades non sempre incorporan conceptos novos, senón un enfoque máis profundo dos coñecementos tratados.

c) En todo momento se usan materiais audiovisuais e software como axuda nas explicacións cando se estime oportuno.

d) En todas as propostas se intentou adaptar o texto ao alumnado con dislexia, polo que, sempre que foi posible, se empregou letra de gran tamaño onde se distingue ben cada carácter. Asemade, emprégase a negriña para destacar a información máis importante.

e) Para o alumnado con TDA optouse por ofrecer pouco texto en cada secuencia e tarefas breves de curta duración. Asemade, a interactividade do exercicio enténdese como unha ferramenta motivadora e facilitadora para manter a atención.

A promoción da convivencia é un dos eixes fundamentais de Ellas escriben, seguindo as seguintes pautas de acción:

a) Promoción da reflexión. En todas as unidades se ofrece un espazo para a reflexión conxunta no que o estudantado deberá buscar o ben común. As alumnas e alumnos non só poderán ver as respostas ou reflexións das compañeiras e compañeiros da aula, senón de todo o alumnado que utilizou o material educativo. Ábrense así as fronteiras do centro educativo e os discentes opinarán como membros dunha sociedade global na que se deben respectar uns aos outros.

b) Expresión positiva das emocións. Nos comentarios subxectivos dos textos escollidos para traballar, os discentes deberán realizar unha expresión positiva das emocións, empatizando coa autora e desenvolvendo a crítica respecto do momento histórico no que esta viviu.

c) Comunicación e cooperación. Se a metodoloxía escollida polo profesorado é a de traballo en grupo, a cal recomendaremos, a comunicación e cooperación dos estudantes serán constantes. Pola súa vez, como a finalidade principal é crear unha base de datos interactiva na que se visualice a figura feminina na literatura en castelán (española e hispanoamericana), o traballo en equipo e o sentimento de grupo serán constantes.

d) Xestión democrática das normas e resolución construtiva dos conflitos. Debido a que a literatura está conectada directamente co contexto histórico no que esta se desenvolve, nas actividades de promoción da reflexión, en numerosas ocasións, os discentes deberán empatizar coa autora e decidir (role playing) como se puido actuar para mellorar a situación do momento. Do mesmo xeito, se a dinámica desde a que se traballa é o traballo en equipo, a xestión democrática das normas e resolución construtiva dos conflitos serán completamente necesarias.

 

8. Avaliación

A avaliación do alumnado realizarase principalmente de forma integradora, tendo en conta a consecución dos obxectivos establecidos para o recurso e o desenvolvemento das competencias correspondentes. Por iso, a avaliación farase por competencias en todo momento. Así, tal e como se presenta na seguinte táboa, os criterios e instrumentos propostos respecto de cada tipo de actividade son os seguintes:

AVALIACIÓN DO ALUMNADO

ACTIVIDADE

CORRECCIÓN

CRITERIOS

INSTRUMENTOS

 Actividades de autocorrección

Automática

 ______________

 _______________

Actividade de situación xeográfica da autora no mapa cronolóxico e físico

Automática

 ______________

 _______________

Participación no taboleiro colectivo en cada unidade didáctica

Por parte do profesorado

Os contidos na rúbrica que se facilitará ao profesorado (véxase na unidade presentada de mostra)

Rúbrica que se facilitará a discentes e docentes

Comentario de textos

Por parte do profesorado

Os contidos na rúbrica que se facilitará ao profesorado

Rúbrica que se facilitará a discentes e docentes

Creación do perfil de Instagram da autora

Por parte do profesorado

Os contidos na rúbrica que se facilitará ao profesorado (véxase na unidade presentada de mostra)

Rúbrica que se facilitará a discentes e docentes

Creación do material audiovisual final

Por parte do profesorado e do alumnado

Os contidos na rúbrica que se facilitará ao profesorado

Rúbrica que se facilitará a discentes e docentes

 

Do mesmo xeito, coa finalidade de mellorar os xogos, estanse probando no presente curso académico (2023/24) nos IES nos que as profesoras creadoras do recurso desempeñan o seu labor como docentes. Deste xeito é o propio alumnado quen di como mellorar o recurso.

 

9. A posta en práctica

Este material probouse en varios grupos de cuarto da ESO de maneira individual e tanto cambiando de espazo (na aula de informática do centro) coma na propia aula cos seus dispositivos móbiles.

 

Na aula de informática

 

Traballando en grupo

 

Dispositivo móbil

 

En xeral, a posta en práctica (nivel cuarto da ESO) resultou moi ben acollida polo alumnado, quen describiu o material como unha alternativa amena ás clases tradicionais. De feito, en grupos como cuarto da ESO PDC, as unidades didácticas probadas ata agora foron caracterizadas como a mellor opción para a adquisición de coñecemento. Como proba de todo isto, o alumnado referiu que o repaso dos contidos traballados na aula lle permitiu consolidar os coñecementos adquiridos previamente.

Pola súa vez, o que máis valoraron foron as actividades que se afastan un pouco do estritamente académico: quebracabezas, busca de elementos, sopas de letras… e poder descubrir nomes de escritoras que non adoitan aparecer nos libros de texto. Non hai máis que ler o escrito por unha alumna nun dos muros finais dunha das actividades para entender o dito:

 

Opinión da alumna

 

11. Conclusións

Consideramos, tras a posta en práctica de dúas das nove unidades (unidade 1 e unidade 2) e a positiva valoración do alumnado, que o recurso funciona. De feito, parécenos indiscutible que a creación de recursos dixitais complementarios máis achegados ao mundo dos estudantes, con elementos motivadores e interactivos que os conecten aos contidos, favorece a consolidación destes e das aprendizaxes adquiridas previamente.

Do mesmo xeito, cremos que estes recursos, máis lúdicos e elaborados desde unha perspectiva que avogue pola igualdade de xénero, permiten que nos oídos dos nosos discentes teñan, polo menos eco, aquelas figuras femininas que destacaron na nosa historia e literatura.

 

 

Bibliografía: 

 

 

WOOLF, Virginia (2016). Una habitación propia. Barcelona: Austral.