Uso/abuso da telefonía móbil entre o alumnado de ensinanza secundaria

Análise e repercusións nos centros escolares
Debido ás preocupacións que o teléfono móbil estaba xerando nos centros escolares nos que interviñamos no eido profesional e dado que estaban aparecendo novos problemas nestes, considerouse oportuno abordar o presente traballo: “A incidencia do teléfono móbil na mocidade de ensinanza secundaria da provincia de Pontevedra”, froito dunha tese de doutoramento dirixida pola profesora Aurora García González da Universidade de Vigo, dentro do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación.

José Raposeiras Correa
Catedrático de Orientación Educativa
Equipo de Orientación Específico de Pontevedra
joseraposeiras@edu.xunta.es

 

O teléfono móbil, unha especie de comodín multiusos que “chegou silenciosamente, se adaptou aos nosos bolsos, converteu os SMS nunha nova forma de comunicación, se puxo guapo con novos deseños, e agora xa nos parece que non podemos vivir sen el”.

                                                                                                                                                                                                                                                Tema do día en El Correo Gallego (páxina 7) do día 22 de xullo de 2006, baixo o título de “Quen non ten móbil?”

 

O que se observaba nas institucións educativas

Así estaban as cousas entre os anos 2005 e 2007, aproximadamente. Os membros das comunidades educativas –familias, profesorado e alumnado– dos centros tiñan o seu propio criterio ao respecto. Ata que soaron as alarmas en varios institutos e colexios e tamén nos propios domicilios familiares. Estabámonos deixando levar a un terreo descoñecido case por todos. As cosas empezaban a pintar mal. Os adolescentes encontráronse de repente cun utensilio tecnolóxico de auténtico luxo, o seu novo selo de identidade, un teléfono persoal, da súa propiedade e cun número secreto (PIN). Os pais non se daban de conta da que lles viña encima. Sen saber o como nin o por que empezouse a introducir este “pequeno aparato” no fogar. Os rapaces encargáronse de investigar, de buscar como e para que usalo, de explotar todas as súas potencialidades, boas e malas. As compañías déronse de conta de que se lles abría un novo campo de consumo, de ganancias. Novos e atractivos clientes irrompían no mercado e, o mellor, xa os tiñan enganchados. Nos medios de comunicación aparecían continuamente titulares alarmantes. Os profesores, case da noite para a mañá, encontráronse cun alumnado de hábitos diferentes.

Non eran poucos xa os problemas escolares existentes nos colexios e institutos que, sen ter arte nin parte, se lles engadía un novo. Os alumnos viñan acompañados dunha especie de xoguete que soaba na aula, sacaba fotos, escribía, falaba e ata respondía con eles. Estes alumnos enfadábanse polas reprimendas porque non prestaban atención ou porque llelo retiraban e aí aparecían os enredos. Nalgunhas ocasións de conflitos escolares, os pupilos contaban co apoio dos seus pais, que entendían que tiñan que comunicarse con eles e telos localizados… Algunhas das inquietudes expresadas con anterioridade polos axentes participantes no proceso educativo leváronnos a todos a reflexionar en conxunto para lle facer fronte a esta avalancha de despropósitos tecnolóxicos no que ao negativo se refire, para regular normas consensuadas a través do Consello Escolar e aplicalas desde o Regulamento de réxime interior. E niso estamos e continuamos… Hoxe parécenos necesario incluír esta temática dentro do currículo orientador da ensinanza secundaria.


As novas tecnoloxías, entre as que se inclúen o ordenador, o teléfono móbil e internet, expanden as posibilidades de comunicación, posibilitan o desenvolvemento doutras habilidades e formas de construción do coñecemento e xeran novas culturas. Preséntasenos, pois, a necesidade de coñecer e comprender en profundidade o uso que os adolescentes fan ou poden facer das tecnoloxías da información e da comunicación. Como, cando, por que e para que as utilizan, con que frecuencia o fan e o que significan na súa vida ordinaria, así como a influencia que exercen nas relaciones interpersoais.  

Perspectivas da investigación

O exposto con anterioridade como punto de partida levounos a facer o citado estudo, no que abordamos as inquietudes e preocupacións efectivas en varias comunidades educativas da provincia de Pontevedra, relativas ao uso e abuso da telefonía móbil entre o alumnado de ensinanza secundaria de Galicia.

Na investigación de doutoramento que levamos a cabo, buscouse un enfoque epistemolóxico no marco das ciencias sociais, tratando de coñecer as prácticas socias dunha época, en concreto o uso do teléfono móbil, para chegar ao coñecemento da verdade das cousas. Para iso acudimos á perspectiva teórica da comunicación. O obxecto de estudo –o uso do dispositivo celular– pareceunos que podía ser considerado como proceso comunicativo, de aí a nosa pretensión de tratalo como un feito cultural e non reducir a súa problemática só ás TIC. Por outra banda, tivemos en conta tamén á perspectiva pedagóxica, dado que todo proceso de ensinanza/aprendizaxe implica un proceso de comunicación.

Hipótese e obxectivos do traballo

Os teléfonos móbiles fomentan a competitividade e a agresividade en detrimento dos valores familiares, ademais de estar minando a vontade de moitos mozos e adolescentes.

Unha vez delimitados os contextos de referencia, propuxemos para a investigación dous obxectivos de carácter global:

1. Analizar o comportamento do alumnado de secundaria coa utilización dos sistemas de comunicación a través do teléfono móbil.

2. Buscar unha proposta de formación dirixida aos alumnos como consumidores responsables do dispositivo celular.

Estes dous obxectivos xerais levaríannos a outros máis específicos:

  • Contrastar as opinións dos alumnos, profesores e pais con respecto a posibles accións educativas que puidesen desenvolverse nese ámbito.
  • Coñecer as principais vantaxes e inconvenientes dos móbiles, de uso cotián entre os estudantes.
  • Describir a nova cultura das mensaxes de texto curtas, así como as repercusións comunicativas dos novos códigos lingüísticos.
  • Expoñer a necesidade dun cambio de tendencia en canto ao uso abusivo do celular no contexto socioeducativo e familiar.  
  • Propoñer que a educación para o bo uso do móbil debe formar parte dos currículos escolares dentro dos contidos transversais.
  • Presentar a necesidade dunha capacitación e coordinación adecuada entre o profesorado e as familias.
  • Detectar respostas educativas posibles para crear sistemas de información e formación tridimensional: ao alumnado, profesorado e familias.

Metodoloxía aplicada

Neste apartado aproveitáronse todas as oportunidades profesionais para facer unha intervención global co alumnado, co profesorado e coas familias, servíndonos de distintos paradigmas e dun pluralismo metodolóxico. Esta tese inclúe dúas partes básicas que, non obstante, se interrelacionan entre si: unha parte teórica e unha parte empírica, admitindo o principio de complementariedade entre a investigación cuantitativa e a cualitativa.

A primeira parte inclúe o corpus documental e o marco teórico conceptual: antecedentes telefónicos, estado da cuestión nese momento, implicacións educomunicativas, vantaxes e inconvenientes do móbil e a súa aparición nos contextos escolares, os contidos dos SMS e a análise dos seus códigos lingüísticos etc., realizando, así mesmo, unha análise bibliográfica e lexislativa, así como unha exhaustiva revisión en prensa e revistas sobre o tema principal. Da mesma maneira consultamos importantes bases de datos, en soporte dixital ou rede de redes, que utilizamos tamén como recurso metodolóxico.

A parte empírica do traballo responde a unha análise de investigación cuantitativa de datos e as súas correspondentes apreciacións cualitativas. Optouse polo método descritivo e un estudo de enquisa. Tamén utilizamos a técnica cualitativa de grupos de debate, mantendo diversas reunións con estudantes non universitarios, profesores e equipos directivos –nos institutos, centros públicos integrados e colexios privados– e con pais, a través das escolas de familias (sesións informativas/formativas).

Á hora de elaborar o deseño do estudo empírico, para obter datos cuantitativos tomáronse como referencia os parámetros dunha poboación de usuarios do teléfono móbil formada polo alumnado do sistema educativo galego de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional de grao medio. A mostra seleccionouse a través dos datos estatísticos de mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, en centros públicos e privados representativos das catro provincias. Este alumnado pertencía aos cursos de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de bacharelato e ciclos formativos de grao medio, durante o ano académico 2005/2006.

Nun primeiro momento pensouse que a investigación abarcase a Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, debido á actividade profesional do autor da tese, centrouse só na provincia de Pontevedra. Entendiamos que, con este cambio, se conseguiría unha mellor distribución da mostra (máis centros educativos nunha menor demarcación xeográfica) e, sobre todo, un maior control experimental.

Resumo da ficha técnica da investigación

  • Ámbito: Pontevedra.
  • Universo: N = 38.888 alumnos da provincia.
  • Tipo de enquisa: enquisa persoal con cuestionario estruturado.
  • Tamaño da mostra do alumnado: 2.350 cuestionarios para o conxunto da provincia. Distribución en tres submostras de 1.160 cuestionarios para os alumnos de terceiro/cuarto da ESO, 888 para primiero/segundo de bacharelato e 302 para os alumnos da FP de grao medio.
  • Nivel de confianza: 95,45 % (sigmas).
  • Fecha de aplicación: marzo, abril, maio e xuño de 2006.

Tendo en conta o peso de cada estrato e o tamaño de mostra deste, así como os dous tipos de centros, a mostra de partida para traballar na provincia de Pontevedra repártese por centros, de forma representativa, e queda da seguinte maneira:

 CUESTIONARIOS

CENTROS PÚBLICOS

 CENTROS PRIVADOS

     TOTAL

3.º/4.º de ESO

         648

          512

     1.160

1.º/2.º de bacharelato

         496

          392

      888

FP de grao medio

         169

          133

      302

     TOTAL

       1.313

        1.037

     2.350 = n

Os centros foron seleccionados ao chou (mostraxe aleatoria). En todo caso, a distribución fíxose tendo en conta a organización comarcal e os criterios demográficos e xeográficos. Pretendíase que o repartimento tivese en conta a dispersión do medio rural e as zonas de máis concentración de poboación dentro do ámbito provincial.

 

 

En relación coa preparación do traballo de campo, efectuouse un cálculo polo que se determinou o número de centros escolares da provincia nos que iamos intervir para recoller os datos necesarios da investigación a través de enquisas, entrevistas, reunións e grupos de debate. A primeira selección fíxose con 54 centros (30 públicos e 24 privados), dun total de 204 centros que había en toda a provincia (114 públicos e 90 privados).

A modo de prevención e coincidindo con visitas a outros institutos ou colexios, pareceunos que sería favorecedor aumentar algo máis o tamaño da mostra para poder contar con máis achegas. Desta maneira, ao final de todo o proceso conseguimos poñer en marcha a aplicación dun total de 2.619 cuestionarios relativos ao alumnado. Este aumento parecíanos igualmente significativo, tendo en conta que o tamaño da mostra para toda a Comunidade Autónoma de Galicia estaba calculado para 2.500 alumnos (n= 2.500).

En canto aos criterios para os cuestionarios do profesorado, buscouse unha representación tomada da poboación de equipos directivos e profesorado pertencentes aos centros seleccionados para a investigación. Nestas institucións había un total de 2.769 profesores (1.731 en centros públicos e 1.038 nos privados). Así, 54 centros, a unha media de 25 profesores por centro, daban un total de 1.350 cuestionarios. 

Para o apartado relativo aos criterios relacionados cos cuestionarios das familias, partimos dunha representación tomada de pais/nais dos centros seleccionados. Neste caso, buscouse información nas familias do alumnado ao que se lle aplicou a enquisa. Aproveitando o día no que os alumnos completaban os cuestionarios no centro, enviamos por eles mesmos o exemplar. Así, de forma proporcional e á alza, respectando o tamaño dos centros, distribuíronse 1.620 cuestionarios (unha media de 30 familias por centro).

Cabe subliñar que na maioría das veces contamos coa colaboración dos centros participantes, partindo da información para o consentimento ao Delegado Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á Inspección Educativa correspondente e logo de lles pedir permiso aos directores e de que nos autorizasen.  

Unha vez obtidos os citados permisos e autorizacións, buscamos persoas de enlace nos IES, CPI e CPR, con explicacións aos docentes dos citados centros sobre o que se pretendía, para aplicar os cuestionarios co alumnado, familias e profesorado, reunións, grupos de debate, sesións de titoría… Unha visión global do tema con retroalimentación in situ para abordar o que estaba acontecendo nos últimos anos, para reflexionar sobre a comunicación a través da telefonía móbil, contrastando as opinións dos membros das comunidades escolares participantes con respecto ás posibles acciones educativas e analizando o comportamento e a actitude do alumnado coa utilización desta tecnoloxía.

Nos tres contextos citados, buscábase a análise e o contraste de opinións, así como as observacións pertinentes sobre as inquietudes e opinións dos participantes na investigación. As variables obxecto do estudo son o uso, consumo, beneficios, dependencia e aproveitamento de recursos en relación coa telefonía móbil, procurando descubrir factores de tipo pedagóxico, psicolóxico, social e familiar. A cuantificación final resultante, logo da recollida de datos, foi de 1.805 cuestionarios do alumnado, 985 do profesorado e 848 de familias. 

 

 

Conclusións do estudo sobre a incidencia do teléfono móbil na xuventude de ensino secundario de Pontevedra

O traballo desenvolvido nos apartados precedentes permitiunos extraer varias conclusións en función dos resultados obtidos. Faise fincapé deseguido nas que consideramos como máis significativas:

  • A maioría das familias que contestaron as enquisas (78 %) manifestaba que non controlaba as chamadas nin as mensaxes de texto que facían ou recibían os seus fillos. Así mesmo, entendían que esas chamadas non eran todas necesarias.

  • O profesorado opina que a linguaxe sintética e transgresora dos SMS constitúe unha desvantaxe, xa que salta as regras gramaticais e empobrece a linguaxe.
  • O uso do móbil en horario lectivo é unha falta de disciplina porque supón a interrupción dunha clase e como tal debe ser sancionada. Así o consideran os profesores.
  • Ás familias e ao profesorado parécelles que, coa chegada da telefonía móbil aos colexios e institutos, se foron incrementando pouco a pouco os problemas de convivencia.
  • A meirande parte dos docentes (82 %) cre que con este aparato se fomentan persoas consumistas. Ademais, o 62 % deles manifesta que a mocidade de secundaria precisa formación para unha preparación como consumidores responsables.
  • Desde o punto de vista psicosocial, o alumnado manifesta que o móbil está cambiando as súas formas de comunicación, especialmente entre a xente nova, adoptando unha linguaxe peculiar e con aspectos de condutas adictivas.
  • O que prima entre a xuventude é o aspecto comunicativo. Así o demostra o feito de que as chamadas e mensaxes son as cuestións que máis valoran, xunto á localización.
  • A sensación de inquietude se non hai resposta ás chamadas ou aos SMS é algo común entre os adolescentes, xa que o 57 % así o considera. Tamén o 80 % dos pais que participaron na investigación ten a mesma opinión.


  • Un 62 % do alumnado enquisado recoñece que co uso do celular gasta máis da conta.
  • A publicidade é un factor que inflúe na adquisición do dispositivo móbil segundo a opinión da maioría dos alumnos, pais e profesores.  
  • Pais e profesores son conscientes do abuso na utilización do móbil por parte dos adolescentes, mentres que o alumnado expresa opinións contrarias.
  • O grao de dependencia dos estudantes é tal que unha gran parte deles (69 %) asegura que dorme co teléfono conectado e unha porcentaxe significativa (42 %) afirma que está pendente del todo o día.

 

 

 

 

 

  • Familias e profesorado consideran que o móbil se debería prohibir dentro das escolas. Ademais parécelles que o uso abusivo deste é prexudicial para a saúde. 
  • O tratamento das sancións e a correspondente reeducación debe levarse a cabo dentro das normas de organización e funcionamento do centro. Esta é unha das preocupacións actuais das familias e do profesorado, xa que o uso dos móbiles nos centros invita ao acoso e á intimidación entre algúns alumnos e alumnas, ademais das condutas que poñen en perigo os dereitos individuais e a dignidade das persoas.
  • Os pais e os profesores que participaron na investigación manifestaban e reclamaban a necesidade dunha normativa específica, así como a creación de barreiras éticas, para protexer os adolescentes de aspectos prexudiciais.
  • Unha parte considerable do profesorado que colaborou no estudo afirmaba que o móbil produce certo “autismo tecnolóxico” debido á falta de comunicación/interacción entre pais e fillos, o que os leva a un certo illamento.


 

Todo isto parece suxerirnos que a prevención de patoloxías se debería centrar fundamentalmente na educación, limitando razoablemente o tempo de utilización e evitando a circulación por móbil de contidos inadecuados para a saúde persoal e social (gravación de agresións e a súa posterior e enorme difusión por internet, un auténtico mecanismo de imitación). O aparato telefónico non é malo en si mesmo, aínda que é necesario ensinar a utilizalo correctamente, xa que os mozos son uns usuarios moi activos.

Contrástase, pois, a hipótese de partida ao poder confirmar que o teléfono móbil desenvolve a competitividade e a agresividade da sociedade actual, xa que fomenta persoas consumistas. Deste xeito, tal e como se percibe ao analizar o proceso investigador levado a cabo, facemos as seguintes consideracións:

  • Os estudantes de secundaria gastan máis da conta, móstranse ansiosos e preocúpanse polas novas situacións derivadas desta tecnoloxía. Excitan os seus sentimentos ante a necesidade de estar sempre conectados e, en ocasiones, atópanse estresados. Non soportan acumular chamadas perdidas nin SMS, así atópanse con outra necesidade engadida ao ter que dar resposta a todo. O compoñente emocional perde peso nas relacións interpersoais e, ás veces, aprenden como máquinas e das propias máquinas.
  • Esta mocidade déixase influenciar pola publicidade e chega a perder o seu propio criterio, en ocasións “axudada” polos adultos que llo regalan. O móbil chega a dominar a vontade de moitos dos nosos mozos estudantes da ESO, bacharelato e FP de grao medio.

Propostas en clave de reflexión

- Percíbese a necesidade de elaborar un programa concreto de información/formación tridimensional, como medida de carácter preventivo para o alumnado. Precísase unha boa educación para conseguir a correcta utilización dos dispositivos celulares, coa finalidade de favorecer a comunicación persoal nun lugar adecuado. As actuacións e pautas deste plan levaríanse a cabo no contexto educativo e familiar, coordinadas a través da acción titorial e orientadora.

- Parece conveniente incorporar a educación en comunicación aos plans de formación do profesorado: unha capacitación comunicativa, non só técnica senón para facer persoas autónomas, libres e responsables, capaces de detectar a manipulación informativa, de saber como se constrúe a realidade mediática ou de xerar a súa propia opinión. 

- Cabe suxerir que os medios de comunicación e os sistemas educativos traballen de forma coordinada. Desta maneira, reclamamos unha máis intensa vinculación dos comunicadores e dos profesores á educación e á sociedade do coñecemento. A educación hai tempo que traspasou os manuais académicos.

- Pensamos que o factor económico debería ser tido moi en conta. Os pais teñen o deber de controlar o diñeiro dos seus fillos, ademais de ensinarlles a autoxestionarse. Non lle deberían dar ou regalar todo o que lle piden.

- Parécenos que, para fomentar o uso responsable do móbil entre a mocidade, habería que establecer uns límites horarios ou monetarios, o que nos levaría a unha limitación na circulación de contidos pornográficos ou violentos, así como a unha restrición de saídas/entradas de moitas cantidades de SMS.

- As novas tecnoloxías, entre as que se encontra a telefonía móbil, non deberían ser apartadas da xuventude. En todo caso, consideramos que sería necesario inculcarlles aos adolescentes e aos mozos en xeral un coñecemento do mundo real sobre o mundo virtual, as relaciones interpersoais e o diálogo cara a cara.

Repensamento continuo a modo de observacións

  • Por todo o exposto con anterioridade, esta tese de doutoramento –presentada e defendida no mes de marzo de 2011– deixaba abertas novas liñas de investigación, debido fundamentalmente á evolución dos soportes e tecnoloxías que xa daquela estaban aparecendo continuamente, sobre esta nova pantalla audiovisual da telefonía móbil. Desta forma tamén pretendiamos que fose de utilidade para continuar co debate e con novos estudos ao respecto.
  • Da mesma maneira, entendiamos que era necesaria unha actualización constante sobre este medio tecnolóxico para favorecer a construción dunha verdadeira cultura dixital. Non existe ningunha dúbida de que os avances tecnolóxicos aos que nos enfrontamos hoxe en día están condicionando o modelo de sociedade que coñecemos. Estas novas realidades veñen determinadas por unha colección de cambios no ámbito mundial que repercuten na educación, na comunicación, na política, nos procesos de interacción social, na economía etc
  • Nos últimos cursos escolares, a elaboración e os resultados acadados na tese facilitáronnos considerables achegas dentro da dimensión técnica da educación, como docente e membro do Equipo de Orientación Específico da provincia de Pontevedra. Hoxe aproveitamos os contidos do traballo, as súas conclusións, reflexións e a análise de prensa que aparece no anexo do traballo para os posibles debates de aula, asesoramento a familias e profesorado… E continuamos investigando. Deste xeito cómpre estar repensando continuamente, desde antes, agora e cara ao futuro, innovando e adaptándonos aos recursos tecnolóxicos que se nos poidan presentar.  

Desde que Alexander Graham Bell inventou o teléfono, no ano 1876, tería que pasar case un século para que o estadounidense Martin Cooper, en 1973, crease o teléfono móbil. Poucos anos máis tarde, en concreto no 1992, Neil Papworth –no Reino Unido– enviaba a primeira mensaxe comercial da historia a través do teléfono celular, os chamados SMS (Short Message System/sistema de mensaxes curtas de texto). Seguramente, o propio Neil non podía imaxinar que moi axiña os SMS ían constituír unha das operacións preferidas pola xuventude usuaria do móbil. Pero tan só ata hai pouco tempo, xa que isto non se detén.

Así, cómpre dicir que a presente investigación de doutoramento se levou a cabo tendo en conta os inventos anteriores, pero as novas tecnoloxías da información e da comunicación continúan avanzando a ritmos vertixinosos. En poucos anos, en concreto no 2009, o ucraíno Jan Koum e o estadounidense Brian Acton creaban a chamada mensaxería instantánea, tipo WhatsApp, en California, a través dos teléfonos intelixentes. Damos paso así á nova etapa do “guatsapeo”, na que, ademais de enviar mensaxes de texto básicas, se aproveita tamén para enviar imaxes, vídeos e mensaxes de audio a través da rede en calquera lugar, comunicándose ao momento e “sen ningún custo”, sempre que estean conectados entre si.

Hoxe atopámonos, no medio dunha partida de xogo en liña, con voraces consumidores das redes sociais, como son o Facebook, o Twitter ou a través dos xa citados e populares WhatsApps, que ás veces fan saltar as alarmas. Estamos formados? De quen é a responsabilidade? Como, onde e cando se poden utilizar? Posiblemente se precise dunha adaptación/preparación das nosas mentes para a cesión de certos procesos cognitivos a esta rápida revolución dixital. Educar para a utilización destes medios, para evitar ser vítimas de delitos telemáticos, para a prevención do posibles riscos (ameazas, ciberacoso, envío de contidos eróticos ou pornográficos, falsos perfís na rede, vidas virtuais, estrés, perda de control con moito tempo de chateo ou ter moitos “amigos” sen coñecer a ningún). Cal será o prezo de todo isto? Aínda así, parécenos que son moitos máis os aspectos positivos ca os negativos, sempre que se saiban aproveitar ben estes recursos e se evite ser usuarios compulsivos. Vivir de costas á realidade que hoxe se nos está presentando non favorecería os novos procesos educomunicativos e sociais xa que, neste caso, estariamos abocados a un analfabetismo tecnolóxico ou a un sen/convivir no mundo actual.


Deste xeito, resulta obvio manifestar aquí o noso interese por esta temática, por pretender continuar con máis investigación/acción ao respecto. A motivación por esta tendencia investigadora indícannola certos titulares que son noticia, con relativa frecuencia, en diversos medios de comunicación e que están afectando, dunha maneira ou doutra, ao alumnado de varios centros educativos. Desde o punto de vista pedagóxico e sociofamiliar, coa autoridade e responsabilidade que nos outorga a lexislación vixente como docentes, consideramos que tamén é necesario estar coordinados con outros servizos e institucións –tal e como pode ser o caso dos especialistas pertencentes ás forzas e corpos de seguridade do Estado– e unir esforzos para lles facer fronte a eses problemas. De aí a necesidade de buscar e ofrecer solucións, con aprendizaxe prospectiva e innovadora, de informase cientificamente sobre esas situacións problemáticas coa finalidade de establecer, con carácter preventivo, pautas de actuación comúns.

 

Bibliografía: 

 

 

Aguaded Gómez, J. I. (2002): “Educomunicación en un mundo global”. Comunicar. Revista Científica Iberoamericana de Comunicación y Educación, 19, 7-9. Huelva: Grupo Comunicar.

Argemí, J. (2003): “Tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Bo uso, mal uso e abuso. Riscos e beneficios para a saúde biopsicosocial”. Revista Galega do Ensino, 40, 317-325. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Becoña Iglesias, E. (2007): “Adición ás novas tecnoloxías, que podemos facer”. Revista Galega do Ensino, 50, 15-18. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Berríos, LL. A., e M. R. Buxarrais ( 2005): “Las tecnologías de la información y la comunicación (TIC) y los adolescentes. Algunos datos”. Monografías virtuales. Ciudadanía, democracia y valores en sociedades plurales, 5, 1-11.

Beltrán, J. (2003): “Las TIC: mitos, promesas y realidades” Congreso sobre la Novedad Pedagógica de Internet. Madrid: Educared.

Castells, M. (2001): La Galaxia de Internet. Reflexiones sobre internet, empresa y sociedad. Barcelona: Plaza & Janés.

Castells, P. e I. Bofarull (2002): Enganchados a las pantallas. Televisión, videojuegos, internet y móviles. Barcelona: Planeta.

Cortés, A. (2003): “30 años del primer móvil”. Noticiasdot.com. Barcelona: Biblioteca do Coñecemento: Documentos e Estudos sobre Móbiles e Telecomunicacións.

Esteve Zarazaga, J. M. (2003): La tercera revolución educativa: la educación en la sociedad del conocimiento. Barcelona/Buenos Aires/México: Paidós.

Esteve Zarazaga, J. M. (2006): “Estudio sobre el uso y consumo del teléfono móvil en los jóvenes extremeños”. Consello da Xuvnetude de Estremadura, publicado en 2006, soporte dixital PDF,  1-80.

García Aretio, L. (2004): “Formar sobre y con las tecnologías”. Escuela Española, 3607, 2. Madrid.

García González, A. (2005): “La juventud en los medios”. Revista de Estudos da Xuventude, 68, 45-51. Madrid, Instituto da Xuventude.

García Matilla, A. (2004): Los niños y los jóvenes frente a las pantallas: situación de los medios de comunicación y las nuevas tecnologías de la información en España en el ámbito de la infancia y la adolescencia. Madrid: Subdirección Xeral de Información Administrativa e Publicacións.

Garitaonandia, C. e outros (2005): “Las tecnologías de la información y de la comunicación y su uso por los niños y los adolescentes”. Doxa, 3, 45-64. Madrid: Facultade de Humanidades e Ciencias da Comunicación da Universidade San Pablo CEU.

Gil, A. e outros (2003): ¿Nuevas tecnologías de la información y la comunicación o nuevas tecnologías de relación? Niños, jóvenes y cultura digital (en liña). UOC, en <http://www.uoc.edu/dt/20347/indez.html (11 de decembro de 2003).

Lafita, V. (2006): “Un nuevo concepto de comunicación: la telefonía móvil asistida al alcance de todos los públicos”. NTEC, 99-104. Albacete, en http://www.ntec.es (27 de novembro de 2007).

Lafita, V. (2007): “Las comunidades autónomas debaten el uso de los móviles en clase”.  Educaweb.com, 247, 12 de novembro de 2007.

Martínez Zarandona, I. (2002): ¿Quién decide lo que ven tus niños? Pax México.

Naval, C.; S. Lara, I. Portilla e C. Sadaba (2002): Impacto de las tecnologías de la comunicación en la juventud navarra, 2001, Navarra, Instituto Navarro de Deporte e Xuventude do Goberno Foral.

Naval, C., C. Sadaba, e X. Bringué (2003): Impacto de las tecnologías de la Información y de la comunicación (TIC) en las relaciones sociales de los jóvenes navarros. Navarra: Instituto Navarro de Deporte e Xuventude do Goberno Foral.

Pérez Rodríguez, M. A. (2004): Los nuevos lenguajes de la comunicación: enseñar y aprender con los medios. Barcelona/Buenos Aires/México: Paidós.

Pérez Tornero, J. M. (2000): Comunicación y educación en la sociedad de información: nuevos lenguajes y conciencia crítica. Barcelona/Buenos Aires/México: Paidós.

Pérez Tornero, J. M.(2003): La educación en el entorno audiovisual. Barcelona: Consello Audiovisual de Cataluña.

Pérez Yuste, A. (2002): “El proceso de implantación de la telefonía móvil en España”. Revista Antena del COITT.

Raposeiras Correa, J. (1995): “Posibilidades educativas do teléfono como recurso didáctico no ensino”. Revista Galega do Ensino, 8, 177–189. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Steward, W. (2000): Mobile Phones and Health. Independent Expert Group in Mobile Phones, en < http:// www.iegmp.org.uk/documents/cover.pdf (11 de decembro de 2004).

Vacas Aguilar, F. (2007): Teléfonos móviles: la nueva ventana para la comunicación integral. Madrid: Creacións Copyright.

Vacas Aguilar, F. (2007): “Telefonía móvil: la cuarta ventana”. ZER, 23, 199-217. Bilbao: Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade do País Vasco.

Valor, J., e S. Sieber (2003): “Uso y actitud de los jóvenes ante Internet y la Telefonía móvil”. En < http://www.iese.edu/es/files/5_9073.pdf (4 de decembro de 2004).

Valor, J., e S. Sieber (2004): Uso y actitud de los jóvenes hacia Internet y la telefonía móvil. Barcelona: e-business Center PwC & IESE.

 

Páxinas web de interese

 

- Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación. Dispoñible en http://www.aimc.es (consultada o 26 de maio de 2010).

- Asociación Protégeles. Prevención e Protección do Menor. Dispoñible en http://www.protegeles.com (consultada o 10 de febreiro de 2007).

- Clúster Audiovisual Galego. Dispoñible en http://www.clusteraudiovisualgalego.com (consultada o 27 de febreiro de 2010).

- Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. Dispoñible en  http://cntg.xunta.es/web/cnt/home (consultada o 8 de xaneiro de 2010).

- Consello Audiovisual de Cataluña (CAC). Dispoñible en http:// www.audiovisualcat.net (consultada o 28 de outubro de 2005).

- Consello da Xuventude de Estremadura. Dispoñible en http:// www.cjex.org (consultada o 29 de abril de 2010).

- Consorcio Europeo para a Investigación en Comunicación. Dispoñible en http://www.eccr.info (consultada o 15 de abril de 2004).

- Dicionario de termos SMS, Asociación de Usuarios de Internet. Dispoñible en  http://www.diccionarioSMS.com (consultada o 16 de decembro de 2009).

- “El proceso de implantación de la telefonía móvil en España”. Dispoñible en http://catedracoitt.euitt.upm.es/web_socioeconomica/articulos/procesoimplantaciontelefoniamovil.pdf (consultada o 23 de xullo de 2008).

- Estudo dos profesores do IESE, Josep Valor e Sandra Sieber. Dispoñible en http://www.iese.edu/es/files/5_9073.pdf (consultada o 4 de decembro de 2004).

- “Hablar por el teléfono móvil (celular). Reglas no escritas. Uso adecuado”. Dispoñible en http://www.protocolo.org/social/conversar_hablar/hablar_por_el_telefono_movil_celu... (consultada o 10 de setembro de 2010).
 
- Goberno do Principado de Asturias. Consellería de Educación e Ciencia. Dispoñible en http://www.educastur.es/index.php (consultada o 13 de abril de 2007).

- IESE Business School. Universidade de Navarra. Dispoñible en http://www.iese.edu/ (consultada o 20 de decembro de 2008).

- “Influencia de las nuevas tecnologías en las vidas de los y las menores”. Dispoñible en http://www.educastur.es/ (consultada o 4 de maio de 2007).

- “Los niños y los jóvenes ante las nuevas tecnologías”. Relatorio do profesor Carmelo Garitaonandia nas XVI Xornadas de Pediatría en Atención Primaria. Vitoria, 19/26 de novembro de 2004. Dispoñible en http://www.avpap.org/documentos/jornadas2004/garitaonandia.pdf (consultada o 15 de abril de 2006).

- Monografía virtual das investigadoras Llarela Berríos e Rosa Buxarrais. Dispoñible en http://www.campus-oei.org/valores/monografias/monografias05/reflexion05.htm (consultada o 16 de febreiro de 2006).

- “Niños y móvil: un problema de padres e hijos”. Dispoñible en http://www.telefono-movil.net (consultada o 19 de decembro de 2008).

-  The European Centre for Digital (Centro Europeo para a Comunicación Dixital). Dispoñible en http://www.ecdc.info (consultada o 15 de abril de 2004).

- The Mobile Research Forum -MRF- (Foro de Investigación sobre o Móbil).  Dispoñible en http://mrf.ecdc.info/ (consultada o 29 de abril de 2004).

- “Telefonía Móvil Asistida”. NTEC. Premio Emprendedor XXI da Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha. Dispoñible en http://www.ntec.es (consultada o 14 de novembro de 2007).

- “Telefonía móvil - Los móviles, sms y los teléfonos fijos y móviles”. Dispoñible en http://www.gestialba.com/public/comic/telefoscast01.html (consultada o 3 de setembro de 2010).

- “Un teléfono móvil para su hijo”. Dispoñible en http://www.telefono-movil.net (consultada o 12 de novembro de 2009).

 

Sección: