Jorge Mira Pérez

catedrático de Física da USC
"O coñecemento non ten por que ser divertido, a aprendizaxe pode doer e implicar esforzo. Outra cousa é a semente que poidamos poñer para descubrille a unha persoa a enorme beleza do coñecemento, para que se namore del e perciba que é do máis elevado ao que pode aspirar o ser humano. Pero non é un camiño de rosas, hai tamén fracaso e frustración".

Entrevista realizada por Juan Granados, director de EDUGA

Fotografías cedidas por Jorge Mira

 

Jorge MIra Pérez, Baio (A Coruña), 1968. Doutor en Física pola USC, con Premio Extraordinario, é catedrático de Electromagnetismo na Facultade de Física desta universidade. Investigador de sona, destaca tamén como divulgador do saber científico e é colaborador habitual da Televisión de Galicia e do diario La Voz de Galicia. É responsable do programa ConCiencia, unha iniciativa de divulgación científica que se desenvolve coa participación de diferentes Premios Nobel (os seus análogos en Matemáticas e Ciencias da Computación).No ano 2010 publicou o seu primeiro libro: A ciencia no punto de Mira, editado en castelán no 2011. Por estas e outras actividades foi recoñecido con diferentes distincións e galardóns nacionais e internacionais nestes últimos anos.

 

 

Juan Granados: É un pracer para a Revista Galega do Ensino contar coa túa presenza esta tarde para falar do teu inesgotable interese polas cousas da vida e tirar sempre algo bo disto. Como é que un catedrático de Física pode ser, ao mesmo tempo, campión de Galicia de bailes de salón, traer a Santiago de Compostela unha figura internacional como Stephen W. Hawking, ser catequista ou inclusive converterse nun personaxe mediático na TVG?

Jorge Mira: Todo vén do mesmo, da curiosidade innata á personalidade do científico, máxime cando un se dedica a algo tan troncal como é a Física, da que parten todas as pólas do saber, como ben se ve no caso dos Premios Nobel, onde hai físicos que levaron o galardón en Medicina, en Química, en Economía, mesmo Sajarov, Premio da Paz, era físico, Echegaray, Premio en Literatura como se sabe, tamén era físico. Con isto quero dicir que un físico pode varrer para onde lle dea a gana e meter o nariz en todas as partes. Eu mesmo levo neste momento cinco liñas diferentes de investigación: os dieléctricos, a evolución no tempo de galego e castelán a través dun modelo de ecuacións diferenciais –que amosa a decadencia evidente do noso idioma en tanto non mellore o seu status, que é o modo en que percibe a súa importancia o falante–. A terceira liña ten que ver co estudo da artrite infantil e o seu efecto a nivel mandibular. A cuarta é moi práctica, a procura de aparellos de uso no fogar, estamos deseñando un prototipo, unha especie de fonendoscopio que permite ver como está sendo o teu consumo eléctrico. E hai unha quinta liña dedicada ao estudo de visualizacións da teoría da relatividade.

J. G.: Espírito científico en estado puro que se pon a ben, moi afortunadamente, coa divulgación. O teu libro vai xa pola terceira edición en castelán e a primeira en galego, a pregunta é obvia: como se logra facer iso? Leva a apreciar o coñecemento a divulgación?

J. M.: O meu inicio foi moi curioso porque calculei cun compañeiro desta facultade a temperatura do ceo e do inferno, o que tivo unha repercusión mundial e me levou mesmo a saír na revista Time ou en Der Spiegel e, logo, en Science. Isto derivoume cara ao mundo televisivo hai xa quince anos, coa idea de meter a pílula científica no queixo da anécdota. Desde aí colaboro habitualmente nos medios.

J. G.: Que me podes contar da visita de Hawking, un home que para min representa o triunfo da intelixencia e da vontade…

J. M.: Foi un privilexio que viñese, rexeita o 99 % das ofertas que lle chegan e aquí veu cun billete de low cost. É un home tirado nunha cadeira que non pode moverse, é imposible estar peor ca el, toma 70 pílulas ao día, malia isto ten un enorme desexo de vivir.

 

 

J. G.: É a divulgación útil para a educación? Que pensas arredor disto?

J. M.: Divulgación vén de vulgarizar, polo tanto, é o contrario ao rigor; a divulgación rigorosa non existe. A divulgación busca atallos e perturba a ortodoxia. Tendo isto claro, hai que sintonizar co público ao que un se dirixe. O meu libro aparece nos salóns de peiteados xunto á revista Hola, cousa que me encanta. Un ten que ter claro cal é o seu obxectivo.

J. G.: E contaxiar curiosidade…

J. M.: A divulgación non fai currículos, mete as ganas de os aprender. É unha semente primaria, por exemplo, iconizar a ciencia cos Premios Nobel do programa Conciencia. Coa visita de John Nash (o da película Unha mente marabillosa), a fila chegaba da alameda á praza de Galicia.

Non obstante, o coñecemento non ten por que ser divertido, a aprendizaxe pode doer e implicar esforzo. Hai que traballala e mesmo ter momentos de dificultade, tampouco é sempre divertido adestrar para ser nadador de elite. Outra cousa é a semente que poidamos poñer para descubrille a unha persoa a enorme beleza do coñecemento, para que se namore del e perciba que é do máis elevado ao que pode aspirar o ser humano. Pero non é un camiño de rosas, hai tamén fracaso e frustración.

 

 

 

 

J. G.: Oín dicir que entre a parroquia científica o maior número de crentes se atopa entre os físicos. Como é?

J. M.: Pola propia física, que ten un espectro de aplicación amplísimo, moito máis ca a química ou a bioloxía. Para un físico é difícil entender a nada, porque da nada un non pode crear máis ca nada. De tódolos xeitos, non se pode mesturar a ciencia coa relixión.

J. G.: Que proxectos de futuro tes, á parte das liñas de investigación xa citadas?

J. M.: Cifras e letras foi substituído agora por un programa, Verbas van, que se centra en xogos con letras e sílabas e unha parte de ciencia e aritmética, e que intenta abranguer máis que o seu antecesor. Tamén, talvez, e aínda que custa moito esforzo, outro libro de divulgación, unha segunda parte de A ciencia no punto de Mira. Paralelamente, pídenme que faga un libro sobre as miñas experiencias cos Premios Nobel.

J. G: Moitísimas grazas Jorge, moito éxito no futuro e, insisto, o noso agradecemento por unha entrevista tan excepcional.

Sección: