Alfabetización mediática e informacional. Curriculum para profesores

(Imprescindible para hoxe)
Autor: AA. VV. Editorial: Unesco. Ano: 2011


 

Nun contexto no que a influencia dos medios e a información é fundamental para a toma de decisións, a participación social e a liberdade de expresión da sociedade, xorde a necesidade da alfabetización mediática e informacional (AMI) da súa cidadanía.


Pérez Tornero, un dos autores da obra, definiu a AMI, durante a súa intervención nos Encontros 2012-2013 do PLAMBE [entra na AV como "convidado"], como concepto integrador da ALFIN (alfabetización informacional), que se utiliza nos países europeos, e da alfabetización mediática, que se emprega nos países anglosaxóns. Radio, televisión, internet, xornais, libros, arquivos dixitais e bibliotecas son abordados agora desde unha perspectiva holística.


A guía, presentada pola UNESCO, persegue formar profesores críticos que lle proporcionen ao seu alumnado ferramentas que lle permitan involucrarse como cidadáns responsables e consumidores independentes de información.
 

O libro estrutúrase en dúas partes: unha dedicada ao concepto e fundamentos da AMI e o seu marco de competencias, e outra na que se presenta o currículo, un sistema formal de educación para profesores no relativo á AMI.


O currículo desenvolve en forma modular -nove módulos básicos e dous optativos- os temas clave, os obxectivos de aprendizaxe, os enfoques pedagóxicos e as actividades das diferentes unidades temáticas: cidadanía, liberdade de expresión e información; noticias, medios e ética da información; representación; linguaxe; publicidade; medios novos e tradicionais; oportunidades e retos na internet; alfabetización informacional e destrezas bibliotecarias; comunicación AMI e aprendizaxe; audiencia; medios, tecnoloxía e o mundo global.


Desde os centros de formación temos a responsabilidade de proporcionar unha AMI adaptada ao noso contorno que capacite o profesorado para abordar nas aulas o coñecemento (ferramentas de expresión e comunicación), a avaliación (análise crítica) e a produción e uso (autoexpresión) dos medios e da información.


Facer efectiva a liberdade e os dereitos fundamentais, compensar as desigualdades, aprender a aprender e promover un pensamento crítico son as metas ás que se orienta a AMI e, baixo unha pedagoxía centrada no alumno, podemos axudalo a que sexa partícipe da sociedade da información e do coñecemento.


Mar Vaamonde García
Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)

Sección: