Traballando as habilidades na vida diaria no CEE A Barcia


María del Carmen García Martínez
Paula Martínez Rivas
María Josefa Motellón Carrillo
María Pita Braña

CEE A Barcia. Santiago de Compostela
cee.barcia@edu.xunta.es


A formación permanente do profesorado é un dos aspectos fundamentais para que a educación e os cambios que se producen na sociedade estean relacionados e non vaian por camiños diferentes. As novas tecnoloxías chegaron aos centros de maneira repentina e atoparon grandes profesionais que vían as súas vantaxes, pero que non as sabían usar.


Todo o profesorado do CEE A Barcia é consciente das grandes vantaxes que as novas tecnoloxías lle ofrecen ao alumnado con NEAE (favorecen a atención e a motivación do alumnado, permiten a interacción coas aprendizaxes...), pero á hora de usalas atopámonos fundamentalmente con dúas dificultades:

  • A falta de formación en materia de novas tecnoloxías.
  • A maior parte das actividades interactivas que están na rede non son adaptadas ao noso alumnado (pola súas esixencias cognitivas ou polo nivel de aprendizaxe requirido).


Para lles dar resposta a estas necesidades, o curso 2011/2012 levamos a cabo no noso centro o Grupo de Traballo S1105051: Traballando as habilidades da vida diaria nun CEE. Actividades interactivas e funxibles.
Eliximos esta modalidade de formación para fomentar o traballo colaborativo e cooperativo entre o profesorado, para fomentar o intercambio de experiencias e coñecementos e porque queriamos deseñar unhas actividades adaptadas ás necesidades concretas do noso alumnado.
 

A elección do tema de formación foi froito dunha gran reflexión conxunta que se centrou basicamente nos seguintes puntos:

  • Que queremos traballar co alumnado? Optamos polas habilidades da vida diaria, xa que son un dos aspectos fundamentais na súa educación. A fundamentación teórica atopámola nos diversos documentos consensuados no ámbito de centro que priorizan a competencia básica de autonomía persoal mediante aprendizaxes significativas do alumnado.

Establecemos 4 bloques de contidos para traballar: alimentación, cuarto, vestido e aseo.

  • Como as queremos traballar? A través de actividades deseñadas co Edilim e materiais elaborados que lle permitan ao alumnado participar e construír progresivamente as súas aprendizaxes.
  • Que necesitamos para facelo? Formarnos no editor de libros LIM e compartir os coñecementos que o profesorado tiña no uso de programas de sons, de imaxes e da pantalla dixital.

 
Para atallar as nosas carencias co Edilim, recibimos no centro dúas sesións de formación (Benxa SG) centradas no Edilim (que é, como se deseñan actividades, cales son máis adecuadas para o noso alumnado...).
Logo de rematar as sesións de formación, empezou o noso traballo propiamente dito, para que establecemos as seguintes fases:


1- Practicar co Edilim: tras as sesións de formación, realizamos dúas sesións conxuntas onde practicamos co software e determinamos as actividades que mellor se adaptaban ao noso alumnado.


A maior dificultade que atopamos foi determinar se o noso alumnado era quen de realizar por si mesmo (ou coa axuda necesaria) determinadas actividades. Para iso, fixemos unhas actividades tipo e propuxémosllas a un grupo de alumnos/as; en función da súa execución, determinamos cales se adaptaban máis ás súas posibilidades.


2- Determinar e tomar/conseguir as imaxes, as accións e os sons necesarios para elaborar as actividades: en conxunto determinamos cales necesitabamos e formamos catro subgrupos para traballar, un por cada bloque (alimentación, cuarto, vestido e aseo).
As maiores dificultades que atopamos foron:

  • Traballar cos programas de imaxes e sons: compartimos os coñecementos que tiñamos no uso do Audacity, Photoshop e Paint para resolver as principais dúbidas no tratamento das imaxes e dos sons.
  • Sacarlle fotos ao alumnado realizando as accións: queriamos que o alumnado realizase unha determinada acción por pasos, polo que tivemos que facer varios intentos. Foi unha das maiores dificultades e onde maior satisfacción atopamos, a interacción profesorado-alumnado traballando conxuntamente para obter un resultado final que foi moi gratificante.

3- Elaborar as actividades LIM: unha vez recompiladas as imaxes e os sons necesarios, empezamos a deseñar as actividades co Edilim. Cada subgrupo encargouse de elaborar as actividades correspondentes. Cando rematamos, fixemos unha sesión conxunta onde foron expostas ao grupo.
Aínda que cada subgrupo se encargaba dun bloque, axudámonos uns aos outros nas dúbidas ou problemas que foron xurdindo. As maiores dificultades que atopamos foron:

  • A resolución e o tamaño das imaxes: tivemos que modificalos varias veces (ou eran moi grandes ou moi pequenas).
  • Gardar as actividades: en varias ocasións tivemos que volver realizar as actividades xa que perdemos información por non gardalas correctamente (sobre todo cando queriamos transportalas nunha memoria USB).

4- Práctica co alumnado: unha vez rematadas as actividades, cun grupo de alumnos/as comprobamos se as actividades estaban adaptadas ás súas características (tanto nas necesidades de execución como nos requisitos de comprensión de contidos). A experiencia foi moi satisfactoria, sobre todo na interacción do alumnado cos contidos interactivos. Destacamos a reacción moi positiva do alumnado ao verse na pantalla do ordenador ou na PDI (a eles mesmos ou aos seus compañeiros e compañeiras).
Determinamos que as actividades deberían realizarse inicialmente na PDI e, cando o alumnado se adaptase á súa dinámica, realizaríaas no ordenador da aula. Comprobamos ademais que, cando estamos a traballar coa PDI, o alumnado interactúa entre si, busca a resposta correcta, fala entre el e está máis motivado á hora de saír resolver unha tarefa.
As maiores dificultades atopadas nesta fase foron nas primeiras sesións, ao explicarlle ao alumnado en que consistía cada actividade, pero foi todo moi doado unha vez traballada.
5- Elaboración do material funxible: complementamos as actividades deseñadas co Edilim cun material impreso de uso diario, que lle sirva de guía visual ao alumando á hora de realizar as diversas accións diarias.

  • SOPORTE PARA AS ACCIÓNS: coas fotografías das diferentes accións, realizamos uns soportes co obxectivo de guiar o alumnado nos diferentes pasos que compoñen unha acción determinada, por exemplo, lavar as mans.

Esta foi unha das fases máis difíciles para nós, xa que tivemos que determinar o tipo de soporte máis adecuado para traballar e, por outro lado, preparar as imaxes para a imprenta (cun tamaño acorde co soporte).

  • PANEIS DE ACCIÓNS: co Corel elaboramos uns paneis coas diferentes accións que queriamos traballar, para o que complementamos a información do soporte.

Consideramos que inicialmente debemos traballar co soporte para as accións, guiando o alumnado e marcándolle o paso que ten que realizar en cada momento. Cando o/a alumno/a xa teña certa autonomía nas accións, pasaremos a usar os paneis de accións como axuda visual. O uso dun ou doutro recurso debe escollerse en función da autonomía de cada alumno/a.

  • MODELO DE POÑER A MESA: elaboramos a tamaño real un modelo que lle servise de guía ao alumnado á hora de poñer a mesa.
  • NORMAS DO COMEDOR: establecemos un panel de normas do comedor para lle facilitar ao alumnado a súa comprensión e recordarlle as normas.

Tanto as actividades interactivas como os recursos funxibles foron deseñados para traballar de forma complementaria e favorecer a xeneralización das aprendizaxes: as actividades Edilim facilitaron que o alumnado adquirise os conceptos e as nocións básicas para realizar as accións, e o material físico foi unha axuda para a súa realización práctica.
Aínda que o material elaborado neste grupo de traballo foi deseñado inicialmente para o alumnado que se atopa na etapa de transición á vida adulta, consideramos que pode ser usado por case todo o alumnado do centro. Para que todo o profesorado tivese acceso a el, instaláronse as actividades no ordenador da sala de informática onde conectamos a PDI e deixáronse varias copias das actividades no Departamento de Orientación, para que todo o profesorado que queira poida acceder a el.

Invitámosvos a que visitedes os nosos blogues, onde poderedes ver tamén varias das actividades que realizamos neste GT:
http://ceeabarcia.blogspot.com.es/
http://ticceeabarcia.blogspot.com.es/ (en proceso de elaboración)

REFLEXIÓNS FINAIS
En xeral, estamos satisfeitos co traballo realizado e coa súa aceptación por parte do alumnado. Consideramos que esta modalidade de formación é moi enriquecedora tanto para o profesorado como para o alumnado. Para o profesorado porque compartes cos teus compañeiros as túas experiencias persoais, traballas conxuntamente con eles, debates diferentes perspectivas e, o máis importante, realizas un traballo colaborativo e cooperativo, que dá como resultado final un material para traballar cos teus alumnos e alumnas. Para o alumnado porque as tarefas están deseñadas especificamente para eles e elas, realizadas por mestres e mestras que coñecen as súas capacidades e necesidades.
PROPOSTAS DE MELLORA E CONTINUIDADE
Durante este curso académico estamos a realizar outro grupo de traballo centrado nas posibilidades educativas que lle poden ofrecer as tabletas ao noso alumnado, buscamos analizar se as tabletas son un recurso adecuado para traballar no centro e, en caso de selo, que posibilidade educativas nos ofrecen.
No centro estamos realizando a adaptación das actividades Edilim usando pictogramas ARASAAC (por ser os pictogramas libres) e tamén a adaptación ao castelán. Ademais estamos deseñando actividades co Impress (recurso que empezamos a utilizar a finais do curso pasado para o deseño de actividades). O uso de novos recursos tecnolóxicos favorecen a motivación do alumnado, rompen a monotonía do profesorado pola novidade do produto, permiten unha maior adaptación ás características individuais e aumentan a satisfacción profesional e persoal.
A nosa intención é publicar as actividades nos blogues educativos que temos no centro para poder poñelas á disposición de todas aquelas persoas que traballan co alumnado que presenta NEAE. Toda persoa que queira acceder ao material pode facelo a través do CAFI ou poñéndose en contacto co noso centro.

Sección: