Recursos sobre bibliotecas escolares e fomento da lectura

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares puxéronse en marcha, ao longo dos dez anos de percorrido, unha serie de espazos web onde podemos atopar diferentes recursos de utilidade para o profesorado dos centros educativos galegos, desde o propio blog da asesoría, onde se reflicten a diario novas de interese, recompilación de exemplos de boas prácticas para a dinamización das bibliotecas e espazos específicos de proxectos concretos: Hora de ler, Ler en mancomún, Libros a eito, Rede Lectura.

Autoría: Asesoría de Bibliotecas escolares
Cristina Novoa Fernández
Pilar Sampedro Martínez
Xosé Luis Barreiro Cebey
bibliotecasescolares@edu.xunta.es

Nesta primeira entrega, preséntanse os recursos que desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares se manteñen na rede en relación con estas temáticas.

O primeiro deles é a páxina principal de Bibliotecas Escolares de Galicia. Nela recóllense informacións, pautas, convocatorias, documentos de apoio, materiais elaborados polos centros; ligazóns a recursos electrónicos seleccionados en relación con bibliotecas escolares, educación documental ou fomento da lectura e espazos web de asociacións e institucións vinculadas ao libro e á lectura. Un buscador facilita a localización de todo tipo de información.

Os menús da esquerda recollen ligazóns relacionadas coa Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia: noticias de actualidade, informacións e recursos diversos.

A través dela temos acceso aos case catrocentos blogs das bibliotecas escolares de centros de primaria e de secundaria; ás pautas, documentos e recursos para o proxecto lector de centro; informacións sobre o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e a materiais elaborados polos centros. Existe unha sección de Biblio-videoteca con vídeos de xornadas de formación, outros vídeos gravados polos propios centros ou pequenas gravacións que documentan boas prácticas. A sección Documentos de referencia recolle aqueles materiais que marcan a orientación sobre o papel e o funcionamento da biblioteca escolar nos centros, como o Marco de referencia sobre bibliotecas escolares ou as Instrucións en relación coa biblioteca escolar, publicadas pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a comezos do curso 2013-2014, así como outras publicacións de interese. Engadíronse, ultimamente, as seccións Proxecto kamishibai e Proxecto E-LBE.

Os menús da dereita agrupan ligazóns seleccionadas nos distintos apartados: Bibliotecas escolares (programas de fóra de Galicia); acceso directo ao OPAC Meiga (entrada aos catálogos de todas as bibliotecas escolares, públicas e outras, incluídas no proxecto Meiga); webs ou blogs sobre lectura e bibliotecas escolares; espazos destinados á literatura infantil e xuvenil; webs relacionadas coa educación documental/ALFIN; outras ligazóns de interese (asociacións de editores, autores ou ilustradores; bibliotecas virtuais, Rede das Bibliotecas de Galicia, portal Travesía de recursos dixitais para a cooperación bibliotecaria etc.).

A creacións de blogs nas bibliotecas escolares galegas foi un fenómeno recoñecido e comentado por expertos, que partiu das actividades de formación do profesorado centralizadas nas que ese contido foi introducido moi prematuramente, de maneira que esta presenza provocou directa ou indirectamente a creación da modalidade de blogs de biblioteca no Premio Espiral de Blogs, premio que acadaron moitas bibliotecas galegas.

Desde a páxina de Bibliotecas Escolares pódese acceder directamente aos outros blogs da asesoría: Hora de ler, Ler en mancomún, Libros a eito, Rede Lectura.

Hora de ler é o blog onde se recollen informacións, novas, comentarios, recursos… relacionados coa promoción da lectura e o programa de fomento da lectura en centros educativos da propia consellería: Hora de Ler.

Aquí podemos atopar os materiais deste programa, os carteis que fixeron visible o lema e os materiais destinados a cada un dos ciclos, así como as guías para o profesorado: Contamos moito! destinada a educación infantil, Eu leo porque me peta! para o primeiro e segundo ciclo de educación primaria, Ler o mundo para o profesorado do terceiro ciclo de educación primaria e Ler o mundo para primeiro e segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

A través das entradas accédese ás convocatorias da propia consellería e doutras institucións, aos concursos, ás actividades realizadas nos centros, ás boas prácticas que servirán de modelo e se estenderán polas bibliotecas escolares, guías temáticas ou escolmas de textos relacionados con determinadas efemérides, ás colaboracións entre bibliotecas ou entre elas e o comercio cultural (librería, editorial...), ás actividades de formación do profesorado cos vídeos escollidos ou os materiais representativos, ás conmemoracións relacionadas co libro e a lectura... No menú da dereita, preséntanse a ligazón a portais, páxinas web e blogs relacionados coa lectura, desde os oficiais do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou da Xunta de Galicia ata os das asociacións dependentes do IBBY, revistas dixitais ou centros de fomento da lectura, como a Fundación Germán Sánchez Ruipérez (FGSR).

Ler en mancomún é o espazo “en mancomún” dos clubs de lectura, creados nas bibliotecas escolares galegas. Neste blog agrúpase todo o referente aos clubs de lectura. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de quen depende o Programa de bibliotecas escolares e fomento da lectura, realiza unha convocatoria anual dirixida a centros públicos de titularidade da consellería que acollen ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial pola que incentiva o funcionamento de clubs de lectura.

Os clubs demostraron que son unha das fórmulas que achega mellores resultados na creación e mantemento do hábito lector e no desenvolvemento das competencias en materia de lectura entre a poboación adolescente; así se entendeu cando se recomendaba a súa posta en marcha nos materiais de Hora de Ler destinados á educación secundaria. Para servir de apoio ao funcionamento destes clubs, é polo que se puxo en marcha este blog. Nel, aparecen as convocatorias e resolucións, as boas prácticas que se pretenden propagar, os recursos que se van creando, as actividades que se realizan e van máis alá de ler e comentar o lido, as experiencias de colaboración entre clubs, os comentarios e conclusións que o profesorado responsable achega nas memorias, os vídeos e materiais das actividades de formación, as recomendacións que se realizan desde os clubs, as convocatorias relacionadas coa lectura, as noticias de prensa, os libros e autores máis lidos nos clubs, os encontros entre membros de diferentes clubs... No menú da dereita están as ligazóns aos blogs dos clubs de lectura dos centros (máis dun cento) e tamén algunha ligazón a WWW lectura & libros. Ler en mancomún, en grupo, ler en común... porque desa lectura falarán entre todos e todas.

Libros a eito funciona a modo de banco de libros. Os centros interesados en participar tanto poden ofertar lotes de libros para os clubs de lectura como solicitalos en préstamo. Normalmente, despois de ler un libro no club de lectura, os centros contan con varios exemplares dun mesmo título que xa non precisan de forma inmediata, razón pola que os poñen á disposición doutros clubs que teñan interese en atopar esa obra. O blog conta cun buscador, de tal maneira que, cando un club ten interese en ler determinados libros, pode buscar a biblioteca escolar onde se ofertan e solicitarllos. Moitas veces, as actividades de formación do profesorado son oportunidades para recoller ou entregar estes lotes. O banco de libros optimiza os recursos e permite ler sen necesidade de contar con moito orzamento. As entradas do blog realízaas a Asesoría de Bibliotecas Escolares, unha vez que, a través do correo electrónico, se lle fai saber os libros que se poñen en circulación desde cada centro; a partir de aí, xa son as bibliotecas ou os responsables dos clubs os que contactan entre si para solicitar e devolver os lotes.

Rede Lectura é un espazo web destinado a difundir textos de calidade dentro do amplo panorama da LIX (literatura infantil e xuvenil) especificamente e dos fondos documentais en xeral. Centrado especialmente na literatura infantil e xuvenil galega, funciona a modo dunha presentación de publicacións en calquera dos formatos e soportes, un xornal de novas relacionadas co libro ou de libros relacionados coa actualidade, participación en feiras internacionais e salóns, recursos para o traballo coa LIX, traducións nunha ou noutra dirección, revistas e páxinas web, música... Este espazo está aberto á participación do profesorado que o desexe, ben enviando comentarios ás entradas feitas desde a asesoría, ben enviando textos para novas propostas a través do correo bibliotecasescolares@edu.xunta.es.

Scoop it de Bibliotecas Escolares de Galicia é o espazo de “curación de contidos”, para manterse ao tanto das últimas entradas nos diferentes sitios web que mantén a Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Recolle outras informacións de interese, procedentes de distintos sitios web.

Todos estes espazos pretenden ser grandes contedores de recursos de apoio á biblioteca escolar e fiestras abertas do seu traballo, onde dar a coñecer o que se está a facer para que sirva de exemplo e guía. Ao tempo, mostran o compromiso da Asesoría de Bibliotecas Escolares en integrar, desde o primeiro momento e en todas as súas actuacións, as tecnoloxías da información e da comunicación na biblioteca escolar e a utilización racional e responsable de todas estas redes para ocupar o seu lugar no mundo.

Rede BE é o espazo Moodle da Asesoría de Bibliotecas Escolares para os participantes (e interesados) nas actividades de formación do profesorado organizadas pola propia asesoría ou en colaboración co CAFI (Centro Autonómico de Formación do Profesorado).

Cando se realizan os encontros e xornadas, preséntase este espazo Moodle porque a través del o profesorado poderá acceder a toda a documentación relacionada con esta actividade de formación e coas anteriores: programa, informe sobre os relatores, páxinas relacionadas coa súa actividade profesional, materiais que achegan e vídeos da súa intervención.

 

 

 

 

 

 

 

Comeza cos Encontros dos Centros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2008-2009. E continúa coa Xornada dos Clubs de Lectura 2009, As Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia 2009, Encontros dos Centros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2009-2010, Xornada dos Clubs de Lectura 2010, III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia 2010, Encontros dos Centros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2011-2012, Xornada dos Clubs de Lectura 2011, Encontros dos Centros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2011-2012, V Xornada dos Clubs de Lectura 2012, Encontros dos Centros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2012-2013 e VI Xornada dos Clubs de Lectura 2013. Polo tanto, a través deste espazo, o profesorado implicado nas bibliotecas escolares dos centros educativos ten acceso á formación realizada ao longo destes anos e á documentación especializada que a propia asesoría pon á súa disposición en cada unha destas actividades. Polo tanto, constitúese como un equipamento formativo de primeira orde.

A Asesoría de Bibliotecas Escolares está presente nas redes sociais co fin de divulgar a dinámica das bibliotecas escolares de Galicia e difundir información en relación coa biblioteca escolar e o fomento da lectura. A páxina en Facebook xa conta cun longo percorrido e vén de iniciar a súa presenza en Twitter.