As TIC na educación

Unha aproximación desde a biblioteca escolar
No artigo trátase da necesidade de introducir nos procesos de aprendizaxe unha metodoloxía de traballo coas TIC que facilite un aproveitamento real das súas potencialidades e evite un uso de mera substitución das ferramentas analóxicas tradicionais que non achega melloras substanciais aos resultados académicos. Palabras clave: Biblioteca escolar, tecnoloxías da información e da comunicación, alfabetización informacional

Xoaquín Carlos Freixeiro Álvarez

Responsable da biblioteca escolar

Mestre de Educación Musical no CEIP Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras)

e-correo: quinif@edu.xunta.es

As aulas dos nosos colexios sufriron unha transformación enorme nos últimos anos coa chegada dos equipamentos informáticos. Os portátiles do profesorado e do alumnado, os encerados dixitais interactivos e os proxectores abren novas ventás á aula desde as que podemos acceder a unha cantidade de información e recursos educativos impensables hai pouco tempo.

Ao mesmo tempo, os docentes realizamos un considerable esforzo de formación no manexo destas ferramentas, conscientes de que a nosa condición de inmigrantes dixitais nos obriga a unha capacitación técnica que o noso alumnado, nativo xa deste mundo dixital, ten de seu.
Está claro que o primeiro paso para a incorporación das potencialidades da web 2.0 ás nosas prácticas profesionais é o do dominio técnico dos equipamentos, pois sen el sería imposible avanzar neste cambio que as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) poden propiciar, pero debemos ter claro que isto non é dabondo.

Diversos estudos realizados en relación coa incorporación das TIC (Coll, 2009) en distintos sistemas educativos mostran que o simple feito da chegada dos equipamentos e do seu uso non achega melloras significativas aos resultados académicos do alumnado, o que resulta claramente insuficiente para o grande esforzo en investimentos que se está a facer.

Tal como apunta Rubén Puentedura no seu modelo SARM (Puentedura, 2013), en moitos casos a implantación das TIC nas aulas non pasa do primeiro chanzo na escada da transformación pedagóxica, isto é, a substitución dunha ferramenta analóxica por unha tecnolóxica, sen que haxa modificacións significativas no proceso educativo.

Modelo SARM de Rubén Puentedura

Velaí que os desafíos do ensino no século XXI que sinala a UNESCO –aprender a ser, aprender a aprender, aprender a facer e aprender a convivir (Delors, 1996)– seguen sen resolverse neste contorno ateigado de máquinas e recursos dixitais, porque o verdadeiro poder transformador das TIC está non tanto na propia tecnoloxía como nos usos que fagamos delas os docentes (Coll, 2009), xa que estas son meras amplificadoras do cambio nas prácticas docentes e non as súas xeradoras.

A tecnoloxía pode (ten que) axudarnos a desenvolver as capacidades (de procura da información, críticas, analíticas, de desenvolvemento de traballo colaborativo...) que nos permitan acadar eses obxectivos, toda vez que o mundo no que o noso alumnado vai vivir será un mundo onde cada vez estará máis presente, dun xeito ubicuo ao longo de toda a súa vida, pero só o fará en función dos usos que fagamos delas.

Sobre estes temas moito se debateu e se traballou xa nas bibliotecas escolares, implicadas desde hai tempo en dotar de valores educativos as inmensas posibilidades que ten o mundo da web 2.0, e aínda que se está moi lonxe de poder dar respostas a todas as interrogantes que este reto vai supoñer no campo do ensino, si que existen xa algunhas ideas nas que paga a pena traballar.

A alfabetización en información (ALFIN) é un dos campos nos que resultan de grande importancia as TIC e no que realmente poderemos desenvolver as potencialidades destas novas ferramentas no noso eido de traballo, sobre todo cando esta alfabetización non se faga en abstracto, senón integrada coas materias e traballos do alumnado, xa que deste xeito aumentamos a motivación e, ao tempo, evitamos sobrecargar un currículo xa de seu ateigado de contidos.

Competencias en información
Fonte: IFLA, 2006

ALFIN inclúe o acceso á información tanto na definición das necesidades de información como na súa procura, a avaliación das informacións que recollemos tanto na súa valoración como na súa organización e, finalmente, o seu uso, atopando novos medios de comunicala respectando os valores éticos e legais de recoñecemento de autoría (Lau, 2006).

As ferramentas básicas, coas que se traballa desde as bibliotecas escolares esta alfabetización, teñen tamén unha compoñente moi importante de traballo colaborativo, relacionado con ese aprender a convivir sinalado anteriormente, que se realiza empregando recursos da web 2.0, como son as wikis, unha ferramenta que facilita a construción colectiva dos produtos finais do proceso de procura da información. As wikis permiten a edición colectiva dunha web, cunha memoria dos cambios realizados e, xa que logo, a corrección entre os membros do grupo; conta con espazos para o debate entre os editores e todo nunha contorna de moi fácil manexo. Todas estas características fan que os usuarios dunha wiki traballen xuntos (sen necesidade dunha coincidencia temporal nin espacial) na creación dun produto colectivo, se enriquezan mutuamente coas achegas que se fan nas páxinas de conversación e todo no máis puro estilo da web 2.0, un estilo colaborativo, solidario, altruísta e non directivo.

As cazas do tesouro (treasure hunt), as webquests e os proxectos documentais son outros tres piares que poden axudarnos a unha incorporación das TIC, desde distintos niveis de complexidade, á nosa práctica educativa, e que posúen eses elementos de renovación metodolóxica que se sinalaban como necesarios para unha efectiva transformación do noso labor docente.
As cazas do tesouro tratan de contestar preguntas formuladas con informacións tiradas da rede nunha serie de ligazóns que propón o docente. Non requiren traballo de síntese da información nin de reelaboración por parte do alumnado, aínda que en moitas se inclúe unha gran pregunta que non se pode responder en ningunha das páxinas enlazadas e que precisas da integración do aprendido durante o exercicio. Serían o primeiro paso para entrar nas dinámicas de traballo na rede e recomendadas para o alumnado de menor idade.

As webquests, modelo deseñado por Bernie Dodge en 1995, inclúen, canda a procura na rede, unha tarefa que hai que desenvolver coas informacións que se van recompilando polas distintas páxinas web. As tarefas que se poden desenvolver son múltiples, desde a simple colleita de informacións ata tarefas de procura de consenso, analíticas, de persuasión etc. (AULA21, 2002) e nelas requírese un tratamento da información recollida e unha elaboración que permita a comunicación dos resultados. Por outra banda, podemos ver nas webquests certos problemas, debidos probablemente á súa avanzada idade para os parámetros que rexen na rede, como certa directividade que non encaixa nos valores participativos da web 2.0 (Cassany, 2012), problemas que poden ser solucionados coa incorporación de achegas do propio alumnado e do aproveitamento educativo das redes sociais.

Existen en internet moitas páxinas con modelos  para a elaboración de webquests e procuras do tesouro que fan doada a elaboración destes recursos. Achego tamén no apartado de webgrafía, canda exemplos elaborados desde a Biblioteca Escolar do CEIP Condesa de Fenosa, ligazóns a algunha destas páxinas.
Por último, temos os proxectos documentais (PD), que consisten en investigacións nas que o alumnado, ademais de pescudar sobre un tema ou problema concreto, se vai familiarizando cos mecanismos e ferramentas de busca da información e co traballo intelectual, empregando os recursos documentais da biblioteca (Piquín, 2012) e da rede, e asemade coas ferramentas das que vimos de falar (cazas, webquests, wikis). Os PD tratan de que a información que se recolla, se analice, se organice e se interiorice de tal xeito que se transforme en coñecemento, coñecemento que logo se compartirá de distintos xeitos, segundo o produto que queiramos crear (presentación, páxina web, exposición, libro...).
Nos PD, ademais de procurar a información, o alumnado familiarízase co proceso de busca de información e co traballo intelectual necesario para o seu tratamento, eses mesmos procesos que se reflectían no cadro 2.
Nos PD non só se empregan recursos na rede, o traballo cos documentos físicos que temos na biblioteca xogan un papel moi importante, polo que, como elemento indispensable para a súa realización, debemos acometer o estudo das partes destes documentos, co que estariamos enlazando esta metodoloxía de traballo coas actividades de formación de usuarios propias das bibliotecas: saber que tipo de documentos debemos consultar, coñecer o uso de índices, glosarios e bibliografía son elementos vitais para a realización correcta dos PD.
Tamén, e a diferenza das webquests e procuras do tesouro, as pescudas na rede aquí son máis amplas e non tan dirixidas, polo que o alumnado terá que aprender a usar, dun xeito autónomo, os motores de busca, terá que saber valorar as webs das que recolle a información e terá que aprender a contrastar as informacións para comprobar a súa veracidade... En fin, terá que ir formando un espírito crítico totalmente necesario para a vida na sociedade da información na que estamos inseridos.

En conclusión, aínda que a rede está en permanente transformación e decotío aparecen novos recursos que teremos que ir incorporando ao noso traballo en función das súas achegas á mellora do ensino, hoxe xa dispoñemos de ferramentas que poden axudarnos a que a incorporación das TIC ao noso sistema educativo sexa algo máis que un proceso de substitución de tecnoloxías e, aínda que non estean exentas de eivas, poden axudar a que ese cambio de metodoloxía que o noso sistema esixe para se adaptar aos retos do ensino do futuro poida dar os seus primeiros pasos.

Bibliografía: 

CASSANY, D. (2012). En_línea: Leer y escribir en la red. Barcelona: Anagrama (1ª ed.).

COLL, C. (2009). “Aprender y enseñar con las TIC: expectativas, realidad y potencialides”. En CARNEIRO, R.; TOSCANO, J. C. e DIAZ, T. (coords.), Los desafíos de las TIC para el cambio educativo. Madrid: OEI (1ª ed.), 113-123.

DELORS, J. (1996). La educación encierra un tesoro: Informe a la UNESCO de la Comisión Internacional sobre la Educación para el Siglo XXI. París: UNESCO (1ª ed.).

LAU, J. (2006). Guidelines on information literacy for lifelong learning. Veracruz: Universidad Veracruzana (1ª ed).

PIQUÍN, R. (2012). Proyectos documentales integrados. Pamplona: Fondo de Publicaciones del Gobierno de Navarra (1ª ed.).

Webgrafía

Exemplos de traballos realizados no CEIP Condesa de Fenosa

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/proxectos/...

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/proxectos/...

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/proxectos/...

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/proxectos/...

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/proxectos/...

https://condesa.wikispaces.com/

Modelos webquests

http://phpwebquest.org/newphp/

Webs referenciadas no artigo

http://www.aula21.net/tallerwq/tareas/tareonomiawebquest2.htm

http://www.hippasus.com/rrpweblog/archives/2013/10/28/SAMR_STEM_Assessme...