Biblioteca e TIC no IES Sánchez Cantón

Unha década de complicidades
Breve percorrido para exemplificar algunhas actividades conxuntas na xestión dunha biblioteca escolar en sintonía coa liña de traballo das TIC no IES Sánchez Cantón, un centro público de secundaria. É unha proposta de experiencias deseñadas para mellorar as competencias do alumnado e favorecer a cooperación entre o profesorado.

M.ª Rosario Sánchez-Gabriel

Responsable da biblioteca escolar

PES especialidade Inglés

IES Sánchez Cantón. Pontevedra

Limiar

O IES Sánchez Cantón acolle case mil alumnos e alumnas e está situado no centro de Pontevedra. Cando, hai máis ou menos dez anos, nos fixemos cargo da xestión da súa biblioteca escolar, non imaxinabamos o vórtice de cambios que iamos ter que asumir para poder converter ese almacén de libros e mobles case inservibles nun recurso eficiente para a nosa comunidade educativa. Foi un proceso colectivo e enriquecedor para todas as persoas que participamos nel, non exento de dúbidas e momentos de risco. No noso caso, quizais por unha simple coincidencia de determinadas persoas en momentos e lugares concretos, a alianza cos compañeiros que coordinaban as chamadas TIC proporcionounos oportunidades de realizar as experiencias máis estimulantes de todos estes anos. Xuntos foi case fácil evitar caer no tópico que asocia o concepto de biblioteca cunhas connotacións case exclusivamente literarias. Pensamos que, sen renunciar á nosa tradición lectora, debemos transmitir a idea de que os cambios relacionados coas TIC van máis aló das destrezas dixitais, necesarias pero insuficientes para satisfacer as demandas que a sociedade actual lle esixe ao alumnado deste momento. Cómpre que a formación supere o nivel de competencia nunha ferramenta dixital concreta ou habilidades técnicas de xestión de hardware, software e redes para ir formando novas estratexias de procura, selección, análise, produción e difusión do coñecemento.

Este tipo de alianzas reforzan as dúas partes implicadas e son tamén especialmente eficaces para encher de contido eses espazos que transcenden as competencias individuais dos docentes, a miúdo demasiado compartimentadas en departamentos e aulas onde os fluxos de comunicación son con frecuencia difíciles de executar.

Cal é o papel e cometido concreto dunha biblioteca escolar neste tipo de proxectos? No noso caso, sempre tratamos de proporcionar espazos e tempos de encontro, facer propostas e coordinar reunións. Estamos dispostos a elaborar, adquirir e divulgar unha bibliografía e webgrafía para cada un dos temas tratados e a darlles apoio aos docentes implicados. Pero sobre todo tratamos de ordenar a información e axudamos na inmensa tarefa de revisar os materiais que se van producindo, reconducimos o elaborado, propoñemos solucións para os problemas que inevitablemente xorden nestes proxectos que implican a varios docentes e vixiamos para que non se perdan de vista os obxectivos esenciais que deben estar sempre ben especificados. Traballamos para que os proxectos non se convertan nunha cantidade inxente de materiais inconexos e procuramos que todos e cada un deles produzan un ou varios documentos consensuados, rigorosos e dunha certa calidade. Tamén difundimos sempre o realizado no soporte máis oportuno para conseguir novas colaboracións.
Propoñemos un pequeno paseo por algunhas das nosas actuacións conxuntas, que describimos brevemente dado que incluímos, ao final do documento, ligazóns a estas para que poidan ser examinadas más detalladamente en caso necesario.

1. Mulleres, libros, internet

Só unha breve mención a Mulleres, libros, internet, froito dun traballo entre un grupo de docentes do centro durante dous anos consecutivos. Este labor foi proposto e coordinado desde a biblioteca escolar e foi a nosa primeira experiencia de traballo colaborativo en soportes dixitais. Pretendía ser unha chamada de atención sobre as posibilidades de organización a través da rede das mulleres en países en vías de desenvolvemento, tamén foi merecedor dun Premio de Innovación convocado pola Dirección Xeral de Igualdade. Hai xa un longo percorrido de case 10 anos desde entón ata agora. No traxecto, con algúns acertos e tamén bastantes erros, deixamos de quedar extasiados ante as posibilidades de deseño das páxinas web estáticas elaboradas polo profesorado e aprendemos que a nosa misión máis importante é a de ensinar o alumnado a seleccionar, xestionar e elaborar contidos e a utilizar as ferramentas dixitais para explotar ao máximo as súas posibilidades de organización e traballo colaborativo.

2. Eu como: mercado de proximidade

Démoslle este nome á primeira experiencia de docencia compartida, froito do traballo de varios cursos ao redor do feito alimentario entendido como unha circunstancia complexa, inmensamente rica e aproveitable desde moitísimos puntos de vista.

Perseguimos obxectivos tales como:

  • Favorecer hábitos de consumo alimentario saudables (produtos frescos, peixe, froitas e verduras...).
  • Fomentar os elementos gastronómicos autóctonos, preservando así a propia identidade cultural.
  • Redescubrir o pracer de facer a compra fóra dos ditados da publicidade e das esixencias das transnacionais alimentarias, retomando un trato persoal e directo co vendedor e a dedicación dun tempo compartido de elaboración.

Non nos imos estender na descrición desta actividade, pero si queremos resaltar o feito de que con ela descubrimos por primeira vez as potencialidades da plataforma Moodle, vimos a diferenza de traballar con ferramentas interactivas fronte ás páxinas web estáticas como viñamos facendo ata ese momento e rendémonos ás posibilidades dos foros, o chat, o glosario. Como remate, o alumnado participante elaborou a nosa primeira experiencia de traballo colectivo en wiki que constitúe o documento conxunto final. O traballo foi merecedor dun dos Premios á Innovación Educativa convocado pola Consellería de Educación.

3. Conciliación vida-morte

Unha das experiencias desenvolvidas segundo estes presupostos de interacción, creatividade e traballo colaborativo foi a actividade que chamamos Conciliación vida-morte, a cal pretende ofrecerlle á comunidade educativa algunhas directrices contrastadas con expertos sobre a xestión da perda e o dó. Coordinado pola profesora Marián Costa Giráldez, contou coa estreita colaboración da biblioteca escolar e do xefe do Departamento de Lingua e Literatura Galega. Utilizou a plataforma Moodle como soporte e como distribuidor de información, foro de intercambio de opinións e dúbidas e receptor do documento final. Existen ligazóns ao Departamento de Orientación, á sección de Biblioteca e á propia aula virtual do centro, que dan libre entrada como convidado ás actividades e materiais propostos. Pensamos que constitúe un fondo documental que pode proporcionar algunha estratexia útil se nalgún momento se ten necesidade dela e tamén entendemos que é un primeiro paso para promover algunha reflexión sobre este tema tan ignorado dentro do ámbito docente.

Unha das seccións máis salientables foi A morte no imaxinario popular, que é un pequeno proxecto documental que promovía unha reflexión sobre o tratamento que se lles dá aos defuntos nas catro culturas que as catro linguas estudadas no centro representan. Formaron parte do proxecto os docentes que impartían clases de Lingua Galega, Lingua Inglesa, Lingua Española e Lingua Francesa nun grupo de alumnado de ESO. A biblioteca e o Departamento TIC coordinaron o proxecto, proporcionaron documentación, espazo físico para desenvolver a actividade e apoio á hora de levar a cabo todas as tarefas programadas.

Pero sobre todo sentímonos orgullosos da actividade Imaxina, que contou coa participación de 14 alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato. Ten tamén un glosario e unha ampla bibliografía comentada por nós e contrastada por expertos. Usamos amplamente os foros para intercambiar opinións, wikis para elaborar os documentos colaborativos e ferramentas 2.0 integradas na plataforma Moodle.

4. Merca ars constructor

Actividade desenvolvida polo profesorado de Filosofía en colaboración coa biblioteca do centro e que ten Moodle como soporte de traballo. O documento final realizado polo alumnado está deseñado en ferramentas da web 2.0 integradas na plataforma. É unha actividade que consiste en construír un xogo, a medio camiño entre os coñecidos Monopoly e Trivial, cuxa finalidade é reflexionar sobre o concepto de arte, a súa función e repercusións sociais, ao tempo que nos decatamos de como evoluciona a nosa consideración sobre este concepto certamente volátil.

Consta dunha fase de preparación ao longo de varias semanas na aula virtual con interesantes debates no foro e unha fase presencial na biblioteca onde se utilizan para xogar todos os materiais e reflexións preparados con anterioridade. Foi unha actividade moi formativa e gratificante para todos os que participamos nela.

5. Ruta

A Ruta polo Sánchez Cantón é outro exemplo de actuación colaborativa entre un grupo de docentes. O Departamento de Orientación, TIC e a biblioteca formaron un grupo de traballo de formación en centros para a aprendizaxe de varias ferramentas dixitais: o programa LIM e a plataforma Moodle entre outras. Esta divertida proposta consiste en difundir información sobre como está organizado un centro de secundaria, cales son os órganos que o xestionan e cales son as funcións e responsabilidades de cada unha das persoas que o fan viable, desde o director ata o persoal de limpeza. Cremos que é unha información moi necesaria que a miúdo se lle presenta ao alumnado de forma pouco atractiva e, por conseguinte, é sistematicamente ignorada.

6. Creación de deseños dixitais e visualización das posibilidades de creatividade das TIC

Consiste en impulsar a creación de diversos tipos de deseños dixitais para decorar prendas de vestir, cadernos, bolsas etc. O alumnado que cursa a materia de TIC en primeiro de bacharelato adoita ter un protagonismo moi especial na elaboración desta actividade. Este é un longo proceso que remata coa organización dunha gran reunión lúdico-formativa na biblioteca, entre música, premios e colaboracións, de modo que as potencialidades do mundo virtual e das TIC queden incrustadas no ámbito da realidade física. Pretendemos incrementar o número de departamentos que colaboran nesta iniciativa na que todos estes obxectos, previamente expostos durante varios días, son sorteados entre o alumnado do centro.

Os gastos destas actividades finánciaos a ANPA na súa totalidade.

Actuación integral co alumnado de primeiro da ESO

A finalidade perseguida é homologar estándares básicos no centro, no que respecta á adquisición da información e posterior xestión desta, desde o ámbito da lectura comprensiva e das TIC para mellorar as competencias do noso alumnado. Merece mención especial a nosa recompilación de materiais e recursos, na medida en que moitas destas fichas foron creadas polo propio alumnado que ofrece pautas para a mellora do traballo académico.

Desde o primeiro día damos de alta a todo o alumnado de primeiro da ESO na aula virtual do centro, creamos o correspondente nome de usuario e contrasinal e insistimos na importancia de coidar e lembrar estes datos, que serán a identidade dixital de cada alumno ata que remate a súa estadía connosco no centro. Queremos tratar coa totalidade do alumnado que comeza os seus estudos no centro cuestións esenciais, como nocións básicas de dereitos de autor e respecto ás fontes, intervencións rigorosas nos foros, elaboración de traballos para as diferentes materias, consellos para procurar e organizar a información. Esta actividade está aloxada nun curso da aula virtual denominado Recuncho, aberto a convidados, e ten lugar na biblioteca do centro.

7. Aprendizaxe con base en proxectos en primeiro de bacharelato: análise dun caso de produción alimentaria sustentable

Un vídeo sobre a explotación dunha granxa inglesa dun xeito alternativo, sustentable e rendible foi o catalizador da idea que, por outra parte, xa nos interesara no proxecto Eu como: mercado de proximidade. Partimos dos presupostos de docencia compartida e aprendizaxe por proxectos, xa tratados neste documento. O proceso foi deseñado en primeira instancia para a aplicación nun grupo de primeiro de bacharelato. Neste caso, o equipo interdisciplinar que inicialmente desenvolveu o programa estivo formado por un profesor de Inglés, unha profesora de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, unha profesora de Filosofía e a bibliotecaria. O curso específico na aula virtual foi o punto de contacto entre todos, onde compartimos documentación, indicacións, debates, e integramos ferramentas 2.0 para recoller tarefas e resultados. Igualmente o alumnado tivo na biblioteca sesións presenciais conxuntas cos profesores implicados. Os estudantes utilizaron polo menos algunha aplicación ou ferramenta como:

  • Google docs, para o traballo cun documento compartido.
  • Kino, ou un editor de vídeo similar.
  • Glogster, para publicar os contidos xerados.
  • Diigo, para familiarizarse cos marcadores sociais.
  • Google earth.

É destacable o glosario en inglés integramente elaborado polo alumnado.

8. Que facemos cos móbiles?

É o noso último proxecto conxunto, coordinado pola profesora Esperanza Gesteira que, cun grupo de alumnado de primeiro de bacharelato TIC, programou varias aplicacións para dispositivos Android e foron quen de demostrar con solvencia as posibilidades educativas dos móbiles. A intención inicial era implicar o alumnado na súa propia aprendizaxe e traballar dinámicas de grupo para elaborar proxectos cun nivel esixente en canto a desenvolvemento de competencias e uso das TIC para espertar actitudes de emprendemento, interese social e cultural sobre a nosa contorna. Os resultados foron moi satisfactorios e espertaron o interese do Concello de Pontevedra que proximamente publicitará os códigos QR pensando na súa utilidade para os visitantes da nosa cidade. Desde a biblioteca apoiamos o proxecto, proporcionamos documentación e axuda na elaboración dos diferentes documentos e imaxes que se incluíron nas aplicacións. Tamén elaboramos a aplicación do IES Sánchez Cantón e a difundimos entre as familias do nosos centro.

Intervencións no ámbito do profesorado

Intentamos articular no centro sistemas estables de coordinación para que o uso das TIC no ensino deixe de ser un problema para se converter nunha realidade integrada no día a día dos docentes. Hai xa varios cursos que organizamos xuntanzas, normalmente utilizando o marco do CFR, nas que procuramos que os membros do claustro que o desexen teñan asistencia e formación á carta. Este traballo continuado desde os equipos de biblioteca e TIC vai dando os seus froitos. Entendemos que é imprescindible compartir experiencias e crear hábitos de formación comunitaria. Sempre pasamos enquisas cando rematamos estas xornadas de formación ás que cada vez asisten máis compañeiros e adoitan ser moi ben valoradas.

Xestión da plataforma Moodle

A decisión de executar e coidar ao máximo a nosa aula virtual, enteiramente xestionada a través da plataforma Moodle, foi unha das máis beneficiosas para o centro. Desde hai dous cursos, a biblioteca asume a totalidade da súa xestión, dado que é o principal soporte dos fluxos de comunicación. Temos este espazo virtual totalmente personalizado porque pensamos que a estética tamén ten un valor innegable para facer máis atractivos estes marcos de traballo e interacción. Sobre todo queremos conseguir que a plataforma sexa unha ferramenta eficaz para todos os membros da nosa comunidade educativa, polo que nos esforzamos en mellorala constantemente. Temos seccións para as familias, para a biblioteca e para as actividades culturais do centro. Tamén contamos con espazos propios para o profesorado, para o persoal non docente e para as novidades que se producen cada pouco.

Pensamos que esta plataforma proporciona un marco moi estable con amplas posibilidades de estruturación que lles permite aos docentes presentar os contidos de forma significativa. Moodle facilita que a interacción co alumnado pase a formar parte da metodoloxía das diferentes materias, permítenos enfatizar con claridade determinados elementos, como obxectivos ou instrucións para que o alumnado os teña sempre presentes. Os contidos pódense organizar e remodelar constantemente, favorece a docencia compartida e é unha plataforma estable, fiable e doada de utilizar. Para nós é moi importante que os docentes poidan ver e consultar o que están a facer outros compañeiros noutros cursos Moodle. Para o IES Sánchez Cantón hai un antes e un despois desde a implantación desta plataforma, é o complemento ideal da dotación Abalar no centro e claramente favorece as competencias do alumnado.

Conclusións

Cada vez máis docentes traballan en contornas virtuais onde o alumnado ten un papel moito máis activo na construción do coñecemento. O docente que traballa deste xeito non pode facelo só e por iso é aconsellable establecer equipos e colaboracións con outros, posto que é complexo asumir novas destrezas e aceptar unha formación sempre en proceso. Como son os resultados do traballo do alumnado con estes novos materiais baixo a dirección dun docente que vaia servindo de guía no complexo mundo do acceso á información? De momento son aínda incertos. Moitos nenos e adolescentes non están preparados para establecer esas pontes necesarias entre as pezas que lles ofrecemos. Distráense, a súa atención é dispersa e precisan constante monitorización. A iso engádese a inestabilidade da rede e os problemas de mantemento dos equipos e instalacións. Por se iso fose pouco, as probas ás que o alumnado se enfronta seguen a ser tradicionais, co cal caemos en contradicións difíciles de defender. No lado positivo? Cada vez máis experiencias levadas a cabo con rigor. En Galicia moitas desas experiencias desenvolvéronse en centros pertencentes á rede PLAMBE. As bibliotecas escolares galegas traballan en rede desde hai xa máis de dez anos. Grazas á formación coordinada de forma eficiente desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, os bibliotecarios de colexios e institutos están actualizados en novas tecnoloxías, teñen formación en xestión de proxectos documentais e son un exemplo de traballo cooperativo e interacción. Sen o apoio e a formación constante que brinda esta estrutura, a maioría dos nosos proxectos simplemente non existirían. A biblioteca escolar convértese nestes centros nun recurso imprescindible para acceder e difundir a información. Ese, sen dúbida, debe ser o camiño. Con todo, se a iniciativa non se dota dun marco legal claro e preciso e non se establecen horas que permitan xestionar este recurso dignamente nos centros que configuran a devandita rede, corremos o risco de que falar das bibliotecas escolares galegas se converta no futuro nun mero pretexto para a nostalxia.

Para máis información

  1. Mulleres, libros, internet
    Espazo documental
  2. Eu como: mercado de proximidade
    Espazo documental. Descrición. Obxectivos. Documento conxunto
  3. Conciliación vida-morte
    Espazo documental. Glosario. Bibliografía. A morte no imaxinario popular. Imaxina. Formulación teórica
  4. Merca ars constructor
    Espazo documental. Obxectivos. Instrucións. Preguntas que hai que resolver
  5. Ruta
    Documento
  6. Creación de deseños dixitais. Creatividade nas TIC
    Exemplo
  7. Actuación integral co alumnado de 1.º ESO
    Recuncho. Cuestións esenciais. Materiais e recursos
  8. Aprendizaxe con base en proxectos en 1.º de bacharelato: análise dun caso de produción alimentaria sustentable
    Obxectivos da actividade. Instrucións. Glosario en inglés elaborado polo alumnado
  9. Que facemos cos móbiles?
    Apps con App inventor. Aplicación do IES Sánchez Cantón
  10. Intervencións no ámbito do profesorado
    Espazos para titoriais e exemplos
  11. Xestión da plataforma Moodle
    Aula Virtual do IES Sánchez Cantón

     
Bibliografía: 

PRENDES, M. P. (2007). “Internet aplicado a la educación: estrategias didácticas y metodologías”. Cabero, J. (coord.), Nuevas tecnologías aplicadas a la educación. Madrid: McGraw-Hil.

SALINAS, J.; PÉREZ, A. e DE BENITO, B. (2008): Metodologías centradas en el alumno para el aprendizaje en red. Madrid: Síntesis.

RODRÍGUEZ DE LAS HERAS PÉREZ, A. (2008). Las TIC en la educación: un proceso complejo Abaco: Revista de cultura y ciencias sociales, ISSN 0213-6252, núm. 55-56 (exemplar dedicado a “La escuela en la encrucijada”), pp. 97-103.

RODRÍGUEZ DE LAS HERAS PÉREZ, A. (2007). “Grupo de Tecnología Educativa”. Dispoñible en: http://tecnologiaedu.us.es/nweb/htm/pdf/red10.pdf (31de outubro de 2013).
 

Sección: