A biblioteca do CEIP Víctor Sáenz

Un proxecto de centro
A entrada, no curso 2010-2011, do noso centro no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) significou transformacións tanto no espazo físico da biblioteca como nas actividades organizadas no centro. O proxecto da biblioteca converteuse no proxecto de centro. As axudas recibidas e a implicación de toda a comunidade educativa, alumnos, familias, persoal non docente, profesorado e equipo directivo xeraron unha sinerxía que facilitou e impulsou todo o proxecto desenvolvido.

José Javier Sánchez Suárez
Director
xavisasu@edu.xunta.es

CONTEXTO

O CEIP Víctor Sáenz está situado no concello de Mazaricos, na parroquia de San Cosme de Antes. No centro escolarízanse nenos e nenas de parroquias de tres concellos: Santa Comba, Zas e Mazaricos. Todas estas parroquias están afastadas dos núcleos que constitúen a capitalidade dos seus concellos, onde se concentran as dotacións culturais (bibliotecas, instalacións deportivas, instalacións infantís, centros de maiores, centros sociais). A distancia ás cabeceiras do concello non facilita a utilización destes recursos por parte das familias e do alumnado.

O CEIP Víctor Sáenz leva funcionando 41 anos e actualmente consta de dúas unidades de educación infantil e de catro de educación primaria. A comunidade escolar está formada por 64 alumnos e alumnas e 12 profesores. Desde hai algúns cursos hai continuidade na estabilidade do profesorado, a gran maioría ten aquí o seu destino definitivo, o que facilita a continuidade do traballo da biblioteca.

BIBLIOTECA ANTES DE ENTRAR NO PLAMBE

O espazo físico da biblioteca era bastante reducido, pouco atractivo e moi pouco acolledor para o alumnado. No ámbito das novas tecnoloxías, só tiñamos un equipo informático, empregado para a xestión. O mobiliario onde se situaban os fondos de consulta era escaso e pouco operativo.

Aínda que se facían préstamos, estes eran escasos. Tamén se organizaban desde a biblioteca algunhas (poucas) actividades puntuais e sen continuidade nin sistematización.

O profesorado viña detectando importantes carencias na comprensión lectora e no hábito lector do noso alumnado. Poucos alumnos ían ás bibliotecas municipais (as longas distancias tampouco o favorecían) e unha alta porcentaxe de nenos e nenas do centro unicamente tiña asociada a lectura co traballo académico e non como unha actividade que puidese proporcionarlles pracer e, polo tanto, puidese resultar unha alternativa real a outras actividades de ocio.

Ademais do anterior, coñecer os resultados de éxito das experiencias doutros centros do noso contorno en canto á dinamización das bibliotecas escolares, a predisposición do profesorado para emprender novos retos con iniciativas que se lle presentaban e a chegada ao centro dunha compañeira (a dinamizadora da biblioteca desde entón) que tiña as ideas bastantes claras sobre como debía ser e funcionar un proxecto de biblioteca, e tiña o tesón necesario para embarcarnos a todos nesta aventura, foron o detonante para que planeásemos un cambio na dinámica do emprego dos recursos da nosa biblioteca escolar e polo que o centro se implicou neste proxecto.

A través da participación nun grupo de traballo (Dinamización da biblioteca escolar), puxemos o xerme que foi medrando ata a situación actual. O obxectivo principal que perseguiamos coa organización deste grupo de traballo era lograr sensibilizar a comunidade educativa en relación coa función que debe desempeñar a biblioteca escolar dentro dun centro. Tamén queriamos ofrecerlle ao profesorado do equipo da biblioteca unha formación básica para que liderase en certa medida o traballo que tiñamos previsto pór en marcha no centro. Nese curso fixemos grandes avances no ámbito da animación á lectura (puxemos en marcha unha campaña arredor da temática das lendas e da mitoloxía galega, as Mochilas Viaxeiras, a Hora de Ler, iniciamos o préstamo, elaboráronse guías de lectura, organizáronse exposicións de fondos, organizamos sesións de contacontos...) e tamén na formación de usuarios (elaborouse unha programación por ciclos de actividades para todo o centro). Asistimos a un relatorio sobre o traballo por proxectos para iniciarnos no deseño e posta en práctica dos proxectos documentais. Traballamos na comprensión de textos e tamén na expresión escrita, aproveitando a temática da campaña de animación que puxemos en marcha nese curso.

Ademais dos cambios manifestados, todo este traballo cristalizou na presentación dun proxecto para participar no PLAMBE para o curso 2010-2011. Naquel proxecto expoñiamos as bases de como entendiamos a biblioteca escolar e que serviron de referencia para o traballo desenvolvido desde entón.

A BIBLIOTECA DESPOIS DE ENTRAR NO PLAMBE

PROCESO DE TRANSFORMACIÓN DO ESPAZO FÍSICO

Este é o cuarto curso que participamos no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e desde o principio, tanto para a elaboración dos proxectos presentados como para o traballo desenvolvido, tivemos como referencia as orientacións e o modelo proposto desde a Asesoría de Bibliotecas.

Formar parte do PLAMBE supuxo moitos cambios no noso centro educativo. Un cambio notable foi xerado no propio espazo físico da biblioteca. No primeiro curso do PLAMBE (2010-2011) fíxose unha renovación total da biblioteca, dobrouse o espazo e engadiuse outra aula, incrementáronse os fondos e os medios materiais (ordenadores, impresoras, canón de proxección...), mellorou a estética etc., é dicir, a biblioteca converteuse nun lugar atractivo e acolledor para toda a comunidade educativa.

Toda esta transformación rematou o 4 de maio de 2011, cun acto de inauguración a cargo do Dr. Ángel Carracedo, investigador de recoñecido prestixio internacional que acudía por primeira vez a un centro de primaria para impartir unha conferencia sobre a lectura dirixida a alumnado e sobre a súa especialidade (a xenética) para os adultos da comunidade educativa e convidados. Desta maneira, a biblioteca escolar levaba a ciencia máis actual a un lugar afastado dos centros culturais. Deste acto quedou constancia nunha placa instalada na biblioteca e no noso libro de visitas, no que firmaron tamén o resto de invitados.

A BIBLIOTECA, MOTOR DA ACCIÓN EDUCATIVA DO CENTRO

Desde a entrada no PLAMBE, o proxecto anual que se deseña e se presenta desde a biblioteca marca a dinámica de traballo que fai xirar todo o funcionamento do centro e convértese no proxecto que embarca a toda a comunidade (alumnado, familias, persoal non docente e profesorado) e no eixe que vertebra o funcionamento organizativo do centro. Iso require coordinación cos diferentes equipos de traballo para tirar todos sempre na mesma dirección.

O que segue pretende presentar de forma resumida melloras, actividades e aspectos máis salientables que se deron desde a entrada no PLAMBE:

En relación coa organización e a xestión

Realizáronse notables melloras no mobiliario e no equipamento.

Levouse a cabo a expurgación e comezáronse a realizar os traballos de catalogación e informatización dos fondos documentais en Meiga. Estes traballos están resultando lentos porque estamos incluíndo nas catalogacións a sección de materia cun índice de materias elaborado polo propio centro e baseado nas necesidades exclusivas dun centro educativo de infantil e primaria. Isto facilita moito o labor dos titores á hora de seleccionar os fondos da biblioteca para tratar todos e cada un dos contidos do currículo. Tamén facilita a organización de exposicións ao axilizar moitísimo as buscas por tema. Incrementáronse os fondos impresos e dixitais, así como os préstamos, que se ampliaron ás familias.

Aumentouse o horario da biblioteca. Ademais de ter un horario dunha hora semanal, como mínimo, para cada titoría, permanece aberta durante toda a xornada lectiva, incluídos o recreo da mañá e o de despois de comer, nos que sempre hai un/unha mestre/a do equipo da biblioteca e dous alumnos colaboradores.

En todos os cursos se fai unha selección para as titorías dos caixóns de lecturas (selección de lecturas tendo en conta o itinerario lector e a temática do proxecto integrado anual) para facilitar a Hora de Ler. O mantemento destes caixóns, que funcionan como biblioteca de aula, pasan a ser responsabilidade da titora, que os manterá actualizados a través de préstamos da biblioteca do centro.

En relación coa formación de usuarios e educación para o acceso á información (educación documental)

Elaborouse unha programación por ciclos para a formación de usuarios da biblioteca escolar que serve de guía para o alumnado.

Organizamos outro grupo de traballo para deseñar as actividades de formación de usuarios para desenvolver a dita programación. A coordinadora tamén elaborou unha actividade LIM para traballala. Todos os nosos materiais están compartidos no noso blog. Así mesmo, creouse unha páxina web de recompilación de recursos sobre a formación de usuarios e a educación documental, moi visitada e enlazada por mestres e centros.

Realizouse unha visita á Biblioteca Nodal de Pontevedra, onde recibimos unha sesión de formación de usuarios, e, desde hai tres cursos, asistimos ao Salón do Libro de Pontevedra.

Mención especial merece o traballo por proxectos. Como se expuxo anteriormente, a través dun grupo de traballo asistimos a unha charla sobre o traballo por proxectos. Non tiñamos experiencia nesta modalidade de traballo, pero a ilusión embarcounos nesta aventura. Desde entón, cada curso, en función do proxecto anual da biblioteca, cada clase, a través dun laborioso e atractivo proceso, elabora un proxecto de investigación documental. 

Ademais da temática das lendas da mitoloxía galega no curso 2009-2011, foron traballadas as seguintes temáticas nos seus correspondentes proxectos integrados: Mergúllate nun mar de libros (sobre o mar, no curso 2010-2011), Sementando bosques de palabras (sobre os bosques, no 2011-2012), Onde os libros te leven (sobre as culturas, no 2012-2013). Este curso empezamos coa gastronomía: Papacontos, zampalibros.

O tema elixido para cada proxecto foi o fío condutor das actividades anuais do centro. Así, as saídas, as charlas, as exposicións, o festival de Nadal e o Entroido xiraron arredor desa temática. Todo concluía coa elaboración en cada clase do proxecto documental elixido.

Elaboráronse unhas presentacións para traballar a procura da información que tamén son accesibles desde o noso blog.

En relación coa educación para o acceso a información

Hai catro equipos informáticos (dous para xestión e tres para uso do alumnado) que permitiron paulatinamente a incorporación das TIC tanto para a busca de información como para a elaboración de diferentes traballos escolares.

No caso concreto dos proxectos integrados, ademais do blog da biblioteca elaborouse a páxina web de cada proxecto, onde se inclúe toda unha recompilación de recursos para traballar o proxecto (documentais, presentacións, bibliografía, filmografía, discografía, debuxos, unidades didácticas, actividades CLIC e actividades LIM, vídeos didácticos…) e tamén se publican todas as actividades (saídas didácticas, charlas, exposicións, traballos do alumnado, proxectos documentais, entroidos temáticos…) que se foron realizando ao longo do curso.

En relación co fomento da lectura

Implantación da Hora de Ler (20 minutos diarios de lectura despois do recreo). Contamos con tres lectores dixitais achegados pola Asesoría da Bibliotecas Escolares, que se utilizan nos cursos de cuarto, quinto e sexto de primaria. Selección e maquetación dunha selección de textos literarios e informativos, relacionados coa temática escollida para o proxecto integrado de cada curso, para ler o alumnado na Hora de Ler.

Posta en marcha das Mochilas Viaxeiras para fomentar a lectura en familia e da actividade Apadriñamentos Lectores na que os nenos maiores lles len aos máis pequenos.

Organización de concursos de redacción, de ilustración e de elaboración de carteis publicitarios de promoción da lectura.

Realización de varias guías de lectura anuais con diferentes temáticas: Ler no verán, que bo plan (vacacións), Lecturas para tremer (Samaín), Lémbrate de pedirlles un libro (Nadal), Lecturas con corazón (Día dos Namorados), Os libros nos libros, Mamás (Día da nai), Muller traballadora...

Funcionamento do club de lectura Os Xurelos Lectores co alumnado do terceiro ciclo de primaria. Os libros seleccionados sempre están relacionados coa temática do proxecto integrado que se está traballando ese curso. Para dispor dun número suficiente de libros recorremos ao intercambio de fondos de bibliotecas doutros centros.

Recibimos visitas no centro de contacontos, ilustradores, charlas de expertos (relacionados coa temática anual), regueifeiros…

En relación co desenvolvemento do proxecto lector do centro

Elaboramos e puxemos en práctica os documentos relacionados coa actividade da biblioteca: Proxecto lector, Itinerario lector e Itinerario escritor do centro e o Plan anual de lectura cada curso. Para redactar o Proxecto lector creamos un grupo de traballo co obxectivo de poder contar con formación ao respecto.

En canto á formación de profesorado

Neste aspecto, a coordinadora da biblioteca e dous membros máis do equipo formáronse en xestión Meiga. A coordinadora asistiu a todos os encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde que fomos incluídos nel e a outros cursos de formación e xornadas relacionadas coa temática da biblioteca escolar. Todos os membros do equipo da biblioteca adoitan participar todos os anos nas Xornadas ou Encontros de Bibliotecas Escolares que organiza a Asesoría de Bibliotecas. Tamén, como xa se expuxo máis arriba, organizamos grupos de traballo arredor de temas directamente relacionados coa biblioteca (Dinamización dunha biblioteca, Elaboración do proxecto lector e Deseño de actividades de formación de usuarios). A formación é vital para nós, pois sen ela nin conseguiriamos que todo o profesorado compartise o modelo de biblioteca escolar como recurso básico e imprescindible para o desenvolvemento das competencias básicas, nin tampouco lograriamos a implicación de todos nun proxecto de biblioteca de centro.

A dinamizadora e axudante da biblioteca foron relatoras en grupos de traballo noutros centros para explicarlles o traballo que vimos desenvolvendo na biblioteca.

Difusión dos recursos dispoñibles na biblioteca

Elaboráronse guías de usuarios, guías de lectura, boletíns con normas de biblioteca, carteis publicitarios de anuncios da chegada de coleccións ou novidades concretas á biblioteca, horarios de reserva da biblioteca, horarios coas quendas dos axudantes da biblioteca, horarios de reserva de ordenadores… Organizáronse exposicións temáticas de fondos relacionados coas celebracións cíclicas anuais ou coa temática seleccionada para o proxecto integrado anual. Expuxéronse fondos propios, fondos acabados de mercar ou fondos prestados por outros centros ou entidades (bibliotecas públicas das que somos socios e pola Fundación Sánchez Ruipérez).

Para compensar as distancias que hai aos centros culturais do concello, a biblioteca funciona como un centro de recursos para as familias, polo que se organizan actividades para elas (préstamo  de libros, escola de pais, charlas temáticas, vídeoforo…).

Desenvolvemento das competencias básicas do alumnado

As actividades ata aquí expostas potencian o desenvolvemento das competencias básicas, fundamentalmente da competencia en comunicación lingüística, para aprender a aprender, para o tratamento da información e a competencia dixital e a competencia cultural e artística que constitúen o noso principal obxectivo.

ORGANISMOS E ENTIDADES QUE FACILITARON O PROXECTO

Foi fundamental contar co impulso e o apoio da Asesoría de Bibliotecas. A través do modelo proposto, das orientacións, do asesoramento, das xornadas e encontros que organizaron, da resolución das dúbidas que nos foron xurdindo ao longo do proceso, foron guiando o camiño polo que fomos e que seguimos transitando. Resultaron tamén moi importantes as achegas doutros organismos e/ou entidades, como a Dirección Xeral de Centros, a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, polo financiamento. O CAFI e o CFR, pola coordinación e asesoramento que fixeron nos grupos de traballo desenvolvidos. O foro colaborativo do PLAMBE, polas súas achegas, opinións, resolución de dúbidas e polos ánimos proporcionados. As bibliotecas doutros centros educativos –CEIP de Louro, CPI A Picota, CPI de San Vicente na Baña, IES de Allariz...–, pola colaboración e intercambio de experiencias. As bibliotecas públicas de Santiago, Bertamiráns, Coruña, Nodal de Pontevedra e Fundación Sánchez Ruipérez. Os relatores das charlas de expertos, autores, ilustradores, contacontos… O Concello de Mazaricos, pola achega económica para a realización de obras. Outras entidades, como o CGAC, Auditorio de Galicia, Museos da Coruña (Acuario, Domus), Museo do Pobo Galego...

GRAO DE IMPLICACIÓN DA COMUNIDADE EDUCATIVA

Para realizar todo o traballo desenvolvido, ademais de contar cun proxecto, con colaboracións e coas axudas mencionadas, foi fundamental a implicación de todos os sectores (familias, alumnado, persoal non docente e profesorado) que integran a nosa comunidade educativa. O que nos une a todos, o obxectivo común e último é favorecer o desenvolvemento persoal, social e cognitivo do noso alumnado. A nosa comunidade é unha pequena familia que ten boas relacións e un bo sentimento de convivencia, tal como manifestan os cuestionarios cubertos por todos os sectores. Isto xera emocións positivas no ámbito individual e tamén no colectivo e dálle cohesión ao grupo (especialmente ao profesorado), facilita a ilusión, a participación, a implicación, a coordinación, a disposición para o traballo e a axuda ao outro. Todos nos sentimos partícipes do traballo, dos esforzos e dos logros. Toda a comunidade formamos unha familia tirando na mesma dirección. Esa unidade deunos forzas para un traballo intenso e para superar pequenos atrancos que xorden en calquera proceso. O traballo do PLAMBE e o do grupo retroalimentáronse. Ter un grupo implicado e unido facilitou o traballo, pero, á vez, os logros que iamos conseguindo incrementaban a implicación, cohesionaba e facía máis forte o grupo e dábanos ánimos para afrontar novos retos.

A modo de resumo, sinalamos os aspectos máis destacados dos diferentes sectores e/ou equipos da comunidade:

Os alumnos e alumnas, verdadeiros receptores e protagonistas de todas as actividades, participaron con moito entusiasmo en todas elas (Mochilas Viaxeiras, certames literarios, concursos, decoración da biblioteca, elaboración de materiais do proxecto documental...). Destacariamos a participación do alumnado voluntario de quinto e sexto, polo seu traballo como axudantes de biblioteca e a súa participación no club de lectura.

As familias participaron en todas as actividades cando foron requiridas: as Mochilas Viaxeiras, as guías de lectura, as actividades relacionadas coa campaña de animación á lectura (charlas, saídas didácticas, participación nos entroidos temáticos…). Por outra banda, hai que lembrar que participaron en varias sesións de cine foro organizadas polo Departamento de Orientación e o equipo de biblioteca.

Cómpre destacar moi especialmente as achegas económicas que fixeron e seguen facendo a ANPA e os pais e nais (o 80 % das familias) colaboradores de gardas do noso comedor escolar ao centro para melloras na biblioteca, para a compra de fondos bibliográficos, para financiar todas as saídas do centro, para financiar todos os premios dos concursos realizados no centro (relatos, concurso cabazas…). Estes fondos proceden dos ingresos que reciben por gardas de comedor e que non cobran a título individual, senón dun xeito colectivo e altruísta nunha conta bancaria creada para o efecto, para achegar ao orzamento do centro para as necesidades sinaladas que foron e van xurdindo: biblioteca, excursións, actuacións. Tampouco queremos esquecer as axudas en pequenas obras de montaxe e instalación de mobles prestadas por algúns pais e avós que colaboran connosco.

O persoal non docente, sempre disposto a axudar cando foi requirido (moitas veces fóra do seu horario laboral).

O Consello Escolar apoiou todas as iniciativas propostas polo equipo de biblioteca e buscou recursos para que todo o proxecto resultase factible.

O Claustro de mestres, actual e o dos cursos pasados, sempre receptivo ás propostas do equipo da biblioteca e implicado no seu desenvolvemento. Queremos destacar neste punto a boa predisposición de TODO o profesorado que, superando as dúbidas e inseguridades iniciais, participou na proposta da biblioteca de desenvolver un proxecto documental por aula, xa que para a gran maioría esta era a primeira vez que afrontaban unha tarefa deste tipo.

O equipo de dinamización da lingua galega fixo xirar o seu proxecto arredor da mesma temática proposta desde a biblioteca en total coordinación en todas as actividades, organizando entroidos e festivais sempre en relación coa temática anual.

O equipo de actividades complementarias enfocou a gran maioría das súas propostas en relación coa temática anual e xestionou actividades: saídas didácticas, charlas, Entroido…

O equipo de novas tecnoloxías (TIC) asesorou en todo o relacionado coas novas tecnoloxías. O coordinador mantén actualizada a páxina web do centro.

O Departamento de Orientación ofreceu suxestións para a elaboración do Proxecto lector, para a compra de fondos relacionados coa atención á diversidade, organizou sesións de cine foro cos pais e nais, coordinou un club de lectura…

O equipo directivo, desde o principio, formou parte activa do equipo da biblioteca,
favorecendo, animando e impulsando todos os proxectos levados a cabo. Tratou de xuntar as forzas de toda a comunidade educativa para contribuír a unha sinerxía que facilitase o desenvolvemento dos ditos proxectos. 

O equipo de biblioteca ofreceu ideas, entusiasmo, moito traballo, horas de dedicación (moitas delas fóra do horario laboral) e, sobre todo, tesón ao longo de todo o proceso.
Despois do exposto, só podemos concluír, á vista está, a grande implicación de todos os axentes mencionados e moi especialmente do profesorado e do equipo da biblioteca.

CONCLUSIÓNS

Todo o exposto neste artigo pretende facer unha reflexión sobre o traballo realizado no PLAMBE, que supuxo un gran esforzo. O motor que nos deu forzas para esta tarefa foi a cultura organizativa e de traballo individual e colectivo e a actitude amosada por parte de todos. Estar no PLAMBE permitiunos canalizar e unir moitas das enerxías que xa tiñamos cara a un obxectivo determinado e permitiunos consolidar e cohesionar o grupo. Supuxo para nós unha axuda imprescindible para dar o mellor de nós mesmos e contribuír á educación dos verdadeiros protagonistas: o alumnado.

Para que isto continúe, nós seguiremos coa nosa ilusión por aprender e co noso compromiso co traballo, pero tamén é preciso que as administracións educativas sigan apostando por este modelo, continúen potenciando as entidades que nos asesoran e poñendo os recursos necesarios (económicos e, sobre todo, profesorado suficiente nos centros para que poidamos seguir afrontando este apaixonante traballo).

Sección: