Os alimentos na identidade cultural, social e económica de Galicia: treboada no Miño, pan e viño

Proposta dun proxecto documental integrado no CEIP de Sobrada. Por que e para que?
Porque aprenden a buscar información empregando os recursos documentais que ofrece a biblioteca escolar, porque desenvolven as competencias básicas, porque constrúen coñecemento, porque integran aprendizaxes de diferentes áreas, porque respectan a diversidade, porque favorecen a transversalidade, porque valoran a propia lingua... Para que a escola e o mundo real camiñen da man por un mesmo sendeiro.

Isa Gándara Pereira
Coordinadora da BE
isabelgandara@edu.xunta.es
Esperanza Vázquez López
Coordinadora do ENDL
evlopez@edu.xunta.es

1. CONTEXTUALIZACIÓN

O CEIP de Sobrada está situado no concello de Tomiño, na comarca do Baixo Miño. Somos un centro próximo ao concello de Tui, fronteira con Portugal, o que é importante ter en conta pola cantidade de tradicións, vocabulario e infraestruturas comerciais que compartimos.

Os PDI (proxectos documentais integrados) supoñen a organización dos contidos desde a perspectiva da globalización (con significatividade lóxica e psicolóxica), creando situacións de traballo nas que os rapaces e as rapazas se inicien na aprendizaxe duns procedementos que lles axuden a organizar, comprender e asimilar a información. Cada proxecto concrétase na elaboración dunha monografía que require o emprego dunha serie de habilidades e coñecementos procedentes das diferentes áreas.

Hai máis dunha década que o noso centro emprega esta metodoloxía de traballo, algo cada vez máis habitual noutros centros na etapa de infantil, pero non tanto en primaria. Para a posta en práctica, consideramos fundamental traballar a través da aprendizaxe cooperativa, que aplicamos en todos os niveis educativos.

Un dos nosos sinais de identidade é dedicar cada curso a un tema transversal diferente, para que deste xeito, ao remate da primaria, o alumnado fixese xa un percorrido en profundidade polo ensino en valores relacionándoos cos contidos.

A biblioteca implícase de maneira activa nos proxectos de centro e faino en colaboración co ENDL (equipo de normalización e dinamización lingüística), o que repercute de forma enriquecedora cara á realización das propostas.

Formamos parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) desde o curso 2010-2011, o que supuxo para a comunidade educativa un impulso renovador moi importante.

2. COMO NACE O PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO ANUAL?

O proceso polo cal chegamos á proposta central supón os seguintes pasos:

2.1. Elaboración dunha proposta conxunta do equipo de biblioteca e do equipo de normalización e dinamización lingüística. Ambos os equipos realizamos o maior número de actividades conxuntamente.

2.2. O seguinte paso é que todos os membros do claustro teñan un documento de partida, para analizalo antes de calquera reunión.

2.3. Este documento preséntaselle á comisión de coordinación pedagóxica para consensuar e delimitar o núcleo de investigación; a proposta é suficientemente ampla para que permita un abano de posibilidades que abarque as distintas ideas e enfoques de traballo que hai entre os docentes.

2.4. A decisión lévase aos equipos de ciclo, para que nel estuden as actividades que se van realizar, recursos documentais etc. Nesa reunión cobren unha ficha, para se centrar nun punto de partida e determinar se o traballo se fará por niveis, ciclos, interciclos…, así como as necesidades e a axuda que pode achegarse desde os distintos equipos dinamizadores do centro.

2.5. A rendibilidade educativa e organizativa que logramos levando a cabo este proxecto queda reflectida no seguinte esquema:

Integración dos equipos de dinamización no PDI

3. DOCUMENTO PUNTO DE PARTIDA PARA O EQUIPO DOCENTE

Táboa 1. Síntese do documento para o profesorado

Táboa 1
PROPOSTAS TEMÁTICAS E RELACIÓN POR ÁREASOBXECTIVOS QUE CÓMPRE ACADAR CO TRABALLO DE INVESTIGACIÓN
1. Alimentos máis cultivados e que máis relevancia tiveron na nosa cultura e sistema social: o millo, o centeo, a pataca, a castaña e a vide.

* Facer máis visible o noso tema transversal neste ano académico: a educación para a saúde e o consumo.

* Mostrarlle ao alumnado como mudaron os hábitos alimenticios ao longo dos anos (desde principios do s. XX ata os nosos días).

* Dar a coñecer cales eran os principais cultivos.

* Coñecer como se levan a cabo as tarefas agrícolas, así como as ferramentas que se van empregar.

* Aprender técnicas de conservación dos alimentos e tamén a maneira de cociñalos.

* Concienciar o alumnado de que son posibles alternativas aos hábitos de consumo e distribución comercial dos produtos: o troco, as feiras e os bancos de tempo.

* Mostrarlle ao alumnado e facer visible a riqueza do patrimonio arquitectónico relacionado coa alimentación que existe na nosa comarca.

* Coñecer obras plásticas e literarias de autores galegos relacionadas coa produción agrícola (momentos de alimentación e produtos de consumo, así como actividades de mercado).

* Coñecer obras musicais pertencentes á tradición oral relacionadas cos labores agrícolas.

* Comparar e relacionar os movementos físicos (traballo muscular) que se facían ao levar a cabo tarefas agrícolas e comparalos con outros que facemos hoxe en día en actividades deportivas.

2. Técnicas de conservación de alimentos e construcións para gardar e procesar as colleitas:

* O secado do millo.

* Denominacións de orixe dos viños galegos.

* As adegas. Dos toneis de carballo ao aceiro inoxidable.

* Conservación dos muíños na comarca do Baixo Miño.

* Pioneiros da industria vitivinícola na comarca do Baixo Miño.

3. Receitario tradicional galego e doutros lugares do mundo:

* Dieta das familias galegas en distintas décadas do século XX.

* Utensilios na cociña.

* Comparación entre receitas: achegas nutricionais, composición e elaboración.

4. Movementos sociais no campo: agrarismo, mercados, trocos e feiras:

* O movemento agrarista no Baixo Miño.

* As cooperativas agrarias.

* O troco.

* Calendarios de feiras e mercados.

* Relación entre as festividades relixiosas e a celebración das feiras.

* Os bancos de tempo.

TRABALLAMOS POR COMPETENCIAS:

         . Aprender a aprender.

         · Tratamento da información e competencia dixital.

         · Comunicación lingüística.

         · Autonomía e iniciativa persoal.

         · Coñecemento e interacción co mundo físico.

         · Social e cidadanía.

TRABALLAMOS POR ÁREAS:

EI: coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, coñecemento do contorno, linguaxe, comunicación e representación: linguaxe escrita, verbal, artística e audiovisual.

Primaria: Lingua Galega, Coñecemento do Medio, Matemáticas e Ed. Artística

TEMPORIZACIÓN:

Para a busca e elaboración de materiais:

- Desde o mes de novembro de 2012 ata o 15 de abril de 2013.

- Para a comunicación a través do blog do centro dos nosos avances no proxecto, as mesmas datas anteriores. Para a comunicación xeral a través do produto final que será o monográfico, entre mediados e finais de maio (dependendo da dificultade de maquetación).

A proposta está centrada no agro, xa que a comarca do Baixo Miño ten unha rica tradición agrícola, non hai máis que contemplar a paisaxe para decatarse da relevancia deste sector: a vide e a industria vitivinícola, o patrimonio arquitectónico e etnográfico que supoñen a cantidade de muíños e outras construcións relacionadas coa alimentación. Poderiamos tratar alimentos procedentes doutros sectores presentes no noso contorno, pero ampliariamos excesivamente o proxecto, polo que resulta máis positivo concretar para que o desenvolvemento do traballo resulte máis cooperativo, interdisciplinar, interdepartamental..., para que posibilite sumar esforzos.

Modelo de ficha do profesorado

4. DESCRICIÓN DO DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO

4.1. Concreción temática. Formular, localizar, recuperar

Unha vez consensuada a proposta, decidimos centrarnos en dous produtos agrícolas: educación infantil e primeiro ciclo: o millo e segundo e terceiro ciclos: a vide.

Guía de contidos para traballar en educación infantil e primeiro ciclo de primaria

Os proxectos documentais integrados (PDI) fomentan o desenvolvemento das competencias básicas, a innovación educativa e a aprendizaxe autónoma, a atención á diversidade e a integración das TIC no ensino

Guía de contidos para traballar no segundo e terceiro ciclos de primaria

4.2. Recursos empregados. Analizar, interpretar, manipular

Unha vez establecidos os esquemas de traballo, é importante saber o material de investigación cos que contamos e os que precisamos conseguir.

Táboa 2. Recursos documentais

TIPOLOXÍA DE RECURSOS DOCUMENTAIS
Humanos

- Expertos na industria do viño

- Persoal especializado en etnografía da zona

- A familia e os veciños

 

Tecnolóxicos e audiovisuais

- Consulta de páxinas web a través do blog da biblioteca e do ENDL

- Enciclopedias multimedia, vídeos e reportaxes de televisión

Xornais e revistas

- Dixitais

- En soporte papel

Libros de consulta

- Etnográficos

- De vocabulario

- De botánica

- Tecnolóxicos

Algunhas cuestións da enquisa ás familias, nota informativa e adquisicións de fondos por parte da ANPA

Consideramos imprescindible a implicación das familias e entidades da zona no proxecto, xa que isto fomentará o interese do alumnado ao existir un factor emocional de apego no proceso de ensino-aprendizaxe.

No noso caso a participación foi moita:

  • Conseguimos información a través das enquisas ás familias.
  • Realizamos saídas a establecementos da zona para que o alumnado tivese experiencia directa co tema de investigación.
  • Fixemos visitas ao centro de familias e persoas especializadas no tema que tratamos e levamos a cabo demostracións de experimentos e receitas.
  • Adquiríronse fondos documentais para a biblioteca por parte da ANPA.

4.3. Establecemento de produtos posibles a partir do traballo de investigación Crear

Como xa indicamos na formulación inicial do proxecto, o obxectivo é facer unha publicación dixital en formato revista. Ao ter alumnado de diferentes niveis académicos, as producións variarán e concretaranse en diferentes soportes, que finalmente serán dixitalizados, o que describimos na sección dedicada ás ferramentas TIC.

  • Murais
  • Exposicións plásticas
  • Fichas en formato Publisher e Power point sobre a tipoloxía dos produtos agrícolas
  • Maquetación de fotografías
  • Narración sobre os traballos que xiran arredor do viño e do millo
  • Elaboración de etiquetas
  • Mapa da comarca do Baixo Miño no que se sitúen adegas e muíños
  • Listaxe de consumo do noso viño no mundo e comercialización mediante diagramas e barras de datos
  • Receitas
  • Listaxe de bibliografía empregada e ligazóns web utilizadas

4.4. Ferramentas TIC. Compartir

Empregamos as novas tecnoloxías como fonte de información, a través de páxinas web e blogs que imos atopando a medida que a investigación avanza.

Para elaborar o produto final, empregamos tanto programas informáticos de produción persoal (procesadores de texto, elaboración de presentacións de fotos, texto e son, editores de audio…), como programas da web 2.0 útiles para publicar nos espazos web (Issuu, Vimeo, Kizoa, Picture trail…), sobre todo no caso de que desexemos impartir unha conferencia na que necesitemos unha visualización previa do material.

Debemos destacar que formamos parte dos centros Abalar. Isto permítenos levar a cabo a aprendizaxe cooperativa a distancia, algo indispensable nos tempos actuais e futuros, empregando ferramentas que permitan tal fin, como Google Drive.

4.5. Avaliación do proxecto. Aplicar

O alumnado autoavalía a súa participación no proxecto a partir das seguintes cuestións:

  • Que aprendín?
  • Gustoume o traballo de investigación?
  • Á hora de buscar información, que medio prefiro?
  • Que é o que máis me custou indagar?
  • Que actividades das que desenvolvemos me gustaron máis?
  • E dos produtos finais (traballos), de cal me sinto máis satisfeito ou satisfeita?
  • Foi difícil expoñerlles aos demais a información que ía atopando?
  • A organización e resumo da información atopada foi complexa?

5. CONCLUSIÓNS

Pensamos que a través da realización dos proxectos documentais integrados e a implicación nestes do alumnado, profesorado, familias e entidades da zona, partindo dunha formulación conxunta dos equipos de biblioteca escolar e normalización e dinamización lingüística, acadamos unha serie de logros imprescindibles na sociedade da información:

  • Unha biblioteca escolar como centro de recursos para a aprendizaxe ao servizo da comunidade educativa.
  • Unha organización bibliotecaria que parte das aulas como demanda e necesidade xurdida da práctica docente.
  • Un alumnado que se fai lector con distintos propósitos: pracer, aprendizaxe, recuperación da información…
  • Uns lectores que empregan todo tipo de textos (continuos e descontinuos) e calquera soporte (libro electrónico, PDI, xornais, material de consulta…).
  • Un enriquecemento formativo e persoal, a través dunha aprendizaxe cooperativa e unha práctica docente, desenvoltas nun proceso de colaboración interdepartamental.
Bibliografía: 

BLASCO OLIVARES, A.; DURBAN ROCA, G. (2011). Competència informacional: del currículum a l’aula. Barcelona: Ed. Rosa Sensat. Colección Dossiers (2.ª ed.).

DURBAN ROCA, G. (2010). La biblioteca escolar hoy. Un recurso estratégico para el centro. Barcelona: Sd. Graó. Colección Biblioteca de aula (1.ª ed.).

PIQUÍN CANCIO, R. (2012). Proyectos documentales integrados. Gobierno de Navarra. Colección Blitz. En rede, formato pdf para descargar.

VARIOS (2002). Directrices da IFLA/UNESCO para a biblioteca escolar.

VARIOS (2009). “Tratamiento de la información y competencia digital”. Revista Aula. De Innovación Educativa, 181.

Webgrafía

Vídeo resumo do PDI.

Ligazón ao blog da BE e do ENDL.
http://bibliotecaceipdesobrada.blogspot.com.es/

Ligazón ao ISSU completo do PDI.
http://bibliotecaceipdesobrada.blogspot.com.es/2013/07/o-proxecto-docume...

 

Sección: