O instituto da Coruña

Este artigo versa sobre a traxectoria do Instituto Eusebio da Guarda, emblemático para a cidade da Coruña por ser o primeiro, desde a súa fundación no último cuartel do século XIX ata o día de hoxe.

Autora: M.ª Isabel Ruso de Lago
PES de Xeografía e Historia
Directora do IES Eusebio da Guarda
isaruso@yahoo.es

 

 

Na Real orde do 13 de novembro de 1862, a raíña Isabel II dispón a creación dun instituto local na cidade da Coruña onde “se darán los estudios generales completos de segunda enseñanza…” e se declara “refundida en dicho instituto la Escuela de Comercio”.

É o punto final dunha dura loita que vén desde 1845, cando o plan de estudos desa data determina o establecemento dun instituto en cada capital de provincia, agás nos casos en que existise unha universidade noutra localidade da provincia, como era o caso de Santiago de Compostela. Non obstante, a cidadanía coruñesa, xunto co concello e a deputación, pugnou en cinco ocasións por obter o establecemento dun centro educativo do que xa dispoñían o resto das capitais provinciais galegas e Santiago de Compostela.

A primeira foi no mesmo ano de 1845 cando, avalado pola sinatura de 93 veciños coruñeses, Manuel Freire de Andrade, despois propietario e director na Coruña dun colexio privado de segunda ensinanza homologado (1847-1853), llo propón ao concello e este ao gobernador civil. Ambas as institucións, reunidas co corrixidor, Juan Flórez, o apoian con firmeza, pero, probablemente pola oposición de Santiago de Compostela, o proxecto no se chega a materializar.

A segunda data de 1851 e a proposta do concello contou co firme aval da deputación, con quen compartiría gastos para o seu mantemento. Buscaron apoios nos deputados a Cortes pola Coruña e proximidades e encontráronos no ministro Calderón Collantes. O seu cesamento frea o proceso e o novo ministro recibe o informe negativo da Dirección Xeral de Instrución Pública “sin duda por consideraciones al Instituto de Santiago”, segundo o deputado por Pontedeume, don Miguel Carballo. A pesar de que o concello lle presenta unha nova exposición a Bravo Murillo, xefe do Goberno, para que intercedese ante o ministro de Fomento, non se consegue nada.

Na terceira, de 1853, preséntase unha segunda iniciativa privada subscrita por Manuel Freire de Andrade á raíña Isabel II. Aínda que a apoiaron o concello, a deputación e o gobernador civil, Bartolomé Hermida, a súa petición foi desestimada unha vez máis.

En 1858, por cuarta vez e logo da publicación da Lei Moyano en 1857, un destacado grupo de coruñeses, convocados polo deputado a Cortes Juan Flórez, retoma o tema e preséntallo ao concello, quen se compromete a afrontar os gastos de sostemento do instituto xunto coa deputación, pero esta, por cuestións legais e económicas, non concede a subvención dos 15.000 reais que lle solicitaban. Non obstante, o concello preséntalle unha súplica á Coroa. Logo de lle solicitar un informe ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela, o señor reitor, don José Varela Montes, indica que non procede a creación dun instituto na cidade da Coruña por cuestións legais e económicas, polo que volven fracasar no seu intento.

É, por fin, en 1862 (Real orde do 13 de novembro) cando se consegue a creación do novo instituto local. Instalarase na casa dos marqueses de Camarasa na rúa Herrerías, despois chamada do Instituto (por proposta do edil P. de la Encina en 1863), no número 6, despois número 1(anos vinte).

 

 

Moitas persoas tiveron un papel decisivo na súa consecución. Unhas, veciñas singulares da cidade, como Manuel Freire de Andrade a quen o primeiro director, Carlos Muñoz y Barroso, definía como “el más esforzado paladín de su creación”. Outras, artífices resolutorias debido á súa posición e apoio, como o ministro de Fomento, don Antonio Aguilar y Correa, marqués de la Vega de Armijo; o deputado a Cortes don Miguel Carballo; o representante en Cortes polo distrito de Pontedeume don Frutos Saavedra Meneses; e o secretario da Xunta Provincial de Instrución Pública don Pedro de la Encina. Na época faise evidente o agradecemento a varios deles: o concello recoñécelle, en acta, a Daniel Carballo “su celo, constante interés e incesantes afanes para proporcionar a este pueblo las mejoras, así morales como materiales, a que aspira y solicita, para que La Coruña llegue a la altura de adelantos y prosperidad que le corresponde como capital de primer orden…” (A. M. C., Acuerdos, fol. 85). En 1866 o Claustro do instituto decidirá encargarlle ao retratista J. Moreno y Moreno, profesor de “Debuxo de figura e adorno” da Escola de Belas Artes coruñesa, os retratos de don Antonio Aguilar y Correa e de don Frutos Saavedra Meneses, como testemuño de gratitude pola súa decisiva actuación na pugna pola consecución dun centro de segunda ensinanza para A Coruña; e en 1881 o pintor César completa a galería pictórica do novo edificio co retrato de don Pedro de la Encina, a quen A. de la Iglesia, profesor, escritor e periodista da época, define como “ilustrado y celoso fomentador de la primera enseñanza, y cuyo nombre no se borrará jamás de la memoria de los alumnos del naciente instituto…” (Galicia. Revista Universal de este Reino, núm. 24. 15 de decembro de 1862). Estes cadros acompañarán, ata hoxe, o devir desta institución académica.

Anos máis tarde, en 1870, o pedimento da corporación coruñesa para declarar o instituto como provincial obtén o visto e prace do ministerio, o que suporá que o alumnado do ensino privado e “doméstico” sería examinado no noso centro en vez de facelo no de Santiago. Non obstante, haberá que esperar ata o 8 agosto de 1876 para que, tras un recurso de súplica do Claustro e unha “razoable exposición” da deputación ao Goberno, se ratificase o acordo corporativo de seis anos atrás.

O alumnado do novo centro chegaría a multiplicarse case por 7 nos primeiros 25 anos e obsérvase un incremento da presenza de mulleres a finais de século. De feito, en outubro de 1875, un cronista da época en El telegrama apuntaba: “Dicen que una señorita se recibió de Bachiller en el Instituto. También nos gusta que las mujeres se vayan aplicando y sean como los hombres, para aprender cada día más y conseguir que todos vean y sepan que en España, como en América, no dejan de nacer mujeres que tengan talante para el estudio de todas las ciencias…”

Pero as condicións do edificio dos marqueses de Camarasa non eran as idóneas para un centro de ensino. Pronto os arranxos comezaron a ser cada vez máis habituais: a desfeita da súa fachada posterior, a insegura muralla contigua, a ruinosa galería fronte ao Campo da Estrada… A mediados da década dos setenta, o estado de deterioración era tan evidente que en 1879 El Porvenir publicaba un artigo onde afirmaba: “Es urgente que las corporaciones populares a cuyo cargo corre el instituto traten de levantar cuanto antes un edificio de nueva planta que honre a la capital de Galicia, pues el existente y desmoronado, ya por lo viejo, por lo feo, por lo pésimo, deshonra más bien que honra a La Coruña”.

Dous anos máis tarde, a principios de 1881, don Eusebio da Guarda e a súa esposa, dona Modesta Goicouría, bríndanse a construír un edificio para instalar un instituto, unha escola de artes e oficios e unha estación meteorolóxica, coa condición de que se lles cedesen os terreos do Caramanchón e outros privados adxacentes. Atrasadas as obras polos trámites burocráticos e pola insistencia do matrimonio de que se lles garantise o uso do novo edificio para o fin indicado, o 24 de decembro de 1885 apróbase o proxecto definitivo do arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gay e o 10 de novembro de 1886 reciben os terreos solicitados.

Os mecenas non reparan en gastos e encárganlle a construción ao contratista Manuel Ferro, que segue perfectamente as indicacións do arquitecto. Dotan o edificio de servizo de augas para a limpeza e de iluminación de gas; encárganlle a escaleira de entrada a Pedro Nicoli en Carrara (Italia); e o paraninfo, con alfombras, cortinas e cadeirado de veludo, é decorado con tres medallóns no teito con alegorías das ciencias e das artes realizadas polo artista Román Navarro, mentres que o resto de paredes e teito corre a cargo do pintor León Bianchi; ademais, as súas fiestras están compostas con vidros de cores separados por pezas de bronce.

As obras rematarán en 1889 e o centro comezará o seu funcionamento cun solemne acto de apertura do curso académico o primeiro de outubro do ano 1890. As promocións irán medrando co tempo e toda a cidade e a comarca se verá relacionada, por un ou outro motivo, coa institución educativa.

Logo da Guerra Civil, en 1941, o instituto é dividido en dous, feminino e masculino. Os varóns instalaríanse nun primeiro momento no último andar do edificio da praza de Pontevedra, con entrada independente pola rúa de Modesta Goicouría, e desprazaríanse a un novo espazo seis anos máis tarde. O 23 de setembro de 1947 inaugúranse as modernas instalacións do Instituto Masculino, o actual Salvador de Madariaga e as aulas do rexio edificio da praza de Pontevedra dedicaríanse exclusivamente, a partir desde momento, á educación feminina, aínda que se manteñen as ensinanzas de artes e oficios.

Máis adiante, e ante o crecemento da demanda de prazas, anexiónaselle un novo edificio cara ao mar que se une ao antigo a través dun estreito corredor. Danse os primeiros pasos na súa construción no ano 1961, pero é en 1966 cando comezan a utilizalo as alumnas e o documento de ratificación oficial data de 1973.

En 1986 comeza os estudos no noso centro a primeira promoción mixta, despois da separación por sexos dos anos corenta, e en 1988 a Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, que ocupaba o primeiro andar do edificio antigo, trasládase á súa nova localización na rúa dos Pelamios, que segue a ocupar na actualidade como Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. A partir dese momento, o Instituto de Ensino Secundario Eusebio da Guarda ocupa os dous edificios completos, o edificio principal e o pavillón novo.

De aquí en diante a evolución do centro vai en sintonía cos diferentes cambios nas leis de educación dos últimos tempos. Unha das que máis lle afectou foi a introdución da ESO, que obrigou, temporalmente, a utilizar aulas cedidas polo CEIP Eusebio da Guarda.

No curso 2010-2011 comeza a súa andaina a primeira promoción plurilingüe do instituto e o 18 de maio de 2011 asínase a incorporación do centro á Rede Mupega de Institutos Históricos.

Na actualidade, o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda destaca, ademais de polo bo nivel académico do alumnado, por unha porcentaxe de alumnos por aula das máis altas da localidade. As súas portas ábrense pouco despois das oito da mañá e péchanse case ás once da noite, cun pequeno descanso ao mediodía. Hoxe 16 grupos de ESO, 1 do programa de diversificación curricular, 12 de bacharelato, 4 de ESA, 7 de bacharelato adultos, 1 programa de cualificación profesional inicial (o de primeiro de modalidade C mixta) e 2 ciclos de grao superior, un de Guía, Información e Asistencia Turísticas e outro de Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos, enchen as aulas dos lonxevos edificios.

O amplo horario de apertura do noso centro facilita a realización de actividades extraescolares organizadas polo instituto e permite dar cumprimento ás solicitudes das instalacións por parte doutras entidades, públicas e privadas, para a realización de diversas eventos.

Seguindo os desexos de don Eusebio da Guarda, calquera solicitude feita por diferentes institucións para utilizar as dependencias do centro é atendida, sen exclusións ideolóxicas ou doutra índole e, normalmente, cédeselle o seu uso sen contraprestacións. As únicas condicións para satisfacer esas demandas son a salvagarda material do espazo utilizado e que o uso non afecte as necesidades do instituto. É de destacar a rodaxe da película A condesa rebelde no 2010-2011, a celebración de diferentes actos das Fogueiras de San Xoán, ou a campaña do concello, en estreita colaboración con este centro, para potenciar a estadía de Picasso na cidade e concretamente o seu paso polo instituto.

O concello, a deputación, a universidade, a Xunta, organizacións privadas sen ánimo de lucro e outros organismos e fundacións intercambian diferentes propostas, xeralmente de tipo cultural, nas que pode participar o alumnado. Como consecuencia, existe no centro un importante aproveitamento desta múltiple oferta cultural, deportiva etc., que xorde nos diversos ámbitos da súa comunidade, probablemente propiciado pola súa apertura ao contorno e a integración plena na vida da comunidade na que está radicado. Ao mesmo tempo, a relación fluída coas distintas institucións tradúcese na posibilidade de acceder a subvencións e colaboracións que contribúen a ampliar e mellorar os servizos que presta o instituto.

No que se refire ás actividades extraescolares e complementarias, establecéronse canles e procedementos para que beneficien a toda a comunidade educativa. Promoveuse a organización, realización, coordinación e difusión das que respondan ás necesidades do alumnado, asegurando a súa planificación sistemática e a súa periódica actualización. Entre outras, fomentouse a realización das que tivesen como finalidade o coñecemento mutuo, a convivencia e a plena integración de todos os alumnos na actividade do centro e promovéronse iniciativas que facilitasen a colaboración ou intercambios con outros centros, institucións ou empresas públicas ou privadas (ver documentación gráfica).

Sempre referente da educación e da cultura, nas aulas deste instituto estudaron ilustres alumnos, tales como Pablo Ruiz Picasso, Emilio González López, Gonzalo Torrente Ballester, Manuel Fraga Iribarne, Emilio Fraga Lago, Roberto Novoa Santos, María Wonenburger, Irene Valiño ou Rosa Saurín. E entre os seus profesores figuraron José Ruiz Blasco (pai de Picasso), Román Navarro García de Vinuesa, José Pérez Ballesteros, Víctor López Seoane, Joán Vicente Viqueira, Antonio Meijide Pardo, Víctor García de la Concha, José Luis Martínez Pereira e Felipe Criado Martín, entre outros. Todos en íntima relación co “espléndido e holgado edificio” da praza de Pontevedra, como o define Meijide Pardo no seu exhaustivo estudo da historia deste instituto. Espléndido en historia, pero a día de hoxe tanto o edificio nobre como o que dá á enseada de Riazor están necesitados dunha reforma integral, algo que demandamos desde hai anos. Sabedores do esforzo e do interese da consellería para connosco, desexamos insistir na urxencia da posta en marcha desa reforma, para non perder de xeito irreversible esta excelente mostra das construcións civís realizadas en Galicia no século XIX.

Non esquezamos que, se, como di don Miguel de Cervantes, “La historia es émula del tiempo, depósito de las acciones, testigo de lo pasado, ejemplo y aviso de lo presente, advertencia de lo porvenir”, o INSTITUTO, con maiúsculas, e todas as xeracións de mulleres e homes coruñeses que pasaron por el durante máis dun cento de anos fixeron, fan e farán HISTORIA, unha historia que debe ser ben custodiada por estes fermosos muros.

 

 
Bibliografía: 

 

FARIÑA CASALDARNOS, M. C. (1987). “Informe del rectorado de Santiago de Compostela sobre la fundación de un Instituto de Segunda Enseñanza de la ciudad de La Coruña (1959-1062)”. Revista Concepción Arenal-Ciencias y Humanidades, 17. Ferrol (A Coruña): Instituto Bachillerato Concepción Arenal (1.ª edición).

GARCÍA CORTÉS, C. (2011).Templos coruñeses. Historia-Arte-Culto. A Coruña: Editorial Xerión Comunicación y Publicaciones, S. L. (1.ª edición).

MEIJIDE PARDO, A. (1991). Eusebio da Guarda y el Instituto de 2ª Enseñanza de La Coruña. A Coruña: Editorial La Voz de Galicia. Colección Biblioteca Gallega. Serie Nova (1.ª edición).

REIRIZ GÓMEZ, J. M. (1999). La Coruña a través del tiempo. A Coruña: Editorial Internós (1.ª edición).

 

Sección: