A comunicación do alumnado a través de WhatsApps

Un novo reto da pedagoxía

José Raposeiras Correa
Catedrático de ensinanza secundaria
Equipo de Orientación Específico de Pontevedra
joseraposeiras@edu.xunta.es

A modo de introdución

As novas tecnoloxías, entre as que se inclúen os teléfonos móbiles intelixentes (smartphones), evolucionan a ritmos vertixinosos, expanden as posibilidades de comunicación, posibilitan o desenvolvemento doutras habilidades e formas de construción do coñecemento e xeran novas culturas. Todo isto fainos pensar nun repensamento continuo, coa finalidade de favorecer a construción dunha verdadeira cultura dixital. Pouco a pouco, case sen darnos de conta, ímonos esquecendo dos xa tradicionais SMS e dáse paso a unha das operacións preferidas pola xuventude usuaria do móbil: os WhatsApps. Un novo invento comunicativo que xorde no ano 2009, cando o ucraniano Jan Koum e o estadounidense Brian Acton creaban a chamada mensaxería instantánea, tipo WhatsApp, en California, a través dos teléfonos intelixentes. Damos paso así á actual etapa do “guasapeo”, en que, ademais de enviar/recibir mensaxes de texto básicas, se aproveita tamén para enviar/recibir imaxes, vídeos e mensaxes de audio a través da rede en calquera lugar, comunicándose ao momento, sempre que os usuarios estean conectados entre si. As relacións interpersoais a través dos WhatsApps permítennos ter a todos os contactos, independentemente da súa situación física, nunha pantalla e saber –case en tempo real– onde está unha persoa, facer comentarios, compartir novas, fotos, xogos, intereses e inquietudes persoais ou profesionais.

 

Desta maneira, no medio da partida de xogo en liña a través da aplicación de mensaxería multiplataforma, atopámonos con voraces consumidores dos citados e populares WhatsApps que ás veces fan saltar as alarmas. Por iso cómpre educar para a utilización destes recursos tecnolóxicos, para evitar ser vítimas de delitos telemáticos, para a prevención do posibles riscos: ameazas, ciberacoso, envío de contidos eróticos ou pornográficos, falsos perfís na rede, vidas virtuais, estrés, perda de control con moito tempo de chateo (usuarios compulsivos) ou ter moitos “amigos” sen coñecer ningún. Aínda nos seguimos preguntando cal será o prezo de todo isto. En calquera caso, vivir de costas á realidade que hoxe se nos está presentando non favorecería para nada os novos procesos educomunicativos e sociais xa que, neste caso, estariamos abocados a un analfabetismo tecnolóxico ou a un sen/convivir no mundo actual. Se xa somos moitos os adultos que case nos sentimos incapaces de entender a nosa vida sen o uso das TIC, nin que dicir ten do que lle pode pasar á xuventude que naceu e medrou nunha sociedade na que a experiencia virtual tamén forma parte da súa existencia, estendendo as súas características e consecuencias a diversos aspectos da vida real.   

 

Punto de partida

O noso interese por esta temática, o que nos permite continuar coa investigación/acción ao respecto, débese á preocupación que nos indican certos titulares, noticia con relativa frecuencia en diversos medios de comunicación e que están afectando, dunha maneira ou doutra, o alumnado de ensinanza non universitaria de varias institucións educativas. Os WhatsApps fixeron posibles outras formas de comunicarse, incluídas as de faltarse ao respecto ou no relativo aos valores e á dignidade das persoas. De aí a necesidade de buscar e achegar solucións, con aprendizaxe prospectiva e innovadora, de informarse cientificamente sobre esas situacións problemáticas coa finalidade de establecer, con carácter preventivo, pautas de actuación comúns.

Ultimamente están aparecendo en diversos xornais informacións que causan certa alarma e inquietude nos ámbitos socioeducativo e familiar. Obviamente, a cousa non é para menos. De aí que, para concienciarnos e situarnos ante os novos retos da pedagoxía actual en relación co tema que nos ocupa, consideremos oportuno facer un breve resumo e unha análise dalgúns destes contidos aparecidos na prensa, entre os que citamos: 

  • Los peligros de la brecha digital. [1]Os smartphones ou os tablets convertéronse nos compañeiros preferidos dos adolescentes nos últimos meses. Os nosos fillos deixaron de andar polas rúas e agora entretéñense cos seus ordenadores, consolas ou smartphones, así o explicaba un dos responsables do Equipo de Investigación Tecnolóxica (Edite) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, José Torres. Comparten confidencias a través dos WhatsApps. Ábrese así unha “brecha dixital”, distancia sideral entre os coñecementos e o manexo dos fillos e dos pais sobre o universo internet e os seus case infinitos camiños. Ao longo deste interesante artigo, o autor tamén fai alusión aos seguintes termos de uso cotián na era das TIC:

>>> O ciberacoso (cyberbullying) consiste no uso de información electrónica e medios de comunicación, tales como o correo electrónico (e-mail), as redes sociais (Facebook, Twitter…), as mensaxes curtas de texto –SMS– ou os WhatsApps a través da telefonía móbil de última xeración, os blogs, os websites difamatorios, para intimidar a un individuo ou a un grupo. Unha extensión a internet do tradicional acoso escolar (bullying) coa pretensión de causar angustia de tipo emocional ou preocupación.    

>>> O childgrooming é unha modalidade de acoso a menores en internet por parte dos adultos. Estes intentan, a través das redes, gañar a confianza dos nenos e, sobre todo, a súa amizade. Desta forma, os pedófilos conseguen que os nenos envíen fotografías ou vídeos de espidos, de contido erótico, que satisfagan os seus desexos sexuais, para logo concertar un encontro.

>>> O grooming consiste en preparar accións deliberadas por parte dun adulto co fin de establecer lazos de amizade cun neno ou nena a través de internet, coa pretensión de obter unha satisfacción sexual mediante imaxes eróticas ou pornográficas ou incluso como preparación para un encontro sexual por medio de abusos contra os menores.

>>> O sexting refírese ao envío de contidos eróticos ou pornográficos a través dos teléfonos móbiles. Comezou facendo referencia ao envío de SMS de natureza sexual.

Finaliza esta reportaxe cun titular que fai referencia a un episodio no que se reflicten serios riscos, debido aos contidos enviados: intercambio de fotos de espidos entre un adolescente de Lalín (17 anos) e unha rapaza de Ponteareas (13 anos).

  • El temor y la vergüenza vuelven invisible el ciberacoso en Galicia. Las víctimas, muy jóvenes, ocultan el conflicto y apenas hay denuncias. [2] O ciberacoso ou cyberbullying é unha extensión a internet do tradicional acoso escolar, aproveitando o maltratador a capacidade de difusión das redes sociais. Entra en xogo o móbil, co que gravan e falsean vídeos comprometedores… Na casa é onde se aprecia mellor, segundo a Garda Civil. A vítima cambia de conduta, non quere ir á clase, adoita durmir pouco, come peor, con ansiedade e, ás veces, descoidando a súa imaxe persoal. O modus operandi consiste en insultos nas redes sociais ou fotos comprometedoras, desacreditando a vítima ou gravando co móbil vídeos comprometedores.
  • Buscan a la persona que publicó fotos de menores coruñesas en redes sociales. [3] Ao parecer, as fotos comprometidas difundíronse por WhatsApps e redes sociais entre compañeiros de clase das menores, pero tamén doutros centros da cidade. O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, subliñou a necesidade de ter información sobre os riscos para non caer presos de desaprensivos e delincuentes e destacou a existencia de programas nas aulas en materia de seguridade, entre as que se inclúen charlas de membros da Garda Civil.
  • Los españoles duplican la media europea en uso de redes sociales. Un 40 % de los adolescentes pasa más de dos horas diarias chateando.[4] Nesta redacción do xornal recóllese a seguinte información: un estudo encargado pola UE e presentado en Madrid por Guillermo Cánovas, responsable da asociación Protégeles, a oenegé que busca a seguridade en internet para os menores di que “os adolescentes españois valoran moito máis as relacións sociais e o coñecer xente nova”, por iso están á cabeza de Europa no uso de redes sociais. Un de cada cinco mozos podería desenvolver unha conduta adictiva. O auxe dos teléfonos intelixentes que permiten manter o contacto en rede en calquera lugar disparou a conexión dos menores. O perfil máis repetitivo do risco de engancharse é o dun varón de 16 ou 17 anos cuxos proxenitores teñen un nivel educativo medio-baixo. Tamén se fala aquí dos catro tipos de risco, que expoñemos a continuación, segundo un informe da UE:

>>> O enganchado: a súa vida é virtual. Deixou de saír e de practicar deporte. Empeora nos estudos e ten problemas de sono. Cústalle reducir as súas horas ante unha pantalla (uso excesivo de internet), aínda que sabe que é malo.

>>> O multitarea: unha persoa que ten mil programas en marcha, pero tampouco perde ningunha actividade da vida real. Non renuncia a nada, sobre todo a internet. A súa constante esixencia provócalle estrés.

>>> O que esgota o ciclo: lanzouse ás redes sociais con todo o seu ímpeto pero ten “sede de vida” e gústalle ter contacto físico con outra xente e case seguro que a rede o vai cansar.

>>> O antiaburrimento na rede: como non ten alternativas na vida real, mata o aburrimento en internet. É algo cómodo, non ten nada mellor e isto esíxelle pouco.

  • Detenido por amenazas y coacciones a una niña a través de Internet.[5] Noticia sobre a detención dun veciño de Vilagarcía, de 28 anos… A Policía nacional foi informada de que un individuo lle manifestou á menor que “a ía matar”, así como que “lle ía facer dano a toda a súa familia” xa que sabía onde vivía e estudaba. No marco deste ambiente de pesadelo, a nena relatou que un día do mes de decembro de 2012, cando camiñaba pola rúa foi “abordada por un mozo que recoñeceu ser o que lle enviaba as mensaxes e que a ameazou por bloquearlle o WhastsApp”. Por se fose pouco, o sospeitoso chegou a abrir un perfil falso –nas redes sociais– a nome da menor e colgou fotos dela e das súas amigas. 
  • El “ciberacoso” creció entre los adolescentes un 150 % desde 2008. [6]  Polos comentarios de Guillermo Cánovas, presidente da asociación Protégeles, ao longo da presentación da campaña Superkids On Line, coa que se pretende educar a profesores, pais e alumnos sobre a forma de combater o acoso en internet, estas cifras aumentaron debido ao desenvolvemento da tecnoloxía móbil, que permite que os adolescentes estean “continuamente” conectados desde os seus tablets ou teléfonos intelixentes. O 13 % dos adolescentes españois sufriu situacións de ciberbullying. A campaña financiada pola Comisión Europea e iniciada en España, Dinamarca, Polonia e Italia, conta cun web para profesores e alumnos con vídeos, documentos e tests para abordar o problema desde os centros escolares. Por iso cómpre elevar as competencias dixitais dos nenos e dos pais para desenvolver un uso responsable das novas tecnoloxías. Nesta mesma páxina aparece un decálogo de consellos da citada ONG Protégeles a modo de prevención do ciberacoso e para que os adolescentes non se deixen enganar. Ao citado decálogo facemos alusión ao final deste estudo, no apartado de propostas e suxestións.
  • Los adolescentes no conocen a un tercio de sus amigos en las redes sociales. [7] Noticia da axencia EFE/Madrid, coa seguinte información: aproximadamente o 30 % dos contactos que teñen os adolescentes nas redes sociais son descoñecidos ou “amigos virtuais”, segundo un informe elaborado pola OCU feito público no Día de Internet 2013. Os adolescentes teñen de media 177 amigos nas redes sociais (un dato que máis da metade dos pais descoñecen). Entre os proxenitores, case o 27 % dos enquisados admite a súa ignorancia sobre o tema.
  • Detenido un pedófilo que iba a visitar a una gallega de 11 años. [8] Axentes da Policía nacional detiveron en Cidade Real a un mozo de 24 anos que lle enviaba fotos con contido sexual a unha nena de 11 anos que reside en Galicia. Este individuo contactou coa menor a través dunha aplicación telefónica para smartphone e enviáballe mensaxes de alto contido erótico, e esperaba obter imaxes do mesmo tipo por parte da menor. Nas súas mensaxes manifestáballe á vítima a súa intención de ir ao seu lugar de residencia. A detención foi posible grazas a que o pai da rapaza descubriu que a pequena mantiña contactos vía internet e a través de mensaxes instantáneas para teléfonos intelixentes cun home maior de idade que tiña pensado viaxar a Galicia para atoparse coa menor. Neste mesmo artigo aparecen recomendacións para os pais e a definición do termo childgrooming: unha modalidade de acoso a menores en internet por parte de adultos. Estes intentan, a través das redes, gañar a confianza dos nenos e, sobre todo, a súa amizade. Desta forma, os pedófilos conseguen que os rapaces lles envíen fotos ou vídeos de espidos, de contido erótico, que satisfagan os seus desexos sexuais, para logo concertar un encontro.    
  • Protección de menores. Expertos gallegos alertan a los padres del aumento de delitos en internet en verano.[9] Investigadores do Instituto Campus Stellae de Santiago de Compostela recomendan estar moi atentos á información persoal que os seus fillos dan a través das redes sociais e dos WhatsApps. Unha foto dunha menor espida acaba en internet e a nena protagonista convértese no centro das burlas dos seus compañeiros de clase. Róubanlle a identidade a un menor e utilízana para insultar a outros. Un adulto aprovéitase da rede para contactar cos adolescentes. Un grupo de delincuentes utiliza os datos que un menor proporciona vía WhapsApp, en tempo real, para roubar na súa casa. Estes son catro exemplos de delitos informáticos cada vez máis habituais entre menores, que xa son tanto vítimas como autores. Nuria Pereira, directora do citado Instituto Europeo Campus Stellae, comenta que para os delincuentes é moi fácil acceder ás fotos que enviamos. O móbil que se regala polas boas notas pode ser unha arma moi perigosa. Ao respecto e case ao final deste traballo, recóllense –para as familias– algúns consellos e recomendacións elaboradas polo citado Instituto Campus Stellae.
  • Detenidos dos jóvenes en Palma de Mallorca por difundir por WhatsApp fotos de carácter sexual de menores.[10] Axentes da Policía nacional detiveron en Palma a un menor de 15 anos e a un mozo de 19 por distribuír imaxes de carácter sexual de dous menores, de 13 e 15 anos. Estes menores remitíronlle voluntariamente as fotos a través de WhatsApp. Os arrestados difundíronas sen o seu consentimento a compañeiros do centro escolar, chegando incluso a publicalas nun grupo de amigos creado na citada aplicación. Unha das nenas foi vítima de sexting ao ser ameazada por un dos arrestados con publicar as súas fotos na rede social. A Policía nacional fala da importancia da prevención, de estar informados e de coñecer os riscos.
  • Sexismo a golpe de WhatsApp.[11] Os adolescentes replican os patróns machistas que poden conducir a situacións de violencia. As redes e o móbil facilitan as situacións de control. Un 25 % das mozas manifesta que son controladas polo seu noivo ou ex-noivo a través do teléfono móbil. Cando se utilizan mal e de maneira inconsciente, as novas tecnoloxías son un elemento de risco… Nunha parella, cando se deixaron, el –por celos ou por agresividade– entrou na conta dela dunha rede social e dedicouse a mandar fotos comprometidas e mensaxes insultantes a coñecidos e amigos.
  • Menores pontevedresas, entre las víctimas de un ciberdepredador.[12] O detido en Estepona (Málaga), un home de 27 anos, ganaba a confianza das rapazas e despois sometíaas a coaccións para obter imaxes de contido sexual a través de internet e por teléfono. A Garda Civil identificou as menores como presuntas vítimas. Hai tamén máis afectadas noutras provincias que foron igualmente localizadas, con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos. O presunto responsable destes feitos delituosos foi localizado e facíase pasar por un adolescente da mesma idade e cidade ca as menores coas que conectaba na rede social, creando un clima de empatía entre ambos. Cando conseguía establecer unha conexión emocional, sometíaas a todo tipo de coaccións e ameazas co obxectivo de conseguir delas imaxes de contido sexual. Unha vez quebrantada a vontade das vítimas, obrigábaas a facilitarlle un número de teléfono móbil.
  • Sólo tres de cada diez chicos apagan el móvil al dormir.[13] Noticia datada en Madrid, na que se expón o seguinte comentario: só o 30 % dos adolescentes apaga o teléfono “intelixente” ao deitarse, mentres que a idade de inicio no acceso a internet baixa cada vez máis. Isto é o que se recolle nun informe elaborado pola asociación Protégeles, presentado o día 11 de febreiro de 2014. Continúa o texto facendo alusión ao documento Menores de edad y conectividad móvil en España: tabletas y teléfonos inteligentes, elaborado polo Centro de Seguridade en Internet para os Menores en España, dependente de Safer Internet Programme da Comisión Europea. Os datos foron presentados en Madrid durante o terceiro Congreso Nacional Xuventude e en Rede, tratando de promover o uso responsable e seguro das novas tecnoloxías, especialmente entre os menores e a xuventude. O presidente de Protégeles, Guillermo Cánovas, advertiu de que os adolescentes prefiren xa sistemas de comunicación instantánea tipo WhatsApp antes que as redes sociais tradicionais como Tuenti. O motivo é que poden chatear en tempo real e ademais en grupo e, así mesmo, compartir vídeos e todo tipo de imaxes. O informe sinala, entre outras conclusións, que o 76 % dos enquisados usa WhatsApp habitualmente e o 65 % participa en grupos que permite este servizo. O 16 % non sabe se a xeolocalización está activada nos seus terminais móbiles e o 23 % publica habitualmente fotos e/ou vídeos en internet. Un de cada tres enquisados admite que instalou aplicacións coas que pode acceder á súa información de carácter persoal.

Estas novas, entre outras das moitas aparecidas e recollidas en diversos medios de comunicación, permitíronnos profundar un pouco máis no estado da cuestión do problema e no seu estudo. De aí o noso empeño pola busca de posibles solucións ou achegas en relación coa temática que nos ocupa. 

 

Obxectivos do traballo

Tomando como punto de partida o exposto con anterioridade e unha vez delimitados os contextos de referencia, propuxemos para a presente investigación/acción dous obxectivos de carácter global:

1. Coñecer e comprender o uso que o alumnado de secundaria fai ou pode facer das tecnoloxías da información e da comunicación, en concreto dos WhatsApps. Como, cando, por que e para que os utilizan, con que frecuencia o fan e o que significan na súa vida ordinaria, así como a influencia que exercen nas relacións interpersoais.

2. Analizar os aspectos afectivos e o comportamento do estudantado coa utilización dos sistemas de comunicación a través do teléfono móbil intelixente.

Estes dous obxectivos xerais levaríannos a outros máis específicos:

- Ter un coñecemento das prácticas de uso cotián da poboación adolescente en relación cos smartphones.

- Describir a nova cultura dos WhatsApps, así como as súas repercusións comunicativas.

- Expoñer a necesidade dun cambio de tendencia en canto ao uso abusivo do teléfono celular intelixente no contexto socioeducativo e familiar.  

- Propoñer accións preventivas e de sensibilización ante posibles situacións problemáticas que se poidan producir coa utilización comunicativa dos WhatsApps.

 

Metodoloxía aplicada

Neste apartado aproveitáronse todas as oportunidades profesionais para facer unha intervención global nos centros, servíndonos de distintos paradigmas e dun pluralismo metodolóxico. O estudo inclúe dúas partes básicas que, non obstante, se interrelacionan entre si: unha parte teórica e unha parte empírica, admitindo o principio de complementariedade entre a investigación cuantitativa e a cualitativa. Así, unha parte do traballo inclúe aspectos relativos ao marco teórico conceptual partindo da reflexión sobre a práctica profesional e dunha breve análise de contido de artigos xornalísticos. A outra parte responde á análise de investigación cuantitativa de datos e as súas correspondentes apreciacións cualitativas, optando polo método descritivo e un estudo de enquisa. Da mesma maneira, aproveitáronse suxestións sacadas de diversas entrevistas e reunións con profesores e membros de equipos directivos nos institutos, centros integrados de formación profesional, centros públicos integrados e colexios privados.

Debido ao noso campo de intervención e actividade profesional –desde o Equipo de Orientación Específico–, á hora de elaborar o deseño do estudo empírico para obter datos cuantitativos, tomouse como referencia a poboación de usuarios do teléfono móbil intelixente, formada polos alumnos e alumnas do sistema educativo galego de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional de grao medio, seleccionando a mostra a través dos datos estatísticos de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e os 19 ou máis anos, en centros públicos e privados da provincia de Pontevedra. Estes alumnos e alumnas pertencían aos cursos de cuarto da ESO, primeiro e segundo de bacharelato e primeiro e segundo ciclos formativos de grao medio, durante o último trimestre do ano académico 2012/13 e no primeiro cuadrimestre do presente curso 2013/14.

En todo momento se intentou evitar certas datas para o alumnado que cursaba segundo de bacharelato (sobre todo os meses de abril e maio, cando están centrados nas PAU). Da mesma maneira, tivemos en conta os trimestres nos que o alumnado de segundo de FP de grao medio tiña que cursar o módulo de FCT (a gran maioría no último trimestre do curso académico).

RESUMO DA FICHA TÉCNICA

- Para este traballo obxecto da investigación/acción que pretendiamos desenvolver, partimos, pois, dos parámetros dunha poboación baseada no alumnado de réxime xeral/ordinario, na provincia de Pontevedra, pertencente aos cursos de ESO, FP e bacharelato citados con anterioridade.

- Tipo de enquisa: enquisa persoal con cuestionario estruturado, anónimo e confidencial.

- Tamaño da mostra do alumnado: 682 cuestionarios recollidos no conxunto da provincia (344 mulleres e 338 homes). Distribución en tres submostras de 226 cuestionarios para os alumnos de cuarto da ESO, 144 para primeiro de bacharelato, 195 para segundo de bacharelato e 117 para os alumnos da FP de grao medio. O 78 % deste alumnado pertence a centros públicos (IES, CPI e CIFP) e o 22 % restante corresponde a centros privados concertados (CPR).

 

CUESTIONARIOS

CENTROS PÚBLICOS

CENTROS PRIVADOS

TOTAL

4.º de ESO

127

99

226

1.º de bacharelato

129

15

144

2.º de bacharelato

150

45

195

1.º e 2.º de FP de grao medio

117

----

117

TOTAL

523

159

    682 = n

 

- Datas de aplicación e recollida de datos, os mesmos días de intervención nos centros, ao longo dos meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro, novembro e decembro de 2013.

En relación co traballo de campo, para a aplicación de cuestionarios e a recollida de datos, contouse coa colaboración voluntaria dos centros participantes (profesores titores, de área ou orientadores), partindo da información para consentimento e logo da petición de permiso e autorización dos equipos directivos. Procuraron aproveitarse as horas de titoría –en cuarto da ESO– e as aulas con profesores de garda por substitución de ausencias –en BACH e FP– ou outras situacións que xurdían espontaneamente para a colaboración/participación (amizades ou profesionais coñecidos). A nosa pretensión non consistía en seleccionar ningún tipo de centros. Estes xurdían en función das necesidades de asesoramento/colaboración do EOE –ámbito provincial– coincidindo coa intervención nas institucións escolares. Partíase dunha motivación, presentación e explicación do que se pretendía conseguir. Logo distribuíanselle os cuestionarios ao alumnado na aula e recollíanse cando acababan de responder os ítems propostos. Só precisabamos dunha sesión de 7-10 minutos aproximadamente, o tempo que lles facía falta para cubrir o citado cuestionario.

 

IDADE

15 anos

16 anos

17 anos

18 anos

19 ou

máis anos

en branco

TOTAL

Núm. de alumnos/as

129

136

220

83

101

13

682

 

As variables obxecto do estudo son a comunicación vía WhatsApps e os seus contidos, a dependencia, o consumo e o uso en relación co teléfono móbil intelixente. Da cuantificación final resultante procuraremos facer a correspondente análise cualitativa, contrastando as opinións, así como as observacións pertinentes sobre as inquietudes expresadas polos estudantes participantes na investigación levada a cabo nos centros educativos colaboradores.  


Conclusións do estudo a comunicación do alumnado vía whatsapps

O traballo desenvolvido nos apartados precedentes permitiunos extraer varias conclusións en función dos resultados obtidos. Deste xeito e a continuación, facemos fincapé nas que consideramos como máis relevantes:

- Son moi poucos os alumnos e alumnas participantes na investigación (o 9 % deles) que manifestaron que non teñen teléfono móbil intelixente (smartphone). Non tiñamos dúbidas ao respecto, polo que xa partiamos desa premisa e cumpríronse as nosas expectativas. Así mesmo, puidemos comprobar como case a metade destes estudantes enquisados opinaba que moitas das súas relacións sociais as facían a través deste dispositivo celular.

 

- Na rede non todo o mundo é quen di ser, por iso nos resulta significativa a porcentaxe (a pesar de ser baixa) de mozos e mozas que se comunican con persoas descoñecidas. Da mesma maneira, case o 6 % deles afirma que chatea con perfís falsos, ocultando a súa identidade ou a nome doutra persoa, para ver como responden os demais ou ben porque colgan fotos raras ou envían vídeos comprometidos.

 

- Os alumnos e alumnas que colaboraron no estudo recibiron un total de 383 WhatsApps procedentes de persoas descoñecidas, é dicir, o 56 % do total. De todos os xeitos, 152 destes receptores (o que equivale ao 40 %) comentan que lle chegaron por confusión do interlocutor respectivo. Non obstante, os 231 restantes (60 %) recibiron outro tipo de contidos a través dos devanditos WhatsApps: agresións (7), ameazas (18), insultos (11), proposicións deshonestas (21), vídeos pornográficos (15), declaracións de amor (51), concretar unha cita nun lugar determinado (20), para saber algo deles (42) e por outros motivos sen especificar (75). Cabe subliñar ao respecto que algúns destes adolescentes contestaron á vez a varias das alternativas propostas no cuestionario.

 

 

- A comunicación a través dos WhatsApps fainos pensar no consumo deste novo produto asociado ao teléfono móbil de última xeración, na dedicación a este e na distribución e aproveitamento do tempo, así como na súa utilidade, uso ou abuso. Unha vez analizadas as respostas emitidas polo alumnado participante, podemos comprobar como existen 140 destes estudantes que din que establecen menos de cinco comunicacións (chats vía WhatsApps) por día, o cal nos parece que se sitúa dentro da normalidade. Dos demais xa non podemos dicir o mesmo, xa que 259 manifestan que o fan entre 5 e 20 veces ao día; 57 entre 20 e 40; 64 entre 40 e 60 e os 137 restantes “guasapean” máis de 60 veces ao día, unha auténtica esaxeración que convén ter en conta para corrixir a este tipo de usuarios adictos ao “guasapeo”.  

 

 

- O tempo diario dedicado ao uso do teléfono móbil (chamadas, SMS, WhatsApps, xogos, música ou internet, entre outros), segundo as respostas facilitadas polo alumnado participante no estudo, queda reflectido da seguinte maneira: menos dunha hora ao día (o 13 %), entre 1 e 3 horas (o 33 %), de 3 a 6 (o 24 %), entre 6 e 10 (o 16 %), de 10 a 15 horas (o 7 %) e máis de 15 horas diarias (outro 7 %). De seren certos os datos anteriores, preocúpanos a utilización que fan deste utensilio tecnolóxico sempre que o seu uso supere as seis horas diarias, o que parece acontecer, como podemos observar, no 30 % dos casos. Dedicándolle tanto tempo a esta tecnoloxía, que nos pode quedar para as demais actividades escolares, familiares ou sociais? Levamos o mesmo camiño os adultos? Ao respecto parécenos que é preciso incidir nisto con criterios pedagóxicos de carácter preventivo coa finalidade de evitar usuarios compulsivos.  

O 7 % destes mozos e mozas que chatearon en cantidades superiores aos 40 WhatsApps por día correspóndese cos que lle dedicaron un tempo superior ás 10 horas diarias. Unha porcentaxe que, a pesar de ser pequena, nos parece altamente significativa debido ás posibles consecuencias que pode ocasionar. Neste caso estámonos referindo a hipotéticas persoas enganchadas que se aproximan aos estilos de vida virtual. De aí que consideremos necesaria unha información/formación adecuada, no ámbito familiar, escolar e social, coa finalidade de evitar patoloxías derivadas do mal uso e abuso deste recurso tecnolóxico. 

- O grao de dependencia da xuventude que contestou os cuestionarios en relación con este utensilio multiusos é tal que un 20 % dela asegura que está sempre pendente del, o 39 % está pendente durante o día, o 33 % só fóra do centro educativo e tan só un 8 % manifesta que nunca está a expensas do teléfono móbil. En todo caso, preocúpanos e chámanos a atención a significativa porcentaxe de alumnos e alumnas que están sempre pendentes deste dispositivo, e son moi poucos os que se expresan en sentido contrario.

 

 

A dependencia esaxerada do aparato telefónico, da batería, de se hai WhatsApps, chamadas, mensaxes, vídeos, fotos, Skype… o que dalgunha maneira coñecemos como monofobia e todo o que supón o uso abusivo do móbil, parécenos que debe ser tratada no ámbito das competencias saber ser e saber estar dos adolescentes e da xuventude en xeral, e incluso tamén dos adultos, que xa manifestamos certas aparencias desta adición. 

- Percíbese unha sensación de ansiedade, debido á necesidade que teñen de responder ou de manter a conversación a través dos WhatsApps que reciben. Cómpre ter en conta o 32 % destes mozos e mozas (210 en total) que así o considera. En sentido contrario, o que nos parece máis lóxico, maniféstanse 452 deles. Así mesmo, a algo máis da metade deste alumnado enquisado moléstalle e prodúcelle inquietude cando non lle corresponden aos WhatsApps que envía, se non hai resposta. 

  

 

- Aínda que só equivale ao 8 % dos participantes no estudo, os 52 alumnos/as que manifestaron que sacaron e logo publicaron fotos comprometidas (eróticas, con etiquetas pexorativas, aspectos de maltrato, agresións a persoas ou connotacións de tipo sexual) pasándollas a varias amizades, prodúcennos bastante inquietude e –como persoas ou profesionais da pedagoxía/orientación educativa– lévannos a recapacitar sobre a urxente necesidade de buscar solucións para evitar maiores problemas ou que estes vaian en aumento.

 

Non obstante, os adolescentes aos que lles enviaron esas fotos comprometidas xa son un número considerable, 247 os que responderon afirmativamente, tal e como se pode comprobar no gráfico anterior. Ao noso modo de ver, unha cantidade para acender as luces de alarma e para ter máis en conta as actividades do currículo orientador, como xa dixemos, as competencias do saber estar e do saber ser e a coordinación con outras institucións sociais, culturais e familiares.

- En relación con este alumnado que recibiu as mencionadas fotos de contidos perigosos (o 37 %), só presentaron denuncia 9 deles (á familia, á Policía/Garda Civil ou no centro educativo). Os demais (150 mozos/as) non o fixeron porque prefiren estar á marxe de todo, tres por vergonza, un por temor e os restantes por outros motivos que non especifican. Temos a sensación de que non o fan porque o tema os está desbordando. Consideramos que aínda non existe unha preparación adecuada para tales mesteres da nova cultura dixital, á que nos temos que adaptar todos e todas, ensinar e aprender con innovación e anticipación aos posibles problemas, precisamente tratando de evitalos.

 

 

- A resposta facilitada pola gran maioría dos enquisados (97 % dos adolescentes) constitúe unha gran noticia ao expresar que non gravaron nin fixeron circular pola rede –a través dos WhatsApps– vídeos con contidos arriscados e perigosos para a saúde física ou psíquica. Non obstante, a porcentaxe contraria –aínda que moi baixa (3 %)– preocúpanos, polo que nos parece que se debe ter moi en conta. Dalgún xeito isto obríganos a poñernos en “estado de alerta” xa que esta minoría pode crear e aumentar moitos problemas de convivencia no ámbito socioeducativo e familiar. Obviamente, a experiencia indícanos que un só caso pode revolucionar a comunidade educativa dun centro, creando situacións confusas que é preciso corrixir con urxencia, para evitar males maiores.

 

 

 

Tendo en conta as opinións dos alumnos e alumnas que colaboraron neste traballo de investigación, a temática dos vídeos perigosos que recibiron estaba relacionada con ameazas (5 estudantes), insultos (13), malos tratos físicos (17) e pornografía (84 estudantes, é dicir, o 58 % dos que recibiron este tipo de vídeos). Os 27 alumnos restantes non especificaban os motivos. Algúns deles respondían con varias alternativas á vez.

- O 93 % do alumnado que respondeu ao cuestionario manifesta que utiliza os WhatsApps para dar e recibir información ou para axudas recíprocas entre amizades. En calquera caso, entendemos que existen determinados hábitos que se deberían corrixir, xa que máis da metade destes mozos e mozas alegan que adoita chatear vía WhatsApps cando están en reunións familiares ou con outras persoas ou cando están estudando.

 

Tal e como se percibe ao analizar o proceso investigador levado a cabo no estudo, recollemos as seguintes apreciacións que, a noso modo de ver, son as máis significativas:

  • Na actualidade existe unha porcentaxe importante da nosa xuventude, escolarizada no ensino secundario, que manifesta monofobia e que se mostra ansiosa, inquieta ante a necesidade de estar sempre conectada ou de ter que dar resposta a todos os WhatsApps.  
  • Obviamente preocúpannos os estudantes que publican ou reciben fotos/vídeos de contidos perigosos, así como os que chatean con persoas descoñecidas ou amizades virtuais a través do teléfono móbil intelixente. Unha mínima porcentaxe dos que o fan é máis que suficiente para aumentar os sinais de alarma e actuar en consecuencia.
  • Como puidemos comprobar, percíbese unha adición ao “guasapeo” con exceso de chats e de tempo dedicado a estes. É preciso potenciar o desenvolvemento dun uso responsable.
  • Cómpre ensinar a utilizar correctamente o smartphone, para evitar o mal uso e abuso, dado que os mozos e mozas son uns usuarios moi activos e déixanse influenciar con bastante facilidade.

Todo isto parece indicarnos que a prevención de patoloxías se debería centrar fundamentalmente nun proceso informativo/formativo, relativo ás competencias de carácter global –dentro das institucións educativas e tamén no ámbito familiar–, limitando razoablemente o tempo de utilización do teléfono móbil e evitando a circulación, a través dos WhatsApps, de contidos inadecuados para a saúde persoal e social. Hoxe necesítase moita educación do comportamento, o que nas redes sociais e en internet se coñece como netiqueta. Pautas orais ou escritas para facer os contornos interactivos, agradables e produtivos igual ca na vida real. Unha pedagoxía alusiva ao coidado da convivencia e das normas de cortesía para os que están conectados que lle preste atención á ortografía, á formación e respecto pola privacidade, aos horarios e tempo de dedicación e á comprensión/análise das repercusións que puidesen derivar, cando temos a nosa vida exposta á comunicación vía WhatsApps. Antes de publicar mensaxes de texto, selfies (autorretratos), fotos ou vídeos, debémolo pensar ben, tratando de evitar hipotéticos prexuízos. Usar primeiro o cerebro e logo o teléfono móbil conectado á rede á hora de contestar ás chamadas, SMS ou WhatsApps de persoas descoñecidas que se agachan detrás das pantallas.  

 

Propostas e suxestións en clave de reflexión

- Cabe suxerir a conveniencia de promover debates internos nas comunidades educativas das institucións escolares (alumnado, profesorado e familias) e realizar estudos sobre o uso/abuso/riscos da comunicación a través dos teléfonos móbiles intelixentes. Elaboración dunha guía de actuación, atención e acompañamento para os casos problemáticos.

- Percíbese a necesidade dunha maior sensibilización, medidas de carácter preventivo (repensamento continuo, valoración, impacto, xestión das relacións virtuais, privacidade, intimidade etc.) e formación no contexto educativo e familiar. Actuacións e pautas coordinadas a través da acción titorial e orientadora. Escolas de familias.

- Parécenos que as charlas informativas/formativas impartidas por persoal técnico ou por expertos dos corpos e forzas de seguridade do Estado nos centros son de gran transcendencia para dotar de ferramentas coas que responder cuestións que lles afectan aos rapaces. En calquera caso, é preciso ter en conta que os citados profesionais non poden substituír ou asumir o papel do profesorado nin das familias en canto aos aspectos estritamente educativos.  

- Recomendamos apagar os smartphones polas noites e que os menores de 14 anos non os leven aos centros educativos. Para estes rapaces e rapazas necesítase do consentimento dos seus pais, nais ou titores legais para que se poidan tratar os seus datos. Así mesmo, non se deben publicar fotos que identifiquen un neno e o sitúen, por exemplo, no contexto dun colexio ou en actividades extraescolares. Isto é especialmente relevante en internet, polo que cómpre tomar as oportunas precaucións. 

- Nos terminais móbiles intelixentes gárdase moita información de carácter privado ou íntimo (datos persoais, fotos, contactos, mensaxes de texto ou de audio, WhatsApps, vídeos familiares etc). Por iso hai que ter moito coidado con este utensilio, tratando de evitar o seu roubo. Á parte do que supón a súa perda economicamente, tamén pode servir para lles dar pistas –de ser o caso– aos amigos do alleo cando non estamos na casa ou sobre a nosa xeolocalización, cos conseguintes perigos que pode supoñer.

- O cyberbullying dáse nun anonimato que non sempre é real e con características de invisibilidade. Ao contrario do bullying, que acontece en espazos de convivencia habitual (na rúa, no patio ou na aula), pódese manifestar á marxe do contorno escolar, co que dificulta en gran medida a intervención educativa. Para a súa prevención é preciso, ademais dunha educación correcta (escolar e familiar), desenvolver outros conceptos como a privacidade e a valoración previa da informacción, debido ás posibles consecuencias que se poidan producir.

- Unha mala utilización dos teléfonos celulares de última xeración pode provocar adicións ou situacións de risco nas persoas adultas e, sobre todo, nos máis novos cando estes aínda non están dotados de suficiente madurez, coñecementos ou recursos necesarios para defenderse e actuar ante situacións comprometidas.

- Os pais deben predicar co exemplo. Usar o smartphone cando sexa necesario e corresponsabilizar os seus fillos da distribución do tempo e dos gastos. Transmitirlles a importancia de coidar a súa privacidade en internet, creando perfís privados, utilizando contrasinais seguros; manter contacto unicamente coas persoas que se coñecen na realidade, pensar ben antes de subir unha foto a internet, asegurarse de que saben como rexeitar ou bloquear contactos das redes sociais e chats e de que coñecen as ferramentas de denuncia.

- A Policía nacional recomenda que os pais creen un clima de confianza cos seus fillos para tratar estes temas e informalos dos riscos e das consecuencias que entraña facilitar datos persoais ou enviar fotos ou vídeos comprometidos a outras persoas, incluso aínda que sexan amigos, xa que poden prexudicar o seu honor. A prevención é esencial. Se reciben por calquera medio un material deste tipo, non o deben compartir senón denuncialo de forma privada.

Os sistemas de mensaxería instantánea tipo WhatsApp non están exentos de riscos dado que non velan pola intimidade dos usuarios nin están implicados na seguridade dos menores. De aí que as novas tecnoloxías teñan que evolucionar a un ritmo vertixinoso. Hoxe xa se está a falar doutras aplicacións que van tomando vantaxe en temas de seguridade, tal é o caso de Telegram (aplicación de orixe rusa lanzada a finais de 2013). A competencia entre as distintas aplicacións pode axudar a que medre o interese en materia de seguridade cibernética, para que as mensaxes teñan data de caducidade (autodestrutibles), realizar chats privados e protexer a información que intercambian os usuarios.

Tendo en conta o exposto con anterioridade neste traballo de investigación-acción, subscribimos o seguinte decálogo de consellos ou recomendacións da asociación Protégeles para a prevención do ciberacoso e para non deixarnos enganar, tratando de evitar hipotéticas situacións problemáticas ou perigosas aquí mencionadas:

  • Esixe respecto e rexeita as mensaxes de tipo sexual ou pornográfico.
  • Non debes publicar fotos túas ou dos teus amigos en sitios comúns.
  • Utiliza perfís privados nas redes sociais.
  • Cando subas unha foto na rede social, asegúrate de que non ten un compoñente sexual. Pensa se estás disposto a que esa foto poida chegar a vela todo mundo e para sempre.
  • Non aceptes na túa rede social a persoas que non viches fisicamente e ás que non coñezas ben. Se tes 200, 300 ou 500 amigos, estás aceptando a persoas que realmente non son amigos nin familiares teus.
  • Respecta os teus propios dereitos e os dos amigos. Tes dereito á privacidade dos teus datos persoais e da túa imaxe: nos publiques nin fagas públicos os dos demais.
  • Mantén o teu equipo seguro: utiliza programas para protexer o teu ordenador contra o software malintencionado.
  • Utiliza contrasinais realmente privados e complexos. Non inclúas nos teus nicks e identificativos datos como a túa idade, fecha de nacemento etc.
  • Se aconteceu unha situación de acoso, garda todas as probas que poidas: conversacións, mensaxes, capturas de pantalla…
  • Ante unha situación de acoso, NON cedas á chantaxe. Pono en coñecemento dos teus pais, pide axuda ao Centro de Seguridade en Internet para os menores (contacto@protegeles.com) e/ou denúnciao á Policía ou á Garda Civil.

Da mesma maneira expoñemos para as familias as medidas de protección que nos aconsellan ao respecto os investigadores do Instituto Campus Stellae de Santiago de Compostela:

  • Os maiores deben aprender a utilizar o ordenador, internet, redes sociais, WhatsApps…
  • Cómpre establecer regras consensuadas e claras.
  • Fomentar o diálogo cos fillos sobre os hábitos de navegación e os seus riscos.
  • Utilizar ferramentas de control.
  • Usar os dispositivos de internet só nunha zona de uso común da vivenda. Supervisar o uso que se fai e as páxinas web ás que acceden.
  • Ensinarlles en que consiste a protección dos seus datos, as normas básicas de seguridade.
  • Os pais deben coñecer os contactos e contrasinais.
  • Navegar e chatear de vez en cando xuntos, para coñecer os seus hábitos e preferencias.
  • Evitar que se conecten pola noite.
  • Coidado con e a quen se lle facilitan datos persoais, fotos, vídeos. Os pais deben falar abertamente cos seus fillos sobre os beneficios e os riscos que entraña o uso das TIC.
  • A que idade se lle pode regalar un móbil con internet a un neno? A partir dos 15 anos. E aínda así é necesario explicarlles moi ben a importancia de protexer os seus datos, xa que pode afectar a toda a familia.

Finalizamos a presente investigación reafirmando unha vez máis a nosa aposta polas novas tecnoloxías, entre as que se encontran os smartphones. En todo caso, consideramos que sería necesario inculcarlles aos adolescentes e aos mozos en xeral un coñecemento do mundo real sobre o mundo virtual, as relacións interpersoais e o diálogo cara a cara, ensinándolles a desenvolver unha identidade dixital de forma responsable. Todas as actividades que desenvolven a través dos WhatsApps deixan pegada e poden comprometer a súa imaxe. De todos os xeitos, esta maneira de comunicarse –ben utilizada– tamén pode ser unha vantaxe, xa que de forma fácil e rápida se fomenta o diálogo entre compañeiros/as, se poden compartir recursos e favorecer a aprendizaxe colaborativa ou desenvolver habilidades comunicativas, entre outras. Ao respecto e para poder levar a cabo as citadas actividades, entendemos que é preciso un bo coñecemento desta tecnoloxía, a formación do profesorado, os recursos económicos, a implicación do alumnado e das familias e, sobre todo, investigación e innovación didáctica.

 

 

Notas:

[1] Cfr. Víctor Méndez, Diario de Pontevedra, 9 de setembro de 2012, páxina 5.

[2] Cfr. Alfonso Andrade, La Voz de Galicia, 12 de novembro de 2012, páxina 24

[3] Cfr. El Correo Gallego, 12 de xaneiro de 2013, páxina 20.

[4] Cfr. Sara Carreira, La Voz de Galicia, 16 de xaneiro de 2013, páxina 23.

[5] Cfr. La Voz de Galicia, 8 de marzo de 2013, páxina 13.

[6] Cfr. El Correo Gallego, 20 de marzo de 2013, páxina 41.

[7] Cfr. Diario de Pontevedra, 18 de maio de 2013, páxina 26.

[8] Cfr. E. Mouzo / A. Mahía, La Voz de Galicia, 18 de maio de 2013, páxina 9.

[9] Cfr. A. Mauleón / E. Ocampo, Faro de Vigo, 23 de xullo de 2013, páxina 35.

[10] Cfr. La Voz de Galicia, 1 de novembro de 2013.

[11] Cfr. María R. Sahuquillo, El País, 20 de novembro de 2013, páxinas 30-31.

[12] Cfr. Diario de Pontevedra, 14 de decembro de 2013, páxina 4.

[13] Cfr. El Correo Gallego, 12 de febreiro de 2014, páxina 37.

 

Bibliografía: 

 

 

BECOÑA IGLESIAS, E. (2007): “Adición ás novas tecnoloxías, que podemos facer”. Revista Galega do Ensino, 50, 15-18. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

CARR, N. (2011): Superficiales. ¿Qué está haciendo Internet con nuestras mentes? Madrid: Taurus.

CAZORLA, I. e J. CHINEA (2013): “Ciberbullying y redes sociales”. Revista dixital Convives, 3, 1-7. Madrid: Asociación Convivencia en la escuela - Convives.

GARITAONANDIA, C., e outros (2005): “Las tecnologías de la información y de la comunicación y su uso por los niños y los adolescentes”. Doxa, 3, 45-64. Madrid: Facultade de Humanidades e Ciencias da Comunicación da Universidade San Pablo

GÓMEZ  VIU, C. (2012): “Y tú ¿qué harías en mi lugar? Cuadernos de Pedagogía, 427, 36-38. Barcelona: Fontalba.

Instrucións do 17 de xuño de 2013 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa polas que se traslada o protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia

LAFITA, V. (2007): “Las comunidades autónomas debaten el uso de los móviles en clase”. Educaweb.com, 247, 12 de novembro de 2007.

Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG do 15 de xullo de 2011).

OLWEUS, D. (1998): Conductas de acoso y amenaza entre escolares. Madrid: Morata.

ORTEGA, R. (2010): Agresividad injustificada, bullying y violencia escolar. Madrid: Alianza Editorial.

RAPOSEIRAS, J. (2013): “Uso/abuso da telefonía móbil entre o alumnado de ensinanza secundaria”. Eduga. Revista Galega do Ensino, 65 (soporte dixital). Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

VACAS AGUILAR, F. (2007): Teléfonos móviles: la nueva ventana para la comunicación integral. Madrid: Creacións Copyright.

VALOR, J., e S. SIEBER (2004): Uso y actitud de los jóvenes hacia internet y la telefonía móvil. Barcelona: e-business Center PwC & IESE.

Páxinas web de interese:

Acción titorial. Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/web/node/10670 (consultada o 3 de febreiro de 2014).

Axencia Española de Protección de Datos. PortalwebAGPD. Dispoñible en http://www.agpd.es (consultada o 6 de febreiro de 2014).

Área didáctica para profesores e pais da citada AGPD. Dispoñible en http://www.tudecideseninternet.es (consultada o 7 de febreiro de 2014).

Asociación Protégeles. Prevención e protección do menor. Dispoñible en http://www.protegeles.com (consultada o 14 de xaneiro de 2014).

Convives. “Asociación para la convivencia positiva en los centros educativos”. Dispoñible en http://convivenciaenlaescuela.es (consultada o 20 de xaneiro de 2014).

Denuncias a Policía nacional. Dispoñible en http://www.denuncias.pornografia.infantil@policia.es (consultada o 31 de xaneiro de 2014).                                                                                                      

Instituto Campus Stellae de Santiago de Compostela. Dispoñible en http://info@campus-stellae.com (consultada o 28 de xaneiro de 2014).

Internet Para educ@r. “La red de docentes e instituciones educativas del siglo XXI”. Dispoñible en http://internetparaeducar.com (consultada o 21 de febreiro de 2014).

“Niños y móvil: un problema de padres e hijos”. Dispoñible en http://www.telefono-movil.net (consultada o 16 de decembro de 2013).

“Oficina de seguridad del internauta” (OSI). Dispoñible en http://www.osi.es (consultada o 28 de novembro de 2013).

“PantallasAmigas. Prevención del ciberbullying”. Dispoñible en http://www.prevencionciberbullying.com/ (consultada o 12 de febreiro de 2014).

Protexer ao menor en internet, obrigación tamén do docente. Dispoñible en http://www.educaciontrespuntocero.com/convocatorias/proteger-al-menor-en-internet-obligacion-tambien-del-docente/11660.html (consultada o 9 de xaneiro de 2014).

Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/web/node/9385 (consultada o 7 de febreiro de 2014).

“Redes sociales y educación: hacia la innovación didáctica”. Dispoñible en http://educaweb.com/noticia/2011/01/31/redes-sociales-educacion-innovacion-didactica-4583/ (consultada o 10 de febreiro de 2014).

Revista “Nativos Digitales”. Dispoñible en http://protegeles.com/es_nativos_digitales.asp. (consultada o 29 de xaneiro de 2014).

 

Sección: