Toneladas de talento insubstituíble

Xosé Manuel Dopazo Mella
Profesor de Lingua Castelá e Literatura
Director do IES  Plurilingüe Maruxa Mallo
xmdopazo@edu.xunta.es

 

Todo profesor que poida ser substituído por un ordenador debe ser substituído por un ordenador.
Arthur C. Clarke

Cando estou nun centro educativo, mire onde mire, vexo, sobre todo, talento. Creo, honestamente, que os centros educativos son unha das organizacións nas que se acumula máis talento por metro cadrado.

É difícil atopar organizacións nas que haxa profesionais de formación tan profunda e, ao tempo, tan diversa, como os que atopamos nos centros educativos. Nun mesmo corredor, nunha mesma sala, podemos atopar especialistas en química, matemáticas, linguas estranxeiras, literatura, artes, xeoloxía, historia, psicoloxía, pedagoxía… Podemos atopar creadores e creadoras do mundo da arte, das letras, da ciencia… moitos deles galardoados con premios e distinguidos con recoñecementos. Podemos atopar un matemático afeccionado á música clásica, unha filóloga experta en ornitoloxía, un químico afeccionado á astronomía, unha historiadora entendida en banda deseñada. Esta confluencia de saberes tan variados debera ser a envexa de moitas empresas e organizacións.

É difícil atopar organizacións nas que haxa profesionais con tanta experiencia humana, social e vital coma os que atopamos nos centros educativos. En todos os colexios e institutos atopamos compañeiras e compañeiros que tiveron que superar unhas durísimas probas de formación e selección que, sen dúbida, aquilataron a súa capacidade de esforzo e resiliencia. Atopamos compañeiras e compañeiros con importantes experiencias no mundo do asociacionismo, das ONG e mesmo da política. Atopamos compañeiras e compañeiros que gozaron de interesantes experiencias académicas (cando menos, máis interesantes ca as da maioría da cidadanía), que viviron etapas de formación no estranxeiro, que aprenderon de traballos na empresa ou na Administración.

É difícil atopar organizacións nas que os beneficiarios do traballo realizado polos seus membros poidan facer achegas valiosas e creativas, e non ocasionalmente, se non todos os días a todas as horas, en directo, mentres o traballo avanza. Traballamos con mentes novas que escriben, inventan, crean, bailan, fan música, practican deportes variados, se dedican á fotografía e incluso á pintura. Traballamos con expertos en redes sociais, en comunicación, en edición de vídeo. Eses talentos en formación emiten continuamente sinais do que están creando ou do que potencialmente poderían crear.

Si, xa sei que normalmente non vemos todo iso, que adoitamos centrarnos nos aspectos negativos do ensino (que, por suposto, tamén os hai). Pero eu prefiro centrarme nunha realidade innegable: en cada centro educativo hai centos de mentes talentosas e enriquecedoramente diferentes. Hai centos de persoas desexando gozar do extraordinario pracer de poñer o seu talento en acción. E cando a conexión entre esas persoas se produce, o resultado é asombroso.

 

Aí vai un exemplo. Non hai moitos directores de cine que fagan unha película ao ano (o único que me vén á mente de primeiras é Woody Allen): escribir o guión, preparar a produción, realizar a rodaxe e traballar na edición e distribución supón un esforzo extraordinario. Por iso a primeira vez que falei con Miguel Cameselle, profesor de Música do IES Monte Carrasco de Cangas do Morrazo, pensei que estaba a falar cun inconsciente: eu non podía darlle crédito á pretensión de Miguel de facer cada curso co seu alumnado unha longametraxe de oitenta minutos. E cando, ademais, dixo que a película sería un musical, con música e coreografía creada e interpretada polo alumnado, só pensei en como se erguería este profesor do fracaso inminente co que se ía atopar. Un ano despois, a película musical Mi madriña estreábase no Auditorio Municipal de Cangas. Miguel entregoume un DVD (profesionalmente gardado nun estoxo que nada envexa a calquera outro DVD posto á venda) coa súa película. Unha empresa tola, inconsciente, pero un resultado asombroso, magnífico. Unha mostra extraordinaria de talento e esforzo de alumnado e profesorado.

Hai, e non esaxero nada, centos de exemplos tan estimulantes coma o anterior en moitísimos colexios e institutos de Galicia. Centos de propostas e experiencias didácticas que conseguen sacar o mellor do profesorado e do alumnado. Non hai centro educativo no que non haxa profesoras e profesores empregando o seu talento e o seu esforzo en accións educativas comprometidas e creativas con distintos niveis de complexidade. Desde rodar unha longametraxe como a descrita a facer un pequeno vídeo cun experimento no laboratorio; desde organizar un ciclo de conferencias protagonizadas polo alumnado a facer pequenas exposicións orais na aula; desde crear un festival a prol dos damnificados polo terremoto de Haití a facer pequenas colaboracións cunha ONG; desde empregar unha aula virtual ou unha rede social educativa ata abandonar por uns días o libro de texto.

 

A innovación educativa non a trae a tecnoloxía. A innovación educativa chega, simplemente, cando o profesorado e o alumnado poñen sobre a mesa o seu talento, os seus coñecementos, as súas paixóns. Cando o ensino se estanca é porque permitimos que as pedagoxías antipedagóxicas impidan que o noso talento ocupe o centro do escenario e que as aulas conecten coa vida. Penso nese profesor de Lingua e Literatura ao que sempre lle gustou a lectura e que sempre quixo contaxiar a súa paixón, que de pequeno escribiu contos e poemas, e que agora se ve inmerso nunha vertixe de actividades de libros de texto e de estériles análises sintácticas (e que, ademais, cre, erradamente, moi erradamente, que cantos máis subtipos de oracións vexa na clase mellor está cumprindo co currículo, cando, en realidade, máis se afasta del). Ou nesa profesora de Matemáticas á que sempre lle gustou o razoamento abstracto aplicado á solución dun problema concreto (por exemplo, un logaritmo útil para crear unha prótese dental), que agora está dominada pola implacable ansia de encher o encerado de fórmulas que solucionen as actividades dun libro de texto. Ou na profesora de Ciencias que sempre foi unha apaixonada da investigación e que agora está aburrida de dar apuntamentos nas súas clases. Liberarse desas limitacións é liberar a creatividade, é volver gozar do saber, das cousas que nos gustan e nos apaixonan. É, tamén, gozar do noso talento, gozar do talento do alumnado, conectar de maneira efervescentemente produtiva o noso talento co talento dos demais. Poñamos toda esa riqueza en acción. Aproveitémonos desa forza que, seguro, está desexando dar o mellor de si.

E se as pedagoxías do futuro fosen as pedagoxías do pasado? Sócrates, Platón e Aristóteles nin empregaban libro de texto nin daban apuntamentos. Pero seguramente cumprían moitas das características que Michael Fullan e Maria Langworthy (Fullan, 2013) lle requiren ao profesorado que precisamos para o noso presente complexo e para o noso incerto futuro: profesorado que lle dá prioridade á educación emocional, á formación de bos cidadáns e ao desenvolvemento dun pensamento crítico; que se centra na solución de problemas reais, mediante a colaboración e o traballo en equipo; que atende as capacidades comunicativas do alumnado, particularmente as de carácter oral; que cre no poder transformador da creatividade e da imaxinación. É dicir, habilidades que a ninguén lle poderá axudar a desenvolver o mesmo ordenador que si pode ofrecer os contidos de libros de texto e apuntamentos. Os nosos talentos e as nosas paixóns, como humildes sucesores de Sócrates, fundáronse sempre sobre tales habilidades. Están no noso ADN.

 

Non parece difícil estar de acordo en que a complexidade dos retos que aos cidadáns e ás organizacións se nos presentan requiren de habilidades como as que acabamos de enumerar. E nós temos tanto potencial como o que máis para afrontar eses retos porque temos tanto dominio como o que máis desas habilidades. Temos moito talento por explotar, moita axuda para ofrecer, moitos proxectos cos que gozar. Adiante.


 

Bibliografía: 

 

 

FULLAN, M.; LANGWORTHY, M.:  “Towards a New End: New Pedagogies for Deep Learning”, xuño 2013, http://www.newpedagogies.info/wp-content/uploads/2014/01/New_Pedagogies_for_Deep%20Learning_Whitepaper.pdf

Sección: