Microunidades de GIMP

Actividades para introducirse no uso do programa de edición de imaxes GIMP
Este artigo describe un ODE composto por 64 actividades guiadas a través das cales se pretende introducir o alumnado no manexo da aplicación de edición de imaxes GIMP. Este material está dispoñible no espazoAbalar da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

José Manuel Blanco Guimarey
IES Castelao (Vigo)
cuntis@edu.xunta.es

CONTEXTUALIZACIÓN

Elaborei este material durante unha licenza de formación no curso 2011-2012. Orienteino cara ao alumnado da área de Tecnoloxías de segundo da ESO, posto que no currículo vixente se establece a necesidade de impartir contidos relacionados co uso de aplicacións de deseño gráfico por ordenador. Naceu da idea de dispoñer dun conxunto de actividades de pouca duración (de aí o de “microunidades”) que facilite a introdución do alumnado no manexo da aplicación informática GIMP.

Escollín GIMP porque é unha aplicación libre, gratuíta e multiplataforma (instalable en Linux, Windows e Mac), alternativa a outras aplicacións de edición de imaxes comerciais, que permite realizar tarefas habituais deste tipo de programas: recortar, escalar, xirar, inserir textos, traballar con capas, aplicar efectos avanzados… Ademais, este programa está instalado na maqueta dos ordenadores Abalar.

Na rede existen numerosos titoriais (pdf, Youtube, Slideshare…), non obstante, o seu uso suporía empregar un número de sesións maior ca as dispoñibles para abordar estes contidos.

Ligazón no repositorio do Espazo Abalar: Microunidades de GIMP

 

OBXECTIVOS E METODOLOXÍA

Os seus obxectivos fundamentais son:

  1. Manexar as funcións principais do programa GIMP.

  2. Adoptar estratexias á hora de realizar a edición dunha imaxe dixital.

  3. Valorar as posibilidades do software libre para o tratamento da imaxe dixital.

Non se pretende que despois da realización das actividades os alumnos e alumnas dominen o programa ao completo, pero si que coñezan e manexen con soltura as súas principais opcións e que un número significativo se interese por aprender máis sobre el. Ademais, a iniciación no uso de GIMP facilita unha maior rapidez na aprendizaxe do uso doutras aplicacións de edición comerciais como Photoshop.

Para acadar os obxectivos, cada alumno ou alumna debe realizar as prácticas guiadas nas que se traballan contidos específicos (escalado, capas, filtros…). Esta metodoloxía permite que cada un siga sen problemas, ao seu ritmo, as tarefas propostas. A misión máis importante do docente é a de verificar os avances de cada un dos alumnos e alumnas, apoiando a aqueles que presenten maiores dificultades.

 

DESCRICIÓN

O ODE está composto por 64 prácticas guiadas, en galego e en castelán, que introducen gradualmente diferentes funcións do programa. Cada práctica ten a súa versión con e sen audio. Agrúpanse en tres niveis de dificultade:

  • Básico: contén 24 prácticas guiadas nas que se ven as ferramentas e funcións elementais do programa (escalar, goma de borrar, formatos de imaxe…).

  • Intermedio: contén tamén 24 prácticas nas que se realizan tarefas máis complexas e nas que se introducen progresivamente novas ferramentas e funcións.

  • Avanzado: contén 16 prácticas de maior complexidade. Están dirixidas aos alumnos e alumnas que dominen as ferramentas e funcións vistas nos niveis anteriores.

O alumnado pode descargar as imaxes coas que traballar nas actividades (todas xuntas comprimidas ou unha por unha en cada práctica).

O número de actividades establecino estimando unha dedicación de oito sesións lectivas (a área de Tecnoloxías impártese durante tres horas semanais en segundo da ESO). Por esa limitación de tempo, nas prácticas non se abordan todas as opcións dispoñibles das ferramentas, filtros etc. Unicamente se ven aquelas que interesan para resolver un problema concreto. Tampouco se ven todas as alternativas para efectuar unha opción (estratexias, atallos de teclado…).

 

POSTA EN PRÁCTICA

Durante a primeira avaliación do curso 2012-203 comezamos a utilizar o material nos tres cursos de Tecnoloxía de segundo da ESO no centro no que teño destino. O resultado non foi o esperado; durante as oito sesións que se programaron a maioría do alumnado só realizou as prácticas de nivel básico e algunhas de nivel intermedio. En tres sesións máis propúxoselles que realizasen actividades de edición similares ás das prácticas con imaxes propias deles. Nunha cuarta sesión tivo lugar un exame práctico. Como resultado, durante as doce sesións lectivas dedicadas si que percibimos que se producira unha aproximación ao manexo do programa: a maioría aprendeu a usar distintos pinceis, introducir textos, traballar con capas e seleccionar unha parte dunha imaxe (sen chegar a empregar todas as ferramentas de selección dispoñibles), pero sempre nun nivel moi básico.

Na segunda avaliación utilizamos o material en Informática de cuarto da ESO e en TIC de bacharelato. Nesta ocasión programamos doce sesións lectivas para a realización das prácticas guiadas e catro máis para as actividades propostas e o exame. O resultado foi mellor; máis da metade do alumnado rematou todas as prácticas guiadas e os resultados das actividades propostas foron bastante satisfactorios.

O anterior fixo mudar a idea inicial de uso do ODE. No actual curso 2013-2014 usamos só a parte de nivel básico en Tecnoloxías de segundo da ESO e a totalidade en Informática de cuarto da ESO e TIC de bacharelato e obtivemos resultados aceptables.

No que respecta á avaliación, nas prácticas guiadas proponse que o alumnado xere un arquivo cun determinado nome e formato, de xeito que se facilite a comprobación da súa realización por parte do profesor ou profesora. Para verificar a correcta asimilación por parte do alumnado dos contidos tratados propuxemos que editasen imaxes nas que aparecesen eles. Estas son algunhas das actividades:

  1. Obtén a imaxe dun cartel de cine e modifícaa de xeito que aparezas ti nel.

  2. Nunha foto que aparezas, pon partes en branco e negro e partes en cor.

  3. Modifica a cor do pelo e dos ollos dunha foto túa.

  4. Obtén unha imaxe na que aparezas catro veces, simulando o chamado "efecto Warhol".

  5. Transfórmate nun vampiro ou vampiresa.

Os exames son fundamentalmente prácticos, estes son os cinco tipos habituais de exercicios propostos:

  1. Elimina un obxecto dunha imaxe (por exemplo, un barco, unha árbore etc.) utilizando a ferramenta clonar.

  2. Insire un texto nunha imaxe.

  3. Cambia as cores dos ollos e do pelo dunha persoa.

  4. Insire unha imaxe dentro doutra e obtén unha mensaxe realista (por exemplo, unha gaivota sobre unha rocha, unha figura cerámica nun xardín etc.).

  5. Deixa parte dunha imaxe en cor e o resto en branco e negro.

AVALIACIÓN

As microunidades de GIMP publicáronse no Espazo Abalar o 29 de novembro de 2012 e ata o momento foron visitadas en máis de 5500 ocasións, o que reflicte que tiveron unha acollida aceptable por parte da comunidade educativa.

Pola miña propia experiencia e a doutros compañeiros e compañeiras, o proxecto inicial de utilizalas durante oito sesións en segundo da ESO non resulta todo o efectivo que sería desexable. Quizais convén utilizar as prácticas de nivel básico en segundo da ESO e a totalidade do material en Informática de cuarto da ESO (e incluso en TIC de bacharelato), dedicándolle unhas 12 sesións.

 

CONCLUSIÓNS

  • As microunidades de GIMP permiten introducir o alumnado no manexo desta aplicación informática e, nun sentido máis amplo, no mundo da edición de imaxes.

  • Inicialmente estaban dirixidas a alumnado de Tecnoloxías de segundo da ESO, se ben a súa utilización é conveniente que se amplíe ao de Informática de cuarto da ESO e incluso de TIC no bacharelato.