Proxectos interdisciplinares e biblioteca

A biblioteca escolar, como centro de recursos ao servizo da comunidade educativa, xoga un papel fundamental no desenvolvemento dos distintos proxectos do centro, sobre todo naqueles nos que se require unha coordinación dos distintos departamentos para a realización de proxectos documentais e unha formación axeitada no uso das fontes de información.

Benigno Nerga Piñeiro
Profesor e responsable da biblioteca escolar do IES Alexandre Bóveda (Vigo)
bnerga@edu.xunta.es

O NOSO CENTRO

O IES Alexandre Bóveda é un dos dous institutos de secundaria do barrio de Coia, en Vigo. Actualmente, o centro está clasificado, segundo os datos da avaliación de diagnóstico, como pertencente ao grupo ISEC medio-alto. Conta con 67 profesores e 831 alumnos distribuídos en 32 grupos de todos os niveis da ESO e bacharelato.

ANTECEDENTES NA BIBLIOTECA

Desde a entrada no Plan de mellora no curso 2005/06, concibimos a biblioteca non só como un espazo de promoción do gusto pola lectura e de dinamización cultural, senón que tamén pretendiamos que servise como centro de recursos ao servizo do profesorado e do alumnado. En efecto, queriamos atender as demandas do profesorado que necesitase calquera dos servizos que puidese ofertar a biblioteca, e non só os que se refiren aos fondos bibliográficos. Desde ese primeiro momento, a biblioteca tamén estivo á disposición do profesorado para o asesoramento e resolución de todo tipo de problemas coas TIC: explicación de motores de busca, utilización de programas informáticos, ferramentas web 2.0 e outros.

A realización de proxectos na biblioteca comezou xa no curso 2005/06, en colaboración co Departamento de Galego. Realizáronse pequenos traballos de investigación con prensa e guías de localidades, que continúan a facerse hoxe en día, e que fomos colgando no blog.

En anos sucesivos, diversos departamentos foron incorporándose á realización de pequenos proxectos documentais substitutivos ou complementarios dos temas de clase, utilizando a biblioteca como fonte de información e lugar de traballo. Xurdiron así a realización de xornais, guías de localidades, presentacións en Power Point e vídeos sobre o Diario de Ana Frank ou traballos de investigación sobre as mulleres na pintura e a música (http://biblioboveda.blogspot.com.es/2011/06/os-xornais-de-3.html).

Gradualmente, foise utilizando a biblioteca como lugar de investigación ou consulta para desenvolver parte do currículo das distintas materias ou das actividades programadas nos plans de lectura dos departamentos, como pode ser a investigación do Departamento de Ciencias para que o alumnado realice maquetas de células, do ADN, do relevo, das paisaxes etc.

O PROXECTO INTERDISCIPLINAR CON PRIMEIRO DA ESO (PIN)

Desde o curso 2007/08 vimos traballando no PIN seguindo as instrucións facilitadas desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, tomando algunhas das ideas propostas na documentación facilitada (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/proxecto_interdisciplinar_...).

O proxecto de primeiro da ESO é unha materia obrigatoria á que todos os grupos dedican una hora semanal cos seus titores. O proxecto é o mesmo para todos os grupos, pero traballado desde as distintas materias, neste caso as dos titores.

Os obxectivos do PIN son levar adiante un traballo de investigación monográfico a través dun proceso de busca, selección, reelaboración e comunicación da información. A información obtense ben por medios bibliográficos ben a través da rede. Importa ir perfeccionando o proceso máis ca os propios materiais elaborados, pois trátase de cotexar informacións e atopar o que realmente é importante para os nosos fins. Interesa tamén aprender a darlle un tratamento ético á información, aprender a citar, refundir, reelaborar… Non esquecemos tampouco que se trata de traballar en equipo, resolver problemas e chegar a acordos, facendo un labor de socialización e integración.

En canto ao proceso, nunha primeira fase, durante as tres primeiras semanas de curso e en reunións do equipo de titores de primeiro da ESO co coordinador da biblioteca, defínense os contidos que se van investigar. Despois comunícaselle ao resto do profesorado do centro o tema e os contidos que temos acordados. Todo o profesorado do centro, como veremos máis adiante, terá oportunidade de incorporarse ao proxecto. Nesas primeiras semanas, na hora da materia PIN, os titores aproveitan para lle explicar ao alumnado en que vai consistir a nova materia, mostrar modelos de anos anteriores –para o cal deixamos expostos os materiais do curso previo, aos que poden acceder tamén a través do blog específico do proxecto ou da aula virtual–, e sondar os coñecementos previos sobre as posibilidades de busca de información: tipoloxía dos documentos, internet...

Comeza a segunda fase: a busca de información e a selección, que ocupa o resto do trimestre. Durante o segundo trimestre trabállase na elaboración de materiais diversos coa información seleccionada, co obxectivo de comunicarlla ao resto do centro e expoñer todos os materiais, a partir dos cales se realiza unha Olimpíada do Saber a través da aula virtual (Moodle).

A olimpíada é un concurso que se realiza en moios centros educativos, onde o alumnado debe ir respondendo a unha pregunta diaria e paralelamente a unha serie de apostas semanais, normalmente resolvendo enigmas e xogos de pista a pista. No noso caso, as respostas que deben proporcionar atópanse sempre na exposición dos materiais elaborados polo alumnado.

Ademais dos materiais en soporte físico, utilízase tamén o soporte informático: documentos de texto, presentacións e vídeos. Algúns destes contidos sóbense a un blog exclusivo para o proxecto http://pinalex.blogspot.com, xestionado polos propios alumnos despois de recibir formación na biblioteca. O blog funciona desde o curso 2008/09. Aínda que nun principio todos colaboran na busca de información, nas distintas fases do proceso o alumnado vaise integrando en distintos grupos –selección de información, confección de blog, ferramentas web, maquetas e traballo artístico etc.–, o que nos permite abarcar varias frontes e ritmos de traballo adaptados ás capacidades de cada alumno.

Despois do primeiro proxecto, consideramos necesario escoller temas que nos desen un abano amplo para facer buscas concretas sen que o propio tema nos limitase.

Os proxectos realizados en exclusiva polos grupos de primeiro da ESO e dentro da materia PIN foron A illa de San Simón e Roma / Grecia.

O SALTO DOS PIN AOS PROXECTOS DE CENTRO

Despois de observar os bos resultados do PIN, decidimos, no curso 2010/11, incluír no proxecto lector de centro a realización dun proxecto interdisciplinar de centro, no que, ademais dos grupos de primeiro da ESO, puidesen participar grupos doutros cursos. O responsable da biblioteca encargouse da coordinación.

Trátase de que, de xeito voluntario, distintos profesores ou departamentos se sumen a investigar sobre o mesmo tema desde o enfoque da súa materia e tratando de conectalo co currículo. Neste caso, cada profesor decidirá canto tempo das súas clases lle dedica ao proxecto. Normalmente isto faise en función da parte do currículo que van tratar en conexión co tema do proxecto. Tamén se pon especial coidado en facer a distribución dos grupos participantes.

O primeiro tema para todo o centro foi o antigo Exipto. Participou ao completo o profesorado dos departamentos de Matemáticas e Inglés e profesado de Latín, Música, Economía, Plástica, Lingua Galega, Lingua Castelá, Educación Física, Grego e Historia. Fixéronse presentacións do traballo realizado e murais.

Por dificultades de organización, debido ao número de grupos participantes, neste curso abandonamos momentaneamente o uso do blog. Cos materiais, expostos durante o mes de maio, realizouse a Olimpíada do Saber a través da aula virtual. Pareceunos unha boa maneira de introducir o alumnado no uso da plataforma Moodle, pois houbo que inscribir os participantes e despois facer formación con eles para instruílos no seu uso, dado que durante quince días tiñan que responder unha pregunta diaria a través dese espazo virtual.

Para o curso 2011/12, o proxecto de centro pasa a integrarse na programación xeral anual. Introdúcese a aula virtual como elemento de comunicación e recuperamos o uso do blog para os interesados en subir contidos. Nese ano o proxecto xirou arredor dos xogos olímpicos e establecéronse normas para a publicación dos materiais. Posteriormente, decidimos abandonar a idea para non restarlle creatividade ao alumnado, pois a exposición faise por medio de materiais moi diversos, tanto no formato físico como dixital: cartolinas, libros, maquetas, pósters, colaxes, debuxos, entrevistas, creación literaria, vídeos, diapositivas e outros formatos dixitais…

No curso 2012/13 o proxecto de centro xirou ao redor da nosa cidade, Vigo.

Nos dous últimos anos, o incremento do horario do profesorado fai que as comunicacións por correo ocupen un papel máis importante ca as reunións.

PAPEL DA BIBLIOTECA

Ademais da coordinación e seguimento dos proxectos, desde a biblioteca fanse propostas sobre os contidos que se van tratar e préstase apoio documental localizando e adquirindo os fondos documentais necesarios. Tamén xestiona charlas informativas, préstamo de exposicións, organiza saídas culturais e proporciona formación. Este último aspecto é o primordial, sobre todo para os grupos de primeiro da ESO e o profesorado. No primeiro mes de curso fanse sesións de formación de usuarios na biblioteca nas horas de titoría, explícase a distribución dos fondos e a CDU, danse charlas sobre os motores de busca e sobre como facer un traballo de investigación, e móstrase o blog da biblioteca (http://biblioboveda.blogspot.com.es), onde, na barra lateral, temos diversos enlaces útiles neste ámbito. O feito de estaren aloxados no blog permite que o profesorado e o alumnado poidan botar man deles cando os necesiten.

Por iniciativa da biblioteca, tamén se realizou formación interna para o profesorado, que foi cambiando en función dos avances nas novas tecnoloxías. O responsable da biblioteca impartiu, no ano 2009, un curso para a elaboración de blogs; no 2010 un sobre o uso e posibilidades da aula virtual. Actualmente, por iniciativa da biblioteca e da Dirección, e coa colaboración do Departamento de Tecnoloxía, estamos a piques de rematar un curso de formación sobre o uso do sofware libre, as ferramentas de Google Drive, aula virtual, plataforma drupal e programas para realizar montaxes con imaxes e vídeo. Neste curso participa máis da metade do claustro.

Ao longo dos últimos anos, a biblioteca foise dotando de equipamento útil para o proceso: na sala de traballo en grupo dispoñemos de seis ordenadores de sobremesa e once miniportátiles, canón de proxección e encerado dixital. A biblioteca tamén se fai cargo de conseguir o material funxible necesario para as exposicións.

Os grupos de primeiro traballan na biblioteca, con hora reservada para a elaboración do seu proxecto. Os demais grupos tamén reservan a sala de traballo e a mediateca, pero debido ao carácter temporal da súa participación deben realizar as reservas con antelación.

EXEMPLOS DE CONTIDOS POR DEPARTAMENTOS NO     PROXECTO VIGO:

Xeografía e Historia: etapas da historia de Vigo, esculturas, rueiro e parroquias

Galego: guía de Vigo

Plástica: recunchos de Vigo, planificación dun metro para Vigo

Educación Física: oferta deportiva en Vigo

Ciencias Naturais: a nosa ría

Diversificación (ámbito científico): os alcaldes do Vigo moderno

Matemáticas: modelos de coches fabricados en Citröen-Vigo. Datos e estatísticas

Castelán: intelectuais vigueses: confección de acrósticos

Inglés: guía simple de Vigo, en inglés, para turistas novatos

Francés: guía do zoo en francés. Glosario “Vigo de A à Z”

Durante este proxecto, realizamos un vídeo explicativo deste proceso de elaboración, pensado para o portal leer.es. De momento pódese ver na páxina da Asesoría de Bibliotecas Escolares (http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/579).

CONCLUSIÓNS

Consideramos que en todas as fases do proceso, de xeito obvio, se está a desenvolver a competencia lectora do alumnado. Mediante a busca, selección e comunicación da información en diversos soportes, desenvólvese a competencia en aprender a aprender e a competencia no tratamento da información e dixital.

Respecto ao tratamento ético da información, aínda que nos queda moito por avanzar, pouco a pouco imos logrando que nas comunicacións apareza a bibliografía, webgrafía e os créditos das imaxes. O traballo en equipo, interdisciplinar e colaborativo, contribúe de maneira decisiva á competencia social e cidadá. As exposicións de materiais dos proxectos en diversos soportes fomentan a competencia artística.

Cremos que esta é unha máis das actividades que contribúen a que as avaliacións de diagnóstico do alumnado do noso centro melloren cada ano, situando todas as competencias por enriba da media.

Sección: