Recursos dixitais de apoio á lectura

Unha das funcións da Asesoría de Bibliotecas Escolares é a selección e recompilación de recursos que faciliten o traballo do profesorado arredor da lectura. A esta finalidade responde a compilación e descrición dos portais e páxinas recollidos neste artigo.

Asesoría de Bibliotecas Escolares
Cristina Novoa Fernández
Pilar Sampedro Martínez
Xosé Luis Barreiro Cebey
bibliotecasescolares@edu.xunta.es

Leer.es (http://leer.es/) é o gran centro virtual sobre lectura creado polo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O seu obxectivo é “transmitir o entusiasmo pola lectura e animar á súa práctica, achegando materiais e asesoramento para os docentes, o alumnado e as familias”.

 

 

Dentro da páxina atopamos os sectores de estudantes, docentes e familias. En cada un deles ábrese un grande abano de información, materiais para descarga, recursos, enlaces a outras páxinas de interese, campañas e participación por medio de diferentes produtos, soportes e canles. Son de destacar os artigos de expertos baixo o título “Con firma”, que  podemos atopar en cada unha das seccións. Estes artigos están asinados polos maiores especialistas en cada un dos campos, de forma que atoparemos as do grupo Gretel en relación coa literatura infantil e xuvenil (Teresa Colomer, Ana María Margallo...), Isabel Solé en comprensión lectora, Tiscar Lara no uso das TIC, Daniel Cassany avanzando as últimas descubertas relacionadas coa lectura ou Pérez Tornero nos multialfabetismos.

No apartado de estudantes (http://estudiantes.leer.es/) ten un interese especial o apartado de “Prácticas PISA”, que teñen como finalidade que o alumnado se familiarice coas probas internacionais de comprensión lectora, as cales poden realizar no ordenador.
No de familias (http://familias.leer.es/) podemos atopar unha panorámica dos informes e estudos internacionais que afondan nos poderosos vínculos entre lectura e familia, consellos como 10 ideas para crear bos lectores, actividades (para comprender, para compartir, para descubrir, para sempre) ou preguntas e respostas en relación con este tema.

En canto ao de profesorado (http://docentes.leer.es/) recolle seccións como recursos (de todo tipo, desde banco de materiais a artigos, webs e webquest, cazas do tesouro...), bibliotecas escolares, avaliación (PISA e PIRLS, avaliación diagnóstica, preguntas frecuentes, prácticas...), formación (cursos en rede ou presenciais, congresos...), webcast de formación para diferentes etapas educativas...

Neste portal atopamos as novas relacionadas coa lectura, os plans de lectura e diferentes iniciativas das diferentes comunidades autónomas e as convocatorias e resolución dos Selos Boas Prácticas Iberoamericanas que se outorgan mensualmente “en recoñecemento ás propostas didácticas de todo o ámbito iberoamericano que contribúen, nas súas respectivas linguas oficiais e en calquera área do currículo, a desenvolver a competencia en comunicación lingüística” nos que se recoñece unha experiencia en cada unha das modalidades: bibliotecas escolares, educación infantil e primaria, educación secundaria, traballos de colaboración entre centros e outros sectores. Mención á parte merecen os webcast que se definen como recursos de formación, baseados en vídeos e organizados por categorías e etapas educativas, onde se poden atopar tanto experiencias didácticas como entrevistas e opinións sobre os diferentes temas abordados e distribuídos nos seguintes apartados: aprender a aprender, ler para aprender, atención á diversidade, ler ciencias, bibliotecas escolares, formación de formadores, ler na era dixital, novas alfabetizacións, educación literaria, educación emocional, familias e ler para facer.

Entre as bibliotecas dixitais ás que se pode acceder na actualidade, destacamos especialmente a Biblioteca Digital Hispánica, a Biblioteca Nacional Escolar e Hispana. A Biblioteca Digital Hispánica é a biblioteca dixital da Biblioteca Nacional de España. Proporciona acceso libre e gratuíto a miles de documentos dixitalizados, entre os que se encontran libros impresos entre os séculos XV e XIX, manuscritos, debuxos, gravados, folletos, carteis, fotografías, mapas, atlas, partituras, prensa histórica e gravacións de son. Conta con apartados como coleccións, temática e tipo de documentos que facilitan a busca.

http://www.bne.es/es/Catalogos/BibliotecaDigitalHispanica/Inicio/index.html

A Biblioteca Nacional Escolar ou BNEscolar é unha colección de máis de 8.500 recursos dixitais, seleccionados entre a colección da Biblioteca Digital Hispánica polo seu interese para educadores. Pode ser moi útil para enriquecer e complementar os contidos educativos do currículo de ensinanzas secundarias. Os apartados aos que se accede na actualidade son Arte na BNE, Debuxos dos nenos da guerra e Outras coleccións.

http://bnescolar.net/comunidad/BNEscolar

Europeana é a biblioteca dixital europea, xurdida como unha forma de contribuír á preservación e difusión da riqueza cultural dos pobos de Europa.

http://www.europeana.eu/

Hispana reúne as coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos acollidos á Iniciativa de Archivos Abiertos que promove a Unión Europea e cumpre, en relación cos repositorios dixitais españois, funcións análogas ás de Europeana en relación cos repositorios europeos, é dicir, constitúe un agregador de contidos das bases de datos de coleccións dixitais.

http://hispana.mcu.es/es/estaticos/contenido.cmd?pagina=estaticos/presen...

 

 

Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Está xestionada pola Biblioteca de Galicia, coa misión de difundir e preservar o rico patrimonio documental e bibliográfico galego.

http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/estaticos/contenido...

Outros recursos:

En relación coa literatura infantil e xuvenil, debemos citar a Biblioteca de Literatura Infantil y Juvenil do Instituto Cervantes.

Defínese como o contedor dun catálogo virtual de autores españois e hispanoamericanos de obras infantís e xuvenís, enlaces a portais institucionais e temáticos, revistas, contos, bibliotecas de autor, fonoteca de obras clásicas..., dirixido ao mundo da educación, edición, formación e investigación.

http://www.cervantesvirtual.com/bib/seccion/bibinfantil/

En canto á literatura infantil e xuvenil galega, debemos referenciar BLIX

http://www.filix.org/home.html

 

 

Biblioteca de literatura infantil e xuvenil que crea e mantén o profesor Manuel Figueiras na que se recolle a produción editorial galega deste campo.


Ademais da presentación de novidades, ten os seguintes apartados que facilitan a busca: libros (prelectores, lectores autónomos, lectores novos, xoves adultos e coleccións), xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio e cómic), índice alfabético por títulos e cronoloxía (a partir de 1975).  Unha sección, a maiores, recolle os premios, tanto no que se refire ás convocatorias de diferentes institucións e editoriais coma os libros que resultan premiados. No apartado “Traducións” recóllense aqueles autores galegos que foron traducidos a outras linguas, pero ademais en cada un dos libros accedemos á información sobre as linguas ás que foron vertidos. Na sección “Ilustradores” están vinculadas as páxinas destes creadores e, a continuación, aparece recollida a exposición Galicia Solidariedade composta por textos de autores e imaxes de ilustradores en torno a esta temática. No apartado “Edición” recóllense as páxinas das editoras galegas, estatais ou internacionais, así como de colectivos relacionados cos editores e revistas relacionadas con este temática. Outro apartado céntrase nas revistas galegas que recolleron este xénero ao longo do tempo: A Roladas, dirixida por Ramón Cabanillas, Fadamorgana, Papeles de literatura infantil e Vagalume.

Novos apartados como un para autores novos nos que aparece o Premio Rúa Nova, xa desaparecido, e un par de follas en branco nas que se agarda a participación de autores e ilustradores que queiran dar a coñecer os seus traballos. Outro, en construción, para autores universais (colectivos, clásicos e actuais) e outro de textos universais (orixinais, bibliotecas, estudos, actuais e adaptacións) e ligazóns varias (a entidades, eventos, librarías e animación). Destaca o “Especial Rañolas” onde se abre unha páxina a cada un dos creadores que recibiu este premio (Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Manuel Uhía e Xan López Domínguez) e de webs amigos.

Esta é a páxina de referencia en literatura infantil e xuvenil galega.

No portal do Consello da Cultura Galega, mantense un soportal de literatura galega e mundo editorial, a modo de revista virtual con novidades, recensións e críticas, fichas bibliográficas, vídeos e audios, certames, ligazóns e posibilidades de recuperación da información, así como acceso ao portal  poesíagalega.org (arquivo de poéticas contemporáneas na cultura, base de datos e repositorio dixital).

http://www.culturagalega.org/lg3/

Galicia encantada. Enciclopedia da fantasía popular de Galicia.

Así presenta a páxina Antonio Reigosa, o seu autor coordinador: “Galicia é un país habitado por homes e mulleres de carne e óso, pero tamén por seres que bulen nun mundo fantástico ou encantado, pero tan real coma o outro. Aquí atoparás a historia da Galicia imaxinaria, mitos, lendas, ritos, contos, romances e aventuras que se resisten ao esquecemento e que seguen vivindo na nosa memoria colectiva. Destes nosos conveciños, fillos das nosas máis vellas fantasías, procuramos as pegadas, describimos as súas figuras, desenmascarámolos e seguímolos ata os seus escondedoiros. Para saber quen e como son só tes que buscalos aquí; escribe o seu nome ou o do lugar onde sospeitas que están e...”

Unha páxina aberta á participación colectiva.

http://www.galiciaencantada.com/index.asp

 

 

Orella Pendella é o sitio web de difusión da literatura popular infantil: ditos, recitados e cancións infantís, mantida polo grupo de teatro Migallas.

http://www.orellapendella.org/

A Biblioteca Virtual Galega foi creada e mantense actualizada por un grupo de traballo interdisciplinar de especialistas en Filoloxía Galego-Portuguesa (dirixido por Pilar García Negro) e Informática (Nieves R. Brisaboa) da Universidade da Coruña. Así a presentan: “A Biblioteca Virtual Galega foi un fermoso soño acariñado por nós durante moito tempo, e este soño comezou a tomar corpo cando conseguimos o apoio do Vicerreitorado de Innovación Tecnolóxica da Universidade da Coruña. Primeiro proxectamos unha pequena xanela coa que poderiamos mostrarlle ao mundo un retallo da nosa produción literaria, e con esa intención comezamos a traballar. Mais as nosas intencións ficaron cativas ante o entusiasmo e a xenerosidade con que fomos recibidos polos escritores e escritoras. Cumpría reconsiderarmos o proxecto inicial e transformarmos a nosa modesta fiestra nun enorme peirao que lle permitise á dorna da nosa literatura navegar por mares virtuais. E aquí estamos, traballando polos obxectivos de  difundirmos a Literatura Galega, ofrecermos a escritores e escritoras unha nova canle de publicación, facilitarmos a comunicación entre o público lector e os escritores e escritoras, posibilitarmos que novos valores se dean a coñecer a través da Biblioteca Virtual Galega, apoiarmos calquera forma de manifestación artística galega e contribuírmos á normalización da nosa lingua e da nosa cultura”. A páxina está organizada de modo que se poida acceder, principalmente, a través do catálogo de obras (listaxe por xéneros, autores e dispoñibilidade) ou o de autores (autobiografía, obras –ficha bibliográfica, dispoñibilidade en texto, audio, vídeo e imaxe,  así como posibilidade de comentarios– e novidades).

http://bvg.udc.es/

 

Son de poetas é unha páxina onde se recolle unha antoloxía da poesía galega musicada. Trátase dun proxecto dos grupos de lingua galega e literatura e do Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña. Así se presentan: “A nosa única intención é aproximarnos á poesía galega desde a música. Trátase, polo tanto, dun material de aula ou para despois da aula”. Tres portas dan entrada aos poemas musicados e mostran as épocas nas que a poesía galega é máis vigorosa: Idade Media, século XIX e século XX. Unha páxina imprescindible que nace do empeño dun pequeno grupo de profesorado de secundaria.

http://sondepoetas.blogspot.com.es/

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez, creada polo editor español que lle dá nome en 1981, está “dedicada á actividade educativa e cultural, centrando a maior parte dos seus programas na difusión e extensión da cultura do libro, das bibliotecas e da lectura para contribuír coa formación dunha sociedade democrática”. A FGSR é a gran referencia en todo o relacionado co libro e a biblioteca, o acceso á información e o uso das tecnoloxías ao servizo deste empeño, as súas investigacións resultan de gran axuda para a posta en marcha de proxectos relacionados con estes campos.

http://www.fundaciongsr.com/index.php

Ao longo do tempo, a Fundación ten posto en marcha portais que daban resposta a necesidades sentidas, como o Servizo de Orientación de Lectura Infantil e Xuvenil SOL, xa desaparecido, que deu lugar ao actual Canal Lector, a web de recomendación de libros seleccionados por un grupo de especialistas para cada idade, está dirixido a profesionais do sector (docentes, bibliotecarios, libreiros, familias...). Ademais de tratarse do gran buscador para o mundo de fala hispana, recolle unha serie de apartados con recursos para o fomento da lectura, bibliotecas, creadores... e outros campos que hai que ter en conta a construción do lector.

http://canallector.com/

 

 

Lectura Lab é o laboratorio de lectura da FGSR. Unha revista dixital que responde á finalidade de poñer en marcha unha comunidade 2.0 dedicada á promoción da lectura e á alfabetización dixital con alcance mundial, lectura lab.org en español e childrensiteliteracylab.or en inglés como resultado do I+D+I da lectura. Conta coas últimas solucións tecnolóxicas da web 2.0, estruturas de TV en liña, webmarketing, produción de vídeo en HD... permitindo ver todas as novas en tempo real, clasificadas por seccións e sobre calquera dispositivo.

http://www.lecturalab.org/

Casa del Lector é un gran centro cultural organizado arredor dos lectores e da lectura, un lugar que funciona a modo de laboratorio no que experimentar coas novas manifestacións da lectura, a súa promoción, a formación dos intermediarios...

http://casalector.fundaciongsr.com/

Lectyo é a plataforma social da xente da lectura, unha comunidade que intercambia ideas e se promove profesionalmente.

http://lectyo.com/