De ciencia, con ciencia e para a ciencia

Experiencia da biblioteca dun CPI no traballo coas ciencias. Nos últimos cursos estanse a realizar unha serie de iniciativas consistentes na selección e adquisición de fondos en colaboración co profesorado de ciencias, difusión de suxestións deste tipo de textos e realización de actividades que colocan a ciencia na dinámica xeral do centro.

M.ª Rosario Otero Souto
Profesora de Lingua e Literatura galegas e responsable de dinamización da biblioteca
CPI de San Sadurniño
rosariootero@edu.xunta.es

«Debemos insistir, por máis evidente e claro que poida parecer,
en que o coñecemento aillado obtido por especialistas
nun campo limitado do saber carece en síide todo valor.
O seu único valor posible radica na súa integración co resto do saber
e na la medida en que nos axuda a responder
á máis acuciante das preguntas: Quen son eu?»
Erwin Schrödinger

Contextualización

Ao longo destes últimos anos, especialmente desde a nosa integración no Plan de mellora de Bibliotecas Escolares, vimos desenvolvendo un conxunto de actividades relacionadas coas ciencias, en estreita colaboración co profesorado destas áreas e materias. Cómpre aclarar, antes de continuar, que o dinamismo deste profesorado forma o humus no que medra o noso afán de contribuír desde a biblioteca á promoción de actividades e á busca de recursos que permitan converter esta nun lugar de ciencia, con ciencia e para a ciencia.

Entre as actividades desenvolvidas polo profesorado de ciencias no centro durante este curso e o anterior figuran as seguintes:

  • Creación dun club de ciencias, no que se realizaron diversos proxectos de investigación para o alumnado de EP e da ESO o pasado curso.  As actividades do club de secundaria tiveron lugar na sala da ESO da biblioteca.
  • Actividades da Semana da Ciencia e do Día do Medio Ambiente celebrados a finais de maio e principios de xuño de 2013.
  • Participación nos contratos-programa na modalidade Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. Tres dos alumnos participantes nesta modalidade resultaron gañadores na categoría Primaria – Primeiro da ESO do VI Concurso Galego de Robótica.
  • Participación no Plan Proxecta e creación de catro blogs: E ti sustentas?,  Arrancando co biodiésel, Meteosansa e Proxecto Río Xuvia.
  • Elaboración de guías de lecturas recomendadas polos departamentos didácticos e difusión na aula virtual.

Por outra banda, o curso pasado o noso centro foi seleccionado para formar parte dun proxecto de formación permanente de profesorado en centros, no marco do cal se levan a cabo actividades formativas encamiñadas á potenciación e mellora da competencia lingüística do alumnado, integrando as TIC e a biblioteca escolar.

Así pois, a biblioteca, neste contexto, ten todo o vento a favor para converterse, máis ca nunca, en escola e a escola ser tamén, máis ca nunca, biblioteca.

A escola é biblioteca. A biblioteca é escola

En realidade, que vén sendo iso de que a escola é biblioteca e a biblioteca é escola? Tal e como nós o entendemos, significa que a biblioteca é un recurso educativo integrado no centro escolar que posibilita a lectura, o estudo, a investigación, a creación e a análise crítica da realidade. Consecuentemente, as actividades realizadas en relación coa ciencia deben xirar arredor da colaboración co profesorado e procurar os seguintes obxectivos:

  • Converter a biblioteca nun centro de recursos que sexa unha parte integrante e fundamental do proceso educativo.
  • Difundir o papel da biblioteca como un centro de animación á lectura, entendido  como un lugar para ler, aprender e informarse.
  • Procurar a integración dos diversos coñecementos, tendendo pontes entre as humanidades e as ciencias na procura dun saber integrador.

De ciencia e para a ciencia

Incluímos neste apartado aquelas actividades relacionadas coa adquisición de fondos, as suxestións de lectura, a busca e utilización de información fiable e o club de lectura. Son actividades de ciencia, porque ofrecen recursos, pero tamén son para a ciencia porque  pretendemos fomentar con elas o coñecemento científico e estimular a curiosidade.

A colaboración do profesorado de ciencias do centro co equipo de biblioteca na elaboración dos plans de selección e adquisición de fondos é unha das nosas prioridades, xa que consideramos que é preciso converter a biblioteca nun centro de recursos útil para o desenvolvemento do currículo. Os criterios fundamentais á hora de adquirir estes fondos son os seguintes: rigorosidade científica, claridade, actualidade e atractivo visual. Ademais, procuramos expoñelos ao longo de todo o curso, especialmente durante a Semana da Ciencia e o Día da Ciencia en Galego.

 

 

O equipo de biblioteca elaborou ao longo destes cinco últimos cursos guías de suxestións tanto xerais coma temáticas: De ciencia e con ciencia, Naves en chamas máis alá de Orión, Guía da auga, Isto é curioso, Mulleres e ciencia, Tolos pola ciencia e Ciencia e literatura.

Para a elaboración das guías de suxestións partimos dos seguintes criterios:

  • A necesidade de lle dar a coñecer os fondos á comunidade educativa dunha forma atractiva e de contribuír á formación de lectores polivalentes, é dicir, capaces non só de ler diversos tipos de textos en calquera soporte senón de levalo a cabo motivados por diversos intereses (aprender, entreterse, informarse etc.).
  • A selección de fondos axeitados ás diferentes idades do alumnado.
  • A elección dun título atractivo e, cando se considere preciso, tamén dun tema que funcione como centro de interese.
  • A importancia da súa difusión na páxina web do centro e no blog da biblioteca.

As lecturas relacionadas coa ciencia, especialmente as novelas, tiveron tamén un currunchiño no noso club de lectura. Repasando a listaxe dos libros lidos desde o curso 2008/09 por algún dos diversos grupos que formaron parte del (adoitamos dividir o alumnado participante en grupos reducidos coordinados cada un por unha profesora ou profesor) atopamos os seguintes: Galileo el astrónomo de Esteban Rodríguez Serrano,  La clave secreta del universo de Lucy e Stephen Hawking, La soledad de los números primos de Paolo Giordano, La fórmula preferida del profesor de Yoko Ogawa, Da terra á lúa de Jules Verne, A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre, Mi familia y otros animales de Gerald Durrell e Relámpagos de Jean Echenoz.

Unha das nosas principais preocupacións é a necesidade de contribuír ao deseño de actividades de educación documental, é dicir, encamiñadas a buscar, entender e comunicar información. Trátase de conseguir que o alumnado sexa capaz de localizar fontes de información fiables e de utilizalas para aumentar os seus coñecementos e realizar traballos de investigación; así que se nos ocorreu que unha boa forma de contribuír ao desenvolvemento destas actividades podía ser a elaboración pola nosa parte dunha breve biografía sobre a vida dunha científica de renome, Rita Levi-Montalcini, para o Día Internacional da Muller de 2013. Pretendiamos dar a coñecer a súa obra científica, a súa traxectoria vital e o contexto histórico no que viviu, así como proporcionar un modelo de posible traballo no que se utilizaban fondos documentais impresos e recursos de internet.

 

 

E para ensinar a buscar información fiable, por que non utilizar o blog? Desta forma naceu “Novembro de ciencia”, que vén sendo a epígrafe que utilizamos para nomear unha serie de entradas no noso blog, Bibliosansa, durante o pasado mes de novembro. Nelas presentamos páxinas web e artigos de divulgación científica e intentamos non só ofrecer recursos de interese, senón tamén orientar o alumnado na busca de información fiable e fomentar o gusto polo coñecemento científico e a investigación.

Con ciencia

Grazas á colaboración dos nosos compañeiros de ciencias, puidemos realizar algunhas actividades máis prácticas, como o concurso de investigación para a ESO ou a contribución con fondos da biblioteca á  exposición sobre a historia do cálculo organizada o pasado curso.

Este curso organizamos o noso III Concurso de Investigación para a ESO en colaboración cos departamentos de ciencias. Esta actividade, deseñada e dinamizada polo profesor Juan José Guillín Fraga, naceu para fomentar o espírito investigador do alumnado e amosar a utilidade dos fondos e recursos da biblioteca para este fin.

O primeiro concurso convocouse no curso 2011/12 co nome de Ciencia nun Intre. Nel establecíanse dúas modalidades de participación:

  • Reportaxe fotográfica e texto explicativo sobre unha pequena investigación científica.
  • Debuxos ou fotografías de utensilios, aparellos, situacións etc. relacionadas coa ciencia.

En 2012 mudamos o nome do concurso, que pasou a chamarse Investigación e Ciencia e desde entón consta dunha única modalidade: informe científico sobre unha pequena investigación científica caseira.

O curso pasado a profesora Julia Ríos Grueiro organizou unha exposición sobre a historia do cálculo na entrada do edificio de secundaria, na que figuraban ábacos (chinés e malaio), regras de cálculo, calculadoras antigas, escalímetros e libros cedidos pola biblioteca.

 

 

Conclusión

A escola é biblioteca e a biblioteca é escola, é dicir, a biblioteca é un recurso e un espazo totalmente integrado no proxecto educativo do centro. Esta é a idea principal que nos guía á hora de programar e realizar as actividades relacionadas coa ciencia e, en xeral, todas as nosas actividades. Por outra banda, nesta nosa “aventura científica”, nesta nosa tentativa de construír unha biblioteca de ciencia, con ciencia e para a ciencia, contamos coa axuda imprescindible do profesorado destas áreas do saber. Somos conscientes de que sen el non só o noso labor sería máis difícil, senón tamén os resultados moi incertos. Tanto é así que nos gusta imaxinar esta aventura nosa coma un tapiz no que, e sen lugar a dúbidas, o urdido e gran parte da trama é obra deles e delas.

Folleto de recomendacións científicas: http://bibliosansa.blogspot.com.es/2013/06/despois-da-celebracion-da-sem...

 

Bibliografía: 

 

  • DURBAN, Gloria (2010): “Recursos digitales y biblioteca escolar. La posibilidad de ser más útil que nunca en los centros educativos”, Mi biblioteca, (21), p. 64-70.
  • YÁGUEZ, Elena (2006): Guía práctica para el desarrollo y dinamización de la biblioteca escolar en     secundaria. Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia, Centro de Investigación y Documentación Educativa.

Webgrafía

Guías de suxestións de lecturas elaboradas pola biblioteca

Guías de libros recomendados polos departamentos

Sección: