Bibliotecas escolares

Os xogos tradicionais. Un proxecto interdisciplinar coordinado pola biblioteca

Os cambios que vivimos na sociedade en xeral e no ensino en particular demandan solucións. No eido educativo unha desas solucións é o traballo por proxectos. Desde hai cinco anos, no IES Rafael Dieste vimos desenvolvendo un proxecto anual de centro (PAC) interdisciplinar e coordinado pola biblioteca, que este curso xirou arredor dos xogos tradicionais e foi exposto ao longo dunha semana cultural no mes de maio.

Matilde de Cal Cortina
Profesora de Grego e coordinadora da biblioteca do IES Rafael Dieste (A Coruña)
matigr@edu.xunta.es

INTRODUCIÓN

Desde hai anos, o ensino está a vivir unha verdadeira convulsión. Os profesores que xa temos certa idade sabemos de que falamos. Xa non chegan as leccións maxistrais, nin coller o xiz e encher o encerado cun esquema marabilloso, nin tan sequera os apuntamentos. Hoxe temos “aulas virtuais, blogs de aula, espazos colaborativos na nube, onde colgamos e compartimos todo tipo de documentos. O profesorado xa non dirixe a clase, propón e coordina o traballo, o protagonista é o alumnado.” Polo que respecta ás bibliotecas escolares, pasaron de ser lugares case sacros, aos que se acudía a buscar libros ou ler en total silencio, a auténticos motores da actividade cultural dos centros de ensino.

Dentro desta dinámica, e conscientes de que sen traballo en equipo non hai calidade no ensino nin innovación, no ano 2009 un grupo de profesoras e profesores comezamos a traballar un tema común desde varias materias. Adoita pensarse que estes grandes cambios comezan nunha reunión formal e convocada para tal fin, pero no noso caso non foi así, senón que a idea dun proxecto anual xurdiu nunha comida de xubilación, na que entre bocado e bocado, sorbo e sorbo puxemos patas arriba o noso oficio. Desta “reunión” saíu tamén o tema dese curso e a idea central de facer unha semana cultural na que se mostrase o traballo desenvolvido. E xa levamos cinco:

  • 2009/10: Grecia. Entre o divino e o humano
  • 2010/11: Interculturalidade. Toda a terra é dos homes
  • 2011/12: Xogos Olímpicos. Altius, citius, fortius
  • 2012/13: O noso patrimonio artístico e cultural
  • 2013/14: Os xogos tradicionais

Ese mesmo curso, en xuño de 2010, logramos entrar no PLAMBE, o que supuxo un pulo importante para acadar os obxectivos que nos propuxeramos.

O noso é un proxecto anual no que participan todos os departamentos que queren e nas materias e cursos que eles determinan. Tanto o tema coma o proxecto son abertos, polo que se alguén quere implicarse pode facelo en calquera das fases do proxecto e traballando calquera aspecto relacionado co tema. Conta co apoio da Dirección, do Equipo de Normalización Lingüística, dos titores, dos clubs de lectura, do alumnado colaborador de biblioteca, da ANPA, do persoal non docente. A biblioteca coordina todo o traballo, presta apoio documental a través de conversas, obradoiros, préstamos bibliográficos propios ou alleos, saídas culturais etc.; propón e apoia a produción de material propio (carteis, presentacións audiovisuais, maquetas, xogos etc.); organiza reunións para levar a cabo o seguimento; recompila todo o material desenvolvido e elabora con el unha presentación audiovisual; organiza o horario, as exposicións e actividades para dar a coñecer todo o traballo desenvolvido nunha semana cultural que se leva a cabo a finais de abril ou principios de maio.

Táboa 1. Características do noso PAC

Este curso comezamos a darlle voltas a outro proxecto máis ambicioso: conseguir que a atención á diversidade se traballe por proxectos. Talvez o consigamos se somos capaces de non desesperar e insistir, e se temos claro que pouco a pouco, pasiño a pasiño, sen grandes ambicións, é como se conseguen grandes cambios. Sabémolo porque xa conseguimos que o PAC e a Semana Cultural estean asentados na vida do noso instituto, que o alumnado e unha parte importante do profesorado os demanden. Algo impensable hai cinco cursos.

O PAC 2014: Os xogos tradicionais

OS OBXECTIVOS QUE NOS GUÍAN

  • Traballar un tema desde diferentes materias integrándoo no currículo.
  • Promover desde a biblioteca un cambio metodolóxico no profesorado que posibilite a adquisición, por parte do alumnado, das competencias básicas necesarias para un cidadán do século XXI, en aspectos como o traballo en grupo, compañeirismo e solidariedade, exposicións orais, busca de información documental en todos os soportes, manexo das tecnoloxías etc.
  • Expor o traballo desenvolvido nunha semana cultural na que o alumnado sexa o verdadeiro protagonista.
  • Conseguir a participación de todos os estamentos da comunidade educativa.
  • Dar a coñecer entre o alumnado os xogos tradicionais para preservar tradicións aínda vivas pero a piques de desaparecer moitas delas.
  • Pór de manifesto a diversidade cultural dando a coñecer xogos doutras zonas e países e comparando os seus nomes e regras.
  • Destacar o valor pedagóxico dos xogos tradicionais.
  • Coñecer os aspectos técnicos dos xogos tradicionais máis axeitados á idade do alumnado de secundaria e bacharelato e introducirse no seu contexto social e cultural.
  • Crear unha sección de xogos na biblioteca para que eses xogos se sigan practicando.

DESENVOLVEMENTO

Como eliximos o tema do proxecto

No mes de xuño, o Equipo de Biblioteca propuxo varios temas mediante unha enquisa elaborada en Google Drive. A ligazón á enquisa mandámoslla por correo electrónico a todo o profesorado. Asemade puxemos un acceso directo no escritorio de todos os ordenadores da sala de profesores para facilitar a participación na votación. O prazo para cubrila foi de quince días.

Como difundimos o tema elixido

O tema elixido na enquisa foille comunicado ao profesorado na CCP (Comisión de Coordinación Pedagóxica) e no claustro de fin de curso para que puidese ser incorporado con tempo suficiente ás programacións das materias. Tamén o difundimos no blog e na aula virtual para coñecemento de toda a comunidade educativa.

Primeiras accións e propostas

Dado que o tema dos xogos tradicionais era moi amplo e podía ser abarcado desde puntos moi diversos, o equipo de biblioteca, tras un primeiro estudo deste e das posibilidades que este ofrecía de cara á Semana Cultural, entregoulle a todo o profesorado, ao principio do primeiro trimestre e como punto de partida, unha lista de xogos e unha ficha para cubrir. Con estas primeiras propostas, cada departamento puido delimitar que xogos tradicionais ía traballar co seu alumnado e achegar unha información mínima que nos facilitou a coordinación e a organización posterior dos actos da Semana Cultural.

Tamén abrimos un espazo colaborativo en Google Drive, onde compartimos con todos os participantes a información que iamos recibindo. Finalmente, no mes de decembro elaboramos co programa PREZI unha presentación na que figuraban todas as propostas.

Departamentos, grupos participantes e xogos elixidos

 

DEBUXO [1º ESO]xoge de debuxopictionary
EDUCACIÓN FÍSICA
[3. e 4.º ESO]
xogos tradicionais galegos-chave
-ra
-aro
-pelexa de galos
-brilé
-birlos
-carreiras de sacos
-petanca
-carreiras de zancos
CULTURA CLÁSICA E GREGO
[3.º e 4.º ESO – 1.º e 2.º bach.]
xogos grecorromanostextos grecorromanos de:
-xogos infantís
-xogos de pelota
-xogos manuais
-xogos de pillar
-xogos de mesa
-Homero, Platón, Cicerón, Virxilio
INGLÉS, FRANCÉS, GALEGO E GREGO
[1.º ESO-1.º bach.]
xogos plurilingüesI spy with my little eye…/Simon says...
Je vois, je vois…
Vexo, vexo…
ὁράω, ὁράω…/scrabble en grego
LINGUA ESPAÑOLA
[1.º bach.]
textos literarios sobre xogos“Carta a su hijo”, J. Rufo
“El escondite inglés”, C. Martín Gaite
“Rayuela”, J. Cortázar
“Soneto”, F. Quevedo
LINGUA GALEGA
[1.º e 4.º ESO]
textos literarios sobre xogos“A arrasadeira”, E. Blanco Amor
“O xogo do escondite”, M. García Barro
“O xogar do neno”, M. Lueiro Rey
MATEMÁTICAS
[2.º ESO]
xogos matemáticos-quebracabezas
-cadrados e triángulos máxicos
-transformando polígonos
-xogos de lóxica
-xogos de fichas
-paíños e ficha
MÚSICA
[1.º e 2.º ESO]
xogos de corda con cancións-Ao montón
-Rei, Rei
xogos de goma-Don Melitón
xogos de mans-En la calle 104
outros xogos-O patio da miña casa -Antón Piruleiro -Al corro de la patata
TECNOLOXÍA
[2.º ESO]
xogos mesopotámicos-alquerque
-wari

TITORES DE 1.º ESO
xogos interculturais-trúcano
-yun
-papa caliente

Táboa 2. Propostas dos departamentos

Preparación da Semana Cultural

No segundo trimestre, o Equipo de Biblioteca, en coordinación coa Vicedirección, comezou a organización da Semana Cultural, elixindo as datas e proxectando os actos que se ían desenvolver, uns por proposta dos departamentos, outros propostos polo Equipo de Biblioteca. Tamén determinamos o lugar ou lugares nos que se desenvolverían eses actos (biblioteca, patio interior ou patio exterior, e reservouse o ximnasio para os días de chuvia) e os premios que se lles entregarían aos gañadores.

Estas son as actividades proxectadas e os lugares onde se desenvolveron:

BIBLIOTECA

  • Charla-obradoiro a cargo de Buxaina, tenda de xogos de mesa tradicionais fabricados artesanalmente, que nos deixou en préstamo moitos deles e nos facilitou a súa adquisición para crear a nosa propia sección de xogos de mesa na biblioteca.

  • Exposición e exhibición de xogos grecorromanos preparada e explicada polo alumnado de cuarto da ESO.
  • Actuación do alumnado de segundo da ESO de Música interpretando diversos xogos cantados.
  • Competición do xogo “Simon says” e do “Vexo-vexo” en varias linguas, a cargo de alumnos de primeiro da ESO de Inglés e Francés e de primeiro e segundo de bacharelato de Grego.
  • Exposición de xogos elaborados artesanalmente polo alumnado (alquerque, wari, delta, xogo das doce liñas, xogos matemáticos) que pasaron a formar parte da nova sección de xogos na biblioteca.
  • Exposición de xogos proporcionados polo alumnado e o profesorado.
  • Exposición bibliográfica de documentos propios e alleos, e dos textos literarios seleccionados.
  • Proxección da presentación audiovisual conxunta elaborada pola biblioteca. Este curso tamén puido verse nas aulas.

PATIO INTERIOR

  • Competicións do alumnado en ra, aro, xogos matemáticos.

PATIO EXTERIOR

  • Competicións do alumnado en carreiras de sacos, de zancos, chave, pelexa de galos, petanca, corda e goma.

XIMNASIO (os días de chuvia)

  • Competicións de brilé e birlos.

Ademais, comezamos a preparación da presentación conxunta co programa Movie-Maker e a gravación co programa Audacity dos textos literarios e as cancións, dirixida e interpretada polo alumnado.

Decidimos, finalmente, elaborar un caderno coas regras dos xogos que, creados artesanalmente por nós ou adquiridos, pasarían a formar parte da nova sección de xogos da biblioteca.

Semana Cultural

A Semana Cultural tivo lugar no terceiro trimestre, do 5 ao 9 de maio, e as actividades quedaron fixadas nun horario que foi exposto na entrada da biblioteca, na sala de profesores, no patio interior central, na aula virtual e no blog.

Para organizar a asistencia aos actos da biblioteca, que ten unha capacidade limitada, puxemos na sala de profesores, xunto ao horario xeral, un horario baleiro para que o profesorado se anotase, especificando o número de alumnos. As actividades do patio interior, exterior ou do ximnasio foron de asistencia libre. Todos os xogos de mesa expostos na biblioteca e no patio interior puideron ser utilizados polo alumnado durante os recreos, e foron eles os encargados de vixiar o seu bo uso; igualmente puideron ser utilizados durante as horas lectivas baixo a supervisión dun profesor.

Estas son as ligazóns á presentación I e á presentación II preparadas pola biblioteca con todo o material achegado, e ás presentacións do desenvolvemento da Semana Cultural (1, 2, 3).

CONCLUSIÓNS

Un proxecto anual interdisciplinar xustifícase sobre todo polo poder de unión que exerce sobre todos os estamentos da comunidade educativa, xera ilusión e ganas de traballar de maneira diferente, propicia a participación activa do alumnado, a alfabetización documental, así como a elaboración de materiais e documentos propios; a aprendizaxe do alumnado é máis real e motivadora, abrangue todas as competencias e facilita a integración da diversidade; ademais mellora a formación do profesorado no ámbito cultural, didáctico e tecnolóxico.

Os maiores problemas son, por un lado, conseguir involucrar a todo o profesorado e, por outro, acadar unha organización aceptable. Con respecto ao primeiro, constatamos que o número de profesores que se anima a participar medra cada ano debido a que o alumnado demanda a súa participación no proxecto e na Semana Cultural, e a que o equipo de biblioteca presenta propostas moi abertas e facilita apoio documental e tecnolóxico. Con respecto á organización, tamén imos mellorando de ano en ano. Tratamos de aproveitar reunións xa establecidas, como a CCP, e os medios que nos proporciona a tecnoloxía, como o correo electrónico e espazos colaborativos tipo wikis, Google Drive ou Dropbox, que evitan reunións moitas veces innecesarias, e permiten traballar de maneira conxunta desde calquera lugar. Para montar a Semana Cultural tratamos de lle dar cada ano máis autonomía ao alumnado. Este curso, por exemplo, foron eles os encargados de vixiar o correcto uso dos xogos nos recreos, de levar a cabo as gravacións dos textos literarios e musicais e de decorar a biblioteca e o patio interior. Comezan tamén a gravar as imaxes dos actos que se desenvolven durante a Semana Cultural e temos a intención de que preparen a presentación xeral, sempre baixo a supervisión do profesorado, claro está.

O verdadeiramente importante nestes proxectos é que o alumnado sexa o protagonista, que o profesorado comprenda que hai outras maneiras de traballar e que se elaboren recursos didácticos propios.

Bibliografía: 
  •  
  • VARIOS (2007). Os xogos tradicionais. Revista Galega de Educación (37), 8-68.
  • O libro dos xogos populares galegos. La Voz de Galicia
  • ROMANÍ, A. (1983). Xogos infantís de Galicia. Santiago de Compostela: Follas Novas.
  • CORTIZAS, A. (2013). Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais. Vigo: Xerais.
  • PELEGRÍN, A. (2008). Cada cual atienda su juego. Madrid: Anaya.

Webgrafía

Sección: