Bibliotecas escolares

Voluntariado de lectura nas bibliotecas escolares

O papel do alumnado voluntario na biblioteca escolar visto polo profesorado responsable das bibliotecas seleccionadas na primeira das convocatorias de Voluntariado de Lectura-A, integrada no programa Hora de Ler, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

María Rolle Insua
Basilio Seijas Franco
Luz Brañas González
Susana Godoy Varela
Coordinadores das bibliotecas escolares seleccionadas no curso 2013/14 para participar nos encontros Voluntariado de Lectura-A en Culleredo

Contexto

As bibliotecas escolares son, a día de hoxe, os referentes principais do centro, os centros de recursos que poñen á disposición da comunidade educativa os fondos existentes en diferentes soportes e formatos.

Este papel tan importante das bibliotecas sería insuficiente se non contamos coa implicación dos usuarios máis importantes e a quen vai dirixida toda acción e actividade que se realiza na biblioteca escolar: o alumnado e, sobre todo, o alumnado que voluntariamente presta os seus servizos nela, colaborando e axudando, implicándose no seu funcionamento e organización.

Isto é teoría e, por suposto, tamén realidade. De calquera maneira, estas palabras non poden reflectir todo o que supón o voluntariado de biblioteca nos nosos centros, todo o que hai en esencia nas experiencias de voluntariado de cada unha das nosas realidades, todo o que latexa baixo a experiencia que nos levou aos catro centros a compartir as xornadas de voluntariado de Culleredo no maio pasado, ao ser seleccionados na convocatoria realizada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Falar de bibliotecas escolares en acción, como motores de aprendizaxe, investigación, innovación e coordinación dun colexio enteiro non sería posible sen os alumnos e alumnas voluntarios. Todo mestre ou mestra que coordinase unha biblioteca escolar sabe que, sen o apoio, o labor diario e a colaboración do alumnado dos cursos máis avanzados, ningunha das experiencias formuladas podería realizarse tal como se programou se non se contase coa complicidade e o traballo silente, maiormente anónimo e constante do alumnado voluntario. Incluso, moitas veces, esas colaboracións abren as vontades de toda a comunidade educativa e conseguen, cando menos a medio prazo, crear unhas bibliotecas escolares de todos, con todos e para todos, estendendo o seu entusiasmo por este valiosísimo recurso do noso sistema educativo a compañeiros e compañeiras, mestres e mestras, familias e institucións locais e, por suposto, institucións educativas.

Ante a imposibilidade de presentar a experiencia completa dos catro centros seleccionados na primeira das convocatorias (2013/14) Voluntariado de Lectura-A, o que faremos será realizar un percorrido rápido no que se recolla o máis común desta iniciativa enraizada nas bibliotecas escolares galegas. Porque estes catro centros, cada un representando unha provincia galega, introduciron nas súas bibliotecas alumnado colaborador que non só fai funcións dentro do centro senón tamén de animación á lectura fóra da súa escola. Cada un de nós posúe a súa propia identidade; cada experiencia de biblioteca e voluntariado é diferente, cada coordinador e coordinadora ten unha personalidade e unha forma de facer ensino e biblioteca diversa; pero os catro sabemos que o pasado, presente e futuro das nosas bibliotecas escolares dependerán de poder seguir contando co noso alumnado voluntario. O camiño faise andando e as nosas bibliotecas viven, aliméntanse e crecen grazas ao alumnado voluntario, grazas a que as súas accións van sementando nos máis pequenos a ansia de coller ese testemuño e non deixalo nunca.

A proposta da Asesoría de Bibliotecas Escolares de outubro de 2013 propiciou as circunstancias óptimas para poñer en práctica, de xeito máis estruturado e coherente, o que cada un de nós levaba facendo na súa biblioteca escolar unha boa chea de anos: aproveitar a impagable colaboración do alumnado voluntario no funcionamento diario da biblioteca dos nosos centros.

A continuación describiremos as liñas xerais nas que, en maior ou menor medida, os catro centros coincidimos, así como o que foi esta experiencia para cada un de nós.

 

Xustificación

A formación dun grupo de colaboradores voluntarios da biblioteca é a resposta para lograr un maior grao de implicación nela por parte do alumnado do centro.

Esta implicación buscámola nos nenos e nenas do terceiro ciclo xa que son os “maiores” e como tales poden facer que a colaboración sexa máis eficiente. As experiencias de anos anteriores como destinatarios das actividades de fomento da lectura son agora as que eles organizan e nas que colaboran. Aproveitámonos da súa ilusión por ser membros do equipo de colaboradores da biblioteca (cos seus chalecos e carnés, que os distinguen dos demais usuarios), da súa experiencia lectora xa que coñecen moitos dos libros que hai na biblioteca, da súa formación no campo da organización e funcionamento (zonas da biblioteca, cores para cada ciclo, coñecemento da CDU, da xestión de préstamos con Meiga; é dicir, a súa capacitación como usuarios de biblioteca), da súa competencia lectora que os converte en bos modelos para os seus compañeiros, da súa capacidade para realizar narracións ou actuacións que fomenten a lectura, da súa boa disposición para axudar os demais (porque niso consiste o voluntariado… en que voluntariamente colabores co outro, sexa este menor, maior ou igual)… si, aproveitámonos desa gana de traballar –a favor da biblioteca e a lectura– deste alumnado para construír unha biblioteca de calidade, máis presente no centro e no contorno, pero tamén para visibilizar os libros e, especialmente, os valores de solidariedade e participación no traballo polo público.

 

Desenvolvemento do programa de voluntariado

Os obxectivos que nos propuxemos foron:

  • Fomentar hábitos de lectura no alumnado do centro.
  • Participar nas actividades organizadas polo equipo de biblioteca.
  • Colaborar na organización e funcionamento da biblioteca escolar.
  • Fomentar a iniciativa e a toma de decisións no alumnado.
  • Desenvolver actitudes de voluntariado e cooperación.
  • Crear vínculos entre toda a comunidade educativa.

Organización deste equipo de alumnos voluntarios da biblioteca:

  • Pasan unhas probas individuais, a modo de “cásting”, para poder ser seleccionados, ou o que é o mesmo, reciben unha formación de usuarios específica para convertérense en pequenos bibliotecarios.
  • Asinan un contrato no que se comprometen a colaborar ao longo do curso académico.
  • Organízanse en diferentes grupos e traballan na biblioteca escolar, ordinariamente, un día á semana. Realizan a maioría das súas funcións nas horas do recreo.
  • Manteñen a orde entre o resto do alumnado nas diferentes zonas: lectura informal, consulta e traballo, multimedia…
  • Colocan e ordenan os materiais nos andeis.
  • Preparan cartelería e ambientan a biblioteca ou diferentes lugares do centro.
  • Dinamizan as actividades propostas na biblioteca. Entre estas actividades debemos destacar a organización dos apadriñamentos lectores (alumnado voluntario que se distribúe polas aulas para lerlles aos máis pequenos, pasando a ser os seus “padriños” ou “madriñasde lecturas”), contacontos (na biblioteca ou nas aulas, co kimishibai ou outros recursos…), realizan dramatizacións para o alumnado menor.
  • Noutras ocasións realizan accións puntuais fóra do centro, nas escolas infantís, nos centros de maiores ou noutros lugares. Len, contan, cantan ou representan nestes espazos (con base en programas que se denominan de moi diferentes maneiras Lerlles aos avós, Queres que che conte un conto?…). En resumo, convértense en dinamizadores da lectura, creando ambientes lectores e animación polas rúas en datas determinadas, coma o  Día do Libro.

Cada unha das catro bibliotecas que resultaron seleccionadas na convocatoria Voluntariado de Lectura-A participou en todas as modalidades: Colaboración coa biblioteca escolar, Ler con… D (dentro do centro) e Ler con… F (fóra do centro), polo tanto comparten moitas das actividades realizadas, así como a filosofía común a todas elas. Aínda así, cada un destes centros ten unhas características especiais que as diferencia.

O CEIP de José M.ª Lage de Ortigueira traballou con 28 alumnos de quinto e sexto de primaria, organizados en cinco grupos. Destaca a preparación das actividades e a adquisición de autonomía por parte deste voluntariado; a súa actividade estrela foi Agasallando poesías pola rúa, aproveitando os días de feira nos que lles fixeron chegar as súas lecturas a unhas setenta persoas.

O CEIP  Plurilingüe de Covas, que contaba con vinte colaboradores de sexto de primaria, fai moito fincapé na formación deste grupo ao que lle entregan un dossier na primeira reunión (regulamento, normas da biblioteca, documentación básica sobre formación de usuarios) para pasar a un período de adestramento. Entre as súas iniciativas destacan a Semana da Lectura,  a creación dun himno da lectura (“Por que ler un libro...”) e as actividades públicas que realizan durante a exposición das bibliotecas escolares da Mariña no concello de Viveiro.

O CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro confesa que se aproveita da experiencia lectora do alumnado maior e da súa formación no campo da organización e funcionamento da biblioteca para promover o seu labor de voluntariado. As actividades máis destacables son os Contacontos en acción, a intervención tanto na escola infantil municipal coma na residencia de anciáns de Crecente e a ambientación lectora ao longo de todo o curso arredor de cada unha das conmemoracións, especialmente na Bibliofesta.

O voluntariado do CEIP Filomena Dato caracterízase polo dominio dos xogos cooperativos, o traballo directo de selección de materiais para a súa compra ou para a realización de traballos, a participación no blog Con DonLibro de paseo ou a organización da feira do libro, pero, sobre todo, por facer seus os valores do voluntariado: axuda, motivación, entrega. disposición…

 

Avaliación

Como en todos os aspectos do proceso de ensinanza-aprendizaxe é necesario avaliar non só o desenvolvemento das capacidades do alumnado senón tamén a programación prevista polo profesorado.

A avaliación realizada é totalmente positiva pola implicación do alumnado colaborador do terceiro ciclo na organización, xestión e bo funcionamento da biblioteca; por colaborar no fomento dos hábitos de lectura entre os compañeiros/as; por converterse nun referente dentro da biblioteca para o resto do alumnado (axuda-guía-monitor…); por colaborar nas actividade de animación á lectura, e por servir como antídoto das desigualdades sociais (na biblioteca somos todos iguais sendo o único sitio onde moitos alumnos teñen acceso directo a unha gran variedade de libros).

 

Conclusións

  • A valoración final é moi favorable a xulgar polo interese dos demais alumnos por ser  colaboradores da biblioteca (temos lista de espera de alumnado do segundo ciclo). Enriquecemento do alumnado en aspectos como: cooperación, solidariedade, colaboración, voluntarismo.
  •  
  • Compromiso do alumnado cos compañeiros, a biblioteca e o centro. Pero non é isto o único que supón pertencer ao grupo de alumnos voluntarios; a experiencia, recollendo a herdanza de compañeiros e compañeiras de moitos anos atrás, vai máis aló de colaborar activamente na nosa biblioteca; trae consigo autoestima, ilusión, respecto, tolerancia, solidariedade, entrega, responsabilidade, en resumo, forma persoas íntegras, con sólidos principios e coa clara intención de traballar pola consecución dunha biblioteca mellor, dun colexio mellor e, por extensión, dun mundo mellor e máis xusto. Que máis podemos pedir dunha experiencia escolar? Se a nosa biblioteca escolar pode deixar nestes rapaces e rapazas a semente de adultos preparados para mellorar o seu contorno e convencidos de querer facelo, algo realmente bo si que estamos conseguindo.

 

 

 

 

 Xornadas de voluntariado no CRD da Coruña: xogos cooperativos, lectura, photocall e traballo en equipo.

 

Sección: