Proxecto Monte sen lume

Un dos problemas ambientais importantes na nosa comunidade son os lumes forestais. Entre as comarcas especialmente afectadas nos últimos anos atópanse as nosas, Monforte de Lemos (distrito VIII) e O Rosal (distrito XVIII). Neste proxecto colaborativo, integrador e aberto, pretendemos concienciar o noso alumnado e as súas familias da importancia do coidado dos nosos montes e da prevención de incendios. O proxecto Monte sen lume foi presentado aos Premios nacionais á colaboración no ámbito das TIC para equipos docentes de varios centros, apartado 4 b) no que acadou o primeiro premio.

María Esperanza Gesteira Losada, profesora de Matemáticas no CPI Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra)
espegesteira@edu.xunta.es
María Jesús Casado Barrio, profesora de Matemáticas no IES Daviña Rey (Monforte de Lemos, Lugo)
mcasado@edu.xunta.es
Luis Vázquez López, profesor de Informática no IES Daviña Rey (Monforte de Lemos, Lugo)
luisvazquez@edu.xunta.es

 

Contextualización

O proxecto Monte sen lume nace dunha preocupación dos profesores participantes pola deforestación das zonas sur de Lugo e sur de Pontevedra, e de Galicia en xeral. Cremos que tratar dentro das nosas aulas o tema desde distintos aspectos e con todas as ferramentas TIC ao noso alcance pode axudar a concienciar o noso alumnado da necesidade de coidar os nosos montes e paliar este problema. Esta sensibilización estendémola a toda a cidadanía coa publicación de actividades en varios blogs, todos eles enlazados nun blog principal de presentación do proxecto, Monte sen lume, e dunha aplicación para o móbil, Sen lume, que se pode descargar en galego e castelán de Google Play.

 

Captura de pantalla do menú principal da app

 

Así mesmo, queriamos enfocar o uso das TIC como ferramenta de colaboración social, de conexión da escola coa realidade e de creación, a través da aprendizaxe, de linguaxes programación.

O inicio do proxecto foi en setembro de 2013. A Consellería de Educación de Galicia, a través do seu plan Proxecta convocou os centros educativos a realizar proxectos con distintas temáticas, un deles é O monte vivo, que versa sobre incendios forestais, unha excelente oportunidade para traballar xuntos neste tema.

 

 Captura pantalla Agueiro

 

Obxectivos

RELACIONADOS COA APRENDIZAXE POR PROXECTOS

  • Motivar o alumnado cun proxecto actual, innovador, integrador e aberto a toda a comunidade educativa, que o axude a formarse como cidadán responsable e compartir estas aprendizaxes.
  • Sensibilizar a cidadanía en xeral e o noso alumnado en particular sobre a importancia do coidado dos montes e da súa protección, como riqueza cultural e paisaxística para as nosas bisbarras.
  • Coñecer e compartir as principais causas de incendios forestais producidos en Galicia, facendo fincapé nas nosas bisbarras.
  • Concienciar as comunidades educativas participantes da posible prevención destes incendios, dando a coñecer as condutas de risco e explicando como evitalas.
  • Buscar similitudes e diferenzas entre a problemática dos incendios das dúas bisbarras participantes, distrito VIII e distrito XVIII.
  • Colaborar na planificación e realización de actividades en grupo; aceptar as normas e regras que democraticamente se establezan.
  • Elaborar novos materiais didácticos relacionados co tema que se vai tratar que faciliten o labor educativo doutros docentes.

RELACIONADOS CO USO DA TECNOLOXÍA

  • Cambiar o papel do alumnado para que adopte unha actitude activa fronte aos problemas do seu ámbito, achegándolle ferramentas tecnolóxicas que lle permitan cambiar esta situación e comunicarse con outras persoas na busca dun ben común.
  • Crear unha rede de traballo cooperativo e interdisciplinar nos dous centros implicados, para transformar a práctica educativa do centro a partir de actividades TIC innovadoras.
  • Romper os muros da aula e sacar ao exterior as actividades realizadas utilizando os medios de publicación da web 2.0.
  • Experimentar novas formas de organizar o traballo a partir de almacéns na nube e sitios de recursos compartidos (cloudcomputing).
  • Desenvolver unha aprendizaxe innovadora, autónoma e cooperativa a partir das novas tecnoloxías.
  • Facer un uso responsable da rede e do hardware de conexión (dispositivos móbiles, tabletas, ordenadores), discriminando a información obtida e respectando os dereitos de autor e de imaxe.
  • Coñecer novo software, dándolle preferencia ao de licenza Creative Commons e GNU.
  • Desenvolver e publicar programas e actividades relacionadas con estas ferramentas, dentro dun contexto educativo e de valor social.
  • Comprender o significado de "programar": reflexionar, tomar decisións lóxicas e secuenciais, localizar erros, comprobar resultados, deseñar, experimentar... cambiar o papel do alumnado, de consumidor de obxectos dixitais a creador.
  • Traballar cos alumnos conceptos básicos de programación en bloques con Scratch e AppInventor e aplicalos a unha situación real.
  • Utilizar o xogo como ferramenta de aprendizaxe incorporando creatividade, sentimentos, interactividade, toma de decisións, cooperación e diversión.

 

Recursos empregados

Os centros participantes no proxecto, IES Daviña Rey e CPI Suárez Marquier, pertencen á rede Abalar da Consellería de Educación. Isto supón que os alumnos de primeiro e segundo da ESO dispoñen dun ultraportátil para cada un con software precargado (SO Ubuntu), que é o mesmo para toda Galicia. Nesa lista de software encóntranse Scratch (v1:1.4.0.1-Ubuntu5) e GeoGebra (v4.0.41.0-63), polo que puxemos ao servizo do proxecto estas ferramentas.

 

 Foto portátiles Abalar

 

Ademais, nas respectivas aulas de informática dos centros (con sistema operativo Windows XP e 7) tamén dispoñemos destes programas e das utilidades habituais: paquete Microsoft Office e Libre Office, Gimp, Paint... Nelas traballaron os alumnos dos demais grupos implicados. O feito de traballar con distintos sistemas operativos e en aulas diferentes non supuxo ningún problema xa que o software utilizado é perfectamente compatible entre si e unha gran parte do traballo  desenvolveuse coas aplicacións na nube que indicamos:

  • Google Docs (documento, folla de cálculo, presentación, formulario, correo, blogger)
  • AppInventor (programación en bloques para dispositivos de sistema operativo Android)
  • Cartografía de Google Maps
  • Audioboo (publicación de audios con imaxes)
  • Aula Virtual (Moodle)
  • DIPITY (liñas de tempo)
  • Padlet e MIND42 (creación de mapas mentais cooperativos)
  • Coggle (creación de esquemas cooperativos)
  • Agueiro (plataforma de comunidades educativas virtuais da Consellería de Educación)

 

Metodoloxía

O inicio do proxecto estivo marcado pola busca de actividades, ferramentas e sitios web que nos axudasen a acadar os nosos obxectivos. O primeiro paso foi elixir un título significativo, un lema, acordamos Monte sen lume, que sentaría a base para todas as aplicacións e actividades que fósemos realizando.

En segundo lugar, o idioma. Estamos nunha comunidade bilingüe e os nosos alumnos conviven en harmonía co galego e co castelán; polo tanto, decidimos que o noso proxecto debería ser fiel a esta realidade e ser tamén bilingüe.

 

 Captura pantalla da liña de tempo coa previsión de actividades que se ían desenvolver

 

En terceiro lugar, o calendario de traballo, a liña de tempo, coas actividades programadas e os recursos/ferramentas necesarios para levalas a cabo. Ao elaborar este cronograma pensamos cales serían os subtemas que habería que abordar dentro da problemática de incendios. A partir da consulta a un experto chegamos a estes apartados: prevención, extinción, investigación, tecnoloxía, consecuencias e mitos.

Para cada un deles abrimos un blog; estes foron enlazados a un blog exclusivo para as actividades de clase, Aula sin fuego (blog en castelán, presentado ao premio nacional, que contén os enunciados das actividades e as indicacións para o profesorado que as queira levar á aula), e outro de presentación do proxecto, Monte sen lume. Máis tarde engadíronse os de Xogos (realizados polos alumnos co software libre Scratch), Achegas (traballos presentados ao concurso que convocamos), Repositorio (sitio con arquivos xerados) e App (ligazón á aplicación para móbiles con utilidades sobre incendios creada polos alumnos con AppInventor).

 Captura pantalla da cabeceira do blog principal coas ligazóns aos demais blogs

 

Ademais tamén nos preocupou a difusión nas redes sociais e nos medios de comunicación. Os blogs incorporan widgets co hastag #IIFF (Incendios forestais), tuiteamos as actividades coas contas dos participantes e realizamos entrevistas para radio, prensa e TV.
Semanalmente, todos os venres, reunímonos os dous profesores do IES Daviña Rey, de 11.45 a 13.25 a través de videoconferencia, coa coordinadora do proxecto do Rosal para consensuar estas actividades.
Compartimos todos os arquivos relacionados co proxecto en Google Drive, empregando a conta do Daviña Rey (abalar.davina@gmail.com) e do CPI Manuel Suárez Marquier (manuelsmarquier@gmail.com).
A medida que realizabamos as actividades ou que atopabamos información importante sobre os incendios, compartiámola e comentabámola en Google + para decidir sobre a súa incorporación aos blogs que deseñamos inicialmente. Estas informacións e as ideas que xurdían polo camiño comentábanse nas videoconferencias, tomabamos decisións sobre o que tiñamos previsto e reflectiamos as pautas que había que seguir na guía colaborativa do proxecto.
Para poder desenvolver as actividades deste proxecto tivemos que adaptar a temporización do currículo dentro da programación nos diferentes cursos, así como as técnicas de avaliación, ás que incorporamos elementos e ítems para a medición de competencias.  Como resultado, o contido da programación saíu enriquecido dándolles sentido aos novos coñecementos con habilidades e actitudes, e conectando o aprendido coa realidade da comarca.

 

Descrición da actividade

Esta é unha relación das actividades desenvolvidas, xunto coas ferramentas TIC utilizadas, e os enlaces a cada entrada do blog de aula. Os resultados, resumos dos alumnos etc. repártense entre os demais blogs, a aula virtual do centro e outros lugares indicados.

  • Presentación do proxecto ante a comunidade educativa nas Xornadas de Formación do plan Proxecta 2014.
  • Creación de espazos virtuais colaborativos para compartir, xestionar e publicar os contidos, actividades e resultados do proxecto: blogs, redes sociais e aulas virtuais corporativas.
  • Programación de xogos con Scratch relacionados coa prevención e extinción de incendios por alumnos de primeiro e segundo da ESO.
  • Videoconferencias entre o alumnado dos centros participantes para compartir experiencias.
  • Concurso de materiais orixinais temáticos: logos, fotos, vídeos, textos, poemas, anuncios, marcapáxinas, debuxos, cancións etc., nos que participaron os dous centros educativos.
  • Sondaxe de opinión sobre factores de influxo nas causas, na prevención e extinción de incendios nos dous distritos con máis de seiscentas persoas enquisadas, entre as que se atopan os alcaldes do Rosal e Monforte de Lemos, e estudo estatístico comparativo dos resultados en cada comarca.
  • Visita-intercambio entre o alumnado participante das dúas comarcas ás zonas afectadas.
  • Conferencias temáticas con expertos e axentes forestais e exposicións de carteis sobre a problemática dos lumes en Galicia.
  • Tarefas con contido matemático no contexto dos incendios forestais durante todo o curso académico e nos distintos bloques temáticos.
  • Visitas guiadas ás bases dos helicópteros de Marroxo e O Campiño, aulas de natureza e zonas queimadas recentemente nos dous distritos.
  • Programación, realizada con AppInventor polos alumnos de informática de cuarto da ESO e primeiro de bacharelato TIC, de varias aplicacións para o móbil coa temática dos lumes forestais, que culminaron nunha completa app en galego e castelán que se pode descargar de Google Play.

Para unha visualización máis detallada de cada unha destas actividades cómpre visitar o blog Aula sin fuego.

 Captura de pantalla do blog Aula sin fuego

 

Avaliación

Neste tipo de proxectos que se desenvolven ao longo dun curso académico e que constan de actividades tan variadas e cooperativas, a avaliación é complexa. O profesor ten que enfrontarse ao reto que supón que cada alumno e alumna estea construíndo o seu propio coñecemento en lugar de estar todos eles practicando o mesmo contido. Ademais, o profesor aprende xunto cos seus alumnos, polo que dá exemplo do que é a aprendizaxe durante toda a vida. No noso caso, tivemos que estudar Scratch e AppInventor xa que non coñeciamos este software, e buscar información sobre lumes forestais e posibles actividades relacionadas co tema nas nosas materias (o uso da estimación, das proporcións, o tratamento da información e a programación de procesos sinxelos…).

Para avaliar esta engrenaxe de tarefas empregamos distintas ferramentas, entre as que destacamos a carteira do alumno (situado na aula virtual do centro e nos últimos meses na plataforma Agueiro), na que estes ían gardando a información e arquivos asociados e nós corrixiámolos e valorabámolos.

Nas competencias relacionadas co traballo cooperativo fixéronse publicacións nos blogs (por exemplo, no Blog de investigación) e exposicións no grupo clase (como exemplo, as explicacións dos xogos), e estas foron avaliadas mediante unha rúbrica.

Captura de pantalla da plataforma Agueiro na que os alumnos compartiron os xogos

 

A aprendizaxe entre iguais é un dos piares deste proxecto: é o alumnado o que fai de guía para lles ensinar aos compañeiros aspectos puntuais dos xogos de Scratch antes da súa exposición final, ou a xestión dos ficheiros e posterior publicación dos xogos na rede Agueiro (publícanse os vídeos explicativos no blog de aula). Isto supón un cambio importante respecto dos roles tradicionais.

Outro aspecto destacable é a comunicación entre todos os participantes do proxecto. Desde o inicio, formáronse pequenos grupos entre o alumnado de ambos os dous centros, creando unha ligazón de amizade que saíu reforzada coa utilización das ferramentas sociais de Agueiro e a primeira visita-intercambio do Rosal a Monforte.

 

Conclusións

O profesorado participante neste proxecto está convencido de que a investigación e a xestión da información ligada aos aspectos científicos no proceso educativo poden axudar a resolver problemas reais nun futuro, ou mesmo evitalos.

Este proxecto foi presentado aos Premios nacionais á colaboración no ámbito das TIC para equipos docentes de varios centros, apartado 4 b) e acadou o premio, concedido por unanimidade, na categoría de secundaria. Para nós foi un recoñecemento ao labor e esforzo de todos os alumnos e profesores participantes que, durante un curso escolar, tratamos de difundir a idea de que é posible erradicar a praga dos lumes forestais provocados. Ao mesmo tempo, deixamos a nosa pegada a través das actividades que figuran no blog Aula sin fuego, gustaríanos que outros profesores fosen quen de levalas ás súas clases. En canto á aplicación para o móbil, cremos que é un exemplo de como as tarefas de clase poden estar ao servizo da cidadanía nunha causa nobre.

A valoración global é positiva por parte de todos os membros do proxecto, das  familias e das persoas da contorna, e da Consellería de Medio Rural, que acaba de poñer como exemplo a nosa aplicación nun congreso sobre incendios forestais. Só nos queda seguir loitando coas seguintes xeracións na procura dun monte sen lume.

 Captura de pantalla da web da app Sen lume

 

 

Profesorado e alumnado participante
O proxecto está integrado por profesores e alumnos dos centros IES Daviña Rey de Monforte de Lemos e CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal.
COORDINADORAS: M.ª Esperanza Gesteira Losada (O Rosal) e M.ª Jesús Casado Barrio (Monforte)
PROFESORADO DO IES FCO DAVIÑA REY: M.ª Jesús Casado Barrio (Matemáticas) e Luis Vázquez López (Informática)
PROFESORADO DO CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER: M.ª Esperanza Gesteira Losada (Matemáticas), M.ª Cruz Gamallo Rodríguez (Matemáticas) e Cristina Durán Herrera (Matemáticas)
ALUMNADO: Primeiro, segundo e cuarto no CPI Manuel Suárez do Rosal; primeiro, segundo e cuarto da ESO e primeiro de bacharelato no IES Daviña Rey de Monforte.
 


 

Sección: