A biblioteca escolar, un organismo en crecemento

Unha viaxe pola historia persoal dunha docente en relación coa biblioteca, bibliothēke, o lugar onde se gardan os libros, experiencia común a moitos dos xestores e responsables actuais das bibliotecas escolares de Galicia.

Begoña López Soto
Profesora e responsable da biblioteca do IES Fernando Esquío
begonals@edu.xunta.es

Como dicía Mario Vargas Llosa ao recoller o Premio Nobel,  “Aprender a ler foi a cousa máis importante que me pasou na vida”. Ler para vivir, ler para gozar, ler para aprender foi a máxima que me serviu para medrar.

A primeira biblioteca que lembro, no seu sentido etimolóxico, foi a dos meus pais, unha familia lectora que me inculcou o amor polos libros desde a primeira memoria: meu pai sempre cun libro na man, miña nai léndonos contos antes de durmir, a miña avoa contándonos lendas e historias dos seus antepasados… Unha familia privilexiada que tiña libros na casa, aquelas coleccións da biblioteca RTVE, o Círculo de Lectores…,  que espertaron a nosa imaxinación e a necesidade da lectura. Non todas as familias eran así, noutros casos a proximidade das bibliotecas municipais ou as das deputacións, a canle de democratización máis grande, suplía a falta de medios. Con todo iso, a mecha que propagaba a curiosidade e necesidade da lectura tiña que xurdir nas familias: o fomento da lectura non pode estar ligado a unha cuestión financeira, é unha teima emocional, a ilusión da achega aos libros espértase desde a casa, a verdadeira dinamizadora cultural.

A partir deste punto, a escola proporcionaba o acceso á aprendizaxe e descubrimento, pero como era a biblioteca escolar?, que función tiña non hai tantos anos?

A escola da miña infancia era o fondo de onde saían as enciclopedias que tiñamos que consultar para facer traballos e as lecturas recomendadas polos mestres. Clásicos literarios que, con maior ou menor acerto do mestre en cuestión, nos permitían viaxar polo espazo e o tempo: Verne, Salgari, Dickens… Unha biblioteca como recuncho onde non se creaba, onde se consultaba e copiaba; non había quen a atendese; un lugar de paso... porque o importante era a aula, o libro de texto e o profesor.

Non era moi distinta a biblioteca do instituto ou a da universidade, máis fondos, catálogo estandarizado, persoal encargado da entrega das obras, pero nada máis. A excepción estaba na biblioteca municipal, onde algún bibliotecario sensible recomendaba e suxería, seguindo seguramente as leis do gran bibliotecario indio Ranganathan:

1. Os libros están para usarse.

2. A cada lector o seu libro.

3. A cada libro o seu lector.

4. Hai que aforrarlle tempo ao lector.

5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

Despois duns anos como docente en centros que partían da mesma consideración da biblioteca como lugar de consulta, almacén de fondos baixo chave e, nalgúns casos, sala onde permanecían os alumnos díscolos, chegou un cambio significativo. Algo estaba a medrar nas institucións educativas e nas distintas leis foron aparecendo recomendacións e provisións para a existencia dunha biblioteca escolar con dotación para fondos axeitados.

No ano 1995 asignáronme a vicedireción dun centro de nova creación, o IES de Porto do Son, e unha das miñas tarefas foi a posta en marcha da biblioteca escolar. A posibilidade de empezar desde cero supuxo unha aventura: houbo unha posta en común das necesidades de obras de referencia e clásicos literarios por parte dos profesores do claustro, pero a nota distintiva marcouna a colaboración co bibliotecario municipal, José Manuel Mariño, punto de información esencial para a formación na catalogación dos fondos, a CDU, e a escolla de obras que creaban lectores. Todo isto fixo que lembrásemos a dualidade da biblioteca: por un lado, o seu papel de fonte de recursos destinados á aprendizaxe e, por outro, o papel de canle para o deleite das obras de lectura, transmisora de valores e xeradora de cidadáns responsables e críticos. Non eramos un caso único, noutros centros estaba medrando ese organismo en crecemento do que falaba Ranganathan.

Malia non haber persoa encargada das bibliotecas coa formación técnica nin pedagóxica axeitada, faltar un orzamento que cubrise as necesidades de renovación e actualización dos fondos, un horario de apertura que permitise o uso das instalacións fora do propiamente escolar... nalgúns centros os docentes iniciaban a andaina de actividades de fomento da lectura e de alfabetización informacional.

En 1999 outro bibliotecario municipal, Manuel Pérez Grueiro da BPM de Neda, tamén deixou a súa pegada na nosa andaina “bibliotequeira” organizando faladoiros literarios e actividades de fomento da lectura nos centros escolares do concello e incluso facilitándonos o uso do proxecto Meiga, de uso limitado daquela ás BPM (bibliotecas públicas municipais).

Unha das actuacións que se puxeron en marcha co comezo do século foi a creación de programas e concursos destinados a aqueles centros onde había profesorado sensibilizado co valor da biblioteca escolar. Precisábase do recoñecemento tanto institucional como dos propios docentes para poñer en marcha as ideas e plans que eles mesmos tiñan na cabeza. No MEC (Ministerio de Educación e Ciencia), o Concurso Nacional de Boas Prácticas na Dinamización e Innovación das Bibliotecas Escolares, en Galicia o Plan de mellora de bibliotecas escolares.

No 2004 o IES Fernando Esquío participou no Concurso Nacional do MEC e gañou un cuarto premio e no 2006 accedemos ao PLAMBE co noso proxecto Navegando nun mar de libros. Pero non fomos os únicos, no concurso MEC desde aquela obtiveron premios moitas bibliotecas escolares de Galicia, e no noso PLAMBE xa somos 550.

Que supuxo esta nova situación?

Ademais da dotación orzamentaria que cambiou a cara (e todo o corpo) das bibliotecas escolares, tivemos a oportunidade de medrar cun guión propio do que eramos responsables. O feito de presentar un proxecto e ser aprobado supuxo ter a xustificación do noso esforzo e ter o “permiso” para traballar e a “obriga” de facelo. En moitos centros educativos traballar na biblioteca “era facer traballo de máis”, non todo o profesorado entendía que os “bibliotequeiros” (termo acuñado no colexio de San Walabonso en Niebla) empregabamos a biblioteca como instrumento de acción docente e fonte de recursos para que o noso alumnado aprendese a aprender e mellorase as súas competencias.

Elaborar un proxecto levounos a ter que pensar e organizar as nosas ideas. Ademais,  non estabamos sós. Se o premio MEC nos deu ás para empezar a constatar as nosas deficiencias e necesidades, o PLAMBE creou unha infraestrutura de traballo colaborativo imprescindible. Cada centro, coas súas peculiaridades, crea materiais para a explotación temática dos fondos ou das conmemoracións, efemérides ou novas da actualidade; alfabetiza a comunidade escolar, asesora o resto do profesorado para rendibilizar os recursos, propón e mobiliza proxectos integrados, engaiola o alumnado e pais/nais captándoos nos clubs de lectura ou amosándolles a marabilla dos álbums ilustrados, a banda deseñada cos baúis (xa non maletas) temáticos que rulan polos centros, achegándolles autores descoñecidos, espertando a curiosidade científica coas distintas campañas anuais de lectura, levando un anaco da biblioteca escolar ás casas con lecturas para compartir nas mochilas viaxeiras… e todo iso en rede. Se algo funciona en Tui, sábeno ao momento en Ribadeo. De norte a sur e de leste a oeste, o traballo das bibliotecas escolares compártese, dáselle publicidade no blog da biblioteca de cada centro e a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, nó do que parte a madeixa do traballo colaborativo.

Pero non só compartimos as experiencias e materiais de éxito senón tamén as dúbidas; na nosa zona organizamos o grupo PLAMBEferrolterra con reunións bimestrais moi produtivas. Ao carón dunha merenda ou cea (grazas á pertenza da biblioteca dun centro de hostalería) propoñemos traballos intercentros, compartimos materiais e solucionamos inquedanzas… seguimos medrando.

Reunión do grupo Ferrolterra en xaneiro

O PLAMBE, ademais da dotación orzamentaria anual (unha vez presentado proxecto e memoria), deunos a formación impagable e imprescindible para o noso labor a través das xornadas e congresos; lembremos que non somos “bibliotecónomos”.  Xunto cos CFR, mediante cursos e grupos de traballo, achegámonos aos especialistas de educación documental, formación de usuarios, alfabetización informacional e namorados da lectura en xeral, porque a cuestión emocional ten máis importancia da que se lle supón inicialmente.

Carteis de bibliotecas escolares de Galicia

Vendo os carteis que publica a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, polo plan LÍA de Bibliotecas Escolares (lectura, información e aprendizaxe),  aí estamos as bibliotecas escolares de Galicia, case doce anos despois, mergulladas en actividades de fomento da lectura e dinámicas de grupos para aproveitar os recursos da biblioteca escolar. A biblioteca,  ese organismo en crecemento, esa fiestra, cada vez máis grande, pola que miramos ao mundo. Hora de ler, mochilas viaxeiras, clubs de lectura, voluntariado na biblioteca escolar, lendo ciencia (e este curso matemáticas), proxectos de investigación, proxectos documentais integrados; a biblioteca como centro de recursos...  quen o ía dicir!, pensarán algúns, porque tamén a docencia cambiou. Imos camiño das flipped classroom, temos que empregar outras dinámicas para crear interese no noso alumnado e axudarlle cos novos vieiros de aprendizaxe do século XXI.

Cando boto unha ollada atrás e me vexo na miña biblioteca de segundo de primaria collendo (segundo di a miña mestra) aquel libro sobre os Reis Católicos e Colón, no tempo que nos deixaban de lectura libre (antesala da hora de ler actual), cando o comparo coas bibliotecas de hoxe en día, confeccionando itinerarios lectores de matemáticas ou economía, remexendo os andeis das aulas na hora de ler, seleccionando os fondos para as familias que irán nas mochilas viaxeiras, facendo a biblioteca escolar visible e necesaria para a comunidade escolar...  penso en canto temos medrado e no que nos queda por medrar… en boa compaña.

Recuncho de lectura informal

Unha vista da biblioteca

Selección de lecturas matemáticas