A biblioteca nun centro integrado de formación profesional: universos paralelos

Formamos parte da rede de centros de titularidade pública espallados pola nosa xeografía, pero somos, xunto con outros centros específicos (como EOI, CMU, EPA, CEE), algo diferente. Neste artigo preséntase a experiencia dunha biblioteca desa outra realidade paralela, a dun centro integrado de formación profesional.

Juan Casal Mera
Profesor do Departamento de Electricidade-Electrónica e coordinador da biblioteca do CIFP Ferrolterra
guanit0@edu.xunta.es

Un raio de luz

Trátase do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Ferrolterra, de Ferrol, durante moito tempo coñecido como Marqués de Suanzes, cunha longa traxectoria no eido da formación profesional. Desde sempre foi o instituto politécnico da cidade, o que acolleu as especialidades relacionadas coa industria.

Hai moitos centros de secundaria que teñen ciclos formativos, pero os CIFP teñen unicamente formación profesional e a súa organización e funcionamento é bastante diferente, o que afecta loxicamente ao funcionamento da biblioteca se queremos que lle preste un bo servizo ao centro.

Son profesor de Electrónica e levo sendo o coordinador da súa biblioteca desde hai xa unha chea de anos. Desde entón o centro foi atravesando diversas etapas: a antiga FP, logo instituto de secundaria e, finalmente, CIFP desde 2011. Xa que estamos falando dun centro eminentemente tecnolóxico e carece da rama téxtil, non podo resistirme á tentación de empregar como guía deste artigo, en lugar dun fío condutor, un raio de luz. Imos aló.

 

Un raio de luz como guía

Este raio parte de mediados da década dos noventa, cando a miña primeira compañeira na coordinación da biblioteca e mais eu coincidimos en dúas cousas: primeiro, que a biblioteca non tiña por que ser un terreo limitado ás letras e que, polo tanto, ela, profesora de Matemáticas, e mais eu, de Electrónica, podiamos levar o temón da biblioteca escolar sen complexos; e segundo, e máis importante, que a biblioteca non era só un almacén de libros. Con estas ideas comezamos a ser algo máis ca un local cunha colección, e a desenvolver actividades de dinamización, algunhas das cales aínda seguen funcionando na actualidade.

Pouco máis tarde chegou a LOXSE, coa que a FP lles deixou o seu lugar aos actuais ciclos formativos e pasou a ser especializada, é dicir, a ter unicamente materias propias das especialidades (mais as transversais de formación e orientación laboral), elimináronse as materias comúns, que se impartían só na ESO e en bacharelato. Porén, esta transición non supuxo cambios importantes no funcionamento da biblioteca, xa que as necesidades do instituto eran as mesmas ca antes, pola incorporación da ESO e de bacharelato. A diversidade que supón ter todas as materias comúns máis as das especialidades de FP era enorme, e a biblioteca era testemuña dela, e quizais quen máis se beneficiase desta gran riqueza que agora, desde a súa ausencia, somos quen de apreciar. O raio de luz tiña todas as cores, era luz branca multicolor.

Houbo varios fitos importantes, que non veñen ao caso, pero un especialmente significativo foi o PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares), do que formamos parte desde a súa primeira convocatoria, alá por 2005. Cítoo porque aí foi cando descubrimos que non estabamos sós e porque supuña a corroboración de que iamos polo camiño adecuado, xa que o seu ideario coincidía de pleno co noso. O raio de luz intensificouse e formamos un equipo, aclaramos as ideas, analizamos, organizamos e concretamos as actuacións de acordo cunha programación e de cara á integración no currículo… a biblioteca institucionalizouse definitivamente e organizouse como un verdadeiro instrumento educativo.

Refracción

Cando un raio de luz pasa dun medio a outro distinto, cambia a súa dirección e sepáranse as súas compoñentes cromáticas.

Un día de xuño de 2011, da noite á mañá, sen previo aviso, espertamos coa nova de que nos converteran en CIFP.

Isto si que supuxo un cambio radical non só (pero tamén) para a biblioteca, senón para todo o centro. O raio de luz branca perdeu gran parte da súa riqueza cromática que se refractou noutras direccións coa perda da ESO e do bacharelato.

Para entender como lle afectou á biblioteca, é necesario coñecer un pouco a formación profesional, un deses “universos paralelos” do ensino.

A formación profesional organízase en ciclos formativos, de grao medio e superior, e máis a formación profesional básica, que se incorporou este curso 2014/15 en substitución dos PCPI (programas de cualificación profesional inicial). Todas estas ensinanzas teñen en común, como xa comentei, que só contan con materias propias da rama e o que se persegue é a adquisición dunha capacitación profesional ao final do ciclo, en lugar dunhas competencias básicas coma en primaria, secundaria e bacharelato.

As aulas convencionais son as menos, substituídas por talleres ou aulas-taller, co material, equipos e ferramentas propios da especialidade e con equipos informáticos en moitos dos casos. A metodoloxía ten un carácter marcadamente práctico e moito do traballo relacionado coa información resólvese xa na aula.

 

Nos centros integrados, os talleres e as aulas-taller son a norma

Chegados a este punto, hai que dicir que cada centro é un mundo: os que traballamos no ensino escoitámosllelo dicir a compañeiros que pasaron por outros destinos ou sabémolo por propia experiencia. Ben, pois isto é moito máis evidente neste universo paralelo da formación profesional, xa que as distintas especialidades que ten cada centro lle confiren unhas características particulares, debido á natureza das especialidades en si e tamén polo tipo de alumnado.

En canto á súa natureza, unhas especialidades teñen máis carga conceptual e outras, en cambio, son máis instrumentais; as primeiras teñen máis tendencia a necesitar e empregar os recursos da biblioteca. Por outro lado, o tipo de alumnado determina a súa motivación e predisposición á hora de participar nas distintas actividades de dinamización propostas.

O anterior son unhas pinceladas para quen non coñeza de preto a formación profesional en si. Os CIFP somos un caso particular dentro dos centros con formación profesional ao termos unicamente ese ensino, a diferenza dos IES mixtos, como eramos nós anteriormente, cando tamén contabamos coa ESO e bacharelato.

En honor á verdade, hai que recoñecer que nesa etapa de IES, o foco da biblioteca estaba posto na ESO por varios motivos: en primeiro lugar, porque eran moito máis participativos, especialmente os pequenos, feito este último que aproveitabamos como lanzadeira para anos vindeiros, esforzándonos en facer actividades do seu agrado; tamén por obrigación, xa que así o esixía o guión (hora de ler, proxecto lector, proxecto interdiscipinar etc.); pero sobre todo sobre todo… porque era máis doado.

Non quere isto dicir que deixásemos de lado a formación profesional nin moito menos, xa que sempre foi o groso do instituto e a súa razón de ser, pero a súa participación era moito menor e a integración da actividade da biblioteca no seu currículo, practicamente nula.

Nesa etapa o noso raio de luz branca, multicolor, discorría por un medio xa coñecido, nunha dirección ben definida, cunha gran luminosidade polas moitas actividades que levabamos a cabo, algunhas que aínda permanecen, pero moitas outras que durmirán no noso recordo. Gardo especial cariño das que faciamos con pequenos grupos de alumnos, como o teatro ou a voz do cómic (nova experiencia de lectura colectiva mediante un cómic en formato de presentación de diapositivas. Aquí podedes ver a versión web de A mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado, que foi o primeiro deles).

A conversión a CIFP foi un duro golpe, especialmente para os que tiveron que marchar, pero tamén para os que quedamos, polos cambios que virían despois. No que se refire concretamente á biblioteca, ademais do cambio de medio de propagación do noso raio de luz, trouxo outra consecuencia: o desmantelamento do equipo, que levaba anos funcionando, do que só sobrevivín eu.

Así que un dos primeiros labores había ser o de dar cuns cantos “incautos(as)” que se embarcaran comigo nesta nova etapa. É de xustiza salientar o labor deste novo equipo por colaborar sen redución horaria —eu si a teño— no traballo da biblioteca, deixando moitas horas ao longo do curso, como ocorre, sen dúbida, na maioría das bibliotecas escolares.

Unha vez conformado o equipo, e co noso raio de luz case en monocromo, houbemos de botar man doutro fenómeno da luz: a reflexión.

Reflexión

Prodúcese reflexión cando un raio de luz incide sobre unha superficie doutro medio e o raio regresa ao medio inicial.

Fago uso da polisemia para este xogo de palabras, porque no fondo trátase do mesmo: mirar de fronte ese raio de luz que nos quedou... mirar cara a dentro, reflexionar. Facíase inevitable, non podiamos seguir adiante sen facer unha fonda análise da situación e decidir sobre o rumbo que queriamos seguir.

A existencia da biblioteca estaba asegurada, xa que non só conta co apoio oficial ao figurar no organigrama dos CIFP, senón que tamén se inclúe nel a figura de coordinador de biblioteca (algunha cousa positiva tiña que haber). Así pois, se ten que haber unha biblioteca, pero quedamos sen “clientela”, que facemos?

O máis lóxico para comezar sería preguntarse que temos que modificar nesta nova situación para cubrir as necesidades do noso alumnado en relación coa lectura, a información e o coñecemento? E así fixemos, e a resposta foi NADA.

Efectivamente, no que se refire á biblioteca, as necesidades básicas do alumnado para a consecución das competencias profesionais que veñen buscar ao centro están máis que cubertas cos servizos e recursos que temos. Pero entón, que facer? Volver ser un almacén de libros cuns poucos ordenadores?

O problema radica en que esa non era a pregunta máis axeitada na nosa situación. Entendemos que despois de todo o camiño andado non debiamos de limitarnos a satisfacer as necesidades básicas, senón que tiñamos na nosa man un instrumento que, por pequeno que puidese parecer, podía contribuír á calidade do ensino do noso centro (espero que os meus colegas dos CIFP saibades perdoarme por empregar esa palabra que temos tan aborrecida, pero refírome á calidade de verdade, non á do sistema de xestión imposto coa creación dos CIFP).

Entón, en lugar de preguntarnos que necesitan, a pregunta adecuada era: que lle podemos ofrecer ao alumnado en relación coa lectura, a información e o coñecemento?

Antes de seguir, un par de argumentos froito da reflexión:

No eido profesional, calquera persoa traballadora necesita ser eficiente, especialmente nunha sociedade competitiva como a que nos tocou vivir. A eficiencia profesional asenta sobre a base dunhas competencias profesionais que son as que os alumnos veñen adquirir ao noso centro. Porén, como pode verse na imaxe 3, as competencias profesionais teñen que estar asentadas, pola súa vez, sobre as bases máis amplas das competencias básicas. Non se trata, loxicamente, de dar clase de historia ou de matemáticas, que son obxecto da formación común adquirida en primaria e secundaria, pero si que moitas veces inconscientemente estamos incidindo nelas cando refrescamos coñecementos desas etapas anteriores porque detectamos carencias de expresión, de interpretación da información etc.

 

As competencias profesionais asentan sobre a ampla base das competencias básicas

Por outro lado, fixémonos nisto:

  • ………….
  • Analizar e utilizar os recursos e as oportunidades de aprendizaxe que se relacionan coa evolución científica, tecnolóxica e organizativa do sector, e as tecnoloxías da información e da comunicación, para manter o espírito de actualización e adaptarse a novas situacións laborais e persoais.
  • ………..
  • Aplicar estratexias e técnicas de comunicación, adaptándose aos contidos que se vaian transmitir, á finalidade e ás características das persoas receptoras, para asegurar a eficacia nos procesos de comunicación.
  • Desenvolver manuais de información para as persoas destinatarias.

Son obxectivos extraídos literalmente do currículo do ciclo superior de Automatización e Robótica Industrial, que é un dos que coñezo de preto porque imparto clases nel.

Se a isto último lle unimos o feito de que nos ciclos superiores os alumnos teñen que desenvolver e defender perante o equipo docente un proxecto de fin de ciclo que computa como unha materia máis, podemos observar que unhas cantas das competencias básicas están implicitamente relacionadas coa formación profesional e son terreo propio das funcións dunha biblioteca escolar.

 

Competencias básicas que teñen que ver, dun xeito ou doutro, coa biblioteca

Como conclusión destas e doutras moitas reflexións, decidimos, pois, seguir adiante, asumindo un papel como elemento de dinamización e difusión cultural do centro, e con actuacións para o fomento da lectura e educación en información fundamentalmente.

Opacidade e transparencia: éxitos e atrancos

A opacidade e a transparencia son propiedades ópticas da materia que indican o facilmente que a pode atravesar un raio de luz.

O noso raio, tras a refracción e a reflexión, atopouse nun novo medio con diversas opacidades e transparencias que paso a describir.

Calquera docente que teña traballado nunha biblioteca escolar sabe que (quitando o non menos importante labor técnico de rexistro, catalogación etc.) non hai fórmulas precisas nin receitas infalibles, e que hai que tirar de imaxinación e empregar o ensaio e o erro como método de traballo. Pois se iso é certo en calquera centro, nun deses que poboamos os universos paralelos, máis se cabe.

Comecemos cos atrancos.

As bibliotecas escolares que funcionan ben son unha ferramenta de ensino poderosísima e versátil e isto ocorre cando os profesores saben sacarlles partido organizando actividades dentro das súas materias, nas que os alumnos usan os seus fondos e recursos para a busca, interpretación e asimilación da información, traballando así a competencia no tratamento da información e competencia dixital, aprender a aprender etc. Hai moitas experiencias e moi boas (cito, por exemplo, os centros que traballan por proxectos), que dan excelentes resultados e son unha mostra disto. Na miña opinión, esa é a situación ideal, na que se lle saca o máximo rendemento á biblioteca nun centro de ensino.

Pero para que isto funcione, aínda que a idea parta da biblioteca e sexa quen coordine, requírese a colaboración do profesorado, o que non sempre se consegue, xa que supón entrar nunha metodoloxía distinta, un terreo descoñecido, máis traballo…

No noso caso, aínda que nunca fomos quen de artellar un proxecto para o uso sistemático e masivo da biblioteca, na nosa etapa de IES si que facían uso dela varios profesores de forma habitual e contabamos cun programa de formación para o alumnado do primeiro ciclo da ESO para o uso e tratamento da información, empregando para iso o tempo das titorías, atención educativa e o proxecto interdisciplinar. Iso precisamente, o tempo, é o primeiro dos atrancos: en formación profesional carecemos deses tempos nos que desenvolver actividades propostas pola biblioteca.

 

A maioría das nosas especialidades son altemante instrumentais

Doutra banda, as posibilidades de integración da biblioteca na actividade académica nun CIFP dependen en primeiro lugar da natureza dos currículos, e hai materias máis axeitadas e outras menos. No noso caso, a maioría dos ciclos son técnicos, altamente instrumentais, enfocados á adquisición das competencias profesionais das que antes falamos, e as necesidades de información resólvense nas aulas, que contan con numerosos ordenadores. A iso hai que engadir que os currículos están enormemente apertados e non prevén de seu o traballo coas competencias englobadas no ámbito da biblioteca.

Non quere isto dicir que non haxa posibilidades en absoluto (máis adiante comentarei algunha actividade neste senso, aínda en xestación), pero como dixen máis arriba, dependen tamén da implicación do profesorado. Trátase de profesores de materias técnicas, cuxa vinculación a priori coas bibliotecas escolares é practicamente inexistente (sigo falando do noso caso, pode haber outros máis favorables). A isto hai que engadir o descontento xeral do profesorado dos CIFP —máis alá do que pode reinar no resto do profesorado desde os recortes introducidos co gallo da crise— debido ás condicións impostas desde a súa creación que nos fan sentir discriminados por comparación (cun sistema de xestión de calidade que, en lugar de facilitar o traballo, o incrementou substancialmente e un axuste dos horarios con sesións de 60 minutos e mantendo o mesmo número de horas ca o resto de centros). Unha das consecuencias disto é unha gran desmotivación e a opacidade ante calquera raio de luz que traia novas propostas (xa sei que os nosos gobernantes manexan datos do bo funcionamento da rede de CIFP, con gran cantidade de proxectos en marcha etc., pero permitídeme que cite ao profesor Aaron Levisnstein, quen afirma que “as estatísticas son coma os bikinis, o que amosan é suxestivo, pero o que ocultan é vital”, e os que traballamos nos CIFP sabemos de que estamos a falar).

Por outro lado, como dixen antes, as funcións básicas da biblioteca están cubertas: a biblioteca permanece aberta durante todo o horario lectivo, incluídos os recreos, tanto en diúrno como en nocturno, o que permite o seu uso en horario extraescolar por ambas as dúas quendas; contamos con ordenadores, impresora, escáner e wifi á disposición do alumnado e unha colección de fondos que inclúe todas as obras da etapa anterior, pero cunha tendencia nas adquisicións cara ás materias das especialidades, loxicamente, e sen deixar de lado o fomento da lectura literaria.

Á parte destas funcións básicas e vista a dificultade de integración da biblioteca no currículo, a resposta á pregunta que nos faciamos antes sobre o que pode ofrecer a biblioteca queda circunscrita no noso caso a actividades voluntarias, que poderiamos cualificar como extraacadémicas, e que se desenvolven en tempo extraescolar. Velaquí a diferenza: cando a biblioteca escolar é a ferramenta, entón non é que haxa que buscar tempo para facer actividades, senón que o tempo das clases transcorre alí. Este non é o noso caso.

Doutra banda, tampouco é que o entusiasmo do alumnado ante as nosas propostas sexa, en xeral, como para celebralo con gaitas e tambores.

Por último, existe ademais outro problema relacionado co tempo: o alumnado que vén cursar un ciclo formativo permanece no centro tan só cinco trimestres (un curso completo e dous trimestres, xa que no derradeiro van a empresas formarse en centros de traballo), de maneira que entre que se integran no centro e se van vai un suspiro, coma quen di.

Con todo, conseguimos facer cousas: pasemos ás transparencias, os nosos pequenos pero dignos éxitos.

Seguimos a celebrar diversas efemérides e eventos, con pequenas exposicións ou charlas, actuacións, contacontos etc. Debo destacar a celebración do Día das Letras Galegas, ou o Día do Libro, entre outras.

En relación co fomento da lectura, seguimos a elaborar guías que entregamos cos boletíns de notas e publicamos na páxina web, e temos un club de lectura con máis dunha decena de participantes, do que nos sentimos especialmente orgullosos porque detectamos que entre os nosos alumnos —futuros traballadores— hai lectores, unha tendencia positiva, quizais consecuencia de políticas de lectura iniciadas anos atrás, das que estamos recollendo xa os primeiros froitos. Con isto dámonos conta da nosa humilde contribución á consolidación (ou creación, nalgún caso) de lectores entre a futura clase traballadora.

 

Unha das nosas actividades, a olimpíada cultural, provoca unha efervescencia na biblioteca

Nestes momentos estamos organizando xa a 15.ª edición da olimpíada cultural, unha das primeiras actividades que creamos no inicio da nosa andaina alá polos anos noventa e que, polo que sei, se está a facer dunha ou doutra maneira en distintos centros (mesmo de primaria!). Trátase dunha actividade pensada para traballar de forma continuada (dura un mes) a busca e tratamento da información, tanto en libros coma na rede e consta de varias probas, cada unha cunha determinada puntuación que se vai acumulando, e gaña o equipo que máis puntos consegue ao final do concurso. Por non estenderme, deixo esta ligazón, na que podedes consultar as bases do xogo e abaixo ligazóns a exemplos das distintas probas, que aquí só enumero: a pregunta do día; o preguntón, o pista a pista e a aposta.

Todos os anos confeccionamos, en estreita coordinación co EDNL (como ocorre tamén con outras actividades), unha revista que chamamos Haiche Outra, que naceu na etapa IES, pero que agora ten outra orientación completamente distinta: antes era case un anuario no que se incluían todos os eventos salientables, mentres que agora ten un contido marcadamente técnico e inclúe (ou trata de incluír) fundamentalmente artigos relacionados con cada unha das especialidades. Aquí podedes acceder ás edicións dixitais.

Por último, contamos cun pequeno grupo de alumnos cos que elaboramos un noticiario científico e tecnolóxico, que chamamos Biblionovas, no que temos depositadas esperanzas porque podería constituírse nun medio co que engrenar a biblioteca coa actividade académica. Reunímonos unha vez por semana e comentamos diversas novas do mundo da ciencia e da técnica, e con elas elaboramos unhas presentacións de diapositivas coas ideas principais, que se proxectan nunha pantalla no vestíbulo de entrada do centro. O obxectivo é dobre: por un lado pretendemos facer partícipe a toda a comunidade educativa destas novas que nós destacamos (o blog da biblioteca segue sendo a nosa eterna materia pendente), é dicir, divulgar. O outro obxectivo é que, nun segundo nivel, esta iniciativa sirva como medio de actualización tecnolóxica se se traballa na aula en formato, por exemplo, de microespazos de poucos minutos, de maneira que non interfiran no desenvolvemento dos nutridos currículos, e sexa algo netamente positivo para a formación tanto tecnolóxica como no tratamento da información e comunicación. Esta actividade está aínda en xerme e o seu éxito dependerá da implicación do profesorado. Debo recoñecer que non é doado nesta tolemia na que converteron os CIFP, pero todo se andará, xa iremos vendo.

Para rematar, desexarlles moito ánimo aos colegas neste oficio de bibliotecarios escolares, especialmente se sodes destes universos paralelos, porque os logros saben mellor canto máis difícil é o camiño.