Desaprender para aprender

Manel Rives
Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)
@manelrives
manelrives@me.com
imaXinante.com

 

As competencias clave para o alumnado son posiblemente as ferramentas máis potentes e, ao mesmo tempo, o obxectivo máis ambicioso co que nos atopamos os docentes hoxe en día. Conseguir que o alumnado sexa competente é cumprir coa nosa primeira función como mestres e mestras.

Sobresae entre as competencias clave unha en concreto que persegue ser importante cara ao futuro da propia persoa, máis aló da cuestión académica. “Aprender a aprender” é, con toda seguridade, a máis enigmática de todas elas.

Seguramente todos nós temos unha percepción persoal do que significa aprender a aprender, máis vindo dos nosos tempos de escola onde a parte memorística era a máis valorada. Para a Comisión Europea implica a capacidade para proseguir e persistir na aprendizaxe e organizala, o que supón realizar un control eficaz do tempo, da información tanto individualmente como no ámbito de grupo.

Igualmente, “aprender a aprender” vai máis aló de elementos curriculares, a niveis máis profundos de habilidades de uso de dispositivos tecnolóxicos. Significa o compromiso de construír a aprendizaxe propia a partir de experiencias vitais, a introducirse en contextos descoñecidos para pór en marcha procesos propios que teñen máis que ver con asumir riscos, coa autoestima, tanto no traballo como na vida persoal e educativa, o empoderamento e a motivación. Isto implica desenvolver os aspectos actitudinais, cognitivos e emocionais das persoas. Un traballo realmente moi difícil de facer.



Desde este punto de vista, saliéntase a necesidade das persoas de desenvolver estratexias de adaptación a novos escenarios, a novas ferramentas, a novas dinámicas de traballo, sempre intentando aprender, sempre intentando sacar conclusións positivas e significativas persoais. Pero tamén conseguir que o alumnado experimente ao longo da súa escolaridade o pracer que produce presentarse ante algo descoñecido, intentar achegarse a el, intentar solucionalo, fracasar e lograr, ben sós ou ben con axuda, desentrañar o misterio, a verdade, a solución para seguir avanzando. En definitiva, sentirnos capaces.

Pero cales son as claves para facer isto realidade? Creando unha educación baseada en competencias, en potencias, en poderes das persoas como estamos a facer, é imprescindible amosar esa mesma capacidade por nós, é ineludible a necesidade de transmitir esa educación líquida e invisible que persiste na nosa conduta, no modelo que lle hai que ofrecer ao noso alumnado.

Desde hai algún tempo estou inmerso en formación docente: antes participaba só como conferenciante por diversos lugares de España e agora dentro da rede de formación no Centro Autonómico de Formación e Innovación; nas dúas facetas aprendendo moito e coñecendo moita xente.

E unha das cousas que máis me leva a reflexionar é a retroalimentación que recibo do público ao que intento proporcionar algo meu, é ese elemento motivador, esa enerxía, a actitude sobre o risco co alumnado, a necesidade de afondar sobre a propia aprendizaxe e a relación co alumnado no seu paso pola escola. Esa cuestión, que pode ser insignificante en canto a elementos curriculares, acaba sendo máis determinante ca os propios procesos de aprendizaxe das persoas, acaba sendo motivadora.


Coñecer as diferentes estratexias de “aprender a aprender” pasa por coñecer formas diferentes de ensinar, pasa por autoavaliarse como docente e buscar novos xeitos de crear mellores experiencias de aprendizaxe, pasa por asumir riscos na aula e coas persoas, pasa por modificar incluso parámetros como as paredes da escola, porque aprender a aprender implica arriscarse, implica tomar conciencia do noso estado e asumir compromisos. E tamén coñecer as limitacións dun mesmo e traballar en equipo para chegar máis lonxe. Non é un camiño sinxelo, nin curto, pero si un camiño de cambio en positivo.

Nese senso, hai sempre algunha literatura, algún elemento mediático que nos leva a pensar diferente, facermos máis preguntas ca obtermos respostas. Persoalmente considero que existen varios elementos que son de obrigada lectura. Entre as lecturas realmente interesantes que nos poden abrir as mentes sobre a competencia de aprender a aprender están o libro de Richard Gerver Crear hoxe a escola do mañá ou o que ten por título Smart thinking de Art Markman, pasando por A aprendizaxe baseada no pensamento, no que aparecen expertos como Robert Swartz ou David Perkins.

Estimo esencial ver os famosos vídeos de Ken Robinson:

Son tamén de grande interese os seus dous libros máis coñecidos: Out of our minds e El elemento. O seu vindeiro libro, Escolas creativas, proporcionaranos referencias de como traballan as mellores escolas do mundo.

Aprender; aprender a desaprender na escola como docentes; volver aprender; nunca parar: ese é o escenario que os expertos prognostican para os adultos dos próximos anos, un escenario no que a aprendizaxe será continua.

Así mesmo, é necesario que o profesorado se mergulle no coñecemento teórico e práctico de novas dinámicas de aprendizaxe, elemento esencial para facer partícipe o alumnado no seu propio proceso activo. Dinámicas que teñen como eixe esencial a creación de produtos por parte do alumnado, produtos que van desde a resolución lóxica de problemas usando a programación ou a robótica, o uso de medios audiovisuais —gran lagoa de alfabetización dixital—, a interactividade, a comunicación interpersoal tanto real como dixital, o uso de dispositivos móbiles tanto para o consumo de información como para a creación de produtos en múltiples linguaxes (algo esencial) a través das coñecidas apps.



O uso destas novas dinámicas de aprendizaxe, como a aprendizaxe baseada en proxectos (ou PBL en inglés) ou aprendizaxe baseada en retos (Challenge based learning ou CBL en inglés), crea escenarios complexos que permiten o traballo por interdependencia e un enfoque construtivo arredor dun problema real que precisa da implicación, da curiosidade e do traballo en grupo do alumnado.

Novas metodoloxías van aparecendo e permítenlle ao profesorado ir máis aló no seu labor docente, no coñecemento máis aló da ferramenta, no uso de técnicas e estratexias de traballo co alumnado. Como consecuencia cada día escoitamos máis termos educativos que felizmente nos invaden, de forma esaxerada en ocasións, pero que non son máis ca o reflexo das inquedanzas das institucións e dos docentes sobre a mellora da aprendizaxe.

A formación do profesorado é partícipe deste feito e cada vez máis ofértanse formacións que teñen por centro de interese tanto os elementos curriculares como as formas de ensinar, as formas de aprender, as formas de crear. Aquí, no CAFI, estamos inmersos en crear unha nova forma de formar o profesorado, tendo en conta as súas competencias... Si, nós tamén temos que mellorar as nosas competencias como docentes da nosa área, como docentes que se comunican con outros profesionais da educación e como profesorado que traballa e comparte co seu alumnado as experiencias vitais. Inmersos en introducir tamén dinámicas activas de aprendizaxe que melloren o proceso, como o estudo de Design Thinking como metodoloxía de traballo. Tamén aprender a aprender como docentes, como formadores, un reto que obriga a todos os actores a desenvolver estratexias de traballo no presente cara a un futuro complexo e cambiante.



Asumir e pór en práctica todas estas cuestións provocan que ensinar sexa unha tarefa gratificante, comprometida e arriscada a partes iguais. Aprender a prender e empezar por un mesmo a desaprender e axudar o alumnado a converterse no centro do escenario do proceso de ensino-aprendizaxe, como di o famoso pedagogo Francesco Tonucci: “O alimento da escola debería ser a experiencia dos nenos”. Comecemos por aí!


 

Sección: