Entrevista a Jesús López Prado

Director do Conservatorio Profesional de Música da Coruña

Música e diversidade

 

Resumo da entrevista a Jesús López Prado, profesor de clarinete e director do Conservatorio Profesional de Música da Coruña (CMUS)

Entrevista realizada por Juan Granados Loureda, director da Revista Galega do Ensino

 

Para este número 70 da Revista Galega do Ensino, EDUGA, entrevistamos a Jesús López Prado, director do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, co fin de que poida difundir na comunidade educativa un dos proxectos máis visibles do seu centro: o camiño que os levou a establecer unha aula de educación especial no seo do Conservatorio Profesional da Coruña, como método de atención a rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais que, cheos de talento, vehiculizan a súa creatividade a través do cultivo da arte musical.

Cóntanos Jesús que o Conservatorio Profesional de Música da Coruña é un centro que sente a preocupación pola integración social das persoas con NEAE. Desde hai oito anos acariñaba a idea de poñer en marcha unha iniciativa específica e pioneira na nosa comunidade autónoma: achegar a vivencia e o gozo da música ás persoas con necesidades educativas especiais que tivesen aptitudes musicais.

Para acadalo, o centro deseñou un plan de traballo en tres fases, desde as primeiras experiencias ata a consecución da aula creada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola Orde do 16 de decembro de 2011 que autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

A primeira experiencia foi o primeiro Concerto Músico-Sensorial. Música para Ti, Música para Min.

Este primeiro paso, un concerto músico-sensorial, tiña como obxectivo que o centro tivese un primeiro contacto con alumnado con necesidades educativas especiais e que este, pola súa vez, tivese contacto coa música e o conservatorio. Organizouse un concerto onde actuaron distintas agrupacións do centro interpretando bandas sonoras de películas de Disney e onde se proxectaban, asemade, imaxes das devanditas películas, todo iso presentado e dirixido por un contacontos.

O taller de musicoterapia

Logo desta primeira toma de contacto, un grupo de profesores do conservatorio solicitáronlle ao CFR da Coruña a creación dun grupo de traballo co obxectivo de achegarse ao concepto da musicoterapia. Pola súa vez, solicitáronlle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que se autorizase a creación dun taller de musicoterapia, co fin de poder traballar cun grupo de alumnos con necesidades educativas especiais os coñecementos adquiridos no devandito taller.

 
Para seleccionar o alumnado puxéronse en contacto con varios centros e asociacións da Coruña, para que lles enviasen os alumnos que eles consideraban óptimos para o proxecto. Traballaron con alumnos/as de distintas características: síndrome de Williams, síndrome x fráxil, autismo etc. As sesións desenvolvéronse todos os venres en sesións de 19:00 h. a 20:00 h.durante os meses de abril e maio. O taller realizouse fóra do horario lectivo do profesorado implicado. O colofón desta experiencia foi o concerto que se realizou o día 3 de xuño do 2011, onde os alumnos participantes actuaron coa banda xuvenil, o grupo de percusión do conservatorio e cos profesores e os alumnos de segundo de bacharelato (xa que daquela o BAC na vía de música e artes escénicas se impartía no conservatorio), poñendo en escena un conto musical creado para a ocasión.

Creación da aula de educación especial

Con estes bos augurios, solicitouse á Administración educativa a creación dunha aula para alumnos con necesidades educativas especiais, unha iniciativa pioneira na nosa comunidade autónoma, no resto do país só existe no Conservatorio Profesional de Música de Torrent (Valencia). Finalmente, a aula viu a luz coa publicación da xa citada Orde do 16 de decembro de 2011 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. Nesta orde autorizábase, e isto é capital, a adaptación das probas de acceso para alumnado con necesidades educativas especiais.

Desta maneira déuselle carta de identidade a un proxecto dirixido ao alumnado con necesidades educativas especiais, escolarizado en centros ordinarios ou de educación especial, co correspondente ditame de escolarización, que se considere apto para seguir as ensinanzas musicais de grao elemental. Dado que neste tipo de centros non existe o departamento de orientación nin persoal de apoio ás NEAE, o alumnado asistente deberá ter a autonomía suficiente para desenvolverse no centro sen a axuda do profesorado ou persoal non docente.

O obxectivo fundamental que se persegue é permitir que o alumno poida expresarse a través da música, desenvolvendo determinadas competencias sociais e comunicativas que lle sirvan para mellorar a súa calidade de vida.

A metodoloxía é a actividade en si mesma: "aprender facendo", converter a actividade musical na protagonista da acción de tal xeito que o alumno ten que facer, ou intentar facer, todo o que poida coa música. Preséntase con dúas finalidades claramente manifestas: potenciar a escoita e adquirir determinadas destrezas vocais, corporais, e instrumentais e desenvolver destrezas comunicativas e sociais, motrices, de atención etc. que lles permitan mellorar a súa felicidade e autonomía persoal.

Nestes intres hai once alumnos no proxecto, nas seguintes especialidades:

  • Percusión: 3
  • Piano: 1
  • Saxofón: 1
  • Clarinete:1
  • Trompeta: 1
  • Viola : 2
  • Frauta: 1
  • Tuba: 1

Ademais, hai matriculados tres alumnos invidentes, escolarizados co resto do alumnado do centro, matriculados na especialidade de Piano.

O esforzo do profesorado implicado (17) é moi grande, xa que se fixeron programacións adaptadas a cada alumno. Hai que ter en conta, así mesmo, que a preparación dos materiais e das clases é moito máis complexa.

Organizativamente, o alumnado recibe as clases de Linguaxe Musical fóra das aulas ordinarias, en grupos creados especialmente para eles segundo as súas necesidades. Hai catro grupos distribuídos da seguinte maneira: 3-3-2-3. O resto das materias, clases de Instrumento e clases colectivas de Instrumento recíbenas co resto do alumnado, co que se consegue unha plena integración de todo o alumnado matriculado no conservatorio.

 


 

 

Concerto da banda infantil do CMUS e os alumnos de NEE: "Amacing Grace"

Concerto da banda infantil do CMUS e os alumnos de NEE: "Obladí Obladá"

Concerto da banda infantil do CMUS e os alumnos de NEE: Panxoliñas

Interpretación dunha panxoliña por parte de catro dos alumnos de NEE do CMUS

Sección: