Breve aproximación ao voluntariado da biblioteca escolar nun centro de secundaria

Algunhas reflexións sobre a participación dun centro de ensino secundario no programa de Bibliotecas Escolares Solidarias dentro da modalidade Voluntariado na Biblioteca Escolar.

José María Lores Pérez
Coordinador da biblioteca escolar
IES San Paio, Tui
jose.maria.lores@edu.xunta.es

Contextualización

Coa chegada aos centros de secundaria de alumnado procedente dos colexios adscritos, atopámonos con usuarios que adquiriran hábitos de axuda e colaboración nas bibliotecas dos seus colexios de primaria, algo que para nós, un histórico centro de bacharelato, resultaba unha novidade máis que engadir ás que xa experimentabamos coa nosa integración no PLAMBE: pasabamos de ter usuarios pasivos dos servizos e recursos da biblioteca a dispoñer de suxeitos axentes e implicados nas súas actividades tanto cotiás como extraordinarias. A súa colaboración foi recoñecida coa ampliación do número dos seus préstamos persoais, dos prazos de entrega e, a finais de cada curso, coa entrega dalgún agasallo e un diploma expedido polo propio instituto; hoxe o recoñecemento ten validez oficial ao constar no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e ser emitido o diploma pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Estanse a trasladar ás bibliotecas escolares realidades cada vez máis presentes nas nosas sociedades: o auxe do voluntariado, o fomento da cultura da solidariedade, a atención por parte da cidadanía a necesidades que as administracións públicas (educativas, no noso caso) non completan na súa integridade e que cómpre atender se queremos servir de xeito eficaz á sociedade, mais sen facilitar pretextos para que os organismos públicos competentes eludan as súas responsabilidades.

 

Obxectivos

Cando presentamos a solicitude de participación na pasada convocatoria do programa de Bibliotecas Escolares Solidarias dentro da modalidade Voluntariado na Biblioteca Escolar, buscabamos potenciar e oficializar unha práctica que, malia de xeito minoritario, xa estaba presente no noso centro pero, sobre todo, queriamos traballar as capacidades do alumnado en xeral e dos usuarios da biblioteca en particular para:

  • Incrementar a conciencia cívica participando con responsabilidade na construción dunha sociedade máis xusta, equitativa e sustentable.
  • Consolidar a madureza como individuos que viven en sociedade para actuar de xeito autónomo e crítico.
  • Fomentar a igualdade de dereitos e oportunidades evitando discriminacións.
  • Potenciar as aprendizaxes autónomas, o desenvolvemento persoal, o espírito emprendedor, o traballo en equipo e a autoestima.

Todos estes obxectivos están encamiñados á mellora na formación integral do voluntario como alumno e como cidadán.

Perseguiamos tamén robustecer as boas prácticas dentro do ámbito da biblioteca escolar cara ao logro dun maior grao de excelencia.

 

Praxe: o voluntariado da nosa biblioteca

O alumnado voluntario promove, coas súas actitudes, a xustiza social, fomenta a solidariedade e os valores éticos e humanos. O seu papel na biblioteca escolar do século XXI resulta clave, pois as bibliotecas deixan de ser simples contedores culturais, para centrarse na atención aos usuarios, ás súas demandas, gustos e necesidades; deixan de representar anquilosados templos de vellos saberes para transformarse en lugares dinámicos en permanente cambio. Xestionar todo isto só é factible se temos capital humano e o voluntariado pode constituírse nunha boa canteira.

O noso centro intenta ser un espazo educativo aberto á súa circunstancia e participativo coa biblioteca como un dos seus máximos alicerces nos procesos de ensino-aprendizaxe. Para que así sexa contamos coa implicación de todos os sectores da comunidade educativa e cun equipo de biblioteca bastante estable auxiliado por un pequeno grupo de mozas e mozos que, sobre todo nos períodos de lecer, colabora nos empréstitos, nas buscas e ordenación de fondos ou no asesoramento a usuarios. Parte destes axudantes, ao estaren matriculados en disciplinas soltas de segundo de BAC, tamén dedica algunha das horas libres sen clase a tarefas bibliotecarias: preparación física de fondos, ordenación e sinalización de armarios, formación puntual de usuarios, montaxe de exposicións, elaboración de materiais...

Colaborando na elaboración dun Biblioxornal, boletín da biblioteca

 

Para estas e outras posibles funcións de xestión da biblioteca e dos seus recursos recibiron unha formación básica a cargo de membros do equipo de biblioteca que, de xeito habitual, están tamén traballando con eles. O traballo conxunto e complementario profesorado-alumnado colaborador facilita unha transformación da biblioteca para facela máis atractiva, recollendo e levando á práctica suxestións do sector maioritario de usuarios. Ademais este alumnado, nas súas aulas, exerce de motor de sensibilización e promoción da biblioteca escolar e da lectura.

Fundamental resulta a axuda que os voluntarios lles subministran aos seus propios compañeiros facendo reais os beneficios da aprendizaxe horizontal inter pares. Cómpre aquí destacar a axuda prestada a usuarios con dificultades para atopar fondos impresos ou na rede, para manexar aplicacións e programas informáticos na realización de traballos (neste caso poderiamos falar de cibervoluntarios).

Cibervoluntario asesorando a unha compañeira

 

Complementando e completando a colaboración entre a biblioteca e Departamento de Orientación está a función do voluntario como asesor do alumnado con NEE (minorías lingüísticas, distintos graos de discapacidades...). Este tipo de usuarios necesita materiais especiais e, ás veces, ser titorizado no seu manexo. Tamén, de xeito puntual, o voluntario convértese en mensaxeiro-recadeiro de usuarios temporalmente con mobilidade reducida.

Mención especial merecen os que poderiamos chamar voluntarios do club de lectura, membros do club que len libros polo súa conta que logo lles recomendan aos seus compañeiros ou se ocupan de buscar determinadas informacións para introducir lecturas e/ou establecer debates sobre aspectos específicos destas.

En todos os exemplos anteriores estamos a falar de tarefas de voluntariado que poderiamos cualificar de endogámicas, toda vez que a súa repercusión queda restrinxida ao ámbito dunha comunidade escolar concreta, sen proxección cara ao exterior.

Mais non podemos esquecer a oportunidade dunha biblioteca que derrube os seus muros, se faga transparente, inflúa e se deixe influír pola contorna xeográfica e humana. Aquí está o papel das propostas de voluntariado que podemos nomear como exogámicas. Estamos a falar, no noso caso, das actividades bautizadas como Lecturas da 1.ª á 3.ª idade: apadriñamentos/amadriñamentos lectores cos nenos da escola infantil

Madriñas lectoras na escola infantil

 

ou os recitais músico-literarios nas residencias de anciáns (a lectura e a música como terapia para algúns tipos de demencia).

 Lectura dramatizada nunha das residencias de anciáns

 

Explicamos, con brevidade, estas últimas actividades e o papel do voluntariado nelas.

Coa escola infantil estremeira das nosas instalacións comezamos compartindo sesións de lectura e música (recitación de pequenos contos con acompañamento de breves pezas musicais) aproveitando determinadas conmemoracións. Establecido o contacto, noutras xornadas acudimos á dramatización de textos, o que facilita unha boa interacción cos cativos e, dando un paso máis, estreitamos vínculos grazas aos apradriñamentos lectores. En todos estas dinámicas resulta primordial o papel dos voluntarios que, de xeito especial cando teñen irmáns de curta idade nos seus fogares, satisfán en plenitude as expectativas do seu participativo, atento e modélico auditorio (en pequeno ou gran grupo). Os beneficios son mutuos: os cativos saen das súas rutinas e os seus visitantes melloran a propia autoestima ao verse protagonistas implicados e responsables, capaces máis aló dos contidos curriculares, circunstancia esta moi significativa no voluntariado orixinario de grupos con NEE. O voluntario tamén é o que facilita moitos dos recursos utilizados neste tipo de actividades, nós non temos unha bebeteca e son os propios voluntarios os que ceden materiais que atopan nos seus fogares e resultan moi axeitados para traballar na escola infantil. Grazas ao voluntariado, a biblioteca escolar expándese cara aos máis pequenos que, nun futuro máis ou menos próximo, serán tamén usuarios e talvez voluntarios da biblioteca do instituto: a escola infantil conta connosco e nós contamos coa escola infantil.

As actividades que en datas significativas, como as inmediatas ao Nadal ou ás festas patronais, compartimos coas residencias da terceira idade buscan tamén, a través da poesía, o relato curto, a lenda e a música, establecer lazos interxeracionais e acompañar os nosos maiores potenciando, na medida nas nosas posibilidades, a mellora das súas funcións cognitivas. A recitación dunha vella copla popular, a dramatización dun conto retranqueiro ou a melodía dunha antiga canción son quen de revivir a mirada cansa e apagada dunha avoa diagnosticada de alzhéimer ou debuxar un sorriso na face engurrada e somnolenta dun avó demente. Un texto ou unha partitura poden, de xeito puntual e no momento oportuno, ter efectos similares aos dunha pílula antidepresiva, permiten aflorar emocións que potencian a concentración, o pensamento simbólico e a imaxinación, melloran as ganas de sentir e vivir e todo isto sen efectos secundarios nin contraindicacións. Son tamén aquí os voluntarios os que, non escatimando tempo nin esforzos (cesión de instrumentos musicais propios, transporte de material, horas de ensaios...) achegan a biblioteca escolar a un tipo de usuario que, polas súas circunstancias vitais (mobilidade reducida, trastornos cognitivos e doenzas múltiples), non pode vir en persoa a ela. Son os voluntarios lectores e músicos andantes que, co seu compromiso xuvenil, levan as palabras e os ritmos aos que nun tempo pasado nos deron a vida, nos arrolaron cando eramos bebés con cancións infantís e contos cheos de feitizos; devolverlles de balde o que de balde temos recibido deles é de xustiza, é humano, é de ben nacidos como os voluntarios.

 

Avaliación e conclusións

Tanto nas tarefas que cualificamos de endogámicas como nas exogámicas, o compromiso e implicación do voluntariado é total (a excepción confirma o aserto), estamos a falar de mozas e mozos que, de xeito altruísta e libre, renuncian a unha parte do seu tempo de lecer para entregárllelo aos demais, co que se converten en adaís da biblioteca e da lectura. O seu bo facer repercute neles mesmos (maduración, maior autoestima, responsabilidade...), nos seus compañeiros que, grazas a eles, teñen maior asesoramento e axuda cada vez que acoden á biblioteca, espazo privilexiado en todo proceso dinámico e colaborativo de ensino-aprendizaxe e lugar que impregna a súa circunstancia social e humana máis próxima.

Podemos concluír que iniciativas coma a do voluntariado contribúen de xeito eficaz á formación cívica do alumnado ao potenciar o seu espírito emprendedor, colaborativo e solidario, a súa responsabilidade na asunción de tarefas e a súa contribución á difusión do coñecemento no contexto dun mundo globalizado.

O compromiso en liberdade a prol da potenciación da biblioteca e da mellora da capacidade lectora é un paso máis na formación da actual mocidade que, nun próximo futuro, será cidadanía capaz de encarar con humanismo, honradez e valentía os desafíos deste terceiro milenio que comeza tan cheo de incertezas.

Bibliografía: 

GONZÁLEZ-GARCÉS PÉREZ, A. Hacia un sistema municipal de bibliotecas solidarias. Dispoñible en: http://www.mcu.es/cooperacion/CE/CongresosJornadas/voluntariado-cultural/comunicaciones/21.pdf

MILLÁN REYES, A. N. (2013). “Una aproximación al voluntariado desde las unidades de información”. Anales de Documentación, vol. 16, núm. 1. Dispoñible en: http://revistas.um.es/analesdoc/article/view/152791

http://diarium.usal.es/dbd/files/2014/10/INFORME-ABREVIADO.pdf

http://www.educare.pt/noticias/noticia/ver/?id=36504

http://www.ifla.org/files/assets/school-libraries-resource-centers/publications/school-library-guidelines/school-library-guidelines-es.pdf

[páxinas consultadas entre o 23 de outubro e o 18 de novembro de 2015]

Sección: