As mulleres de mate

Nesta actividade trátase de analizar, dende distintos departamentos, a situación da muller matemática ao longo da historia. Traballouse con alumnado de 1º de ESO na materia de Proxecto Interdisciplinar, dándolle especial relevancia a Biblioteca como fonte principal de información e as TIC´s como medio de difusión e soporte.

Ana Vicos Lemos (Lingua inglesa)
anavicos@edu.xunta.es
María Jesús Barcala García (Relixión, Equipo de Biblioteca)
mbarga@edu.xunta.es

Contextualización

O noso centro é un instituto rural, de liña dúas, que está situado no concello de Vila de Cruces e que conta cun ciclo medio de Soldadura e Caldeirería. Contamos con 230 alumnos e alumnas e 39 profesores e profesoras. No curso 2014/15, a biblioteca, seguindo a liña da divulgación e difusión científica, traballou as matemáticas, e propuxo a elaboración de bibliografías de mulleres que se dedicasen ao estudo desta ciencia, favorecendo en toda a comunidade educativa o descubrimento da importancia da muller. As encargadas de realizar a actividade co alumnado foron as titoras que, pola súa vez, impartían o Proxecto Interdisciplinar. Ambas traballaron coordinadas co equipo de biblioteca e co profesorado de Debuxo, Ciencias Sociais,Lingua Galega, Inglés e Matemáticas.

Obxectivos que pretendiamos acadar:

  • Aprender a buscar, seleccionar e organizar información en diversas fontes e soportes, utilizando a biblioteca como recurso básico.

  • Aprender a planificar e organizar un traballo en equipo para desenvolver un tema.

  • Aprender a cooperar no traballo en equipo, escoitando os demais, chegando a acordos e sendo capaces de expresar as opinións propias.

  • Aprender a combinar as tecnoloxías cos soportes tradicionais, valorando os proles e os contras á hora da utilización de cada un.

  • Fomentar a creatividade, a iniciativa e a autonomía persoal, tanto na busca de información como na planificación, desenvolvemento e presentación do traballo proposto.

  • Pór en valor o papel da muller e coñecer algunhas das principais mulleres de matemáticas.

  • Fomentar o uso da lingua galega e inglesa entre o alumnado.

  • Difundir o papel das mulleres matemáticas entre a comunidade educativa.

  • Valorar o emprego de documentos á hora de realizar unha tarefa de investigación, aprendendo a facer un uso ético da información.

Empezamos cunhas xornadas de alfabetización na biblioteca de cada unha das titorías por separado e foi o busto de Hypatia, realizado por unha alumna de cuarto da ESO de Plástica, exposto nun andel, o que espertou a curiosidade dalgúns dos rapaces e rapazas, que se viu incrementada polas preguntas que a profesora de Matemáticas fixo na aula. Partían da idea de que as matemáticas eran cousa de homes.

Queriamos investigar sobre o tema e, se era posible, elaborar un libro, en distintos soportes, de consulta para o resto do centro. Entre todos acordamos o deseño e o formato para todas as bibliografías e o libro (a parte en inglés irá en follas doutra cor para facilitarlle ao lector a consulta). Seleccionouse o título para a portada e elixiuse como e quen ía facela.

En grupos de catro traballaron as mulleres asignadas, tendo en conta o material que o equipo de biblioteca elaborou con enderezos de mulleres matemáticas, que os titores colgaron na aula virtual do centro para que o alumnado o consultase e realizar o seu traballo. Buscaron e leron distintos documentos e fixeron resumos, completaron información..., seguindo unhas pautas, e redactaron un documento en galego e outro en inglés.

O documento manuscrito en ambos os idiomas tiña que ir acompañado dun retrato. Unha vez feito, era necesario escanear os documentos para poder facer un álbum de fotografías.

Posteriormente, pasaron o documento a soporte informático, pegando imaxes que identificasen a persoa que estaban traballando. O resultado quedou plasmado en dous Calaméo.

A raíz deste traballo de investigación, decidiron facer unha exposición o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, con imaxes das mulleres que se traballaron, acompañadas coas biografías elaboradas previamente.

Do mesmo xeito, fixemos unha cronoloxía das mulleres matemáticas, incluíndo as tres profesoras de matemáticas do centro, que expuxemos na entrada.

Avaliación

Descubriron que neste campo destacaron bastantes mulleres, a pesar de vivir en épocas onde para unha muller era difícil acceder á educación, e entre elas había varias galegas.

O resultado do proxecto foi tan satisfactorio que, o seguinte curso, a biblioteca formulou facer un proxecto semellante na nova optativa para primeiro da ESO (Iniciación e Tratamento da Información).

O proxecto deste curso versa sobre os xogos, e pretendemos elaborar un novo documento onda se recolla cal foi o papel da muller nos xogos ao longo de toda a historia.

Proposta de mellora

Á hora de facer a portada, pedimos voluntarios e ofreceuse unha persoa, pero despois descubrimos que había máis interesadas. Pensamos que sería aconsellable que varios fagan portadas e despois elixir.

Cando realizamos a actividade, démonos de conta de que o alumnado descoñece ou ten pouca destreza coa ofimática, o que supuxo que tivésemos que traballar noutras horas (titoría, sociais...) para rematar para a data acordada.

Sería interesante traballar cun programa de maquetación e só empregar os retratos que eles fixeron.

Tamén nos parece interesante difundilo nos centros da contorna, que son os seus centros de primaria de referencia.

Conclusión

Estivemos moitos profesores traballando coordinados, que é tarefa complicada nun centro de secundaria. O alumnado deuse de conta de que neste proxecto abordaron moitas áreas e que todas elas enriquecían o labor que estaban levando a cabo. Polo tanto, este traballo non foi unha mera investigación de aula, senón que espertou o interese na comunidade educativa ante algo tan descoñecido.

Os libros que editamos son moi solicitados na biblioteca.

Sección: