Programas internacionais

O programa Erasmus+ é unha compoñente clave para apoiar os obxectivos do Espazo Europeo de Educación, o Plan de Acción de Educación Dixital 2021-2027, a Estratexia da Unión Europea para a Mocidade e o Plan de Traballo da Unión Europea para o Deporte (2021-24).

- Video promocional ERASMUS+

A Estratexia de FP Galicia 2030, aprobada polo Consello da Xunta o 10 de febreiro de 2022, ten como un dos seus eixos principais a internacionalización do sistema educativo de Formación Profesional, o que pretende acadar a través dunha serie de iniciativas como son:

  • Desenvolver estadías formativas profesionais do alumnado e profesorado no exterior, e accións de intercambio de profesorado e alumnado entre centros de FP de Galicia e outros países.
  • Impulsar accións de colaboración con organismos da formación profesional noutros países.
  • Promover a valorización no exterior das competencias profesionais adquiridas en Galicia.
  • Reforzar linguas estranxeiras na formación profesional, para aumentar as posibilidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe.
  • Promover estadías formativas profesionais do alumnado e profesorado estranxeiro en Galicia.

A Acción Clave 1 (KA1) céntrase na mobilidade individual de persoas, ofrecendo oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento persoal a través de experiencias no estranxeiro. Este programa apoia a mobilidade de estudantes, persoal educativo e profesionais, proporcionando financiamento para a realización de prácticas formativas, cursos de formación e actividades docentes en diferentes países. O obxectivo é enriquecer a formación e as habilidades dos participantes, fomentar a comprensión intercultural e promover a cooperación internacional no ámbito educativo.

Os proxectos de mobilidade (KA1) están dirixidos a:

  • Alumnado de ciclos formativos e cursos de especialización de FP.
  • Persoas que finalizaran as ensinanzas anteriores recentemente.
  • Profesorado e persoal non docente vinculado a ditas ensinanzas.

A Acción Clave 2 (KA2) ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e a innovación no ámbito da educación e a formación. Céntrase no desenvolvemento de asociacións estratéxicas entre organizacións de diferentes países, co propósito de promover a excelencia, o intercambio de boas prácticas e a mellora da calidade na educación e a formación. Estas asociacións abordan desafíos comúns, impulsan a modernización e a internacionalización dos sistemas educativos, e promoven a inclusión social a través de proxectos colaborativos innovadores e sostibles.

A información xeral do programa Erasmus+, así como as distintas modalidades do mesmo, pódense consultar na páxina web do Servizo Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE)