Bibliotecas escolares

Os blogs das bibliotecas escolares galegas chaman a atención da tvg


 

As bibliotecas escolares galegas están a empregar os blogs como ferramenta para a difusión das súas actividades e para mellorar os servizos ofrecidos aos lectores e lectoras. Son xa máis de 30 os blogs deste tipo en pleno funcionamento, o que chamou a atención de diversos axentes atentos ao que se move por Internet en materia educativa ou cultural, entre eles, os responsables do programa Libro Aberto da Televisión de Galicia , que vén de emitir unha pequena reportaxe sobre este tema.

O blog é comunicación en estado puro, de aí a fascinación que produce entre os usuarios das tecnoloxías da comunicación e da información, e entre o profesorado que se achega a este medio, descubre as súas poibilidades pedagóxicas e comeza a utilizalos como instrumento nas súas practicas de ensino e aprendizaxe.

24 de outubro: Día das Bibliotecas

O día 24 de outubro está sinalado, no Calendario do Libro de Galicia, como Día das Bibliotecas. Este ano 2007, a Consellería de Cultura e Deporte encargoulle a Xaquín Marín a imaxe para o cartel divulgativo que lle foi remitido a todas as bibliotecas públicas e escolares. A celebración noutras comunidades autónomas pódese consultar na páxina de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.

As bibliotecas non son lugares neutros. Na construción dunha sociedade lectora, requisito para a consecución dunha sociedade máis xusta e solidaria, os bibliotecarios e bibliotecarias deben tomar partido, partido hasta mancharse, retomando o verso de Gabriel Celaya. Así nolo lembra Javier Pérez Iglesias, bibliotecario da Universidade Complutense de Madrid, no texto Por una multitud de minorías, recollido no volume Palabras por la biblioteca:

"As nosas seleccións de documentos, a nosa forma de presentalos aos usuarios, a maneira de clasificalos e de facelos accesibles, todo elo son tarefas estrictamente bibliotecarias que supoñen tomar partido. Ao deseñar a biblioteca estamos actuando, tomando decisións que teñen implicacións políticas e sociais."

Neste día, desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares propoñemos:

Non calquera libro. Si todas as lecturas.

22 de outubro: Día Internacional da Biblioteca Escolar

A IASL, International Association of School Libraries, convoca anualmente no cuarto luns do mes de outubro a conmemoración do Día Internacional da Biblioteca Escolar, como un xeito de facer visibles as bibliotecas nas súas comunidades educativas. O lema elixido para este ano é APRENDENDO MÁIS E MELLOR DENDE A TÚA BIBLIOTECA ESCOLAR, incidindo na importancia deste recurso educativo na mellora das aprendizaxes.

Propóñense algunhas actividades, entre outras posibles, no seguinte documento:

Día Internacional da Biblioteca Escolar

LENDO EN ABRIL 2007

Chega por terceiro ano consecutivo aos centros escolares o boletín Lendo en abril, unha ferramenta para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo nas bibliotecas escolares galegas.

O biblioletín medra en número de páxinas e de colaboradores: CEIP de Sigüeiro, IES Auga da Laxe, CEIP Emilia Pardo Bazán, CIFP Anxel Casal, IES As Mariñas.

Seve Calleja, docente e escritor achega a súa visión das prácticas de escritura no contexto escolar no artigo A escrita como xogo.

Lendo en abril 2007 (arquivo pdf)

Números anteriores:

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 05/06

Os días 23 e 24 de marzo e o 1 de abril reuníronse os responsables das bibliotecas escolares integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, na súa primeira convocatoria, correspondente ao curso 2005/2006.

Reuníronse en Sanxenxo primeiro, e máis tarde en Santiago, profesoras e profesores que están ao fronte das súas bibliotecas ou que colaboran nas mesmas, procedentes dos 40 centros cos que a consellería iniciou este programa específico para a creación dunha rede de bibliotecas escolares.