Comeza a nosa Semana do Libro

Coma todos os anos celebramos por todo o alto a semana do Libro.

Dende hoxe deica venres imos ter mercadiño de intercambio de libros na Biblioteca, cada día adicado a un ciclo ou etapa educativa. Hoxe comezaron @s pequen@s de infantil, e mañá será a quenda dos do primeiro ciclo. Xoves e venres serán os días para os intercambios do alumnado de segundo e terceiro ciclo respectivamente.

Tamén mañá imos ter unha emisión en directo dun programa de radio no que a nosa emisora, Dino Radio, quere dar un impulso á nosa programación achegando esa brisa fresca que trae a emisión en directo.

Se queredes seguir o transcurso do programa podedes facelo dende este reprodutor, aínda que tamén o imos gravar para que o podades dispoñer en podcast dende a páxina de Dino Radio.

Por último o día 25 contaremos coa presencia da escritora Antia Yáñez, que escribiu "O misterio de Portomarín", libro de lectura este ano en cuarto, e "Senlleiras" que foi o título elixido para o club de lecturas de Nais e profesores dentro do proxecto de "Lectura e Familias".

Antía terá un encontro co alumnado e tamén cos lectores adultos, asinando os exemplares das súas obras.