Iguála-T

Así bailaba o CEIP de Arzúa

Esta semana celebramos o 8M, Día da muller, e para a ocasión, en Música estivemos traballando con moito entusiasmo nunha versión en galego do tema "Así bailaba" de Amaia e Rigoberta Bandini, que transforman unha canción popular na que unha nena "non pode xogar porque ten que fregar" nun grito á liberdade e ao optimismo que rima " a nena non pode lavar poque ten que bailar". Coa enerxía de todos os nenos e nenas dende infantil ata Primaria, a cooperación das mestras e compañeiras, e a axuda inestimable dos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de EP que se esforzaron moito co seu papel de protagonistas levando a voz cantante do tema, o noso videoclip quedou tal que así... agardamos que vos guste!

 

 

 

DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES E AS NENAS NA CIENCIA

Co gallo da conmemoración do 11 de febreiro Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a Universidade de Santiago de Compostela abre a todos os centros de educación primaria galegos a inscrición en modalidade virtual no programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole actividade realizada no marco do convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela e que se desenvolverá ao longo do primeiro trimestre do 2023 ata o 15 marzo de 2023.  

Consta de 11 vídeos (dirixidos a alumnado de 4º, 5º ou 6º de primaria) impartidos por investigadoras da USC e do CESGA, para visibilizar referentes femininos e achegar de forma divertida as disciplinas coñecidas como CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).  
O CEIP de Arzúa participa nesta actividade, por iso recibimos as ligazóns aos vídeos dos obradoiros e poder así realizar a actividade.
Os obradoiros son os seguintes:
  • Física Divertida: Mecánica.
  • Coas mates pódense gardar segredos.
  • Física Divertida: viscosidade de fluídos.
  • Computando cunha soa man.
  • Só facemos química cando imos ao laboratorio?
  • Truco Física. A maxia que hai detrás da Física.
  • Luz, cor e sombra.
  • Xogando coa luz.
  • Astrónomas, outro universo por coñecer.
  • A enxeñaría e a ciencia.
  • O pensamento computacional sen tecnoloxía.

 

Ligazóns vídeos

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

 

“Non hai camiño para a Paz: a Paz é o camiño”.

O 30 de xaneiro conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, adicado a conmemorar nos centros educactivos unha cultura de non violencia e paz.

Esta data, que se celebra desde 1964, é unha homenaxe a Mahatma Gandhi, líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica.

Os rapaces e rapazas do CEIP de Arzúa, despois de traballar e aprender máis sobre esta conmemoración, significado e orixe, elaboramos este mural colectivo que leva por título “Espallando mensaxes de paz”.  

Neste mural, no que aparece a pomba como símbolo da Paz, cada titoría decorou e rotulou unha pomba que portaba mensaxes de paz: sorrisos, solidariedade, bicos, tolerancia, empatía, abrazos…

                                                   

Ademais, hai unha pequena exposición con fotografías e poemas que nos convidan á reflexión sobre a realidade das guerras.

  

                                              

 

Estes son algúns dos traballos realizados a nivel aula:

 

  

 

DIPLOMA DE SOLIDARIEDADE

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é un documento que serve de plan de acción global para a liberdade e a igualdade protexendo os dereitos de todas as persoas en todos os lugares do mundo.

Os nenos e nenas do CEIP de Arzúa recollemos varios deses dereitos plasmados neste mural tan bonito titulado “Unha marea de dereitos”. Cada peixe ten rotulado e decorado un dos  dereitos que é “pescado” por ese barco coa finalidade de darle visibilidade, recoñecelo e valoralo.

                                        

Iguála-T Curso 2022-23

OBXECTIVOS XERAIS:

a) Desenvolver na escola os valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, así como a prevención da violencia de xénero ou de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

b) Propiciar dinámicas para sensibilizar, analizar e rexeitar situacións de abuso, marxinación e discriminación por razón de sexo na vida cotiá do alumnado e noutras realidades, participando, na medida do posible, en iniciativas que busquen cambiar estas situacións.

OBXECTIVOS ESPECÍFICOS:

- Educar na empatía.

- Previr os conflictos desde as idades máis temperás.

- Fomentar a corresponsabilidade entre o alumnado.

- Utilizar o xogo como base do ensino en equidade, fomentando os xogos inclusivos, nos que o rol feminino ou masculino non interveña e facilitar a utilización igualitaria de espazos no recreo para nenos e nenas.

-  Axudar a ensinar á resolución de conflitos de maneira positiva.

- Promover os fondos inclusivos e as lecturas coeducativas da BE.

- Promover a igualdade de xénero.

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación

da Violencia contra a Muller, coa finalidade de visibilizar a violencia

contra as mulleres e nenas a nivel mundial, denunciar estes feitos e

proclamar políticas que axuden a acabar con esta situación.

 

Os nenos e nenas do Ceip de Arzúa concienciámonos moito sobre este este

grave problema e realizamos diferentes actividades, murais e traballos

onde plasmamos os nosos desexos.

Ademais, realizamos un mural colectivo onde escribimos mensaxes

negativas en gotas de auga que o paraugas pretende “frear” e decoramos o

mural con follas de moitas cores que portaban mensaxes positivas e

esperanzadoras:

 

Estes son algún dos nosos traballos:

 

 

O propio venres, 25 de novembro, o alumnado de 5º e 6º participou nunha

charla contra a Violencia de Xénero (Plan Director).

Tratáronse temas como: diferenzas entre violencia de xénero e violencia

doméstica, tipos de violencia de xénero, tipos de maltrato…

Como sempre, Óscar ( Garda Civil que impoartiu a charla), botou man de

vídeos ilustrativos que facilitaron que o alumnado comprendera a realidade:

a violencia de xénero non só é pegar!

 

DÍA DA INFANCIA

O Día Mundial da Infancia, que se celebra todos os anos o 20 de novembro, é un día adicado a todos os nenos e nenas do mundo.

O Día do Neno e da Nena celebra os avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

Un ano máis, o Departamento de Cultura do Concello de Arzúa convida a todos os escolares da vila a desfrutar duns espectáculos no Multiusos para conmemorar o Día da Infancia.

O luns, 14 de novembro, o alumnado de Educación Infantil desfrutou da actuación “Ovirai. As andanzas de Paio”.

                                                        

O martes, 15 de novembro, o alumnando de 1º, 2º e 3º de EP asistiu ao espectáculo “Black en familia”.

                         

 

E o mércores, 16 de novembro, o alumnado de 4º, 5º e 6º gozou do espectáculo “Popsia (charla-concerto) con Fran Amil.

                          

DE CONTOS CON ERICA GONZÁLEZ

Para conmemorar o Día das Bibliotecas, este curso puxémonos en contacto coa actriz e contacontos Erica González. 

Hoxe, 4 de novembro, visitou a nosa biblioteca e grazas a ela o noso alumnado puido desfrutar dunha sesión de animación á lectura. 

A través dun mar en calma, Erica foi narrando historias que nos atraparon e que calaron nos nosos corazóns. Cun conto explicounos a importancia de aceptarse e sentirse "guapas e guapos" para que os demais aprecien a nosa beleza. Con outro, díxonos os ingredientes para ser felices: a familia, a ilusión, a harmonía e a saúde e comentou que se algún deles nos falta nun momento determinado, podemos intentar cociñar a felicidade cos ingredientes que nos quedan. Tamén co flamengo Renato Nicanor descubrimos que nada é imposible para un corazón disposto porque todo esforzo ten a súa recompensa. Estes e outros relatos foron os integrantes dunha xornada chea de fantasía e ilusión que, de seguro, quedará gravada na nosa memoria. 

Grazas Erica por compartir estas divertidas historias connosco e por amosarnos, unha vez máis, que a través dos libros podemos viaxar e aprender moitas leccións e valores. 

 

 

  

   

EDUCACIÓN EMOCIONAL PARA O ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL

O mércores, día 1 de xuño, a través de Educalecrín, leváronse a cabo os obradoiros de Educación Emocional para todo o alumnado de Educación Infantil. A través da intelixencia emocional aprendemos a xestionar os sentimentos que xorden no noso día a día para acadar o benestar. Saúde e benestar é un dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 para dar resposta aos retos da sociedade actual e do futuro.

      

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet