5º Curso

OBRADOIRO DE CAMBIO CLIMÁTICO EN 5ºA CON LIDIA VEIGA

O alumnado de 5ºA rematou o obradoiro de cambio climático impartido por Lidia Veiga e patrocinado pola ANPA O Formento. 

Lidia Veiga axudounos a profundizar un pouquiño máis na realidade do cambio climático, realizando actividades moi interesantes para visualizar a problemática que rodea á maior ameaza medioambiental á que se enfronta a humanidade. Todas e todos podemos adoptar unhas sinxelas medidas de eficiencia enerxética nas nosas casas e contribuír así na loita contra o cambio climático.

Estas imaxes corresponden a distintos momentos deste obradoiro que se realizou nas dúas últimas semanas de marzo, durante tres sesións de clase. 

   

                        

PARTICIPACIÓN NO PREGÓN COLABORATIVO DA FESTA DO QUEIXO- 5º A

A finais de febreiro, o alumnado de 5ºA recibiu a encomenda de elaborar unha parte do pregón da Festa do Queixo. Todo os rapaces e todas as rapazas de 5ºA colaboraron na súa elaboración. Tratábase de continuar coa redacción do pregón que iniciara o IES de Arzúa e o colexio Nosa Sra. do Rosario.

Despois dun sorteo realizado entre o alumnado que o quería ler, recaeu esta responsabilidade de representar ao CEIP de Arzúa en Celia Zapata Villar. 

Deixámosvos aquí o vídeo que o Concello de Arzúa gravou na Capela da Madalena, onde participaron os catro centros educativos do pobo. 

Uns días antes da emisión deste vídeo, cinco alumnos e alumnas de 5ºA participaron nunha entrevista realizada en Radio Arzúa para comentar a súa experiencia participando na elaboración do pregón da Festa do Queixo. 

  

ENTROIDO EN 5º A

O alumnado de 5º A quixo render unha pequena homenaxe aos Boteiros, uns personaxes do Entroido ourensá, protagonistas na localidade de Viana. A figura do Boteiro reivindica a tradición e as raíces dos entroidos rurais. A variedade de cores que caracteriza a súa máscara foi o que quixemos reproducir neste traballo de plástica. 

 

 

 

E para que vexades máis de preto o noso traballo deixamos aquí unha pequena mostra do mesmo.

    

 

DíA DA PAZ EN 5º A

Durante o mes de xaneiro, o alumnado de 5ºA realizou diferentes actividades relacionadas co Día Internacional da Educación e co Día da Paz.

En relación coa primeira conmemoración, vimos a primeira parte da película "Buda explotó por vergüenza" e fomos comentando diferentes temas que se abordaban na mesma. Na clase tamén se proxectou un vídeo sobre o dereito á educación e participamos no mural colectivo que se colocou na entrada do centro. Cada neno e nena deu resposta no seu debuxo ao lema proposto: "A educación promove...". 

Para traballar a segunda temática realizamos un mural que levou por título "A Paz é posible...". 

 

Estas son as fotos ampliadas dalgúns dos traballos que aparecen no mural.

   

   

  

   

AS FLORES RADIOACTIVAS de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ- 5º A

O alumnado de 5º A acaba de ler "As flores radioactivas" de Agustín Fernández Paz. Este libro escolleuse en relación coa temática deste ano "Medioambiente e saúde" e serviunos para estudar as distintas formas de enerxía e aprender unha morea de cousas sobre a enerxía nuclear; unha forma de enerxía non renovable. 

     

Despois de facer un traballo de investigación, imos deixarvos aquí o que descubrimos...

SABÍAS QUE…?

  • A enerxía nuclear é unha forma de enerxía non renovable que se obtén a partir do uranio e o plutonio.
  • En marzo de 2011 produciuse un accidente na central nuclear de Fukushima, en Xapón; e en 1986 xa houbera outro moi importante na central nuclear de Chernóbil (norte de Ucrania).
  • A enerxía nuclear prodúcese pola rotura do núcleo dos átomos de uranio ou plutonio (materiais altamente radioactivos).
  • Na década dos anos setenta do século XX comezaron a desenvolverse outras enerxías alternativas, a partir de recursos renovables, como a enerxía eólica e a enerxía solar.
  • As primeiras centrais nucleares construíronse en Estados Unidos no ano 1951 e na antiga URSS no ano 1964.
  • Entre 1967 e 1982 botáronse ao mar 94.800 toneladas de residuos radioactivos.
  • Moitos países europeos botaron os seus residuos radioactivos na chamada “Fosa Atlántica”, unha zona que queda a unhas 300 millas do cabo Fisterra.
  • Na “Fosa Atlántica” continúan mergullados preto de 140.000 toneladas de residuos radioactivos.
  • Os residuos radioactivos seguen sendo perigosos durante miles de anos.
  • En España hai 8 centrais nucleares, das cales seguen funcionando cinco.
  • O principal uso da enerxía nuclear é a produción de enerxía eléctrica, pero unha das principais desvantaxes desta forma de enerxía é que os residuos que xera son moi perigosos.

A maioría do alumnado manifestou non saber nada acerca dos residuos radioactivos que se xeran nunha central nuclear e tampouco que podían resultar tan perigosos.

Este libro abriu na clase o debate sobre que formas de enerxía son mellores para o ser humano. Estas son algunhas das enerxías renovables que poden substituír a enerxía nuclear:

   

  

 

 

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O 3 de decembro, o alumnado de 5ºA fixo unha serie de actividades para conmemorar o "Día Internacional das persoas con discapacidade".

- Traballamos a diversidade a través dos contos.

- Dialogamos a partir do visionado do vídeo: "Nobody is normal". O curto parte da premisa de que todos somos diferentes. O protagonista é unha bóla de lá azul que se disfraza todos os días para ir á escola e "esconder" todo o que o fai diferente. 

As nosas conclusións plasmámolas neste pequeno mural que colocamos na porta da aula:

   

OBSERVACIÓN DA EPIDERME DE BULBO DE CEBOLA EN 5º A

Hoxe, na aula de 5º A, substituímos os ordenadores por microscopios e, durante un par de sesións, contando coa axuda da profesora do programa ARCO, fixemos algún pequeno experimento. 

A pel das escamas internas do bulbo da cebola está formada por unha soa capa de células fácil de obter e observar. O alumnado, en grupos de dous, foi facendo a súa preparación seguindo as instrucións da ficha que se lles entregou.

    

A continuación, e despois de tinguir a mostra e lavala coa axuda do frasco lavador, levárona a un dos cinco microscopios despregados na aula. 

      

Aquí vos deixamos unha mostra do que se puido ver a través do microscopio: as células vexetais do tecido epitelial do bulbo da cebola, onde se distingue perfectamente a parede celular destas células, o seu citoplasma e o núcleo. Esta mostra corresponde a unha das parellas que se formou na clase para esta actividade. 

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER_5ºA

Na clase de 5ºA traballamos o tema da igualdade entre homes e mulleres durante varias sesións do mes de novembro. Entre as actividades realizadas están as seguintes:

- Lectura do conto titulado "Yo voy conmigo" de Raquel Díaz Reguera e posterior debate sobre a mensaxe que nos transmite o mesmo. Despois fixemos un resumo do seu argumento.

- Debate arredor da letra da canción "Amores" de La Pegatina Feat Delaporte.

- Participación no mural colectivo que se colocou na entrada do colexio. 

- Proxección da película Mulan e realización dunha pequena unidade didáctica sobre a mesma. 

A protagonista da película transmitiunos que o valor, o esforzo e a confianza nun mesmo son pilares básicos na vida e que ela, como muller, foi capaz de realizar as mesmas tarefas que os homes. Mulan conseguiu grazas á súa astucia, intelixencia e habilidades integrarse na dura disciplina militar, nun país como a China antiga, onde o lugar das mulleres estaba supeditado ao matrimonio e as tarefas domésticas. 

Así é como viu o alumnado de 5ºA a Mulan.

    

   

- Collages na clase de Plástica. Estes son algúns dos collages que se realizaron:

      

    

 

 

DÍA DA INFANCIA_2020 EN 5ºA

O alumnado de 5º A fixo este mural para conmemorar o Día da Infancia. Cada alumno e alumna centrouse nun dereito, para despois ilustralo.

 

  

  

  

   

  

Tamén se traballaron os dereitos dos nenos e nenas a través dos poemas. Deixámosvos unha pequena mostra deles.

  

 

   

 

MAGOSTO E SAMAÍN EN 5º A

O alumnado de 5ºA fixo unha recompilación de refráns e cantigas sobre o Magosto. Despois, aproveitamos esta actividade para colocar unha cantiga no medio dunha castaña que cada unha/un decorou como quixo. 

     

 

Traballamos o Samaín na clase de Lingua Galega, practicando a comprensión lectora a partir dun texto subido á plataforma virtual E-Dixgal. Chegamos ás seguintes conclusións:

  • O 31 de outubro celebramos a noite de Samaín.
  • A palabra Samaín vén do irlandés antigo e significa "fin do verán".
  • Os nosos antepasados crían que os espíritos dos mortos volvían esa noite para visitar o mundo dos mortais.
  • Os celtas, a noite do 31 de outubro, acendían fogueiras e camiñaban ao redor delas vestindo peles de animais, como símbolo de purificación e para afastar os malos espíritos.
  • O Halloween e o Samaín comparten orixe, pero non son a mesma festa.

Na clase de Plástica fixemos estes faroliños de Samaín.

    

 

Powered by Drupal - Design by artinet