Baile de Nadal

O xoves 21 de decembro, último día de clase antes das vacacións de Nadal, celebrouse unha pequena festa no centro con música e bailes. Nesta ligazón pódense atopar algunhas fotos e vídeo do evento.

Agradecemento (Recollida Solidaria)

Queremos agradecer a todos os membros da comunidade educativa do IES Manuel García Barros a súa contribución á Recollida Solidaria organizada polo noso alumnado de 1º BAC A en colaboración con Cáritas A Estrada.

Ligazón á noticia relacionada: La Voz de Galicia.

Visita ao Parlamento

Os alumnos de 4º ESO visitaron o martes 19 de decembro o Parlamento de Galicia. Recibiron formación sobre as funcións, a organización e a historia da institución; accederon as dependencias máis solemnes do pazo do Hórreo como o Salón dos Reis, a Biblioteca, os patios interiores e o Hemiciclo, onde presenciaron unha sesión plenaria.

Estiveron acompañados polos profesores Roberto Fernández, Brais Prieto e Raquel Carballo.

Ligazón ás fotos da xornada.

O equipo de Normalización Lingüística do IES Manuel García Barros colabora coa Festa da Poesía do Concello de A Estrada

Este xoves 14 de Decembro tivo lugar no Teatro Principal de A Estrada a Festa da Poesía, onde ademais de entregar o premio poético Avelina Valladares ao gañador desta edición, Manuel López, tivemos oportunidade de escoitar un fermoso recital poético a cargo de escolares de diversos centros do concello.
Manuel García, de 4º ESO A e Antía Filloy de 3º ESO B representaron ao noso centro con sendos poemas de Celso Emilio Ferreiro e Rosalía de Castro respectivamente. Foi un acto emotivo e delicado, así como é a poesía e agradecemos a sensibilidade de Manuel e Antía para representarnos sobre o escenario.

Recollida solidaria

O alumnado de 1º BAC A en colaboración con Cáritas A Estrada está a realizar unha recollida solidaria no centro. Ata o 18 de decembro podedes traer alimentos non perecedoiros, xoguetes e libros en bo estado. Moitas grazas pola vosa colaboración!

Xornada de formación do Alumnado Axudante á convivencia

   Xa temos Equipo de Alumnado Axudante de Convivencia do curso 2023-24!
   O luns 20 e o martes 28 de novembro o alumnado de 1º, 2º e 3ºESO, seleccionado pola súa clase, participou nunhas xornadas de formación na AGASP, requisito imprescindible para poder formar parte deste equipo. Ao rematar fíxose a entrega de diplomas.
   Agradecemos a Jennifer Herbón ter transmitido tanto en tan pouco tempo e de forma tan divertida e ao alumnado terse involucrado na formación como o fixo. 

Carteis 25N

A biblioteca tamén quere participar na conmemoración do 25N e propón "Dálle a volta", unha serie de 52 cartulinas tras as que poderás acceder a información actual.

Mes da Ciencia en Galego

Novembro é o Mes da Ciencias no IES García Barros e como parte desta efeméride o traballo conxunto do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, Biblioteca e Equipo de Normalización Lingúística, culminou hoxe 23 de novembro cunha mañá chea de experimentos e experiencias científicas relacionadas coas Ciencias da Saúde onde o alumnado de 1º Bacharelato (Bacharelato científico), fixo demostracións variadas ao alumnado de 2º e 3º da ESO.
Demostracións como extracción de ADN, visualización de amidón presente nos alimentos, valoración de Vitamina C en diferentes froitas ou experiencias para poñer a proba os nosos sentidos, convertiron a biblioteca escolar e a sala de usos múltiples nun laboratorio didáctico e divertido durante a mañá.

EDUsaúde. Formación do profesorado en técnicas de respiración e relaxación.

No marco do contrato programa de EDUsaúde, no que está implicado a maioría do profesorado do noso centro, o mércores 8 de novembro tivo lugar a primeira xornada de formación sobre técnicas de respiración e relaxación.
Durante o curso 2023-2024 pretendemos ampliar o ámbito e intervención  do proxecto EDUsaúde dos pasados anos, que estivo centrado na promoción da actividade física, a alimentación saudable, o risco do consumo de bebidas enerxéticas..., incorporando o descanso e tamén os hábitos saudables que axudan á nosa saúde mental.
A experiencia resultou moi positiva e esperamos darlle continuidade, aplicándoa co alumnado nas aulas e con outras actividades formativas no futuro.

III Liga Maker Drone - 1ª Xornada de Formación

O pasado venres, 10 de novembro, o grupo de alumnas e alumnos que participan este curso na III Liga Maker Drone, recibiron a 1ª formación e instrucción de voo de drones, impartida por persoal da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Máis imaxes na galería Flickr.

Charlas "Plan Director"

O pasado xoves, 9 de novembro, o alumnado de 2º e 3º da ESO asistiron a unhas charlas sobre riscos de Internet e acoso escolar, respectivamente. Foron impartidas por axentes da Garda Civil e enmarcadas dentro do Plan Director, para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa contorna.

Máis imaxes na galería Flickr

DIGITAL, LEGAL, EMOCIONAL..."TODOS MIS YOS"

A realidade da vida descóbrenos actuacións e situacións que nunca serían elixidas para enfrontar novos retos versados na carencia humana e as novas tecnoloxías.

Sempre implicados desde a Prevención e a Educación do noso alumnado arriscamos en actuacións que deben abrir os nosos ollos ás realidades que acontecen...á reflexión dos porqués e á autocrítica e responsabilidade.

Este mércores día 8 de novembro o noso centro en colaboración con ACROFAM organizou "Digital, Legal, Emocional...todos mis YOs"

O feedback do noso alumnado e o profesional docente que asistiu, vén confirmar que estamos no camiño correcto.

Receitas de Lectura

   Dende a MeGaBiblioteca queremos contribuír á mellora da saúde de toda a comunidade escolar facéndovos chegar a primeira dunha serie de "Receitas de Lectura", que cunha periodicidade mensual serán publicadas e distribuídas por todo o Centro. Neste mes de novembro será o departamento de Latín e Grego o encargado de abrir a rolda de propostas con esta receita que nos invita á lectura de "Circe", a historia daquela famosa feiticeira que convertera aos compañeiros de Odiseo en animais.   

Inspección do río Barranqueira de Ponte Nova

O 3 de outubro o alumnado de bioloxía, xeoloxía e ciencias ambientais de 1º de bacharelato participou na inspección do estado do río Barranqueira da Ponte Nova, situado preto do instituto. Con esta actividade o noso centro colabora no Proxecto Ríos, unha iniciativa que pretende concienciar e educar na defensa dos nosos ríos. 
Os alumnos e alumnas analizaron parámetros físico-químicos e fixeron unha recollida e identificación de macroinvertebrados, animais bioindicadores que se empregan para determinar a calidade ecolóxica do río.
     

XORNADA DE COSMOLOXÍA!

   Na mañá do venres 3 de novembro contamos coa presenza do físico-teórico José Luis Bernal Mera quen coas súas explicacións conseguiu achegarnos a esta parte da astronomía que estuda as leis xerais, a orixe e a evolución do universo.

   José compartiu co alumnado de ciencias, tanto de Bacharelato como de 4ºESO, a súa experiencia investigadora nos Institutos de Ciencias do Cosmos da Universidade de Barcelona e no Max Planck de Astrofísica de Munich.

  ¡ Alegrámonos que grazas a unha beca Ramón y Cajal esté de volta no noso país traballando na Universidade de Santander!

Distribuir contido