Skip to Content

Que está acontecendo?

Letras galegas 2024: Luísa Villalta

O alumnado de 4º ESO de Proxecto competencial elaborou este curso a exposición de carteis das Letras galegas, dedicadas a Luísa Villalta. 

Podedes encontrar máis información sobre Luísa Villalta no Portal da Lingua. Alí podedes acceder a outras exposicións de carteis sobre a autora. 

II Día da literatura caboverdiana

Imos celebrar o IIº Día da literatura caboverdiana coa lectura continuada de "Siriaco e Mister Charles" de Joaquim Arena, novela galardoada co premio Oceanos. 
 
O martes 21 e mércores 22 de maio de 18:00 a 19:00h haberá sesións de animación á lectura da obra. 
 
O martes 11 de xuño terá lugar a lectura continuada na biblioteca do IES Perdouro .

Encontro literario con María Reimóndez

O martes 14 de maio María Reimóndez conversará co alumnado de 2º de ESO sobre a obra Furia.

 

 

Encontro e Ruta literaria con Lois Pérez

O xoves 09 de maio teremos a Lois Pérez na biblioteca para conversar co alumnado de 1º de ESO sobre a obra A Tribo do mar. 

Logo fará unha pequena ruta ata o pavillón Vista Alegre con alumnado de 4º ESO PDC e co alumnado do club de lectura do IES Monte Castelo.

 

Exposción Especial BD para a Microrrede

A Microrrede de Bibliotecas Escolares Plambe da Mariña rende este ano unha especial homenaxe a Francisco Ibañez. A exposición conxunta que se celebrará en Viveiro do 7 ao 10  de maio leva por título 13 rúa da Microrrede, coincidindo coa edición nº 13 da exposición.

No IES Perdouro, quixemos plasmar nunha viñeta os protagonistas da familia Trapisonda de Ibañez. Para iso, inspirámonos no traballo da artista galega de banda deseñada, Bea Lena, recén galardoada no Festival de BD de Angoulème coa súa obra Corpo de Cristo. Ela borda os seus debuxos en formato téxtil.
 
Un grupo de alumnado de 4º ESO confeccionou empregando a técnica das arpilleiras (cosendo a man e a máquina, bordando e pasando o ferro) os elementos que ían compoñer a viñeta de 95x75cm. Os retais foron doados por Arranxos a quen agradecemos moito a súa xenerosidade. En definitiva, fixemos un traballo cooperativo de custo cero. 

 

Tamén participamos cunha viñeta nunha tira cómica colaborativa, Supermariña e Martiño, entre os 20 centros que forman a Microrrede. O resultado final desta aventura poderá verse na exposición da Sala de Multiusos do Concello do Viveiro ou AQUÍ.

Podes ver a reportaxe de fotografía AQUÍ.  

Ademais, temos feitos uns xogos para medir os teus coñecementos en canto a personaxes de BD. Aceptas o reto? Adiante.

 

 XOGO 1 . Heroes e heroínas de BD

 

XOGO 2: Personaxe de BD francófonos

Día do Libro: Don Quixote da Lúa

Imos rematar o Día do Libro facendo unha humilde homenaxe ao noso cabaleiro andante máis universal e ao seu autor, a don Quixote da Mancha e a Cervantes. O alumnado de 1º de bacharelato leu os capítulos máis recoñecidos desta obra cume da literatura española e fixeron unha breve representación dos feitos que don Quixote e Sancho Panza viviron por todos aqueles lugares polos que pasaron.
 
En 3º de ESO, este mesmo alumnado imaxinara e creara uns Quixotes do s. XXI. Eses traballos gardáronse e, neste curso, no que ese alumnado está cursando 1º de bacharelato, recuperamos os Quixotes modernos, do noso século, e fixémoslles vivir as andanzas do Quixote de Cervantes. Eiquí vos amosamos o primeiro traballo presentado. 
 
Noelia Paz Blanco e Elena Pumares Dorado, alumnas de 1º BAC A, recrearon o capítulo do Quixote de Cervantes no que o escudeiro de don Quixote, Sancho Panza, envía unha carta e uns agasallos á súa dona, Teresa Panza, que quedara na aldea coa súa filla. Nesa carta, Sancho cóntalle á súa familia que xa é governador da súa tan ansiada ínsula, feito que non é máis ca unha argallada máis que lle fan os duques que os acolleron. 
 
Pero, Noelia e Elena foron máis aló do capítulo de Cervantes. O seu don Quixote, o seu Sancho Panza e a súa Teresa Panza viven no s. XXI. Trátase de don Quixote da Lúa, un Quixote creado e ilustrado por unha exalumna do centro, Shiva, ao que lle demos á palabra neste fermoso traballo. O vídeo é caseiro, pero o contido é marabilloso. A interpretación e a recreación de Noelia e Elena son magníficas. Non perdades detalle destas personaxes quixotescas adaptadas ao noso tempo, sen perder, en ningún momento, a esencia cervantina.
 
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá
 
 

Día do Libro 2024: A nosa vida en libros

O alumnado de 2º ESO preséntanos a súa vida en libros. Coa axuda da súa profesora de Lingua Castelá, Mª José Andión, elaboraron maquetas ou murais nos que colocaron nunha árbore os libros que influíron neles desde a súa máis tenra infancia ata a actualidade. Logo teñen que expoñer esas lecturas emocionantes aos seus compañeiros de clase. 

As árbores están expostas por distintos lugares do centro. Son unha preciosidade!

 

Convocatoria aberta! Certames literario e imaxe A.C. Os Matos

 Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.

Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo que exploren a temática das viaxes, das travesías tanto emocionais como físicas. Compartide a vosas experiencia ou botade a voar a vosa imaxinación.

Tedes ata o 20 de maio para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVII Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XVI Concurso de Imaxe

Ver bases aquí.

 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°30.

Tedes ata o 20 de maio para participar. Lembra: en lingua galega.


 

 

 

Elaboración do mural 8M

Desde o Equipo de Biblioteca, propúxese que cada clase elaborara un mural en tamaño cartolina con imaxes de mulleres relevantes para elas e eles. Hai mulleres que foron ou son importantes a nivel histórico, cultural, deportivo... pero tamén moitas mamás. 

Nun día no que se reivindica o papel da muller e os seus dereitos, esta é a nosa contribución. 

 

Manifesto 8M 2024

Este é o noso manifesto para conmemorar o Día Internacional da Muller, lido polas compañeiras Nati Pedreira e Laura Alonso, de 1º de Bacharelato. 

O futuro será feminino ou non será!

 

Semana da muller: encontros literarios con Andrea Maceiras

O mércores 6 de marzo Andrea Maceiras conversará co alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato sobre o proceso de creación das súas novelas e sobre a súa vocación como escritora. 

Profundará, concretamente, sobre Que me pare o corazón se te esquezo. Hai moitas razóns polas que o corazón está no título desta novela que trata temas como os retos nas redes sociais, a saúde mental, a amizade e o amor na adolescencia. Agardamos que nos vaia debullando os motivos que a levaron a tratar estas cuestións para así coñecer mellor o corazón da súa novela. 

Semana da Muller: obradoiro de escrita creativa e encontros literarios con Antía Yáñez

Este luns 4 e martes 5 de marzo Antía Yáñez estará no IES Perdouro para comezar cos actos da Semana da Muller con motivo de conmemorar o 8M. 

O alumnado de 1º ESO participará nun obradoiro de escrita creativa, o de 4º de ESO analizará a novela Non penses nun elefante rosa e o de 1º de Bacharelato, profundará no tratamento da muller en Senlleiras
 





Semana do 8M 2024

 

 

Maratón de lectura Día de Rosalía

Todo o alumnado de 2º ESO participou no maratón de lectura do Día de Rosalía organizado en colaboración do Concello de Burela. 

Aquí tedes as imaxes das rapazas e rapaces que leron de forma entusiasta poemas rosalianos durante 45 minutos seguidos. Coa coordinación do seu profesor, Noé Vázquez, o alumnado recitou algunhas das composicións intimistas, sociais e costumistas máis coñecidas da autora da que se conmemoraba o día do seu nacemento. 

 

Obradoiro de Banda Deseñada con Cristian F. Caruncho

O xoves 22 e o venres 23 de febreiro o alumnado de 1º ESO e o de 4º ESO de Proxecto Competencial participará nun obradoiro de banda deseñada impartido por Cristian F. Caruncho. 

Cristian Fojón Caruncho (Ortigueira, 1997) gañou a edición do ano 2011 do concurso de Banda Deseñada na Mariña convocado pola Asociación Cultural Os Matos e a biblioteca do IES Perdouro na categoría aberta. A obra gañadora foi a primeira parte de O home que liberou a fraga, a cal se incluíu na terceira revista Banda desexada. 

Recibiu, entre outros recoñecementos, o premio Carlos Casares-Kristina Berg en 2020 e o premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña en 2023. 

Este historietista, faneditor e ilustrador ten publicado xa numerosas obras de banda deseñada e participado en campañas gráficas e clips musicais

Distribuir contido


by Dr. Radut