Skip to Content

Recreos activos

Xadrez ou pasapalabra son algunhas das actividades fixas nos nosos recreos activos, pero cada ano xorden cousas novas. Desta banda temos como novidades dúas novas actividades.

Os mércores reúnense nos recreos alumnado ao que lle gusta un dos xogos quebracabezas máis internacional, o cubo de Rubik. Unha actividade aberta a toda a comunidade educativa.

E, ligado ao proxecto Roupa, o proxecto da biblioteca deste ano, os luns temos Cosendo polo futuro, unha actividade onde o alumnado comezará por colocar os logos do club de ciencias nas súas batas de laboratorio.

Quen o fixo?

O xogo de pistas Quen o fixo? xa ten gañadoras. A entrega dos premios foi na propia biblioteca.

As persoas premiadas por acertar os libros foron Noa, de 4ºB, que atopou ao asasino no libro A memoria da Choiva de Pedro Feijoo; e Ainhoa Caballero, que acertou que o «gato negro aforcado» se agochaba no conto de Allan Poe, «O gato negro».

De GAliZA a GAZA

O venres 3 de novembro tivemos, durante a hora do recreo, unha charla sobre a situación de Palestina. Unha ollada dende Galiza a Gaza a cargo do alumno voluntario da Biblio Roi Valverde.

Samaín

A biblioteca do IES Ribeira do Louro organizou varias actividades para celebrar o Samaín e o día de Mortos.

Decorouse a biblioteca, organizáronse xogos de pistas para descubrir aos asasinos nos libros, tivemos sesión de lectura de textos de medo entre as actividades dos recreos activos, houbo alumnado que recomendou distintas lecturas para esta época e colocáronse algúns dos títulos «de medo» da biblioteca no noso expositor.

Descubre ao asasino na Biblio foi unha novidade deste ano. Un Xogo de pistas no que o alumnados tiña que adiviñar o libro no que aparecía a escena da imaxe. Tivemos un «morto» no insti!

Días das escritoras

O 16 de outubro está adicado ás escritoras. Mulleres que escolleron as letras para plasmar as súas ideas, pensamentos, anhelos... as súas historias. Poetas e narradoras, ensaistas e dramaturgas...

Dende a nosa biblioteca quixemos homenaxealas facendo unha lectura no recreo de textos escollidos polo voluntariado da biblioteca. Elas e eles puxeron voz ás súas palabras.

Microrrelatos de premio

nosa biblioteca ten este ano como tema «A roupa». E comezando con esta temática iniciamos os nosos concursos cun de microrrelatos.

Así que se tes interese en escribir ou tes unha idea que sabes que encaixa, participa no concurso de microrrelatos de BiblioRibeira. Hai distintas categorías. Bota un ollo ás bases e comeza a escribir a túa historia.

Podes ver as bases aquí

Xadrez na biblioteca

Os recreos activos están xa integrados na vida da biblioteca do noso centro. Pasapalabra, mes da ciencia, obradoiros de escrita, xogos de mesa... Desta volta temos o xadrez como invitado especial.

Comezamos cunha sesión de partidas simultáneas o pasado xoves 21 de setembro. O número de xogadores non foi pequeno, como tampouco o foi o público que se achegou á biblioteca para ver como se desenvolvían as partidas.

Este só foi o comezo de distintas actividades arredor do xadrez que teremos na biblioteca. O seguinte será un torneo entre o alumnado.

Estamos desexando comezar. Podes ver algunhas fotos no blog de Biblioribeira

Unha biblioteca escolar en viñetas

Este é o lema das bibliotecas escolares de Galicia para este ano. E nós xa temos o noso expositor con algúns dos títulos que podedes escoller na biblio. É unha selección de títulos en distintas linguas como exemplo do que hai. Achegádevos a ver máis do que hai.

Comezamos

Novo curso e novas lecturas!

Este ano Biblioribeira comeza o curso con moitas ganas. Temos o de sempre, o que vos gustou destes cursos pasados, pero tamén novidades que iremos contando pouco a pouco.

Benvido curso 2023-24!

Que vas ler este verán?

Estas son as recomendacións de Biblioribeira para este verán.



by Dr. Radut