Curso 2017-18

TEATRO: A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO

Os pequenos de infantil de 4 e 5 anos acudiron o martes, 27 de febreiro, ao Auditorio Municipal de Ourense a presenciar a obra A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO. Obra de MAGÍN BLANCO que mestura teatro e música.

É continuación dunha anterior obra A NENA E O GRILO e nesta última aventura "as dúas personaxes vivirán unha historia coa que continuarán a descubrir o mundo. Irán pasando por singulares aventuras que inciden directamente en temáticas como a solidariedade, o respecto pola natureza, a identidade e o desenvolvemento do universo afectivo. Esta edición pretende estimular a curiosidade e a creatividade dos nenos."

A obra tamén está editada nun libro acompañado dun disco que contén as 13 cancións que cantan e interpretan no espectáculo, espectáculo que encantou aos nenos e nenas que desfrutaron coas diferentes músicas, dende un rock and roll ata un rap...

E como remate, como Ana levaba o libro da obra, o propio Magín asinoullo e escribiulle unha dedicatoria.. que contenta está agora Ana coa sinatura do autor no seu libro!

Se queredes saber máis información sobre este autor ourensán e sobre a súa obra premede no seguinte enlace:

- MAGÍN BLANCO 

E neste vídeo podedes ver una sinopse do espectáculo:

- A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO

CONTACONTOS CON CHARO PITA

O 26 de febreiro e promovida polo equipo de dinamización da biblioteca do noso centro, recibimos no cole a visita de Charo Pita, famosa contadora de historias que realizou tres sesións de contacontos: unha para o alumnado de infantil, outra para o de 1º,2º e 3º e unha terceira para o de 4º, 5º e 6º. Coas súas historias (unhas inventadas por ela mesma e outras tradicionais) soubo manter e captar a atención, o interese e o asombro de maiores e pequenos que disfrutaron ademais coas súas cancións e rimas. 

Premede nas imaxes para acceder ao blog da biblioteca do cole onde podedes ler máis sobre esta actividade e ver unha presentación de fotos:

C

O

N

T

A

C

O

N

T

O

S

 

  CON CHARO PITA 

ENCONTROS 4 X

Como xa sabedes neste curso estamos desenvolvendo o proxecto: AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA, a través dos encontros 4X,  entre 4 Xeracións, entre nenos/as, pais/nais, avós/avoas e bisavós/bisavoas. 

Para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER (o vindeiro 8 de marzo), gustaríanos contar coa vosa axuda. Necesitamos que as mulleres da nosa comunidade educativa veñan ao centro para falarnos do seu traballo. Para iso só tedes que cubrir a ficha que os nenos e nenas levaron para as súas casas e enviala de volta ao cole antes do próximo martes.

Animádevos a participar nesta actividade e grazas de antemán a todas pola vosa colaboración.

#AbrideAFiestra

Un ano máis no noso centro conmemoramos con diversas actividades a data do 24 de febreiro, aniversario do nacemento da gran escritora Rosalía de Castro. Así mesmo unímonos á iniciativa promovida pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que este curso co denominación  #AbrideAFiestra  convida "á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo". 

 Aquí tedes o enlace ao manifesto que cada ano escribe un escritor ou escritora galego/a ensalzando a súa figura e a súa obra  e  que este ano redactou María Reimóndez: "Rosalía é o refacho que busca abrir as nosas fiestras... ", di entre outras cousas. 

-Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a Fiestra 

E no blog da biblioteca do centro tedes máis información sobre Rosalía e as actividades realizadas:

- Blog biblioteca 

 

ENTROIDO 2018: DESFILE

Auga, pedra, sabedoría e terra, ese é o noso lema

o noso patrimonio queremos reinvindicar,

por iso os oficios foi o noso tema 

que neste entroido ledo quixemos festexar.

 

                   1.Labregas e labregos foron os primeiros, 

                             traballaron sen descanso montes, eidos e lameiros.

                            2.Leiteiros e leiteiras vendían o leite

                    de casa en casa, máis preciado co aceite!.                       

                          3.Panadeiras e panadeiros sempre amasando a fariña, 

      do forno sacaban pan, bica e rica empanadiña.

4.Carboeiros e carboeiras carrexando o carbón,

levaban roupa e cara coma un negro tizón.        

 5.En romarías e festas, músicos e cantores, 

alegraban á xente e aliviaban as súas dores.                     

                  6.Muíñeiros e muíñeiras con sacos e cestiñas         

                                carrexaban o millo e á volta as fariñas.

                   7.Boas costureiras e bos zapateiros,                     

                   procuraban finas damas e fachendosos cabaleiros. 

                       8.Ao gando coidaban granxeiros e granxeiras,                    

                    co que logo trataban nos pobos e nas feiras.

                        9.Carpinteiros e lavandeiras, iso si que era traballar,

                   co martelo e coa tina, cravar e lavar, cravar e lavar... 

   

  O NOSO ENTROIDO NOS XORNAIS:

- Edición dixital de La Voz de Galicia.

- Edición dixital de Faro de Vigo

(Premede nos enlaces)

E nas seguintes edicións impresas:  FARO DE VIGO (sábado, 10 febreiro 2018)

LA REGIÓN- XORNAL ESCOLAR (xoves, 15 febreiro 2018)

ENTROIDO 2018: AS ORDES DO MECO

E un ano máis o meco puxo os seus mandados que este ano foron un pouco especiais, en vez de pedir unha prenda o primeiro día e ir engadir outras, impuxo un disfrace distinto cada día. Miña nai nunca tanto disfrace no cole se vira!!!

1º DÍA: Deportistas luciron as súas vestimentas: ximnastas, corredores, xinetes, bailarinas, tenistas, nadadores, boxeadores, ciclistas... pero coma sempre, gañaron en número... os futbolistas!!!

2º DÍA: Pallasos coas súas perrucas de cores, os seus narices gordos e colorados e as súas roupas de chamativos cores...  enchían de risas aulas e corredores!!

3º DÍA: Trapos, vasoiras, fregonas, luvas, deterxente... a poñer o mandil e deixar todo relucente!!!

4º DÍA: Adiantouse o verán e imos á praia: cubos, pas, bañadores, pelotas, toallas, bronceadores.. ah! e non te esquezas dos flotadores!!

 

XOVES DE COMADRES 2018

Nunha nova anterior informamos da realización no centro dun obradoiro de comadres e compadres que realizaron os nenos e nenas de 1º de primaria. Como complemento a esta actividade, o xoves, 8 de febreiro, estes mesmos nenos acudiron á Praza Maior de Ourense para correr o tradicional xoves de comadres xunto con outros alumnos e alumnas doutros centros da nosa cidade.

Nesta tradición típica do entroido (complemento do xoves de compadres celebrado o xoves anterior), as nenas corren detrás dos nenos para arrebatarlles as bonecas ou comadres que os nenos realizaran para burlarse delas. Empezaron primeiro bailando e cantando ao ritmo marcado polos animadores do Concello de Ourense, logo, coma sempre, rapaces e rapazas correron sen descanso, librando unha singular batalla que remata coas bonecas esnaquizadas e rotas en mil pedazos entre a ledicia dos que saían triunfantes. 

Na seguinte presentación tedes unhas fotos da carreira na Praza Maior:

  No xornal LA REGIÓN fíxéronse eco desta actividade:

E no informativo da TVG tamén comentaron esta nova, facéndolles preguntas a varios nenos/as, entre eles, a Nicolás de 1º do noso centro:

- TELEVISIÓN DE GALICIA 

  

DÍA ESCOLAR DA PAZ 2018

O martes, 30 de xaneiro, celebramos o DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ como remate dunha serie de actividades sobre esta celebración que viñamos realizando en semanas anteriores no centro. Entre elas destacamos as que fixemos conxuntamente:

A PAZ EN-CAIXA: Para a entrada do cole realizamos con caixas de cartón as nosas mensaxes e debuxos alusivos á Paz.

 

 

  

LATAS (LATUCADA) POLA PAZ: aproveitamos tamén o reciclado de latas para mandar as nosas mensaxes de paz. Segundo a letra da canción LATAS POR LA PAZ decorámolas segundo as consignas: AMOR, BICOS, AMIGOS E SOÑOS.

 

 

ÁRBORES DA PAZ: quixemos tamén adornar a árbore da entrada do cole e unha das árbores do patio coas pombas da paz que decoramos previamente nas aulas. 

 

 

INVESTIGANDO SOBRE A PAZ E O ABECEDARIO DA PAZ: o equipo de dinamización da bilioteca escolar, ademais da tradicional exposición de libros sobre a paz,  preparou dúas actividades. Para o alumnado de primaria, un traballo de investigación sobre a paz e para todo o alumnado, tanto de infantil comode  primaria, a realización dun abecedario da paz, onde cada letra fai alusión a unha palabra relacionada coa paz. 

 

CANTANDO POLA PAZ: fixemos un acto conxunto no patio dianteiro do colexio onde quixemos expresar os nosos desexos de paz, amizade, solidariedade e cariño con tres cancións: LATAS POLA PAZ, canción que cantamos acompañamos tocando as latas decoradas previamente, PAZ, PAZ, PAZ (Juanes) e BAJO EL MISMO SOL (Álvaro Soler e Jennifer López). Previamente alumnos de 6º leron un pequeno manifesto sobre a paz e o que pedimos co noso pequeno acto. 

 

 

 

TEATRO: ZAPPING

Un ano máis a compañía de teatro BLUE MANGO THEATRE fixo disfrutar aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria que acudiron o pasado martes, 23 de xaneiro, ao Auditorio Municipal para presenciar unha das súas representacións teatrais en inglés: ZAPPING.  

 Ademais de reforzar as competencias do alumnado en lingua inglesa, a obra resalta valores como a amizade e o respecto cara aos demais;  tamén fai unha reflexión sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos no día a día. Cambiaríamos algo se puidésemos dar marcha atrás?

Zapping narra a historia de Eli, unha nena que ten unha familia un tanto peculiar. Oxalá Eli tivese escoitado o seu pai. Quizais tivese aprobado o seu exame de ciencias sobre o sistema solar. E se a relación coa súa irmá fose mellor, tería podido gañar o concurso de talentos. E se…

pero cando Eli descobre que ten o poder de rebobinar o tempo dispón de novas oportunidades para  facer as cousas de forma distinta e facer que as consecuencias sexan tamén distintas tanto no seu ámbito persoal, coma nas relacións coa súa familia e amigos. Todo isto narrado dunha forma divertida e cómica que fixo que os alumnos aprenderan e disfrutaran ao mesmo tempo.

 

   (Preme nas imaxes para acceder á galería de fotos)

Powered by Drupal - Design by artinet