Curso 2019-20

PRIMEIRAS SAÍDAS DOS NENOS E NENAS

Como xa todos sabedes, mañá, 26 de abril, os nenos e nenas menores de 14 anos poderán saír das casas a dar un paseo. Este paseo durará unha hora e irán acompañados por un adulto e por outros irmáns, se tiveran (só ata tres). Este paseo poderá realizarse nos períodos que abranguen dende as 9 da mañá ata as 9 da noite e nun radio dun 1 km arredor das súas casas. 

Deixámosvos uns enlaces onde podedes ver unhas recomendacións sobre as medidas a tomar nestas saídas e contos para explicarlles aos nenos e nenas como van ser as mesmas:

- RECOMENDACIÓNS DE PEDIATRAS

- SUPERHEROE CONTRA O CORONAVIRUS

- OS OSOS SAEN DA CASA 

QUE BONITO!! ESTANDO SEMPRE CONTIGO!!

Queremos agradecer a todos os alumnos e alumnas do colexio e a todas as familias as vosas mensaxes de cariño, ánimo e apoio que fostes mandando nestes días tan complicados que estamos vivindo. Tamén agradecer a vosa comprensión nestes momentos nos que tivemos que reorganizarnos todos de forma tan repentina. Esperamos ir mellorando pouco a pouco. 

Queremos dar un agradecemento especial a todos os nenos e nenas, que sabemos que se están portando xenial e que nos estando dando un exemplo a todos os maiores. PARABÉNS CAMPIÓNS!!! 

Agora que imos ter uns días de descanso, aproveitamos para mandarvos tamén o noso cariño e transmitirvos toda a nosa forza e o noso apoio para que esta situación sexa máis levadeira. Ánimo para tod@s: nenos, nenas, familias e restantes membros da nosa comunidade educativa.

GRAZAS A TOD@S! Oxalá que con este vídeo nos sintamos todos máis xuntos, que sintamos que non estamos sós nisto e que o superaremos!!. Esperamos vervos moi axiña!!!.  


DÍA DO LIBRO 2020: AGASALLO DE SABELA GAGO

Xa sabedes que hoxe, 23 de abril, celebramos O DÍA MUNDIAL DO LIBRO e aínda que estamos na casa, ímolo a festexar igualmente.

Os libros teñen que ser os nosos compañeiros todos os días, tanto para buscar información e coñecer cousas novas, coma para gozar nos tempos de lecer. Xa sabedes que o equipo de biblioteca propúxonos a actividade do APADRIÑAMENTO LECTOR (podedes envíar as fotografías dos padriños e madriñas léndolles aos afillados/as ata o domingo 26 de abril), un divertido xogo de adiviñas de libros para os pequenos de infantil, 1º e 2º de primaria e distintos enlaces á páxinas de lecturas online e xogos interactivos.  

Ademais temos unha sorpresa para vos neste día tan especial!! A gran contadora de historias e actriz, SABELA GAGO, que tantas veces ten vido ao cole a contarnos e facernos partícipes das súas historias, mandouvos este vídeo contándonos un simpático conto de XOÁN BABARRO. Non perdades detalle:

 

MOITAS GRAZAS SABELA POR ESTE AGASALLO TAN ESTUPENDO!!

ACTIVIDADES DÍA DO LIBRO

Como xa sabedes esta semana imos celebrar o día 23 o DÍA MUNDIAL DO LIBRO. Ademais da actividade APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA, imos proporvos outra actividade para os pequenos e pequenas que seguro que lles gustará. 

A actividade é un xogo no que teñen que adiviñar o nome do conto escondido (só se vese un anaquiño pequeno da portada). Son contos que viron nalgún momento nas aulas, sobre todo cando estiveron en infantil. Se non acertan, no seguinte paso, unen ou dinvos (non fai falla que imprimades nada) a que portada lle corresponde cada libro escondido.

Por último tedes uns enlaces a eses mesmos contos para que os nenos os vexan e recorden,  como son bastantes podedes velos en varios días.  Recordade o importante que é que todos os días os pequenos estén en contacto cos libros e a lectura.  Lédelle historias e que eles mesmos dediquen un tempo a ler. 

Esperemos que vos guste a actividade e xa nos ides contando. 

Tamén vos deixamos a actividade en formato PDF por se alguén a quere ver máis ampliada:

- DÍA MUNDIAL DO LIBRO 

 

NOVO COMUNICADO CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na súa páxina web unhas ORIENTACIÓNS PROVISIONAIS para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/20, á espera da publicación da normativa estatal correspondente.

Premede no enlace para ler ditas orientacións. Seguiremos esperando que  sexan concretadas definitivamente en próximos comunicados:

 

23 DE ABRIL. DÍA MUNDIAL DO LIBRO

O vindeiro 23 de abril celébrase o DÍA MUNDIAL DO LIBRO e, nestes días de confinamento que estamos vivindo, os libros son un dos grandes aliados que temos para facer máis levadeiro o noso día a día.

Un libro abrenos horizontes, ventás ao mundo, tanto ao que está lonxe coma ao que temos máis preto. Sen saír da casa podemos visitar países, museos ...coñecer como funcionan máquinas, aparellos, o noso corpo... facer experimentos e xogos de maxia... coñecer a vida de persoas extraordinarias, ou de persoas sinxelas que fixeron que o mundo ao seu arredor fose mellor. Cos libros podemos aprender matemáticas, idiomas, xogos e pasatempos... recitar cancións e poemas... coñecer historias antigas e modernas, contos, adiviñas... Así poderíamos enumerar centos de posibilidades que nos ofrecen os libros..., pero non esquecemos algunhas das máis importantes... os libros espertan a nosa imaxinación e as nosas gañas de saber e coñecer o que sucede ao noso arredor.

Sirva este preámbulo para destacar a importancia que teñen os libros no noso proxecto educativo e como queremos que nestes días estén presentes no voso día a día. O Equipo da Biblioteca Escolar quere proporvos unha actividade que facemos todos os anos ao chegar esta celebración. Seguro que vos sona O APADRIÑAMENTO LECTOR. E como non queremos que os nenos e nenas esquezan esta actividade que tanto lles gusta, imos facelo da seguinte maneira:

APADRIÑAMENTO LECTOR NA CASA - igual que no cole os rapaces e rapazas maiores lles lían un conto aos máis pequechos/as, podedes facer o mesmo nas vosas casas. Aos nenos/as que son de infantil, 1º, 2º e 3º que alguén dos que estades na casa (que sería o padriño)lle lea un conto. As rapazas e rapaces de 4º, 5º e 6º serían os padriños, lerían un conto aos pequechos, se os houbese na casa, ou ás persoas maiores que estivesen con eles.   

Sería estupendo que nos mandarades fotos da actividade, con todas elas faríamos un vídeo. Bastaría que enviasedes dúas fotos: unha foto do libro ou libros que ides ler e outra onde se vira ao neno ou nena escoitando ou lendo a historia ou conto. 

As fotos podedes envialas aos seguintes enderezos electrónicos:

bibliotecaalbinonunez@gmail.com 

ceip.albino.nunez@edu.xunta.gal 

Esperamos que vos animedes e, sobre todo, que os libros estén presentes todos os días que nos toca QUEDAR NA CASA. 

REINICIO DA ACTIVIDADE LECTIVA

Estimadas familias, ante o reinicio da actividade lectiva e dada a situación actual na que nos atopamos, estabamos á espera das instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en relación co inicio do terceiro trimestre do presente curso escolar. Hoxe pola tarde na páxina web da Consellería saiu publicada a seguinte nota que reproducimos: 

Á vista da cal, seguiremos logo con actividades de repaso, á espera das instrucións definitivas que se diten despois da reunión que celebrará, o vindeiro 15 de abril, o Ministerio de Educación coas Comunidades Autónomas.

 ENLACE AO COMUNICADO

2 DE ABRIL, DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO!

 

O próximo 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas instaurou en 2007 este día para pór de relevo a necesidade de contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA), para que poidan levar unha vida plena e gratificante como parte integrante da sociedade.

 

Neste sentido, a Federación Autismo Galicia súmase a todo o movemento asociativo do autismo en España, en coordinación con Autismo Europa, e á campaña de concienciación que pon o foco en dúas áreas fundamentais para a inclusión e mellora da calidade de vida do colectivo TEA: a educación e o emprego.

Por iso é polo que se elixiu como lema "Podo aprender. Podo traballar" e, como imaxe da campaña, varias mans sostendo diferentes ferramentas e utensilios, que representan as habilidades e capacidades de cada persoa. Ademais, a imaxe preséntase en cinco cores diferentes, reflectindo así a diversidade existente dentro do espectro do autismo.

Atendendo a esta lema, os principais obxectivos da campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2020 son:

1. Aumentar a concienciación sobre o autismo na sociedade e promover unha mellor comprensión do trastorno para incluír e apoiar ás persoas con TEA.

2. Mellorar o acceso á educación e o emprego para o colectivo.

3. Conseguir o compromiso dos representantes políticos para facer efectivos os dereitos das persoas con TEA nestes dous ámbitos principais.

Como vén sendo habitual, toda a información sobre o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2020 está dispoñible na web www.diamundialautismo.com

Fuente: Autismo Galicia

NAS IMAXES PODEDES VER AS INICIATIVAS PROPOSTAS!

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!

AXUDAS COMEDOR ESCOLAR

Hoxe, 30 de marzo, sae publicado no Diario Oficial de Galicia a ORDE do 27 de marzo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de carácter directo ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar nos centros públicos non universitarios durante a situación de suspensión do servizo de comedor como consecuencia do COVID-19. 

- ORDE axudas comedor escolar 

Na seguinte circular tedes toda a información resumida sobre estas axudas, que afectarán ao alumnado usuario gratuíto deste servizo e aos que aboan 1 euro:

- Información ás familias, axudas comedor escolar

AVISO IMPORTANTE PARA AS FAMILIAS: INSTALACIÓN APLICACIÓN ABALAR MÓBIL

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de enviar aos centros educativos unhas instrucións relativas a segunda avaliación do presente curso escolar. Segundo estas instrucións, e a efectos de dar continuidade ao calendario escolar, os centros educativos procederán a formalizar o peche da avaliación do segundo trimestre, tomando para iso as medidas que precise, de tal xeito que as cualificacións estén dispoñibles para as familias o vindeiro 3 de abril.

Segundo ditas instrucións e, tal e como xa comunicara anteriormente a Consellería, non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma.

En consecuencia, e co fin de que todas as familias teñan acceso ás cualificacións dos seus fillos e fillas necesitamos que, as familias que aínda non o fixestes, instalades a aplicación Abalar Móbil nos vosos teléfonos móbiles.  

Este será o medio polo cal, en principio, vos faremos chegar as cualificacións, dado o estado de confinamento no que nos encontramos. No seguinte enlace tedes unha guía para saber como instalar a aplicación nos vosos móbiles (que logo podedes descargar tamén nunha tablet). En dita guía tamén se explica como consultar despois os datos. 

GUÍA INSTALACIÓN APLICACIÓN ABALAR MÓBIL 

INFORMACIÓN SOBRE A APLICACIÓN ABALAR MÓBIL

Se algunha familia ten dificultades ou non pode descargar dita aplicación, podedes poñervos en contacto co centro das seguintes maneiras:

- Enviando unha mensaxe ao seguinte enderezo electrónico:                     ceip.albino.nunez@edu.xunta.gal 

- Chamando por teléfono, de luns a venres, de 10:00 a 12:30 horas, aos seguintes teléfonos: 988 788 896 ou  988 788 895.

NOTA-  a aplicación poden instalarla os dous proxenitores, tanto o pai coma a nai, cada un no seu teléfono móbil.

Powered by Drupal - Design by artinet