Curso 2017-18

ANIMACIÓN Á LECTURA: SESIÓNS DE CONTACONTOS

Como ven sendo habitual, ao longo do curso realizamos no centro sesións de animación á lectura a cargo de destacados "contadores de contos" que coas súas historias e a súa arte de contar engaiolan aos máis pequechos e non tan pequechos que disfrutan e participan activamente coas propostas que van xurdindo ao longo do conto e que os contadores de contos saben tan ben provocar e animar. 

Dúas son as sesións que se celebraron recentemente:

1- O 18 de xaneiro foi Sabela Gago a que unha vez máis (e non nos cansaremos da súa visita) provocou o entusiasmao dos nenos e nenas de 1º e 2º de primaria coa historia das galiñas máis repoludas do mundo: Puchinela, Poliplasta e Petipuá, que competían entre elas en beleza e en poñer o ovo máis grande e bonito do mundo ata o punto de ter que pedir a opinión da súa maxestade o rei...

2- Iago López realizou, o 29 do mesmo mes, dúas divertidas sesións de contacontos nas que a protagonista da historia dos tres osiños, Riciños de Ouro, adicábase a axudar e descubir todos os misterios que acontecían nos contos tradicionais:  a casiña de chocolate, Hansen e Gretel, O flautista de Hamelín ... a actividade foi destinada, nunha primeira sesión, a todo o alumnado de educación infantil e a continuación aos alumnos de 3º e 4º de primaria. Tanto uns coma os outros, pasárono fenomenal!

ENTROIDO 2018: OBRADOIRO DE COMADRES E COMPADRES

Xa temos aquí o Entroido ás portas e para ir ambientándonos co tema o pasado luns,  22 de xaneiro, os nenos e nenas de 1º de primaria realizaron no colexio o tradicional obradoiro de comadres e compadres organizado polo Concello de Ourense. Axudados polos monitores Jaime e Xiana  confeccionaron os mecos con materiais de refugallo: comezaron facendo o "esqueleto" do boneco ou boneca con papeis de xornais que enrolaron e logo pegaron (2 rolos para as comadres e 3 para os compadres). A continuación pegáronlles unha folla en branco no lugar onde iría a cabeza e alí debuxaron a cara do meco ou meca. Logo vestíronos con papeis de cores vivos, engadíronlles o pelo e finalmente engalanáronos con cintas de cores brillantes, cordóns, pegatinas, pompóns... Mirade cal foi o resultado!!!

A actividade completarase o vindeiro 8 de febreiro na Praza Maior de Ourense, a onde acudirán cos bonecos realizados nos obradoiros, os alumnos do noso centro e doutros centros da cidade para correr o tradicional xoves de comadres.

 

CHARLA SOBRE METEOROLOXÍA

Dentro do proxecto  MeteoEscolas, os alumnos e as alumnas de 4º, 5º e 6º de primaria tivemos unha visita moi interesante no centro. O luns, 15 de xaneiro, en colaboración con CEE O Pino recibimos no noso cole ao meteorólogo Juan Taboada que traballa na sede de Meteogalicia en Santiago.

Durante algo máis dunha hora espertou a nosa curiosidade científica amosándonos a gran importancia que para a sociedade ten a ciencia da meteoroloxía. Explicounos en que consistía o traballo dun meteorológo e amosounos a gran relevancia que ten a medición para eles (máis incluso que a propia predición).

Ensinounos a diferenza entre clima e tempo, falamos do cambio climático e dos factores que o están a provocar así como de diferentes fenómenos meteorolóxicos como as treboadas, furacáns e tornados. Coas fotos destes últimos quedamos impresionados!

Despois desta interesante charla algún xa quere ser meteorólogo de maior!

(Premede nas imaxes para acceder á galería de fotos)

PLAN PROXECTA: METEOESCOLAS 2017/18

No curso 2017/18 participamos por segundo ano consecutivo no PLAN PROXECTA, concretamente na variedade denominada METEOESCOLAS. Debido ao interese mostrado por parte do alumnado e do profesorado, e en relación coa participación sobre todo en Voz Natura e o traballo no horto da escola, e coa perspectiva de configurar un centro sostible, concienciado co medio ambiente, propoñemonos continuar a nosa participación no programa METEOESCOLAS. Así o alumnado seguirá achegándose ao coñecemento dos diferentes fenómenos meteorolóxicos dun xeito activo e participativo, que axuda á súa vez a crear un clima de convivencia moito máis positivo. 

METEOESCOLAS 2017- 18

 Algúns dos obxectivos marcados para este curso son:

Implicar a toda a comunidade educativa no coñecemento da meteoroloxía e a súa relación co medio ambiente.

Familiarizar ao alumnado do centro cos termos meteorolóxicos e co funcionamento dos instrumentos de medida.

Empregar a meteoroloxía como motor dun traballo interdisciplinar que fomente o desenvolvemento das competencias clave.

Proporcionar ao alumnado estratexias de manexo de información: rexistro e interpretación de gráficas, táboas, climogramas etc.

Desenvolver no alumnado estratexias de relación social e de traballo cooperativo, que fomenten a inclusión de todos e un clima de convivencia axeitado.

Entre as actividades a realizar, ademais da diaria recollida de datos de temperaturas, choiva e estado do ceo (que reflectimos diariamente no noso taboleiro da entrada do colexio), e das táboas e rexistros que realizan nas distintas aulas, destacamos:

A celebración do II Concurso "Fotografía a Meteoroloxía" que este curso ten como novidade que as fotografías teñen que amosar distintos fenómenos meteorolóxicos (chuvia, nubes, arco da vella, neve, néboa, sarabia, treboadas, raios etc.) cun ou varios elementos do PATRIMONIO MATERIAL DA NOSA ZONA XEOGRÁFICA, dado que este curso traballamos no centro o PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO: "AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA" que está centrado no coñecemento e defensa do noso patrimonio (tanto material como inmaterial).

Continuaremos co estreito traballo de colaboración co equipo de Voz Natura no horto escolar. 

 Tamén realizaremos unha visita a METEOGALICIA, concretamente o día 08 de maio, e esta vez acudirán os alumnos de 4º e 5º de primaria para visitar as instalacións de MeteoGalicia en Santiago de Compostela, onde lles explicarán como realizan o seu traballo os meteorólogos e asistirán ao lanzamento dunha radio-sondaxe. 

Coñoceremos nun encontro con avós e bisavós da zona como predecían o tempo antigamente e  recibiremos a visita dun meteorólogo no centro.  

E xa temos aquí as bases do mencionado concurso de fotografía:

Animádevos a participar, o gañador recibirá unha cámara de fotos GO-PRO (cámara deportiva) e haberá premios para as fotos máis destacadas!!. 

NADAL 2017: A NOSA CELEBRACIÓN

Premede no botón vermello de cada "post-it" para acceder ás distintas presentacións

NADAL 2017: FESTIVAL (VÍDEOS)

 

NO XORNAL "LA REGIÓN" SAIU UNHA REPORTAXE SOBRE AS ACTUACIÓNS DO NOSO FESTIVAL DE  NADAL:


TEATRO: PUM, PUM

Alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria acudiron o martes, 12 de decembro, a presenciar o espectáculo teatral "PUM, PUM" posto en escena polo grupo BAOBAB TEATRO no Auditorio Municipal de Ourense. 

Na obra, na que se mesturan títeres, teatro de actor, máscaras, sombras e música, está destinada para nenos a partir de 5 anos de idade.  Narra a historia de "Marieta unha nena coma calquera nena de 5 anos, ela está rodeada de portas, portas que se abren e contan historias, historias que teñen música e cantan cando Marieta quere,  pero Marieta ten unha porta que garda un segredo. Un segredo que nunca contou e que ninguén escoitou, por iso ás veces Marieta non fala e quédase calada..." (sinopse extraída da web de Baobab Teatro).                                      

Neste espectáculo tratanse temas complexos que afectan á infancia dende un punto de vista tenro, poético e divertido. pero tamén fala dunha mensaxe clara: os nenos e nenas dende moi pequenos deben saber que ninguén lles pode obrigar a facer cousas que non queren.

Se queredes saber máis información sobre este espectáculo cunha magnífica posta en escena e ao mesmo tempo cunha mensaxe clara, podedes facelo no seguinte enlace á páxina web do grupo Baobab Teatro:

- BAOBAB TEATRO 

(Premede nas imaxes para acceder á galería de fotos) 

A GALIÑA AZUL

O 29 de novembro os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar a representación da obra de Carlos Casares "A galiña  azul". Promovida polo Concello de Ourense, está enmarcada dentro da serie de actividades adicadas ao autor homenaxeado ao longo deste ano. Ao mesmo tempo con ela preténdese animar á lectura e á dramatización e fomentar a imaxinación e a creatividade dos nenos. 

"A galiña azul contén cinco historias entrelazadas que transmiten mensaxes tan importantes como a defensa da diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión". 

Despois dunha preparación previa nas aulas, onde leron o libro de Casares, no auditorio gozaron coa adaptación teatral realizada por UBÚ TEATRO que mesturando narración oral, monicreques e clown lograron unha comunicación afectiva  e directa na que os nenos participaron activamente. 

No seguinte díptico tedes máis información sobre o autor, sobre "A galiña azul" e sobre a adptación teatral:

 

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER...

O luns, 27 de novembro, realizamos no patio do cole un pequeno acto conxunto para poñer o noso gran de area na conmemoración de tres datas moi sinaladas nestes días: DÍA UNIVERSAL DO NENO (20 de novembro), DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER (25 de novembro) e DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE (3 de decembro). 

Primeiro lemos un manifesto realizado polos alumnos de 6º de primaria e a continuación cantamos a canción CHEA DE VIDA (da cantante GUADI GALEGO) interpretada ademais con linguaxe de signos grazas a colaboración de Patricia, nai de Julia (alumna de infantil de 4 anos), que estivo no colexio ensinándonos a todos como facelo (unha actividade enmarcada dentro do noso proxecto ENCONTROS 4X).

(Mural contra a violencia de xénero realizado

          polos nenos de 5º de infantil-4 anos) 

            


 

 

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet