Curso 2016-17

PROGRAMA METEOESCOLAS

Como xa informamos en anteriores novas, este curso estamos inmersos no programa METEOESCOLAS (coñecemento do clima e a metereoloxía de Galicia a partir da observación na escola) e como paso previo instalamos a nosa pequena estación metereolóxica, concretamente nunha zona do patio traseiro, ao lado do horto escolar. Nela temos instalado un termómetro de máximas e mínimas e un pluviómetro, este material foinos facilitado por METEOGALICIA. 

Unha vez instalada a caseta, deseñamos un gran panel onde mostrar os datos que se van rexistrando cada día. No panel poden ser anotados os datos correspondentes a un mes completo, e de forma destacada figuran os datos do día actual (temperatura actual, temperatura mínima e meteoros) e do anterior (temperatura mínima, temperatura máxima, pluviosidade e meteoros).

Cada día, distribuídos por cursos, os alumnos baixan a recopilar os datos que figuran no termómetro e no pluviómetro, observan o estado do ceo para anotar os distintos meteoros e logo rexistran todos estes datos en táboas de rexistro. Despois reflíctennos no gran panel situado na entrada do colexio para que alí podan ser consultados por toda a comunidade educativa. 

Recollendo os datos da estación meteorolóxica: 

 

Colocando os datos no panel:

ESCOLA DE NAIS/PAIS 2017

Unha vez máis, facémonos eco dunha nova enviada pola Concellería de Sanidade do Concello de Ourense para difundila entre os membros da nosa comunidade educativa (pais, nais, ANPA e docentes). Trátase da continuación dos obradoiros da Escola de Nais e Pais xa realizados en cursos anteriores.

O fin destes obradoiros é o de "apoiar a nais, pais e educadores no proceso evolutivo e madurativo dos seus fillos tentando fortalecer o seu papel referencial e potenciar a comunicación e as habilidades sociais para favorecer unha boa autonomía e unha personalidade eficaz e axeitada para a adaptación social".

Son tres os obradoiros que se realizarán nesta campaña, que abrangue dende xaneiro ata maio:

1- As emocións na familia

2- A sobreprotección e as súas consecuencias

3- Da preocupación á ocupación 

Pode solicitarse a participación nos tres obradoiros ou nalgún deles. A inscrición nos mesmos é gratuíta.O teléfono de consultas é o 988510622.

Máis información no documento adxunto:

TEATRO EN INGLÉS: FREAKY

O pasado xoves, 12 de xaneiro, alumnos e alumnas de 5º A, 5º B e 6º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar a representación teatral titulada FREAKY, unha comedia musical en inglés, onde de forma lúdica se trata o tema do acoso e da amistade. A obra, inscrita dentro das actividades programadas por AFUNDACIÓN, resultou moi do agrado dos alumnos que ademais participaron activamente na mesma. 

Para saber algo máis, premede na seguinte imaxe para acceder ao blog do departamento de inglés:

NADAL 2016

PREME EN CADA UNHA DAS IMAXES PARA VER UNHA PEQUENA MOSTRA DO TRABALLO REALIZADO EN TORNO Á FESTIVIDADE DO NADAL.

 

NADAL 2016
RECICLAMOS PARA FACER...
 
ÁRBORES DE NADAL  ADORNOS MANUALIDADES
DECORAMOS...
PORTAS ENTRADA CORREDORES 
RECIBIMOS VISITAS MOI ESPECIAIS...
 
PAPA NOEL  REIS MAGOS 
ESCRIBIMOS...
 
FELICITACIÓNS  CARTAS AO APALPADOR
E FIXEMOS O NOSO FESTIVAL DE NADAL ...
 

MAMÁ CABRA: ESTACIÓN NADAL

O pasado 13 de decembro, os pequenos e pequenas de de Educación Infantil (5 anos), acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar a actuación do grupo MAMÁ CABRA que poñía en escea o seu espectáculo "ESTACIÓN NADAL". Espectáculo promovido polo Concello de Ourense dentro do seu programa de actividades para escolares. 

"Contan que só hai 4 estacións: primavera, verán, outono e inverno. Pero é mentira. Hai una máis e chámase Estación Nadal. 
É a máis divertida do ano, porque é tempo de agasallos pero tamén de cancións e de vacacións e de galdrumadas e de... en fin, de todas as cousas boas que ten a vida.
 
Mamá Cabra quixo cantarlle á Estación Nadal. Escribíronlle unha carta aos Reis Magos e eles contestaron. Pediron unha morea de cousas, entre outras, que o recreo dure máis tempo. E todo iso, cantando. A que presta a Estación Nadal?" (Sinopse extraída da edicición impresa do libro-disco ESTACIÓN NADAL) 
 
¡Foi unha xornada moi emocionante para os cativos que cantaron e riron coas cancións de Mamá Cabra!. 
 
 
 
 (Premede nas imaxes para acceder á galería de fotos)

ESTE NADAL APÚNTATE Á MOVIDA RECICLA

Con este lema queremos animar a todos os membros da comunidade educativa a que se unan ao noso proxecto que, sobre a necesidade de reciclar e reutilizar os materiais que empregamos habitualmente, estamos desenvolvendo ao longo deste curso no centro. En concreto, aproveitando as datas que se aproximan, animámosvos a reducir un pouco o consumo tan excesivo e aproveitar materiais que seguramente irán parar ao lixo para facer adornos e/ou agasallos que contribúan a un NADAL UN POUCO MÁIS RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE. 

Tedes toda a información sobre este proxecto no blog de VOZ NATURA do centro e no blog da BIBLIOTECA ESCOLAR. Picade nos seguintes enlaces:

- MOVIDA RECICLA - VOZ NATURA

- MOVIDA RECICLA - BIBLIOTECA ESCOLAR

  

PREMIO POSTAIS DE NADAL

Damos hoxe parabéns a nosa alumna de 5º de primaria Isamar Lamelas Iglesias que resultou premiada no concurso sobre postais de Nadal organizado pola revista COMUNIDADE que edita o BISPADO DE OURENSE. Isamar conseguiu un merecido terceiro premio que recolleu o pasado 9 de decembro no propio bispado. Fixo a entrega dos premios o bispo de Ourense, Don Leonardo Lemos Montanet, acompañado polo subdelegado do goberno en Ourense, Don Roberto Castro García. Neste mesmo acto inaugurouse unha exposición sobre "Beléns no mundo".

No seguinte enlace podedes visualizar o número de decembro da revista COMUNIDADE onde se da conta dos premiados no concurso (páxina 9):

   REVISTA COMUNIDADE 

Aquí tedes unha pequena presentación do acto de entrega dos premios:

 

 

 E a nova dos premios no xornal     do día 11 de decembro.

 

 

A NOSA ECOPATRULLA: OS VERDES VIXÍAS

Queremos destacar hoxe unha das novas actividades que se están levando a cabo no centro. Trátase da ECOPATRULLA: OS VERDES VIXÍAS. Esta actividade realízase todos os días despois da hora de xantar e está enlazada co proxecto de VOZ NATURA que se leva a cabo no centro,co proxecto do horto escolar, co proxecto do comedor escolar, UN COMEDOR 6S e coa biblioteca do centro que sempre apoia con recursos e información todas as tarefas que levamos a cabo.Os obxectivos que pretendemos,todas as actividades que realizan os alumnos e alumnas na ecopatrulla, así como todas as relacionadas co reciclado, o horto escolar, o coidado da natureza... poden consultalas nun dos blog do centro: "Reciclamos lixo co mellor sorriso".

Se premedes na imaxe ou no enlace iredes directamente ás páxinas do blog. 

Powered by Drupal - Design by artinet