Circulares

INFORMACION CURSO 2016-17

No díptico informativo de principio de curso, que reproducimos a continuación, poden consultar diversas informacións: horarios, obxectivos, normas xerais, composición do claustro de profesores, recomendacións...

Nel tamén lles informamos que o vindeiro martes, 27 de setembro, ás 18:00 horas, esperamos a todos os pais/nais e/ou titores legais dos nosos alumnos/as, no salón de actos do centro, onde terá lugar a primeira reunión informativa do curso que acabamos de comezar. 


 

AVALIACIÓNS INDIVIDUALIZADAS: 3º PRIMARIA

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no seu artigo 20.3 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas ao finalizar o terceiro curso de educación primaria. Esta avaliación ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

 As avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria  teñen carácter informativo e orientador para os alumnos e alumnas e familias, equipos docentes, centros e Administración educativa. Complementan a información que reciben e orientan a toma de decisións na elaboración de plans de mellora.

 O pasado martes, 26 de abril, saiu publicado no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación primaria  (como saben xa realizada os pasados días 11, 12 e 13 de maio) e a avaliación individualizada de 3º curso. 

Achégase enlace:

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria e da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia no curso escolar 2015/16.

Segundo as citadas instrucións as probas realizaranse os vindeiros 24 e 25 de maio. Achegámoslles tamén para o seu coñecemento unha carta informativa que a Consellería acaba de enviar para a súa difusión entre as familias do alumnado de 3º curso:

AVALIACIÓNS INDIVIDUALIZADAS: 6º PRIMARIA

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no seu artigo 21 que, ao finalizar o sexto curso de educación primaria, se realizará unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas, na cal se comprobará o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como o logro dos obxectivos da etapa. 

Segundo o calendario establecido pola citada lei, neste curso 2015-16 realizarase por primeira vez a citada avaliación final de 6º curso. O pasado martes, 26 de abril, saiu publicado no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación primaria e a avaliación individualizada de 3º curso. 

Achégase enlace:

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria e da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia no curso escolar 2015/16.

Segundo as citadas instrucións as probas realizaranse os vindeiros 11, 12 e 13 de maio. Achegámoslles tamén para o seu coñecemento unha carta informativa que a Consellería acaba de enviar para a súa difusión entre as familias do alumnado de 6º curso:

SOLICITUDE DE SERVIZOS COMPLEMENTARIOS CURSO 2016/2017

Segundo marca a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros sustentados con fondos públicos (DOG do 15-03-2013) e a Corrección de erros publicada no DOG do 24 de abril de 2013, "o alumnado con garantía de permanencia no centro docente que non teña que formalizar matrícula, deberá manifestar expresamente mediante escrito dirixido a este ao longo do mes de abril de cada ano, que solicita utilizar os servizos complementarios de comedor e/ou transporte escolar". 

En aplicación desta normativa enviouse ás familias a solicitude (que poderán descargar da imaxe adxunta en caso de perda ou extravío), para que indiquen se utilizarán os citados servizos o vindeiro curso 2016/2017, tamén, "para os únicos efectos de acceder aos ditos servizos, as persoas interesadas autorizarán expresamente a utilización dos datos de identidade persoal e de residencia, que serán subministrados directamente a esta consellería polos respectivos Sistemas de Verificación de Datos de Identidade e Residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Así mesmo, autorizarán a utilización da información tributaria que se precise, que será subministrada directamente a esta consellería pola Axencia Estatal de Administración Tributaria. De non autorizar esta consulta, deberán achegar copia do documento de identidade correspondente e do certificado de empadroamento". 

 A solicitude deberá entregarse en secretaría ao longo do mes de abril. 

CONVIVENCIA ESCOLAR

No marco do PLAN ESTRATÉXICO DE CONVIVENCIA ESCOLAR 2015-2020, aprobado polo Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, prevese a elaboración dun instrumento de diagnose inicial que permita identificar os puntos fortes e febles na xestión da convivencia e na resolución de conflitos nos centros educativos. Neste senso, a primeira acción prioritaria planificada é a elaboración de documentos  de recollida de datos dos distintos sectores da comunidade educativa (dirección, profesorado, alumnado, familias e persoal non docente). Esta masiva recollida de datos ten por obxecto facilitar a elaboración do plan de convivencia do centro. Tamén está encamiñado a establecer o clima escolar da nosa comunidade educativa e guiar as accións de mellora do mesmo.

Esta recollida de datos farase mediante unha ferramente informática en liña, de xeito automatizado e totalmente anónimo, a través da aplicación convivenciaxestion. 

Os alumnos/as levaron para as súas casas unha nota informativa onde se lles explicaba a todas as familias o arriba exposto e se lles facilitaba un código de acceso á recollida de datos sobre convivencia escolar. Como se lles indicaba na citada nota a súa opinión é moi importante e valiosa para mellorar a convivencia escolar polo que lle solicitamos unha vez máis que preste atención e responda con responsabilidade. Se teñen algunha dúbida non dubiden en contactar coa dirección do centro.

Enlace ao cuestionario para as familias:

https://edu.xunta.es/convfamil

COMEZO DE CURSO

Coma todos os anos, aquí tedes a primeira circular informativa do presente curso con diversas informacións sobre: horarios, normas xerais, obxectivos, recomendacións... que esperemos sexan de interese para toda a comunidade.

Ademais recordámosvos que o vindeiro martes, 29 de setembro, celebraremos a reunión xeral con todos os pais/nais ou representantes legais dos alumnos/as no salón de actos do centro ás 18:00 h. da tarde.

ESPERAMOS A VOSA PRESENZA NA REUNIÓN CON TODOS OS PAIS/NAIS DO ALUMNADO 

(Preme na imaxe para ver o díptico informativo a tamaño completo)

COMEZO DE CURSO

Comezamos unha nova andaina, con moitas novidades: implantación da LOMCE en 1º, 3º e 5º de primaria, incorporación do noso centro á Rede de Centros Plurilingües... esperemos que se cumpran as nosas expectativas e sexa un ano frutífero. Aquí tedes as primeiras informacións:

(Primeira circular informativa) 

Powered by Drupal - Design by artinet