OBRADOIRO DE MÁSCARAS DO ENTROIDO OURENSÁN

Xa nos estamos achegando cara á celebración do ENTROIDO, pero este ano, por causa da situación sanitaria que padecemos, tamén teremos unha celebración algo distinta, esta semana non celebraremos a tradicional semana das ordes do Meco, aínda que esperamos disfrazarnos o vindeiro venres, 12 de febreiro. 

Pero os alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria xa participaron nun obradoiro sobre esta celebración tan arraigada no pobo galego, e particularmente no ourensán. Ao centro desprazáronse uns monitores do Concello de Ourense, entidade que patrocinaba a actividade, para realizar un obradoiro sobre AS MÁSCARAS DO ENTROIDO OURENSÁN que consistiu en dúas partes ben diferenciadas:

- Unha parte teórica: nun mapa da provincia de Ourense, os monitores fóronlles sinalando as vilas ourensáns onde se celebra esta festa de forma máis relevante, explicándolles cales eran os seus os costumes e os traxes típicos.

- Unha parte lúdica e plástica: os nenos e nenas decoraron en principio 4 das personaxes típicas do entroido ourensán: A PANTALLA DE XINZO DE LIMIA, O CIGARRÓN DE VERÍN, O BOTEIRO DE VIANA E O PELIQUEIRO DE LAZA. Finalmente tamén decoraron un BOTEIRO DE VILARIÑO DE CONSO

O principal obxectivo do obradoiro era: "contribuír a conservación das nosas tradicións dunha maneira lúdica e pedagóxica traballando distintas áreas de coñecemento como son a plástica e a pintura, a lingua galega e as ciencias sociais". 

Aos alumnos e alumnas encantoulles esta actividade que remataron adornando a porta da súa aula coa máscara dun BOTEIRO DE VIANA. 

Powered by Drupal - Design by artinet