VISITA A METEOGALICIA E O PARLAMENTO GALEGO

UN MARTES METEOROLÓXICO!!                                     O martes 8 de maio amenceu cuberto de estratos de ilusión e nervios na cidade de Ourense. O alumnado de 4º e 5º de primaria cos profes do centro, e os nosos compañeiros do CEE O PINO, almorzamos cedo para iniciar unha pequena viaxe á capital de Galicia.

Unha néboa mesta de sorrisos acompañounos no autobús polo alto de San Martiño. Chegamos puntuais e fresquiños á nosa primeira parada: a sede de Meteogalicia!! Alí comezamos co lanzamento dunha radiosondaxe á estratosfera. Quedamos anubrados!!                                                

Logo disto, tivemos unha interesante xornada de formación sobre os meteoros máis habituais, os tipos e formación das nubes, o ciclo da auga e sobre como se forman as tormentas. Non quitamos ollo e respostamos moitas inquedanzas!.     

Tamén nos ensinaron diferentes instrumentos de medida das variables meteorolóxicas.               Fomos testemuñas de como funciona unha sala de predición e de onde se extraen os datos para facer as predicións que lemos todos os días nos xornais.

Con todo este orballo de datos meteorolóxicos, mentres o sol tentaba facerse camiño entre os estratos do ceo, encamiñámonos cara a segunda parada: o Parlamento de Galicia.

Alí o noso guía acompañounos pola Sala dos Reis, as bibliotecas, as salas onde se reúnen os grupos parlamentarios e por suposto a Sala de Plenos. Houbo unha chuvia intensa de datos e máis datos moi interesantes. Na sala de plenos tivemos unha gran sorpresa: un saúdo personalizado do mesmísimo presidente da Cámara!

Tamén tivemos unha visita dun deputado que nos explicou en que consistía o traballo dos parlamentarios.
Cheos de información e emoción no corpo (e tamén unhas pingas de fame) encamiñámonos cara a Alameda de Santiago, onde o sol xa quentaba. 
Xa pola tarde, cos estómagos cheos, paseamos coma un brisa suave polo belo Casco Vello da cidade, chegando á praza do Obradoiro e á praza de Praterías onde moitos descubrimos por primeira vez a Catedral!
Así, chegamos á fin desta experiencia que pasou rápida coma un raio. Xa estamos agardando a seguinte! 

 

Na páxina web de METEOGALICIA fixéronse eco, a través de twitter, da nosa visita:

 

Powered by Drupal - Design by artinet