SELECCIÓN DE POEMAS DE VALENTÍN PAZ ANDRADE

 

CANDO TI VOLVAS

 

NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,

que dende a Torre de Hércules ao Miño

un facho acenderá por cada illa,

cando ti volvas polo mare;

de toxo unha fogueira en cada monte,

cando ti volvas polo mare;

dos castros na coroa unha cachela,

cando ti volvas polo mare;

unha loura candea en cada pino,

cando ti volvas polo mare;

o seu cirio de frouma os alciprestes,

cando ti volvas polo mare;

luces de ardora branca en cada mastro,

cando ti volvas polo mare;

un farol mariñeiro en cada dorna,

cando ti volvas polo mare;

veliñas á xanela en cada casa,

cando ti volvas polo mare;

e as pérolas das bágoas derramadas,

cando ti volvas polo mare;

cando ti volvas polo mare...

 

Galiza, 1954

 

 

 

CANTARELA DO CANTEIRO

 

Plim-plim, plim-plim, plim-plim...

Con sílaba de ferreiro

canta, canta,

os minerais sonos debullando,

plim-plim, plim-plim, plim-plim...

canta, canta o teu cincel.

...

O teu arte, canteiro,

arte maior do pico e da marreta,

qué xeolóxico verso,

na castidade crúa do perpiaño

labrará para min?

...

Plim-plim, plim-plim, plim-plim...

As voces unisílabas da pedra,

só por túa mao, canteiro,

se xuntaron

ao pentagrama máxico do mundo.

Samil (Vigo), 1959

 

 

 

TRIADAS DO VENTO NO MAR

 

Verde vento polas leiras

e vento azul polo mar,

panos da mesma bandeira.

Quen fora vento, meu mar

e sobre o teu lombo brando

puidera o corpo deitar!

Quen fora o vento poboado

de polen e de cantigas

e malvises namorados!

Quen fora o vento que rube

a refrescar as estrelas

despois de folgar coa nube!

Quen fora xinete alado

de ardor e de vidro feito

sobre das olas montado!

 

 

O BARCO DE SOMBRAS

 

Para Xosé Núñez Búa

...Despois da meia noite de Vilaxoán partían...

Polo peirao durmido vultos de homes da vila

pouco a pouco engulidos por un barco sen luces

a pasarela entrando en alongada fila.

...

Cando o pesqueiro boga da Illa para Sálvora

repican a maitíns as monxas dun convento,

as luces de Riveira e de Aguiño esmorecen,

o mar saúda o barco coa súa mao ao vento.

...

Alá fica Rianxo con Castelao de fora,

e Povoa do Deán sen don Ramón senlleiro.

Despois o barco vira a costa de Pondal

para ter da liberdade o rumo verdadeiro.

Ao doblar Ortegal no roteiro de Franza,

as cantábricas puntas de Galiza dixeron:

Adeus fillos da Terra as alleas ciscados

e que Deus vos recolla no anaco que nos deron!

...

De aqueles que unha noite de Vilaxoán partiron

poucas malvas darían camposanto da Terra.

A dispersión, a praga bíblica de Galiza,

nos exiliados roe como cinzas da Guerrra.

 

 

Pousa Nova do Mar,

San Xoán, 1976

 

 

 

O QUE TODO GALEGO CHORARÍA

 

Chora, Terra, teu pranto xeneroso.

O que todo galego choraría,

en roda de multánime silenzo

e ollares abatidos

sobor do longo corpo derrubado

que fora vivo mastro en loita núa;

perto daqueles beizos, seca fonte

da verba nunca de antes máis belida;

do peito petrucial, refrorecido

de mapoulas pampeiras,

que envexan a nacencia das chorimas;

xunto das postas maos voltas ao xelo,

onde a eito agromaron da súa arte,

no cerne da galega patronía,

vizosas primaveras.

 

 

AS PALABRAS

 

Vén o ar ateigado de palabras,

cada mañá chamando aos nosos vidros,

para por a xermolar son e semente.

As palabras decote están falando

e somos nós os xordos á mensaxe

que no seo das sílabas carrexan.

 

 

 

CANTIGA MATINAL DE SAMIL

A cabalo da mañá

teño unha baranda nova,

para escoitar a riveirana

de luces de cada aurora.

Bañado na onda do mare

e peneirado na brisa

entre as palmas do mencer

entrou encoiros o día.

A gasa da néboa ao lusco

ten remendos amarelos,

que lle botan á mañá

as roupas dos bolicheiros.

 

 

CANTARELA DO CAMIÑANTE

 

As bruxas de Vozqueimado

deixan as vasoiras fóra,

para tornar enmeigado

ao que camiña a deshora.

Lobo na sombra enfoulado

que cando aos vultos oubeas

pos o silencio esgazado,

feito farrapos de teas.