Información

HORARIO DE ENTRADA DE EDUCACIÓN INFANTIL A PARTIR DO MES DE OUTUBRO

O alumnado de infantil entrará ás clases en outubro a partir das 09:05. 4ºEI na porta do patio de infantil de 3 anos. 5ºEI e 6ºEI facendo fila na zona da entrada principal. O alumnado de infantil debe de estar acompañado dun único adulto por neno/a e non entrarán no recinto ata que toque a sirena ás 09:00. A continuación colocaránse nos espazos asignados á espera de entrar coas titoras.

Comedor escolar 2020/2021

5. LISTAXE DEFINITIVA DE USUARIOS DO SERVIZO DE COMEDOR: dispoñible no taboleiro do centro. Contra a presente resolución cabe a interposición de recurso de alzada ante a Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e FormaciónProfesional.

4. LISTAXE PROVISIONAL DE USUARIOS DO SERVIZO DE COMEDOR: dispoñible no taboleiro do centro. Prazo de reclamación: 14 ao 20 de xullo.

3. IMPRESOS:

    SOLICITUDE DE USO PARA O CURSO 2020-2021.

    AUTODECLARACIÓN_ANEXO II.

    CALCULADORA PARA A AUTODECLARACIÓN.

    DECLARACIÓN RESPONSABLE (TRABALLADORES POR CONTA PROPIA).

2. INSTRUCIÓN 3/2020.

1. CIRCULAR INFORMATIVA SOBRE SOLICITUDE DE PRAZA DO COMEDOR PARA O CURSO 2019-2020.

Convocatoria fondo de libros e axudas para libros e material escolar. Curso 2020/2021.

[07/09/2020] CALENDARIO DE ENTREGA DE LIBROS DE TEXTO NO MES DE SETEMBRO

 

 

Xa se pode consultar no taboleiro do colexio a listaxe provisional de admitidos e excluídos do Fondo solidario de libros de texto, así como as Axudas para a adquisición de libros de texto e as Axudas para a adquisición de material escolar[Seguindo a Orde do 12 de maio de 2020 pola que se regula a participación no fondo solidario: "Estes actos publicaranse única e exclusivamente no taboleiro de anuncios situado no interior do edificio escolar. Así mesmo, as persoas solicitantes poderán acceder por vía electrónica ao seu expediente, a través da aplicación Fondolibros, empregando a Chave 365 ou o certificado dixital da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre".]

Prazo de reclamación: 6 e 7 de xullo.

Listaxes definitivas: 8 de xullo.

A entrega dos cheques efectuarase desde o 8 ao 17 de xullo.

Os libros de texto de préstamo entregaránse ás familias no mes de setembro. Anunciaremos o calendario nos primeiros días dese mes.

Apertura do centro: de 10:00 a 13:00.

 4. Listaxe definitiva:

Listaxe definitiva de admitidos.

Listaxe definitiva de excluídos.

3. Listaxe provisional:

Listaxe provisional de admitidos: consultar no taboleiro.

Listaxe provisional de excluídos: consultar no taboleiro.

2. Circular informativa:

1. Información básica:

ConvocatoriaORDE do 12 de maio de 2020 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2020/21 (código de procedemento ED330B).

Destinatarios:

1. Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

2. Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria.

3. Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria.

Presentación de solicitudes

1. Presencialmente: Anexos I-II (apertura do centro exclusivamente para os procesos en curso: de 10:00 a 13:00).

2. Telematicamente: Sede electrónica.

Acceso Fondo libros.

Prazo: do 20 de maio ao 19 de xuño.

Aspectos importantes:

Presentarase unha única solicitude para todos os irmáns matriculados no mesmo centro.

 Para ser beneficiario do fondo e das axudas para libros de texto e material escolar é condición INDISPENSABLE DEVOLVER OS LIBROS DE TEXTO RECIBIDOS DO FONDO SOLIDARIO neste curso 2019/2020. CALENDARIO  de entrega do material escolar e dos libros de texto.

CRÓNICA DA SOLAINA DURANTE A PANDEMIA COVID-19

VENRES 19 DE XUÑO

O claustro do CEIP A Solaina deséxalle unhas boas vacacións a toda comunidade educativa vinculada ao colexio, especialmente a todo alumnado que tan pacientemente se comportou durante estes meses.

VOLVEMOS ÁS AULAS O 10 DE SETEMBRO

FELIZ VERÁN!

 

XOVES 18 DE XUÑO

Infomamos ás familias que os boletíns de cualificacións  do alumnado van estar dispoñibles na aplicación AbalarMóbil a partir das 14:00 horas de mañá, venres 19 de xuño, último día lectivo do presente curso.

 

XOVES 11 DE XUÑO

Poñemos á disposición das familias a circular da ANPA de fin de curso.

 

MÉRCORES 3 DE XUÑO

Aproveitando que hoxe é o Día Mundial da Bicicleta, poñemos en coñecemento das familias do alumnado que participa nos Camiños escolares seguros que, debido á actual situación, pódese escoller entre acumular para o ano as pegadas obtidas neste curso ou trocalas por agasallos nos establecementos adheridos ao programa. Pódese ver aquí a nota de prensa.

MARTES 2 DE XUÑO

ENTREGA DE MATERIAL E LIBROS DE TEXTO [rectificación]

Informamos ás familias dun erro localizado na distribución de días de entrega do material. Dado que o 24 de xuño é festivo, adiántase ao día 23 (de 12:00 a 13:00) a entrega da aula 4 anos B. Rogamos sigan as normas marcadas no protocolo de entrega. Lembren igualmente a devolución das MOCHILAS VIAXEIRAS.

 

XOVES 28 DE MAIO

ENTREGA DE MATERIAL E LIBROS DE TEXTO

Tras a reapertura parcial dos centros de ensino de Galicia e co obxectivo de entregarlles ás familias todo o material escolar que ficou nas aulas durante o período inmediatamente anterior do actual estado de alarma, notificamos o CALENDARIO_[rectificado] coas datas e horas para a recollida do mesmo e para a devolución ao centro dos libros do Fondo solidario de libros de texto.

LUNS 25 DE MAIO

De acordo á Resolución do 22-05-2020 pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019-2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial, nos vindeiros días informaremos das datas e horas para recoller o material do alumnado que ficou nas aulas e mais a devolución dos libros do Fondo solidario de libros de textos.

 

MARTES 19 DE MAIO

Á espera de instrucións concretas, informamos que proximamente (previsiblemente na fase 2 da desescalada), notificaremos ás familias as pautas para acceder ao centro a recoller o material do alumnado (mais os libros de texto de 1º e 2º) e a fórmula para a devolución dos libros de préstamo do presente curso.

 

XOVES 14 DE MAIO

DÍA DAS LETRAS GALEGAS (17 DE MAIO): preme na imaxe de Ricardo Carvalho Calero para ver a proposta da Biblioteca.

 

Presentámosvos, igualmente, a SUXERENCIA do Equipo de Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega do CEIP Saco e Arce de Toén, en Ourense, para celebrar o Día das Letras Galegas.

Queren, desde ese colexio invitarnos a participar na iniciativa para render unha homenaxe de recoñecemento a Ricardo Carvalho Calero.

A actividade consistiría, por un lado, en que o alumnado localice a rúa que o autor ten co seu nome no noso concello (Rúa Ricardo Carvalho Calero). Se non a coñecen, poden tratar de atopala en Google Maps. Logo, poderían facer un roteiro sinalando por onde se desprazarían dende as súas casas ata chegar á rúa indicada. Pódese empregar Google Maps, creaturuta.com, OpenStreetMap...

Unha vez feito isto, e agora que o confinamento xa é menos estrito, a idea é convidar ás familias e a toda a comunidade escolar a achegarse ao lugar, no momento que lles veña ben, sempre antes do día 17, e recitar un poema, tocar ou cantar unha canción, ler un parágrafo dalgunha das obras do autor.

Sería bonito levar flores, globos, debuxos, ou calquera outro adorno e deixalos no lugar coma homenaxe a este home que tanto fixo pola nosa lingua.

A actividade podería ser gravada en vídeo e, se se lle envía ao correo do colexio ourensán (ceip.saco.arce@gmail.com), encargarianse de facerllos chegar á súa familia para que vexan a fermosa homenaxe das nenas, nenos e rapazada de Galicia.

Esta actividade desenvólvese nos centros que se atopen cerca da Rúa Carballo Calero (Carvalho Calero) nas oito localidades galegas onde existe dita rúa.

Tamén se compartiría a actividade a través do blogue da biblioteca escolar do CEIP Saco e Arce.

 Animádevos a participar na iniciativa!

 

MARTES 12 DE MAIO

Seguindo as Instrucións de 27 de abril de 2020, xa están dispoñibles no ENLACE as adaptacións das programacións didácticas para o 3º trimestre.

 

XOVES 7 DE MAIO

Que área abarca o quilómetro no que se poden desprazar as crianzas? Coa aplicación desenvolvida por unha empresa galega os desprazamentos son máis claros. Se entramos na web e marcamos o noso domicilio podemos visualizar o eixe de 1 km ao redor da nosa casa.

MÉRCORES 29 DE ABRIL 

Xa están dispoñibles as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación  Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

EN NARÓN OS MAIOS AO BALCÓN

Desde o Padroado da Cultura do Concello de Narón informan da iniciativa que están a levar a cabo entorno á celebración da festa dos Maios. Neste vídeo tedes unha pequena explicación:

 

 Instrucións:

 1.- Grava un pequeno vídeo (2 minutos max.) amosando o teu maio na xanela ou no balcón.

2.- Envíao por correo a d.canovas@naron.es, cos teus datos (Nome completo, correo e teléfono de contacto).

3.- Con todas as gravacións farase un vídeo para amosar os traballos da veciñanza en redes sociais municipais.

4.- O día 9 realízase o sorteo en directo entre todas as persoas participantes.

5.- Os datos das persoas participantes serán tratados segundo a lei de protección de datos vixente.

6.- As persoas que voluntariamente acepten participar aceptan a reprodución dos seus vídeos na redes sociais municipais.

LUNS 27 DE ABRIL 

Repara nas recomendacións do Concello e do Goberno do Reino de España para o momento das saídas permitidas dos nenos e nenas. Tamén podes ver aquí o conto do desconfinamento.

 

MÉRCORES 22 DE ABRIL 

Mañá, día 23 de abril, celebramos o Día Intenacional do libro, pincha na imaxe  e vai ao espazo do Recuncho dos libros da nosa biblioteca para ver a mensaxe da UNESCO e das Biblioteca escolares de Galicia.

 

O equipo de Educación Viaria do Concello de Narón pon en marcha a iniciativa Aperta aberta, organizando videoconferencias entre a rapazada de Narón. Máis información na web do Concello:

 

LUNS 20 DE ABRIL

 Tras a reunión o pasado mércores, 15 de abril, da Conferencia Sectorial de Educación e á espera de instrucións definitivas, xa están publicadas unhas orientacións provisionais no portal edu.xunta.gal. Polo de agora, continuamos achegando o traballo á maneira das últimas semanas, aínda que imos pechar o acceso público á Aula Virtual a partir do mércores 22 de abril. É obrigatorio ingresar coas claves que se enviaron no seu momento por AbalarMóbil. As familias que non teñan ditas claves han de solicitalas ás respectivas titorías.

 

LUNS 6 DE ABRIL

 Fai un alto no traballo, vas cansar de tantas matemáticas! Como estamos de  vacacións, colle o micro e ponte a cantar connosco. Non perdamos nunca o humor e as ganas de vivir.

 

 

 

 

 

VENRES 3 DE ABRIL

Hoxe, último día deste trimestre atípico, van estar dispoñibles desde as 14:00 as cualificacións da 2ª avaliación. Entrando na aplicación AbalarMóbil van poder visualizalas na pantalla do seu móbil. Cando se restableza a normalidade, darase o boletín ás familias como se fai habitualmente.

 

O calendario escolarpara este ano marca como período de vacacións do 4 ao 13 de abril, ambos incluídos. É o momento de trasladar ás familias unha mensaxe de tranquilidade, facendo priorizar a educación emocional por riba dos contidos. Descoñecemos que instrucións imos recibir en relación ao 3º trimestre. Cando saibamos oficialmente calquera noticia comunicarémola de maneira inmediata ás familias.

Por outra banda, ademais dos recursos que estamos a presentar estes días, propoñémosvos hoxe algún máis por se o consideran oportuno. Á volta da Semana Santa retomaremos a actividade desde a Aula Virtual ou os medios dos que dispoñamos nese momento

Recursos en liña

XOVES 2 DE ABRIL

Aínda que en reclusión forzosa, hoxe celebramos o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

2 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 

Dende o equipo de biblioteca tiñamos unha serie de propostas para celebrar con vós as conmemoracións que tocaban seguindo o calendario escolar: 21 de marzo, Día da Poesía; 27 de marzo, Día do Teatro; e o 2 de Abril, Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil.

Coma de forma presencial non puido ser, pensamos en ofertar algúns enlaces e actividades para que non perdamos o contacto cos nosos amigos os libros, que son unha das boas compañas nestes momentos extraordinarios da nosa vida.

Dende 1976, o 2 de abril celebramos o Día Internacional do Libro Infantil, coincidindo coa data de nacemento do autor danés Christian Andersen, un creador de moitos contos que todos coñecedes: O Parruliño Feo, A Sereíña, O Soldadiño de Chumbo...

Se queres saber algo máis deste creador de contos, clica no vídeo:

O IBBY (International board on books for young people), promove a celebración deste día coa coa finalidade de fomentar a lectura entre os nenos e nenas. Todos os anos unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional, e selecciona un escritor/a representativo e a un recoñecido ilustrador/a do seu país para que elaboren un texto e un cartel que se promocionará en librerías, colexios e bibliotecas co fin de incentivar a lectura. A sección patrocinadora deste ano é Eslovenia que difunde a mensaxe de Peter Svetina co título de “Fame de palabras” e coa ilustración de Damijan Stepancic.

Gálix (Asociación do Libro Infantil e Xuvenil), facilítanos a tradución ao galego de Héctor Cajaraville, autor e ilustrador amigo do noso cole.

 

Neste trimestre non se vos entregou o tríptico coas recomendacións de lectura que sempre facemos, e pensamos en invitarvos a que sexades vós os que fagades as recomendacións enviando fotos ou videos dos libros que vos están acompañando ao longo destes días, e que sempre son unha oportunidade para divertirse e aprender (enviade o material a mrebollo2018@gmail.com). Animádevos!!! 

LUNS 30 DE MARZO

 Transmitimos ás familias diversas informacións de relevancia:

 1. ACTIVIDADES

 Continuamos aportando contidos á Aula Virtual. Lembramos que son actividades non obrigatorias e non avaliables.

 2. 2ª AVALIACIÓN

 Seguindo as Instrucións do 27 de marzo, dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción de medidas a adoptar en relación coa avaliación do segundo trimestre, informamos que non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma, Isto é, os contidos traballados telematicamente non serán tidos en conta nesta 2ª avaliación. As notas vanse publicar o venres 3 de abril, ás 14:00. Poderase acceder a elas mediante a plataforma AbalarMóbil. Se aínda non accedeu a ela, lembrámoslle que é a fórmula fundamental de comunicación coas familias. Se ten algunha dificultade póñase en contacto co centro polos medios habituais, o correo electrónico (ceip.asolaina@edu.xunta.gal) e o teléfono (881930373).

 3. BOLSAS DO COMEDOR

 No DOG de hoxe publícase unha orde para que aquelas familias beneficiarias de axudas de comedor (gratuídade total ou pago do de 1), poidan solicitar á Consellería unha axuda que compensa os peches dos comedores escolares. Podedes ver máis información neste enlace.

Moito ánimo!

 

VENRES 27 DE MARZO

Seguimos adaptándonos todos, familias, alumnado e profesorado, á nova situación transitoria. Somos extremadamente conscientes das carencias que dificultan as comunicacións e o proceso de ensino. Mais tamén somos conscientes das fortalezas coas que contamos. Unha delas é, sen dúbida, a forte cohesión como comunidade educativa. Sairemos desta máis reforzados que nunca e con máis gana de aula do que endexamais puidéramos imaxinar.

Moito ánimo e boa fin de semana!

#quedanacasa

MÉRCORES 25 DE MARZO

Informamos ás familias de 6º EP que xa están resoltos os problemas de acceso ao espazo da Aula Virtual dedicado a ese nivel de primaria. Neste enlace móstrase un arquivo pdf coa información PARA TODAS AS FAMILIAS DO CENTRO sobre o acceso do alumnado matriculado na propia Aula Virtual e do modo proposto de traballo. Estean atentos tamén a AbalarMóbil. Se teñen algunha dificultade de acceso non dubiden en contactar co colexio polos medios propostos.

 LUNS 23 DE MARZO

Xa está dispoñible na Aula Virtual a proposta de actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares, de carácter non avaliable. Estas actividades atópanse divididas por niveis e non é necesario ingresar con contrasinal.    

Lembramos que temos polo de agora as seguintes ferramentas de transmisión de medidas e de comunicación entre o profesorado e o alumnado e familias:

1. AbalarMóbil. Para as comunicacións entre o profesorado e as familias.

2. AulaVirtual. Esta plataforma vai ser a utilizada para achegar a proposta de actividades. O acceso do alumnado é como conviado.

3. A páxina web. Presentámola como plataforma das comunicacións xerais e de seguimento temporal. Lembramos, igualmente, o correo (ceip.asolaina@edu.xunta.gal) e o teléfono (881930373).

 

MÉRCORES 18 DE MARZO

Para os vindeiros días propoñemos, antes da concreción de actividades por niveis, o uso do Repositorio de contidos educativos do espazoAbalar e mais de Aulas Galegas.

 

MARTES 17 DE MARZO

Lembramos ás familias a opción de AbalarMóbil como medio de comunicación entre os proxenitores e as titorías. Poden consultar a guía de uso e unha páxina de incidencias. O profesorado segue a artellar mecanismos para esa comunicación fluída que iremos transmitindo desde esta páxina e desde a propia plataforma AbalarMóbil.

Achegamos, polo de agora, unha proposta de actividades de Inglés:

 

LUNS 16 DE MARZO

Derivado do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma e das instrucións da Consellería de Educación, a partir de hoxe o colexio permanecerá pechado ao público de maneira presencial. As consultas atenderanse por vía telefónica (881930373, de 10:00 a 13:00) ou correo electrónico (ceip.asolaina@edu.xunta.gal).

Seguindo as instrucións do 13 de marzo, que di que O profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables, facemos a seguinte proposta:

 

VENRES 13 DE MARZO

Medidas a adoptar desde os centros de ensino en relación coa pandemia covid-19 para os vindeiros 14 días naturais contados desde o día 16 de marzo de 2020.

Novas instrucións en relación co COVID-19.

O luns 16 de marzo, primeiro día non lectivo, anunciarase a programación de actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares de carácter non avaliable.

 

XOVES 12 DE MARZO

Á espera de instrucións oficiais da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, informamos que a partir do luns día 16 de marzo quedan suspendidas as actividades lectivas e as extraescolares en toda a comunidade autónoma nun prazo de 14 días. Mañá, venres 13, a asistencia ao centro anúnciase como voluntaria e non recomendada.

Informamos, igualmente, que unha vez rescindido o contrato coa aplicación TokApp, todas as comunicacións coas familias realizaranse a través de AbalarMóbil.

 

INFORMACIÓN CORONAVIRUS.

100.000 motivos de peso

No mes de setembro a cadea francoalemá Arte estivo gravando imaxes para unha reportaxe sobre a campaña 100.000 motivos de peso que se desenvolve en Narón. O resultado pódese visualizar no seguinte enlace.

        

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA DE SEGUNDA MAN E CALZADO

A Solaina segue a colaborar coa Fundación GLORR na CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA DE SEGUNDA MAN E CALZADO.

O día de recollida é o 29/11/19.

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE XOGUETES

A Solaina colabora novamente co Concello de Narón na Campaña de Recollida de xoguetes  a favor do Centro de Recursos Solidarios de Narón. As familias poden colaborar nesta campaña doando xoguetes en bo estado que logo serán repartidos entre as familias máis necesitadas de Narón. Pódense depositar nos espazos habilitados no colexio desde o 18 de novembro ata o 20 de decembro.

Consellos a ter en conta á hora de doar xoguetes.

Entrega de nomeamentos TEI

O xoves 14 de novembro o alumnado de 5º EP recibiu os diplomas de nomeamento así como as chapas que acreditan o seu papel de titores/as TEI. A sorpresa emotiva do acto foi a participación do porteiro do Racing de Ferrol, Diego Rivas, antigo alumno do noso colexio. 

Distribuir contido