Reseña histórica
Balaídos: Terra de Abeleiras.
O alumnado de 4º e 5º de primaria baixo a dirección do profe Rafa realizaron un documental para explicar a orixe do nome do noso centro: Balaídos. Para iso realizaron un gran traballo de investigación así como de interpretación.
FACENDO ESCOLA dende 1980/81
Aló polo ano 1980, o día 19 de setembro, inaugurábase o Colexio Balaídos. Daquela comezaba o seu funcionamento “baixo mínimos”: case sen dotacións, poucas mesas e libros, sen biblioteca, nin ximnasio.
Na imaxe inferior pódese aprezar como nos arredores do colexio non había edificios nin rúas. Só campos de cultivo e o Estadio Balaídos. Daquela mesmo se escoitaba o bruar do vento e o o rechouchío dos paxariños.
O colexio Balaídos innovaba en “cultura democrática” (no ano 80, os titores da 2ª etapa (6º,7º e 8º) eran elexidos por votación do alumnado). A democracia estaba recén estreada, e o Estatuto de Autonomía chegaba ás aulas (nunha acta de decembro de 1982 consta un acordo docente de explicar “democracia” ao alumnado, é dicir, todos os cambios lexislativos acontecidos nos últimos anos).
A Biblioteca Escolar, e a lectura, de sempre foi moi aloumiñada e tratada co máximo tino. Mostra disto é que as primeiras 30.000 ptas coas que contou o colexio, en 1981, de orzamento foron asignadas a dotación de libros para a biblioteca. En 1985 crearíase a Comisión de Biblioteca, formada por varios mestres. Dende 1986 o alumnado conta no seu horario semanal cunha hora de visita á biblioteca xeral, para ler e realizar actividades de animación á lectura.
No curso 80-81 celebrábase a primeira excursión de remate de curso ata Tui e A Garda (a partir de 3º curso). Daquela, a ANPA adoitaba celebrar tamén as súas festas no Parque de Castrelos. No curso 1983/84 o alumnado de 8º vendía bocatas durante o recreo para axudar a sufragar os gastos das excursión de remate da EXB. En 1988 estas excursións serían sustituidas por convivencias de 2 ou 3 noites en campamentos ou albergues.
En 1981 inaugúrase cun festival o Salón de Actos do colexio, que daquela tiña patio de butacas. Se non o credes, fixádevos na imaxe. Ano tras ano, o salón de actos acolleu e acolle ducias de representacións teatrais, e festivais (Nadal, Letras Galegas, Remate de Curso, contacontos,…)
Tamén polo 1981 nace a nosa Revista Breogán, que ten a súa orixe nun xornal mural mensual (os cursos tiñan asignado cadanseu mes, no cal lles correspondía encher o mural con novas, traballos e pasatempos). No 1983 acordouse imprimir O XORNAL BREOGÁN en formato revista.
No mes de febreiro de 1984, coincidindo co entroido, sae por primeira vez O MECO e AS COMPARSAS en desfile polas rúas de arredor. Daquela o Meco era unha dragona. O obxectivo de sacar o entroido ás rúas do barrio era, e aínda é, acadar unha meirande participación da comunidade educativa, abrindo a escola ao barrio.
No 1982/83 elabórase o primeiro Regulamento de Rexime Interno que regularía a convivencia no colexio. Este iríase renovando, ampliando, matizando e consensuando por Claustro e Consello Escolar ao longo dos anos de vida deste centro, até hoxe.
Un feito de grande importancia, e que marcaría o xeito de entender o ensino nesta escola, foi que xa dende o primeiro ano de vida do colexio (en 1980) se acordou impartir a asignatura de Lingua Galega en todos os cursos da EXB.
Aínda hoxe, no Proxecto Educativo deste Centro mantense como un dos principais obxectivos a acadar: “dar pulo ao coñecemento, competencia e uso da lingua galega como lingua de relación entre os distintos sectores da comunidade educativa”.
No ano 1990/91 celebrábase por vez primeira o DIA DA PAZ, no patio do colexio. Os cursos situábanse en círculos concéntricos e dábase lectura a un manifesto. A razón fora o estoupido da Guerra no Golfo Pérsico.
Por outra banda, o profesorado do Ceip Balaídos de sempre creu na gratuidade dos libros de texto para o ensino público e proba diso foi que dende comezo da década dos anos 90, propúxose organizar un “banco de libros”. Os textos das distintas áreas irían pasando de man en man, curso tras curso escolar. Foi un grande logro. Supuxo un grande aforro para as economías domésticas da nosa comunidade educativa.