Skip to Content

Noticias sobre Ensino

Distribuir contido
Actualizado: hace 22 horas 44 min

O conselleiro de Educación anuncia tres novos proxectos de FP dual no centro integrado de FP Fraga do Eume o vindeiro curso

Mar, 07/05/2024 - 18:29

Summary: 

Poderán matricularse máis de 70 alumnos, que realizarán arredor do 40% da súa formación en empresas, coa remuneración correspondente

Román Rodríguez supervisa as obras que se están a desenvolver no centro, cun investimento de máis de 365.000€

“Trátase da primeira fase dunha reforma mais ambiciosa que xa se está proxectando para a remodelación de todos os talleres e cociñas de Hostalaría”, explica

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Fraga do Eume, “no que o vindeiro curso implantaremos tres novos proxectos de FP Dual, nos que poderán matricularse algo máis de 70 alumnos”, anunciou.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros: destacou a gran acollida destes ciclos entre o tecido empresarial. “Non en balde, contamos xa coa participación de 40  empresas e agardamos seguir sumando colaboracións nas vindeiras semanas, que abranguen desde pequenas firmas a grandes grupos”, sinalou.

“Con esta iniciativa continuamos impulsando a FP Dual en Galicia, unha modalidade que conta cunha inserción laboral de prácticamente o 100% e que, ademais, xa cumpre todos os estándares do que se vai denominar a partir de agora FP Dual Intensiva”, explicou o conselleiro. Ao longo dos dous cursos que dura cada proxecto, o alumnado vai realizar entre o 38% e o 44% da súa formación en empresas, toda ela remunerada e, polo tanto, cumprindo todos os requisitos.

Os tres novos proxectos de Dual afondan na especialización deste centro na familia profesional de Hostalaría e turismo, de tal forma que se ofertan nos ciclos de grao medio en Cociña e gastronomía (24 prazas), en Servizos de Restauración (22 prazas) e no ciclo de grao superior en Xestión de Aloxamentos Turísticos (máis de 24 prazas). Este último foi o primeiro en funcionar no CIFP Fraga do Eume e chegará así á súa terceira edición.  

Primeira fase da reforma

No marco desta visita ao centro eumés, o conselleiro supervisou as obras que o seu departamento está a acometer para a mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética. Unha actuación que, tal e como detallou, vai redundar tanto no benestar e confort da comunidade educativa do centro como no desenvolvemento dos ciclos formativos que nel se imparten.

“Trátase da primeira fase dunha reforma mais ambiciosa que xa se está proxectando para a remodelación de todos os talleres e cociñas de Hostalaría, que son as principais ensinanzas deste centro”, afirmou o conselleiro.

Estamos a falar dun centro de referencia, no que acaba de entrar en funcionamento un viveiro de empresas para impulsar o emprendemento entre o alumnado e que conta coas instalacións máis punteiras coas que a Xunta dota aos centros de FP, como son as aulas de emprendemento ou aula tecnolóxica.

Neste sentido, lembrou que o Goberno galego investiu máis de 1M€ en melloras neste centro nos últimos anos e que prevé intensificar estas accións no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI.

Ampliación da aula comedor

Cun investimento de máis de 365.000€, a intervención inclúe a reforma da actual biblioteca para convertela nunha aula-comedor. Este novo espazo conectarase directamente co patio exterior do centro para poder trasladar ao exterior a actividade docente cando o tempo o permita. Isto é preciso para seguir impulsando a especialización do centro en Hostalaría e turismo.

No referido á mellora da accesibilidade, instálase un ascensor con capacidade para oito persoas, que comunicará o acceso principal cos andares primeiro e segundo, onde se sitúan as aulas do centro.

No que atinxe á eficiencia enerxética, substitúese as ventás e instálase illamento térmico SATE en todas as fachadas do espazo ata agora ocupado pola biblioteca, onde tamén se reforman as instalacións de electricidade, iluminación e as instalacións térmicas e de ventilación. Tamén se coloca un panel metálico ondulado sobre a cuberta das pérgolas exteriores para eliminar as filtracións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

O centro de FP A Carballeira gaña o concurso das Letras Galegas 2024 polo seu traballo ‘Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta’

Mar, 07/05/2024 - 14:48

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, entrega este galardón por un proxecto que percorre a traxectoria persoal e profesional de Luísa Villalta a través do metaverso

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, entregou hoxe ao Centro Integrado de FP CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024 sobre a figura da homenaxeada Luísa Villalta este 17 de maio, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. 

O traballo gañador, Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, destaca polo seu carácter innovador ao amosar a protagonista das Letras Galegas como un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que se dispoñen imaxes, recursos e actividades interactivas.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o valor deste proxecto pois “trátase dunha excelente exposición e guía para traballar co alumnado na sociedade actual, na que as tecnoloxías da comunicación están moi presentes no eido educativo, laboral e cotián”. 

A exposición vai acompañada, ademais, dunha guía didáctica que orienta o percorrido polos carteis e contribúe ao coñecemento e divulgación de Luísa Villalta e da súa época, na que “colaboraron alumnos de oito ciclos formativos diferentes, ademais dun grupo de profesores de distintas especialidades”, remarcou Judith Fernández.

O certame

O Concurso das Letras Galegas está organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co fin de divulgar a figura e o legado da homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. O certame, que se realiza todos os anos, conta con dúas modalidades: a correspondente a Educación Infantil e Primaria e a de Educación Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial.

Na modalidade de Infantil e Primaria fíxose este ano co galardón o Colexio CEIP Raquel Camacho da Coruña polo seu traballo Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar. Nel destacan a creatividade, a beleza estética, a cooperación de todo o alumnado, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recurso diversos.

As exposicións e guías dos dous traballos gañadores nesta edición do concurso chegarán a case 2.000 puntos de destino e están dispoñibles en versión dixital no Portal da Lingua Galega.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A Xunta e a Fundación MOP convocan bolsas no estranxeiro para estudantes de fotografía das escolas de arte e superiores de deseño

Mar, 07/05/2024 - 14:00

Summary: 

Catro alumnos poderán participar nun programa educativo na Fundación Sozzani de Milán durante os meses de setembro a decembro deste ano

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, coñece aos bolseiros do curso pasado na EASD Pablo Picasso da Coruña

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia apoia a formación do alumnado de fotografía das escolas de arte e superior de deseño de Galicia con estadías de formación no estranxeiro para que completen os seus estudos. Concretamente, estas bolsas están dirixidas a estudantes que finalizaran o segundo curso do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de Galicia.

Esta convocatoria, que se realiza en colaboración coa Fundación MOP, outorgará catro bolsas de estudo -unha por cada escola- na Fundación Sozzani de Milán, incluíndo viaxe, aloxamento, programa educativo e manutención entre setembro e decembro deste ano. As persoas seleccionadas desenvolverán un proxecto fotográfico baixo a supervisión de titores, tendo posibilidade de acceder a clases maxistrais con fotógrafos relevantes, participar en eventos e actividades da propia fundación, así como asistir ao festival PhotoVoque.

Así mesmo, os bolseiros realizarán unha viaxe académica e cultural a cidades como París ou Roma, desenvolvendo actividades en colaboración con escolas de arte, imaxe e fotografía francesas e italianas.

Segundo ano da iniciativa

Con este motivo, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e as representantes da Fundación MOP, Raquel Delgado e Leticia Castromil, visitaron a Escola EASD Pablo Picasso da Coruña onde mantiveron un encontro con todos os alumnos do último curso de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía das catro escolas para dar a coñecer este programa.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aproveitou para coñecer aos tres bolseiros que gozaron da estadía o curso pasado, ano no que se estreou esta convocatoria. Esta é unha das bolsas que integran o amplo programada do que dispón a Xunta de Galicia en materia de mobilidade para que o alumnado galego complete os seus estudos fóra do país.

Solicitudes do 1 ao 22 de xullo

Os estudantes que queiran optar a estas bolsas poden consultar as bases no Portal Educativo e solicitalas no prazo do 1 ao 22 de xullo. Para poder acceder a elas, deben estar matriculados este curso 2023/24 no segundo curso do ciclo de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de arte galegas -Pablo Picasso da Coruña, Mestre Mateo de Santiago, Antonio Failde de Ourense e Ramón Falcón de Lugo- e  ter superado integramente o primeiro e o segundo curso.

Ademais, teñen que aportar certificación dun nivel de competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa e o currículum vítae acompañado de documentación gráfica relativa a un proxecto de fotografía.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez destaca o avance das universidades galegas no eido da internacionalización e aposta por seguir avanzando na consolidación do seu atractivo

Lun, 06/05/2024 - 14:57

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na inauguración das XXI Xornadas ‘Internacionalización e Cooperación’ da CRUE

Pon en valor a participación dos centros de investigación galegos en proxectos europeos, así como a organización da Conferencia sobre Intelixencia artificial

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o avance das universidades galegas no eido da internacionalización e a necesidade de seguir “concretando fórmulas que xeren un maior atractivo tanto para a confluencia de axentes internacionais como incluso de investimentos foráneos”.

 

Na inauguración das XXI Xornadas Internacionalización e Cooperación da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), o titular do departamento educativo da Xunta explicou que Galicia “traballa de xeito incansable para fortalecer o desenvolvemento das súas universidades e por multiplicar as oportunidades da súa actividade cara ao resto da sociedade, con medidas como o establecemento dun plan de financiamento plurianual estable que incentiva os resultados e a rendición de contas”.

 

“A partir do próximo curso implantaremos a gratuidade da matrícula e, ademais, queremos ser a primeira Comunidade en alcadar unha inversión do 1% do noso PIB nas universidades”, salientou.

 

Mellora da visibilidade

“Os resultados destas dinámicas no plano internacional non son menores”, sinalou o conselleiro, poñendo como exemplo a participación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) no proxecto EDINAF da Fundación Naval Dixital Europea.

 

Así mesmo, lembrou os 12 proxectos europeos de investigación acadados polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), ou o feito de que o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) sexa o encargado de organizar a 24º Conferencia Europea sobre Intelixencia Artificial, o maior e máis prestixioso encontro continental sobre la materia.

 

“Así as cousas, podemos afirmar que en Galicia medramos moito nos últimos anos no que atinxe ao impacto internacional e na aplicación directa de resultados sobre o tecido produtivo e no desenvolvemento social”, incidiu Román Rodríguez. “Aínda podemos mellorar máis a nosa visibilidade internacional e téndolles a man para seguir traballando para consolidar as nosas universidades como polos de tracción internacional para estudantes e investigadores”, rematou.

 

A Cidade da Cultura de Galicia acolle hoxe e mañá estas xornadas, que teñen como anfitrioas ás tres universidades públicas galegas, cun amplo programa de talleres, paneis de discusión e conferencias plenarias nas que se abordan os desafíos actuais no eido da internacionalización da Educación Superior, o impacto académico das  Alianzas de Universidades Europeas ou a mobilidade inclusiva, entre outros temas.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A Xunta oferta cursos de balde para que o alumnado se prepare para as probas das escolas de idiomas

Dom, 05/05/2024 - 13:15

Summary: 

Os centros poden solicitar ata o 10 de xuño sumarse a este programa, que se realiza fóra do horario lectivo en catro niveis de inglés, francés, alemán e portugués 

Esta iniciativa súmase ás axudas de 100€ por alumno para sufragar probas de idiomas de institucións ou empresas certificadoras oficialmente recoñecidas

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria para que os centros educativos soliciten organizar cursos dirixidos á preparación das probas de escolas oficiais de idiomas. Son os chamados cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale), que se imparten en inglés, francés. alemán e portugués. Neles poden participar estudantes de  centros públicos integrados, institutos de Secundaria e centros integrados de FP.

A actividade é totalmente gratuíta para as familias e é impartida por profesores do propio centro. Existen catro modalidades en cada unha das linguas, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. 

Os centros que desexen ofertar os cursos deberán facer a correspondente solicitude en liña completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede desde o Portal Educativo. Poderán solicitar a súa participación ata o 10 de xuño. Os detalles poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.

ESO, Bacharelato e FP

A modalidade Cuale A1 vai dirixida aos estudantes que superasen todas as materias de 2º da ESO e que estean matriculados en 3º, mentres que Cuale A2 está destinada ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas. 

Cuale B1 é para alumnado de Bacharelato, de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. Pola súa parte, Cuale B2 está dispoñible para Bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas e para quen teña o certificado del nivel intermedio das escolas oficiais de idiomas ou outros certificados do nivel B1.

A superación das probas ao remate do curso supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do Cuale A1, e dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as escolas oficiais de idiomas realizan cada ano.

Axudas para a acreditación

Este programa, que se enmarca na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, ten como obxectivo que o alumnado mellore as súas competencias en outros idiomas desde o seu propio centro educativo. 

Súmase ao Programa de Acreditación en Linguas Estranxeiras que ten en marcha a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través do que de 5.500 alumnos de 205 centros de toda Galicia poderán certificar as súas competencias lingüísticas en diferentes idiomas a través de probas de específicas financiadas pola Xunta.

Ao seu abeiro, a Consellería de Educación habilita unha partida de 550.000€ para o financiamento destas probas, cunha contía de 100€ por alumno, que vai destinada a sufragar o custo das probas das destrezas orais e escritas que realicen estudantes de 4º de ESO, Bacharelato ou FP para certificar os niveis B1, B2 ou C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, correspondentes cos niveis intermedio e avanzado. Poden empregarse para as probas de institucións ou empresas certificadoras oficialmente recoñecidas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez presenta o proxecto de reforma do colexio Froebel cun investimento de máis de 1 M€

Sáb, 04/05/2024 - 14:41

Summary: 

O conselleiro de Educación destaca que se trata dun compromiso cumprido ca cidade do Lérez, ademais dunha actuación moi agardada pola comunidade educativa

Intentarase realizar o groso das obras no centro, no que atinxe ás aulas, no verán para interferir o mínimo posible na actividade lectiva

O Goberno galego leva investidos máis de 25M€ na modernización e mellora das infraestruturas educativas da cidade de Pontevedra nos últimos anos

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de reforma do Colexio CEIP Froebel, que supón un investimento de 1,1M€ por parte da Xunta na mellora das infraestruturas educativas da cidade do Lérez.

O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que esta actuación está próxima á súa adxudicación, de cara a poder comezar as obras no verán. “Estamos a falar dunha intervención moi agardada pola comunidade educativa, que vai redundar no benestar dos docentes e alumnos do centro”, destacou o conselleiro.

“Trátase, ademais, dun compromiso cumprido. A finais de 2023 anunciamos catro novas obras de centros escolares nesta cidade, unha delas esta e outra a ampliación da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, que tamén está próxima á súa adxudicación”, explico ou conselleiro.

No referido ás outras dúas actuacións, tamén está moi avanzado o expediente de instalación dun ascensor e renovación e adaptación de aseos no Instituto IES A Xunqueira II, cun investimento de 190.000€, e xa está en redacción o proxecto para as melloras de accesibilidade no Instituto IES Frei Martín Sarmiento. “Polo tanto, estamos a dar un exemplo de axilidade administrativa, cumprindo os nosos compromisos en tempo e forma”, salientou.

Alto volume de intervencións

Estas intervencións súmanse á rehabilitación integral do Instituto IES Valle-Inclán, que avanza a bo ritmo e conta cun investimento de 4,7M€, e a outras dúas rematadas recentemente en Pontevedra como son a ampliación do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (case 2,3M€) e a reforma do Instituto IES Luís Seoane (922.000€). Ademais, están a piques de rematar as melloras de accesibilidade no Colexio CEIP A Xunqueira I (173.000€).

Cómpre destacar que o Goberno galego leva investidos máis de 25M€ na modernización e mellora das infraestruturas educativas da cidade de Pontevedra nos últimos anos.

Melloras en cubertas e aulario

No caso do Colexio CEIP Froebel, o conselleiro transmitiu, ademais, unha mensaxe de tranquilidade, explicando que a prioridade é facer as obras na zona das aulas durante os meses de verán, de tal forma que non faría falta reordenar ao alumnado en módulos móbiles. “O noso obxectivo é que esta actuación interfira o mínimo posible na normalidade da actividade lectiva”, declarou

A obra do Colexio CEIP Froebel conta cun investimento de 1,1M€ e un prazo de execución de obras de seis meses. O proxecto inclúe a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500m², unha actuación que se completará co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.

Así mesmo, colocarase trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas. No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central.

A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase, ademais de repoñerse as fiestras do patio interior.

Adecuación á oferta docente

No que atinxe á Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, a actuación está orzamentada en case 750.000€. O prazo de execución das obras é de cinco meses. A superficie ampliada será de 245m², distribuídos en sala de usos múltiples, aula desdobre, sala de profesores, cuartos de instalacións. A finalidade é adecuar espazos educativos á oferta docente.

Estas actuacións enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para renovar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao tempo que se mellora a súa eficiencia enerxética e o confort da comunidade escolar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez gaba o esforzo do profesorado que este curso participa en máis de 5.800 accións para formarse

Sáb, 04/05/2024 - 12:52

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura os primeiros obradoiros de Mellora da Competencia Comunicativa na aula

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, gabou esta mañá a aposta e o “esforzo” do profesorado galego pola súa permanente actualización formativa e de competencias docentes, o que “redunda nun modelo de ensino de calidade”. 

Así o salientou con motivo da inauguración dos primeiros Obradoiros de mellora da competencia comunicativa do profesorado, que forman parte do Plan de Formación do Profesorado da Consellería para este curso e a través do cal se ofertan máis de 5.800 accións formativas enfocadas á dixitalización, a innovación e a convivencia como liñas prioritarias. 

O titular de Educación puxo en valor a aposta do seu departamento por ofrecer aos docentes unha formación “adaptada aos retos de futuro que temos por diante”, xa que “a calidade e a excelencia dos sistemas educativos garda unha relación directa cos niveis de desenvolvemento e formación competencial dos seus docentes”, abondou. Neste senso, subliñou que xornadas coma a de hoxe axudan “a afianzar o traballo en equipo, a creatividade, a detección e atención das necesidades de apoio educativo nas aulas e, por suposto, as habilidades comunicativas do profesorado e do alumnado”. 

Nas xornadas de hoxe, as primeiras deste tipo que se organizan, os participantes afondan nas estratexias e metodoloxías comunicativas tanto verbais coma non verbais dentro da aula e no conxunto da comunidade educativa a través de relatorios, debates e obradoiros específicos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez reivindica a escola rural como modelo educativo de vangarda que é exemplo de cohesión social e de igualdade de oportunidades

Ven, 03/05/2024 - 20:48

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa no II Congreso Nacional da Escola Rural en Ribadavia

Na cita, a que acuden 300 profesionais de toda España, pon en valor este tipo de educación polo seu “modelo de proximidade, innovación e cooperación”

Destaca que Galicia funciona como un “distrito único”, o que garante “igualdade de resultados” independentemente de que un neno viva nunha contorna rural ou urbana

Un total de 40 centros educativos dan a coñecer exemplos de boas prácticas para facer do congreso “unha ocasión para ampliar horizontes e seguir mellorando”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou esta mañá o “gran logro” da escola rural como “un modelo educativo de vangarda que é exemplo de cohesión social e capaz de xerar igualdade de oportunidades”. Así o salientou durante a inauguración do II Congreso Nacional de Escola Rural, que congrega en Ribadavia a 300 persoas e que conta coa participación dun total de 40 centros educativos de toda España.

O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, destacou que Galicia “é un banco de probas” sobre a importancia e a evolución do modelo de ensino rural. Non en balde, a Comunidade, con 5% do territorio de toda España concentra o 50% das entidades singulares de poboación. Así pois, deu a coñecer aos representantes doutras comunidades de España o modelo educativo galego, amosando o seu compromiso coa educación rural como “un elemento de cohesión e un punto clave para o desenvolvemento da poboación”.

Precisamente un dos maiores logros é que Galicia funciona “como un distrito único” a nivel educativo, o que na práctica se traduce nun sobreesforzo económico por parte da Administración para garantir o acceso á educación e a todos os programas educativos en igualdade de condicións para o conxunto dos cidadáns, independentemente de onde vivan.

E isto, lembrou o conselleiro, tradúcese tamén “nunha igualade de resultados académicos dos nosos alumnos, con independencia de que o centro onde estudan estea nunha aldea, nun pobo, nunha vila ou nunha cidade”, o que representa unha fortaleza de Galicia.

Reto demográfico

Con todo, Román Rodríguez recoñeceu o “estrés de xestión” que implica combinar a proximidade do servizo educativo coa merma do número de alumnos. Neste senso, apuntou que o desafío de futuro máis importante e inmediato sexa o reto de “adaptar o noso sistema educativo rural a unha demografía cada vez máis decrecente e escasa” e comprometeuse a seguir traballando arreo, da mán da comunidade educativa, para que o futuro das aulas “sexa o futuro de Galicia”.

Na súa intervención tamén se referiu ao esforzo e o “orgullo” que o profesorado do rural sente polos seus centros educativos con equipos “implicados en proxectos de innovación e seminarios, que traballan de forma coordinada e cooperativa” e que son “o piar dos bos resultados académicos” obtidos.

Os asistentes a esta cita de hoxe en Ribadavia, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Princesa de Girona e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia, poderán descubrir o funcionamento deste modelo galego a través da feira na que participan 15 centros de toda a Comunidade. Trátase do Colexio CEIP Francisco López Estrada de Mañón, o Instituto IES Cabo Ortegal de Cariño, o Instituto IES Maximino Romero de Lema de Zas, o IES Pedra da Aguia de Camariñas, o Colexio CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, o Colexio CEIP de Samos, o Colexio CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, o Colexio CRA Plurilingüe de Monterrei en Verín, o Colexio CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande, o Colexio CEIP A Lama, o Instituto IES Plurilingüe de Valga, o Colexio CEIP Plurilingüe de Tebra en Tomiño, o Colexio CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas, o Colexio CEIP Plurilingüe de Louro e o Colexio CEIP Plurilingüe de Toques.

“Esta e todas as actividades do Congreso son unha oportunidade para ampliar horizontes e seguir mellorando no modelo da educación rural”, puntualizou Román Rodríguez, quen concluiu animando aos presentes a seguir traballando no modelo da escola rural “do presente e do futuro, a que se debe construir sobre mimbres firmes que incluyan a inclusión, a equidade, a innovación e a calidade educativa”.

Debates, feira, obradoiros...

O programa, que inclúe conferencias, paneis, exposicion de proxectos educativos e a difusión de boas prácticas, comeza coa conferencia Patróns e compromiso coa escola rural a cargo da profesora da Universidade de Zaragoza Pilar Abós.

Ao longo da mañá, os participantes no Congreso Nacional da Escola Rural teñen a oportunidade de asistir á presentación Urbano vs rural. Galicia, distrito educativo único da man do secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila. Tamén está programada a mesa redonda Presente e futuro da escola rural, elementos de sustentabilidade coa presenza da coordinadora do programa Generación Docentes da Fundación Princesa de Girona, María del Carmen Salcedo; a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e vicedecana da mesma, Nuria Rebollo; o director xeral de Persoal, Formación e Innovación do Goberno de Aragón, José María Cabello; a secretaria xeral de Educación e Formación Profesional de Extremadura, María Pilar Pérez; o director xeral de Innovación e Ordenación Educativa da Rioxa, Fabián Martín, e o director xeral de Innovación e Formación do Profesorado de Castela e León, Luis Domingo González.

A xornada matinal remata cun panel de expertos sobre a escola rural en Galicia con directores de centros galegos de diferentes etapas e tipoloxías para achegar aos asistentes as metodoloxías, programas e desenvolvemento da escola rural en Galicia. Nel participarán docentes da Escola Infantil EEI de Donramiro de Lalín, do Colexio Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso, do Colexio CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, do Colexio CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero e do Instituto IES O Ribeiro de Ribadavia.

A xornada continuará pola tarde con talleres e proxectos de boas prácticas e experiencias. Os asistentes ao congreso poderán coñecer obradoiros de espazos de centros e aprendizaxe, coidado do benestar, atención á diversidade, innovación e internacionalización, entre outros. Ademais, daranse a coñecer proxectos de aulas multigrado, de metodoloxías activas, inclusión, dixitalización, internacionalización e o Programa Xeración Docente, entre outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez anuncia unha inxección de máis de un millón de euros na mellora do colexio e do instituto das Neves

Ven, 03/05/2024 - 14:41

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon en valor “a constante e continua” aposta da Xunta pola mellora das infraestruturas educativas

No caso do CEIP Marquesa Pazo da Mercé haberá unha primeira actuación de renovación de ventás e, posteriormente, acometerase unha rehabilitación integral

No IES procederase á substitución do sistema de calefacción actual por un de biomasa

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai inxectar máis de un millón de euros na mellora do Colexio CEIP Marquesa Pazo da Mercé e do Instituto IES Pazo da Mercé nas Neves. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou esta mañá ambos centros para dar conta das actuacións que o seu departamento vai levar a cabo no que cualificou como “a constate e continua aposta deste Goberno” pola mellora das infraestruturas educativas en Galicia nos últimos anos ao abeiro  do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Ventás de aluminio

No caso do Colexio Marquesa Pazo da Mercé, a Consellería vai proceder á substitución das ventás do centro, para o cal destina un orzamento de 444.000 euros. Nestes momentos, tal e como explicou o titular de Educación, o proxecto atópase en fase de licitación. As novas carpinterías que se instalarán serán de aluminio natural con rotura de ponte térmica e apertura oscilobatente e con caixas de persiana compactas. No caso daquelas que se atopen a unha altura que non permita a súa fácil apertura, as xanelas que se instalen serán motorizadas.

A maiores desta obra, Román Rodríguez tamén avanzou que se está redactando un proxecto de rehabilitación integral do colexio con actuacións na cuberta e na envolvente do edificio que suporá completar “a mellora de confort térmico” desta infraestrutura. Á falta de coñecer o proxecto definitivo onde se concretarán todos os detalles, o titular de Educación adiantou que esta outra actuación ten un orzamento estimado previsto de 450.000 euros.

Biomasa

Logo de visitar o colexio das Neves, Román Rodríguez desprazouse ao Instituto IES Pazo da Mercé, onde tamén deu conta dunha actuación por un importe de 302.000 euros, en licitación nestes momentos, para cambiar o sistema de calefacción actual por outro de biomasa.

Neste caso procederase a adecuar un espazo do semisoto do instituto para instalar nel a sala de caldeiras, o silo de pellets e un almacén. Así mesmo, acometeranse novas redes hidráulicas para conectar as redes xerais de calefacción dos edificios coa nova sala de caldeiras.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez agradece o labor dos 300 docentes que participan nos grupos de traballo para a nova ordenación da FP

Xov, 02/05/2024 - 14:39

Summary: 

O conselleiro de Educación e Ciencia reúnese cos profesores que están a colaborar na elaboración da nova normativa para regular a FP e adaptala á nova lei estatal

“En Galicia traballamos para conservar a esencia e os principios da nosa FP, que ten xerado un modelo propio que funciona”, di o conselleiro

Idioma Gallego

Video: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, agradeceu hoxe o labor dos 300 docentes que participan nos grupos de traballo para a nova ordenación da FP. Fíxoo no marco dunha reunión con estes profesores para analizar os novos retos que supón a adaptación á lei estatal, tendo en conta que o Ministerio aínda non ten publicada a normativa básica pola que se terán que guiar as administracións autonómicas. 

Este primeiro encontro permitirá analizar como desenvolver tres áreas clave da FP, en concreto o reparto de horas de módulos profesionais que garantan o maior rendemento posible, a actualización dos contidos para que respondan ás necesidades do tecido produtivo e a revisión dos itinerarios formativos segundo o actual escenario profesional.

O responsable do departamento educativo da Xunta lembrou que o baleiro normativo do Ministerio non afecta só á ordenación da FP, senón tamén aos cambios que será preciso introducir en cada unha das titulacións. “Hoxe avanzamos nunha reflexión colectiva que buscará potenciar e reforzar canto levamos feito até o de agora e implementalo no vindeiro curso e facémolo da man de docentes que contan con sobrada experiencia tanto no eido académico como no desempeño estritamente profesional”, destacou.

Entre as novidades principais da nova lei estatal está a introdución de novos módulos, algúns de nova creación, outros en substitución dos xa existentes, o que vai demandar cambios en todos os ciclos. Ademais, increméntase ata un máximo de 700 as horas de formación en empresa, mantendo tamén a formación en centros e, polo tanto, as funcións e horarios do profesorado. Así mesmo, a Xunta vai duplicar a formación en inglés respecto do mínimo establecido polo Ministerio, co fin de que o alumnado da FP galega acaba os seus estudos sendo plurilingüe. 

“O noso obxectivo é que aplicación da lei posibilite manter a calidade do noso sistema de FP, lamentando as incertezas que está xerando a inacción do Goberno central co calendario que eles mesmo se marcaron”, sinalou Román Rodríguez. “En Galicia levamos tempo traballando para conservar a esencia e os principios da nosa FP, unha formación cunha altísima empregabilidade e que ten xerado nos últimos anos un modelo propio que funciona”, recalcou.

Audio: 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Un total de 40 centros de toda España darán a coñecer mañá exemplos de boas prácticas no II Congreso Nacional da Escola Rural en Ribadavia

Xov, 02/05/2024 - 13:11

Summary: 

Uns 300 profesionais asistirán a este encontro co obxectivo de reivindicar o papel do ensino rural na sociedade

A cita, que acollerá conferencias, paneis e exposicións de proxectos, celebrarase na Casa da Cultura, no Instituto IES O Ribeiro e no Colexio CEIP Plurilingüe de Ribadavia

O evento está organizado pola Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Princesa de GIrona e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia

Idioma Gallego

O II Congreso Nacional da Escola Rural, que se desenvolverá mañá en Ribadavia e contará con uns 300 asistentes de toda España, programa un amplo programa para reivindicar o papel fundamental do ensino rural, funcionando como axente clave do tecido educativo, pero tamén como elemento vertebrador da sociedade e da cohesión territorial e familiar.

Organizado pola Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Princesa de Girona e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia, o congreso contará coa participación de 40 centros educativos de todo o territorio nacional. A implicacións destes centros busca difundir o valor da educación rural e a súa aposta pola innovación e a integración en todas as dimensións da ensinanza, traballando así a prol da Igualdade de oportunidades. Durante o desenvolvemento da cita, un total de 29 centros galegos terán un protagonismo especial participando en conferencias, feiras e talleres de boas prácticas.

O Congreso Nacional da Escola Rural contará cun panel de expertos, que se celebrará na Casa da Cultura, para achegar aos asistentes as metodoloxías, programas e desenvolvemento da escola rural en Galicia. Nel participarán docentes da Escola Infantil EEI de Donramiro de Lalín, do Colexio Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso, do Colexio CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, do Colexio CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero e do Instituto IES O Ribeiro de Ribadavia.

Durante a xornada tamén se desenvolverá unha feira coa participación de 15 centros, que darán a coñecer o seu traballo diario co alumnado e os diferentes programas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP nos que participan. Son o Colexio CEIP Francisco López Estrada de Mañón, o Instituto IES Cabo Ortegal de Cariño, o Instituto IES Maximino Romero de Lema de Zas, o IES Pedra da Aguia de Camariñas, o Colexio CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, o Colexio CEIP de Samos, o Colexio CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, o Colexio CRA Plurilingüe de Monterrei en Verín, o Colexio CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande, o Colexio CEIP A Lama, o Instituto IES Plurilingüe de Valga, o Colexio CEIP Plurilingüe de Tebra en Tomiño, o Colexio CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas, o Colexio CEIP Plurilingüe de Louro e o Colexio CEIP Plurilingüe de Toques.

Conferencias e exposicións

A Xunta de Galicia compartirá o seu traballo a prol da integración da escola rural ao longo de toda a xornada, que estará inaugurada polo Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández. Ademais, a través da conferencia Patróns e compromiso coa escola rural da man da profesora da Universidade de Zaragoza, Pilar Abós, a doutora en Ciencias da Educación falará de servizo público, centros educativos heteroxéneos e estilo propio. Coa exposición Urbano vs Rural. Galicia, distrito educativo único a cargo do secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, achegarase aos participantes ao modelo do ensino rural galego.

Ademais, os asistentes tamén poderán asistir a mesa redonda sobre o presente e futuro da escola rural, na que participarán a coordinadora do programa Generación Docentes da Fundación Princesa de Girona, María del Carmen Salcedo; a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e vicedecana da mesma, Nuria Rebollo; o director xeral de Persoal, Formación e Innovación do Goberno de Aragón, José María Cabello; a secretaria xeral de Educación e Formación Profesional de Extremadura, María Pilar Pérez; o director xeral de Innovación e Ordenación Educativa da Rioxa, Fabián Martín, e o director xeral de Innovación e Formación do Profesorado de Castela e León, Luis Domingo González.

Os proxectos de éxito

Xa pola tarde, desenvolveranse os talleres paralelos no Instituto IES O Ribeiro e no Colexio CEIP Plurilingüe de Ribadavia. Serán un total de 20 centros, dos que 11 veñen de fóra de Galicia. O Colexio CRA Plurinfantil de Valga exporá o seu proxecto sobre espazos de centros e aprendizaxe; o Equipo de Orientación Específico de Ourense explicará como apostar polo coidado do benestar na comunidade educativa; o Colexio CEIP Plurilingüe O Graxal de Cambre amosará o seu proxecto sobre Atención á diversidade, e o Instituto IES Maximino Romero de Lema de Zas falará sobre innovación e internacionalización.

Neste espazo tamén terán cabida o Colexio CRA Río Tajo de Saucedilla de Extremadura e o Colexio CEIP Plurilingüe de Outes para expoñer o desenvolvemento de aulas multigrado, mentres que o Colexio CRA Los Olivos de Madrid e o CRA de Entrevalles de A Rioxa farano de metodoloxías activas. O Colexio CRA Montesnegros de Huesca e o CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño exporán o seu proxecto sobre o papel que xogan as familias e o entorno na comunidade educativa, e o Colexio CEIP Valle del Nansa de Cantabria e o Colexio CRA Moncalvillo de A Rioxa presentarán as súas metodoloxías de inclusión e diversidade.

Finalmente, o Instituto IES Carpe Diem de Madrid, o Colexio CRA Zarcilla de Ramos e o CRA El Sabinar de Murcia falarán sobre diXitalización na escola rural, mentres que de internacionalización na escola rural encargaranse o Colexio CEIP Plurilingüe A Laxe de Ferrol e o CEIP Plurilingüe de Maceda. O Instituto IES Pablo Diez de Boñar de Castela e León e o Colexio CEIP Plurilingüe de As Covas de Meaño exporán o seu proxecto sobre a transformación dos centros, e o Colexio Toral de los Vados de Castela e León e o CRA Montesnegros de Aragón serán os encargados de falar do programa Generación Docente da Fundación Princesa de Girona.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A directora xeral de Innovación Educativa destaca a función da inspección como unha das claves da organización e a calidade do ensino

Xov, 02/05/2024 - 13:06
Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, subliña a importancia do labor do corpo de inspectores como unha das claves para a organización e a calidade do ensino galego.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional participou esta mañá no Congreso da Inspección Educativa en Galicia que, baixo o lema A inspección educativa: novos retos, novas oportunidades, se desenvolve entre hoxe e mañá en Ourense. O encontro, organizado pola Asociación de Inspectoras e Inspectores de Educación de Galicia, ten como obxectivo intercambiar análises e experiencias neste ámbito e, sobre todo, facer fincapé na aposta pola innovación pedagóxica. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Galicia reduce a mínimos a porcentaxe de alumnado repetidor e sitúase mellor que a media estatal en todas as etapas educativas

Mér, 01/05/2024 - 12:25

Summary: 

Os datos constatan os mellores rexistros dos últimos seis anos, sen contar os cursos da pandemia, onde se flexibilizaron os criterios de promoción

A nosa Comunidade sitúase no grupo con menos alumnos repetidores de España

A Consellería de Educación seguirá reforzando os programas de apoio tanto no eido de competencias académicas como no da atención á diversidade e a convivencia

Idioma Gallego

Galicia reduce a taxa de alumnado repetidor a mínimos en todas as etapas educativas e sitúase mellor que a media de España tanto en Educación Primaria como en Secundaria e en Bacharelato, segundo constatan os últimos datos estatísticos feitos públicos polo Ministerio de Educación correspondentes ao curso 2022-23.

Así pois, o sistema educativo galego rexistra as mellores cifras neste eido nos últimos seis cursos, sen contar os da pandemia, onde se flexibilizaron os criterios de promoción por mor do contexto sanitario daquel momento. Ademais, sitúase no grupo de cabeza das comunidades autónomas con menos repetidores.

A evolución máis positiva rexístrase na etapa de Educación Primaria, cunha taxa de repetición do 0,7 % de media en Galicia (a estatal é do 1,1 %). A baixada é especialmente acusada se se compara co curso 2017/18, onde se rexistrou un 2,1 % de repetidores. No que atinxe á posición a nivel estatal, Galicia sitúase na cuarto comunidade autónoma con menos porcentaxe de repetidores, tras ocupar o posto décimo segundo no curso 2017/18.

Cursos

Galicia

España

2017/2018

2,1 %

2,4 %

2018/2019

1,9 %

2,4 %

2019/2020

1,9 %

2,3 %

2020/2021

0,7 %

1,2 %

2021/2022

1,9 %

2,1 %

2022/2023

0,7 %

1,1 %

 

En Educación Secundaria tamén se constata unha dinámica positiva cunha redución de 3,7 puntos en seis cursos, ao pasar dos 10,2 % de repetidores no curso 2017/18 ao 6,5 % no curso 2022/23. Esta cifra tamén é mais baixa ca media estatal, que se sitúa no 7 %.

As porcentaxes á baixa de repetidores confírmanse en todos os cursos da ESO, sendo menor no caso de 4º de ESO, onde repetiron o 5,7 % dos estudantes, un punto porcentual máis baixo que o 6,7 % de media estatal neste curso.

En canto á posición entre comunidades, ocupa o sétimo posto con menor porcentaxe de repetidores, cunha baixada significativa desde o posto décimo no curso 2017/18.

Cursos

Galicia

España

2017/2018

10,2 %

9,5 %

2018/2019

8,9 %

8,7 %

2019/2020

8,7 %

8,5 %

2020/2021

2,5 %

4,2 %

2021/2022

7,8 %

7,6 %

2022/2023

6,5 %

7,0 %

 

Na etapa de Bacharelato, a taxa de repetición en Galicia sitúase no 4,4 % fronte ao 5,9 % de España. Isto supón unha baixada de 3,6 puntos con respecto ao 2017/18. Maila citada baixada, no ránking entre comunidades permanece estable no posto catro, igual que no curso 2017/18.

Cursos

Galicia

España

2017/2018

8,0 %

9,3 %

2018/2019

6,5 %

8,3 %

2019/2020

6,4 %

8,0 %

2020/2021

1,2 %

3,4 %

2021/2022

5,3 %

6,9 %

2022/2023

4,4 %

5,9 %

 

Programas de apoio

Na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está en marcha un amplo abano de accións específicas dirixidas ao reforzo das competencias académicas e, deste xeito, aumentar o éxito escolar, como así confirman as últimas estatísticas do Ministerio de Educación. Nesta liña cómpre mencionar o Programa para a Orientación, Avance e Enriquecemento Educativo PROA+, dirixido ao alumnado máis vulnerable para axudalo a superar dificultades específicas de aprendizaxe. Cun orzamento de máis de 6,4 M€, a través deste programa dotouse de 386 docentes extra a 362 centros educativos e beneficiou a 9.050 alumnos.

A Consellería tamén puxo en marcha a Rede de acompañamento e orientación persoal e fa miliar de Galicia, RAOGAL, un programa de apoio educativo que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2021/22 e que a día de hoxe duplicou recursos coa disposición de 71 docentes responsables que exercen de coordinadores dos colexios e institutos da súa área de influencia para o apoio ao alumnado con maiores dificultades, con especial atención aos que están en risco de abandono escolar, absentista e con dificultades de aprendizaxe.

Outro dos aspectos nos que máis se incide é no ámbito da atención á diversidade como un elemento clave para garantir a educación inclusiva nas primeiras etapas educativas. A este reto responde o programa Acompaña, dirixido á etapa de Educación Infantil e os dous primeiros ciclos de Educación Primaria, dotado con 2,1 M€ e que este curso conta con 86 profesores e chega a máis de 2.000 alumnos. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Máis de 12.000 alumnos de FP e ensinanzas de réxime especial poderán acreditar as súas competencias dixitais

Mér, 01/05/2024 - 12:21

Summary: 

A Consellería de Educación abre o prazo ata o 22 de maio para que os estudantes poidan obter un certificado de nivel inicial u intermedio neste eido

Con esta convocatoria complétase o proceso para acceder a estes certificados no sistema educativo logo de implantalo antes para ESO, Bacharelato e profesorado

Idioma Gallego

Máis de 12.000 alumnos de FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas de Educación Secundaria e Bacharelato para persoas adultas poderán acreditar as súas competencias dixitais desde o sistema educativo. A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades publicará mañá a resolución a través da que, desde este mesmo curso, os titulados nas devanditas ensinanzas poidan obter un certificado de iniciación ou intermedio do seu desempeño neste eido.

Con esta convocatoria, a Xunta completa o proceso para acceder a estes certificados no sistema educativo logo de implantalo nos últimos meses para as etapas de ESO e Bacharelato e para o conxunto do profesorado.

A acreditación das competencias dixitais do alumnado poderase obter por tres vías: titular nunha das devanditas ensinanzas, superar unha proba específica ou combinando ambas as opcións.

Acreditación automática

En concreto, acreditarán de xeito automático o nivel de iniciación os alumnos que no curso 2023/24 obteñan un título de FP Básica ou de graduado en ESO no réxime para persoas adultas.

No caso do certificado de nivel intermedio, será automático para os que obteñan un título de FP de grao superior ou de técnico superior de artes plásticas e deseño de réxime especial, así como un título de máster de FP, sempre e cando acredite dispor dun título de técnico superior ou técnica superior.

A maiores, obterán a acreditación os titulados nun ciclo de grao medio en Sistemas Microinformáticos e Redes, en Instalacións de Telecomunicacións ou en Instalacións Eléctricas e Automáticas, ademais dos que rematen os cursos de especialización en Implementación de Redes 5G ou en Instalación e Mantemento de Sistemas Conectados a Internet, sempre que o alumnado acredite dispor dun título de técnico ou técnica, ou de técnico superior ou técnica superior.

Proba específica

Para o resto de titulacións ou para obter o seguinte nivel de acreditación –é dicir, para obter o nivel intermedio– haberá que superar unha proba, xa sexa de modo completo ou só dunha parte. Os alumnos que así o desexen poderán solicitalo ata o 22 de maio a través dos seus correspondentes centros.

As probas desenvolveranse tamén nos propios centros, no mes de xuño, nunha data aínda por determinar e desenvolveranse de acordo cos estándares establecidos no Marco galego de competencias dixitais para cada nivel.

A certificación que acredite un nivel completo de competencias estará dispoñible na Carpeta cidadá da sede electrónica da Xunta de Galicia de cada alumno. No caso de que o estudante só acade un certificado parcial, para algunhas áreas de dominio, este será entregado polo centro educativo ao estudante.

Primeiro sistema específico

O obxectivo desta acreditación é garantir a axeitada formación e preparación tanto de alumnos coma de docentes para afrontar os novos retos nunha sociedade cada vez máis cambiante. Enmárcase na Estratexia EduDixital 2030, que ten a acreditación de competencias dixitais como unha das súas accións de impacto. Galicia é a primeira comunidade autónoma en habilitar un sistema específico de acreditación de competencias dixitais para o ensino, tanto para docentes como para alumnos.

De feito, na primeira fase obtiveron xa acreditacións de competencia dixital preto de 20.500 docentes, en base á formación específica coa que xa contaban. A Consellería está traballando nun paquete de accións específicas para mellorar o nivel de competencias dixitais do conxunto do profesorado, tanto para que os docentes xa acreditados incrementen o nivel obtido como para que o resto poida acadar un primeiro nivel de acreditación. A previsión é que ata finais deste curso poidan acreditar as súas competencias arredor de 30.000 profesores e 20.000 deles poidan incrementar o nivel inicial acadado nesta primeira fase.

De xeito paralelo, máis de 49.000 alumnos de ESO e Bacharelato acreditarán este curso as súas competencias dixitais a través do novo sistema habilitado pola Consellería, tamén nos niveis de iniciación e intermedio.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

O Gaiás acolle mañá unha charla sobre os mitos e as evidencias do uso intensivo das pantallas

Mér, 01/05/2024 - 12:14

Summary: 

José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, ofrecerá este xoves un relatorio dentro do ciclo de Cultura Científica da Xunta

Idioma Gallego

José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, protagonizará este xoves unha nova cita do Ciclo de Cultura Científica impulsado pola Xunta de Galicia baixo o título Tecnoloxía con sentidiño co fin de abordar temáticas como o uso desta nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros.

Nesta ocasión, a charla Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede terá lugar mañá, 2 de maio, ás 18,00 horas, na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Nela, o doutor en Psicoloxía analizará o que popularmente entendemos por adicción e se ese termo describe axeitadamente os problemas causados polo uso excesivo das redes sociais e outras aplicación en internet.

Neste senso, José Carlos Perales abordará a base científica e o temor de que o uso excesivo das tecnoloxías poida ser prexudicial para á saúde mental dos rapaces, así como a importancia de investigar todas estas cuestións de xeito sistemático e atendendo a algúns factores importantes para previr posibles problemas.

Charlas ata o mes de xuño

O programa de conferencias continuará ata o mes de xuño cun amplo abano de profesionais co obxectivo de ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións sobre o uso da tecnoloxía. Así, tras José César Perales será a quenda de Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft, que o vindeiro 16 de maio aportará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía e accesibilidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez enxalza a traxectoria do Colexio CPI Ramón Piñeiro por ser “a canteira de talento de toda Láncara”

Mar, 30/04/2024 - 15:11

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional participa nos actos conmemorativos do 50º aniversario do centro

A Xunta de Galicia comprométese a seguir traballando para garantir unha educación de calidade nas zonas rurais cuxo impacto “transcenda do meramente educativo”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos conmemorativos do 50º aniversario do Colexio CPI Ramón Piñeiro, ao que se referiu como a “canteira de talento de toda Láncara grazas aos moitos anos de traballo e dedicación tanto do alumnado como do equipo docente”.

O representante da Xunta, encargado de descubrir a placa conmemorativa dos 50 anos de vida do centro, considera que chegar ás cinco décadas de vida é un “reflexo de madurez, consolidación, experiencia e oportunidade de seguir aprendendo“. Neste senso, lembrou o compromiso do Goberno galego para garantir unha educación de calidade nas zonas rurais e ampliar o impacto destes centros que transcende do meramente educativo “e entra de cheo na memoria persoal, pois é un punto de encontro que se vai herdando de xeración en xeración”.

Reencontro cun dos seus mestres

O titular de Educación fixo unha mención especial a Xurxo Rodríguez, docente veterano do centro que se xubila este ano e que foi, ademais, profesor do propio conselleiro. “Se eu cheguei a ser o que son hoxe en día foi precisamente pola formación que recibín e polo moito que aprendín na miña etapa de estudante”, dixo, recordando a Xurxo Rodríguez como un “mestre cos que ampliei a miña visión do mundo”.

“De seguro que, nestes 50 anos, son milleiros os ex-alumnos do Ramón Piñeiro que botan a vista atrás e agradecen o traballo dese docente que os acompañou e inspirou, como eu lle agradezo a Xurxo”, asegurou Román Rodríguez, que aplaudiu o esforzo de toda a comunidade educativa por “saber transformarse e enfrontarse aos desafíos con cada nova xeración de alumnos”.

Durante a súa visita, Román Rodríguez tamén visitou as instalacións do CPI Ramón Piñeiro,  un centro que conta con máis de 200 estudantes e que é unha referencia e un exemplo da igualdade de oportunidades para o alumnado do rural pola súa participación en programas de innovación, vida activa, deporte e linguas como o Edixgal, o club de ciencia ou a sección bilingüe.

Así mesmo, firmou o libro de honra e coñeceu máis da traxectoria do centro a través dunha exposición fotográfica que recompila os grandes momentos que  viviron as distintas xeracións de Láncara neste colexio público integrado.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

Román Rodríguez reafirma o compromiso co talento do I+D+I na súa primeira visita ás instalacións da Axencia Galega de Innovación

Mar, 30/04/2024 - 15:07
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe as instalacións da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para coñecer os seus equipos e funcionamento tras a incorporación da mesma ao seu departamento. Durante o percorrido xunto á nova directora, Carmen Cotelo, o titular de Educación reafirmou o seu compromiso co talento do I+D+i galego, co obxectivo de situar Galicia como un referente no eido da investigación e ciencia.

O representante da Xunta de Galicia estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez. Con este último departamento, destacou Román Rodríguez, traballarase para potenciar as sinerxías existentes coa Axencia Galega de Innovación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A Xunta reúne os equipos directivos dos centros que imparten FP para abordar as novidades da nova ordenación destas ensinanzas en Galicia

Mar, 30/04/2024 - 13:40

Summary: 

Ante os retrasos do Goberno central, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, avanzoulles os pasos a nivel autonómico para organizar o vindeiro curso 

Para seguir afianzando o modelo de éxito, Galicia vai duplicar o inglés e reforzar a formación en empresa, mantendo as funcións e horario do profesorado nos centros

Idioma Gallego

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de reunir aos equipos directivos dos centros públicos que imparten ensinanzas de Formación Profesional para avanzarlles os pasos que está dando a Administración autonómica para organizar o vindeiro curso escolar, ante os continuos retrasos do Goberno do Estado.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo unha xuntanza de traballo cun total de 180 responsables docentes para explicarlles a nova ordenación da FP na que está traballando a Consellería, co único obxectivo de “afianzar o modelo de éxito galego” nunhas ensinanzas que actualmente cursan 64.570 persoas, un 85% máis ca no curso 2008/09.

Así pois, a partir do vindeiro curso 2024-25, a Formación Profesional galega contará co dobre de formación en inglés do marcado como mínimo na normativa estatal. Outra das novidades é o reforzo da formación en empresa, que poderá acadar as 700 horas, o que supón ata un 82% máis con respecto as actuais.

A directora xeral destacou que, malia isto, se mantén a formación en centros, polo que se van manter as funcións e horario do profesorado, tendo en conta ademais que na lei estatal tamén se establece a incorporación de novos módulos en substitución doutros.

Todo isto recollerase na futura orde de regulación da FP galega, un texto normativo que, tal como lles explicou Eugenia Pérez aos representantes dos centros educativos, está elaborando xa a Consellería de Educación ante as demoras continuas do Goberno central que impiden que a tramitación vía decreto estea lista para o inicio de curso.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A Xunta blinda as melloras ás familias para adquirir libros de texto e material escolar, medidas que beneficiarán o vindeiro curso o 70% do alumnado

Lun, 29/04/2024 - 18:04

Summary: 

Rueda salienta que o obxectivo e manter “as melloras habilitadas nos últimos dous cursos” e que implicaron un aumento das achegas que reciben os estudantes

Destaca que a Xunta consolida os vales de material de 75€ e 60€ en función da renda

Subliña que o Fondo solidario acada os 400.000 libros para ceder aos estudantes de ensino obrigatorio grazas a un investimento de 25M€ nos tres últimos cursos

As axudas para a compra de libros conservan o aumento experimentado este curso e volverán situarse entre 160€ e 300€ en función da situación da cada fogar

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu o visto e prace a destinar 17 millóns de euros para blindar as medidas de apoio ás familias galegas para o vindeiro curso 2024/25, destinadas a facilitar a adquisición de libros de texto e material escolar. Con esta finalidade, asegurou, o Goberno galego “mantén as melloras habilitadas nos dous últimos cursos” -polo aumento dos prezos- e que, na práctica, se traducen nun incremento na achega que reciben os estudantes. 

O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, “é que o 70% dos alumnos contan con algún apoio da Xunta” á hora de acceder aos libros de texto ou o material que se precisa na actividade escolar. 

En concreto, o presidente explicou que a Xunta mantén as dúas categorías do bono de material creadas o ano pasado, de 75€ e 60€ en función da renda familiar, para o cal se reserva un orzamento de máis de 9M€ fronte aos 5,5M€ do curso previo ás melloras. O mesmo sucede cos libros de texto, eido que se canaliza a través de dous mecanismos consolidados e cun funcionamento moi satisfactorio. Por unha banda, o Fondo solidario (desde 3º de Primaria ata 4º de ESO) e, por outra, as axudas de libros (para 1º e 2º de Primaria, Educación Especial ou alumnado con necesidades educativas especiais, cuxos manuais non se poden reutilizar). 

No caso das axudas para libros de texto, o orzamento volve superar os 6M€, mentres que no Fondo solidario se inxecta unha nova achega de 1,2M€ que eleva a 25M€ os recursos destinados a adquirir libros desde a entrada en vigor da nova lei educativa estatal, que obrigou a renovar a totalidade dos exemplares. Grazas a isto, os colexios e institutos van dispoñer “de máis 400.000 libros no fondo solidario para poñer a disposición das familias de balde”, indicou o presidente. Nesta ocasión, non é preciso facer unha substitución ampla de libros, como si foi necesario os dous últimos veráns por mor da implantación dos novos contidos.

Estas tres ferramentas permiten que todas as familias que cumpren cos requisitos teñan cuberto de balde os libros que precisan para os seus fillos, case na súa totalidade, cun apoio maior a quen máis o necesita. No actual curso 2023/24, máis de 96.500 alumnos tiveron os libros de balde e máis de 128.000 accederon aos vales de material escolar. Isto, sumado aos estudantes que acceden gratis ao libro dixital, fai que máis do 70% do alumnado galego conte co apoio do Goberno autonómico neste ámbito, un obxectivo que se pretende volver a acadar coa convocatoria aprobada hoxe no Consello. 

Vale de material de novo reforzado

O vale para a adquisición de material escolar vai dirixido a todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000€, con dous tramos de renda. No primeiro deles, rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€, o vale é de 75€. Foi reforzado no curso 2022/23 (antes eran 50€) para facer fronte á suba de prezos. No segundo, de nova creación no actual curso, e que comprende as rendas superiores a 6.000€ e iguais ou inferiores a 10.000€, o vale será de 60€ por alumno. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o alumnado de Educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario do vale de 75€, con independencia da renda.

Axudas para libros no reutilizables

O funcionamento das axudas para a compra de libros mantense invariable, cos mesmos tramos de renda, consolidando o incremento xeneralizado nas contías deste curso. Esta liña vai dirixida aos alumnos dos dous primeiros cursos de Primaria, nos que os libros non son reutilizables, aos de Educación especial e a aqueles con necesidades específicas de apoio educativo que lles dificultan empregar os libros do Fondo solidario.

Neste caso, mantense o incremento realizado no actual curso de entre 20€ e 30€ en función da renda familiar, e consérvase igualmente a achega de 300€, con independencia da renda, para o alumnado matriculado en Educación especial.

Así, para o alumnado de 1 e 2º de Primaria, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240€, e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€), de 160€. O alumnado matriculado en Educación especial (en centros específicos ou en unidades de Educación especial de centros ordinarios) ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% continuará recibindo 300€, con independencia da renda per cápita. 

No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que non poida usar os libros do Fondo, hai axudas para todos os cursos de Primaria e ESO. Na etapa de Primaria, as familias do primeiro tramo de renda reciben 240€ por fillo e as do segundo 160€. Na etapa de ESO, os importes sitúanse en 270€ no primeiro e 180€ no segundo.

Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o importe da axuda será o maior que lle corresponda con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

Ata seis libros a través do Fondo

O alumnado desde 3º de Primaria a 4º de ESO pode acceder ao Fondo solidario de libros, salvo as situacións xa sinaladas para Educación especial e alumnado con necesidades específicas. A asignación de libros de texto realízase por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, tendo preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da renda.

Os escolares con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estean en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros teñen acceso a catro. Tanto para acceder ao Fondo solidario como para recibir as axudas de libros e material é requisito fundamental devolver os libros do curso anterior.

Ademais, e para os casos en que o centro educativo debe adquirir algún libro para o Fondo solidario por non seren suficientes para cubrir a asignación inicial, o Goberno galego aboa por cada libro complementario 40€ en Primaria e a 45€ en ESO.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación

A Xunta incrementa un 31% o financiamento da rede de Investigación de excelencia, que suma cinco novos centros das tres universidades públicas galegas

Lun, 29/04/2024 - 17:45

Summary: 

Esta nova inxección de 23,6M€ permitirá que os 13 mellores centros da Comunidade gocen de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027

Incorpóranse o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA da UDC) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS da USC), que se suman aos oito que renovan a súa participación nesta alianza

Créase unha nova categoría de centros aspirantes, tamén financiados, co CITEEC da Universidade da Coruña e o CINTECX e o ECOBAS, ambos da UVigo

Esta acción enmárcase no Plan iTransfer de Promoción da Investigación e da Transferencia do Sistema Universitario de Galicia, dotado con 104M€ no 2024

Idioma Gallego

O Consello aprobou hoxe incrementar un 31% o investimento da Xunta de Galicia na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia e incorporar cinco novos centros á mesma, dous na máxima categoría e tres na nova categoría de colaboradores, que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Os novos centros co máximo recoñecemento son o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, a segunda categoría estréase co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e o Economics and Business Administration for Society (ECOBAS), ambos da Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai destinar case 23,6M€ para o financiamento destes 13 centros de investigación, o que lles vai permitir gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027. Así mesmo, formarán parte desta rede que concentra a calidade da investigación universitaria galega e na que traballan máis de 1.530 investigadores. Constitúe un piar básico do ecosistema científico galego e unha prioridade para o Goberno autonómico, que vén de reforzar as competencias de ciencia na nova estrutura do presidente Alfonso Rueda.

Os restantes oito Centros de Investigación Universitaria de Galicia veñen de renovar tamén a súa acreditación de excelencia. Trátase dos seguintes: pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

Ese apoio consolida o modelo galego de investigación universitaria, que sitúa a Galicia entre as cinco mellores autonomías do Estado en apoio á actividade investigadora. De feito, é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, é dicir, para as etapas predoutoral e posdoutoral, e cun programa de retención de talento.

A Rede de Centros de Investigación Universitaria transforma a potencia individual dos centro máis avanzados do sistema nunha gran forza colectiva mediante a posta en marcha de accións estratéxicas e coordinadas que contribúen a consolidar a súa excelencia, a incrementar o seu impacto social no benestar, na saúde ou na economía, e a situar a Galicia como referente científico no panorama nacional e internacional.

Avaliación externa

Para optar a esta acreditación, os centros debían cumprir diversos requisitos como ter financiamento na convocatoria previa do ano 2019 e superar o procedemento de avaliación final; obter unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e outros referidos a súa gobernanza, estrutura, financiamento, calidade científica e transferencia de resultados establecidos na convocatoria.

A acreditación da excelencia dos centros realizouse a partir das valoracións feitas por un comité externo en base a tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).

De acordo con estes criterios, o financiamento para cada un dos centros é o seguinte:

Universidade

Centro de investigación

Importe
da axuda

Universidade da Coruña

Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC)

2.126.666,67 €

Universidade da Coruña

Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA)

1.906.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS)

3.006.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)

2.918.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS)

2.786.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS)

2.434.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS)

1.598.666,67 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación(AtlanTTic)

1.818.666,67 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO)

1.774.666,67 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación Mariña(CIM)

1.466.666,67 €

 

No caso dos centros da segunda categoría, denominados Centros de Investigación Colaborativos, na senda da excelencia, o financiamento basal outorgado é o seguinte:

Universidade

Centro de investigación

Importe
da axuda

Universidade da Coruña

Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEC)

695.402,29 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX)

644.827,59 €

Universidade de Vigo

Economics and Business Administration for Society (ECOBAS)

404.597,71 €

Plan iTransfer

Este nova inxección económica enmárcase no Plan iTransfer de Promoción da Investigación e da Transferencia do Sistema Universitario de Galicia, dotado con 104M€ no 2024, un 16% máis, para o desenvolvemento de accións estruturadas en tres eixos que son o reforzo do talento científico, o funcionamento das estruturas de investigación e a mellora de equipamento e persoal de apoio.

O obxectivo deste plan é impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro. Cómpre lembrar que as universidades públicas representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento da comunidade autónoma, con preto de 7.700 investigadores.

En concreto esta acción forma parte do segundo eixo de actuación do plan, de estruturas de investigación que inclúe os programas de apoio á consolidación e estruturación dos grupos científicos máis punteiros, a acreditación de excelencia para os centros de investigación e a especialización e acreditación dos campus.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Lexislación


by Dr. Radut